CRUCEIRO DE ÁNIMAS DA PONTE MALVAR (PONTE DE A RONS).

O CRUCEIRO DO “XARDIN”…

Vai camiño de 88 anos  anos que nunha publicación do ano 1933 denominada VIDA GALEGA, facíase referencia a un dos nosos cruceiros da parroquia, dicía así :

El crucero de piedra, de gran valor artístico, sito en Puente de Rons, de la parroquia de San Vicente de Cerponzones, había sido derruído por chocar contra el en un accidente fortuito de una camioneta. Los agricultores de aquella parroquia, que tienen veneración por dicho crucero, lo han reconstruido por suscripción popular.

(Vida Galega; 30/07/1933)

Foto 1…ano 1923

Foto 2…ano 1920 apx.


Cruceiro co retablo


Persisten ao redor dalgúns cruceiros, vellos costumes que en tempos antigos estiveron xeneralizadas en moitos exemplares. Nos cruceiros situados preto das pontes, por exemplo, facíanse bautismos prenatales; ao redor doutros se facían ritos de curación de feitizos, do raquitismo ou doutras doenzas. Tamén estiveron presentes nos enterros dos pequenos mortos sen bautizar, das reparticions das herdanzas familiares, do rezo de responsos de camiño ao cemiterio ou de ofrendas dos primeiros froitos do campo.

Un dos cruceiros que temos na nosa parroquia é o que está situado no lugar da Rons , o carón da Ponte Malvar,os que temos uns anos lembrámolo tamén que durante moitísimo tempo denominabámoslle ” O cruceiro do xardín “.

 

O fondo o Xardin donde estaba situado o Cruceiro
 

Este cruceiro é un aceno de identidade da paisaxe de Cerponzons , situado á beira da ponte Malvar (Ponte da Rons) , unha edificación do século XVIII , fai que o lugar sexa unha das xoias do noso patrimonio , neste enclave atópase agrupada unha zona que moitos desexamos que algún día recupérese totalmente. En tan poucos metros temos o Cruceiro , a Ponte Malvar , o Rio Rons , uns cuantos muíños e o tramo antigo da estrada N 550 que nos seus tempos era lugar de paso do Camiño Real.

Os cruceiros e probable que se construiran debido as ordes mendicantes, que  aínda que non existe documento algún que o probe, o que si e certo e que as ordes mendicantes contribuísen á expansión dos cruceiros galegos, xa que moitos deles forman parte dos Vía Crucis. Os cruceiros son levantados por devotos, normalmente un matrimonio ou alguén con poder ou diñeiro. Os nomes destes adoitan estar gravados nas bases.

 Castelao dicía que un cruceiro era ” un perdón do ceo ” , pois segundo o gran escritor galego os cruceiros eríxense para facerse perdoar algún pecado. Os cruceiros levantábanse en cruces de camiños ( como é o caso do que estamos a falar ) , tamén preto das ermidas , igrexas e cemiterios.

Tamén se di que os cruceiros protexen aos viaxeiros , e podo dar fe que este cruceiro debeu de ser un gran aliado entón para todos aqueles accidentes que sucedían día tras día nese lugar onde estaba situado.

Do mesmo xeito que nas monumentais cruces de Bretaña e Irlanda , coñecidas tamén como sermóns de pedra porque levan gravadas escenas bíblicas, que servían para educar cristianamente ao pobo, en Galicia sucedeu algo similar onde o pobo puido ver a través destas representacións a paixón do noso Señor, a expulsión do Paraíso e nalgúns casos, como as almas purgaban os seus pecados no Purgatorio. Tamén o amor representado pola Virxe e a dor do Crucificado, ademais de incluír outros santos, de devoción máis próxima, cos signos que expresaban a súa misión na Terra.

 


O eterno debate do cruceiro está en se estes naceron co románico ou son un dos resultados da influencia das ordes mendicantes; se a intención do cruceiro é espantar a presenza terrorífica da Santa Compaña na encrucillada ou de se é un acto devoto ou unha santificación de costumes pagáns.

 


 

Os antrópologos,  falan de cristianización de lugares de incerteza, con rituais e lendas asociados a esas construcións de pedra, que constan de tres partes: base, vara e cruz. Segundo algunhas tradicións, servían para bendicir os camiños; outras os vinculan a rituais de sanación para eliminar os males do corpo e/ou do espiritú. Segundo a tradición o os cruces de camiños do Camiño de Santiago, se sobre a base  arróxase unha pedra asegúrasche a posibilidade de volver.

 


Os meus recordos de nenez é que a situación do cruceiro era diferente á actual , polo que eu recordo era no centro do denominado xardín donde estaba situado o cruceiro , xardin que estaba composto de abetos , dos cales quedan aínda uns cuantos en liña coa situación actual do cruceiro.

 

O meu recordo do Xardin e o Cruceiro
 

 

De cando o cruceiro estaba situado no xardin estaba completo , co seu peto de ánimas:

Na tarde do día 9 de Marzo de 1995 achegouse pola parroquia o señor Estalisnao Fernández da Cigoña , investigador e escritor galego. Fixo un estudo pormenorizado do cruceiro e o seu peto de ánimas.

O primeiro que observou foi que debaixo do retablo había unha frase que dicía así :

Esta obra foi realizada por …e seguía con letra ilexible. Naquel ano podíase observar que varias figuras estaban rotas e algunhas das existentes estaban manchadas de alcatrán. En xaneiro de 1996 volve pasar polo lugar e comproba que faltaba a peza de pedra que contiña o retablo , seguramente fose roubado.

 

O Cruceiro nunha postal, donde o sitúan en Rande.

Naquelas datas lembro que o ministerio de Fomento comezou a realizar o novo trazado da N550 e consecuentemente o xardín que alí existía desaparece , o cruceiro é retirado e a brigada de obras trasládao á taberna de Juan ou dá Rons , quen o garda a bo recaudo. Alí gardanse todas as pezas ata que as volven a colocar no lugar que ocupa hoxe en día. Pero , que pasou co retablo que hoxe en día falta do Cruceiro ?

Son diversos os comentarios dos veciños . 

Foi daquela cando volveron a colocar e xa non se chegou a poñer ?

Ou de cando unha furgoneta bateu contra él ? 

Ou a de estar xa ali colocado o arrancaron do seu sitio ?

A composición era a que se detalla a continuación :

Cruceiro de fuste alto, que comeza cadrado e finaliza octogonal. Este fuste ten, por encima da hornacina, dous santos, e mostra un capitel sinxelo con catro cabezas de anxos, unha por cada lado. O Cristo crucificado mira cara abaixo e ten á súa esquerda un San Francisco de xeonllos co Santo Graal nas mans. Polo reverso, a Virxe de pé co Neno Jesús no colo e dous anxos sostendo a súa coroa. Presenta un retablo pola parte dianteira en forma de táboa, no que se ve a Cristo cravado na cruz, asistido por San Francisco e a Virxe á dereita. O Cristo carece de peito, cabeza e brazos e o San Francisco non ten cabeza. Nun nivel inferior existe unha fileira de catro fieis, un deles desaparecido.

 

Foto Fundación Barrie.

PETO DE ÁNIMAS 

Significado : O seu significado vén da crenza na continuidade da alma despois da morte e da existencia dun paso intermedio para chegar ao ceo, onde se redimen os pecados e faltas cometidas en vida (o purgatorio), moi arraigada na mentalidade popular galega. Na perspectiva da funcionalidade máis material, os petos veñen ser unha prolongación dos cepillos limosneros das igrexas e da propia man aberta dos clérigos, disposta a recibir directamente diñeiro e especies a trueque de responsos, sufraxios, indulxencias e misas, nunha situación na que o Purgatorio foi unha das fontes máis importantes da economía parroquial

Peto de animas desaparecido.

NOVOS DATOS :

Encontramos tamén un artigo realizado por Jose Raúl Seoane Prieto é Manuel Mariño Currás sobre os Cruceiros Gallegos, entre eles aparece o Cruceiro e Peto de ánimas, di así:

A altura do quilómetro 115 da estrada que une Coruña e Tui, moi preto xa de Pontevedra, atopamos un moi ben presentado “lugar de descanso” on de hai un típico exemplar de cruceiro de escola ou estilo pontevedrés, quizáis un dos máis completos e representativos.

San Francisco de Asís, a quen vemos recollendo o sangue redentor nun cáliz e abrazado á figura de Cristo, era italiano e tiña nunha relixiosidade ou forma de ser cristián perfecta e por desgracia moi diferente da “oficial” daquelas xa afastadas épocas do S. XIII, e aínda máis das actuáis. Foi o ” probiño de Asís ” cos seus seguidores o que iniciou en Galicia o interese por levantar cruceiros, interpretando o espírito galego e a súa idiosincrasia á perfección. Os cruceiros galegos nunca se refieren ó inferno nin ó castigo eterno agás o de Hío, pouco tradicional e case moderno; a referencia é á Redención mediante o sangue que se recolle en copa e o Purgatorio, o de vemos claramente representados clérigos e bispos mais, iso si, sendo axudados ou salvados por un San Francisco ou pola Virxe. Nos cruceiros bretóns o sangue, moi abundante e manando de varios puntos, non se recolle senón que cae ó chan e esa é unha diferencia conceptual entre ambas terras e cruces.

Cruceiro e peto de ánimas
 

Outro detalle que vemos neste exemplar é unha placa de apreciable tamaño e referida as “almiñas do Purgatorio”. Pode dicirse que se trata de un peto de ánimas e cruceiro ó mesmo tempo, inda que con máis do segundo que do primeiro; mais este asunto deixámolo para máis adiante. Agora digamos que se levanta sobre unha plataforma triple e un pedestal cúbico. A esta altura e debaixo do Cristo vai pegada a citada placa, nela apréciase inda que con dificultade un San Francisco axudando a catro ánimas do purgatorio. O fuste é de sección octogonal con dúas figuras esculpidas na mesma pedra. O capitel ten formas tradicionais da chamada “orde composta” e cabezas de anxos nas catro caras.

A cruz, unha das partes mellor talladas do conxunto, é de paus cilíndricos e presenta un Cristo pendurado das mans e un San Francisco, con traxe talar é de xeonllos, que achega un cáliz ó costado do Redentor.

Na outra cara hai unha Virxe á que acaban de coroar dous anxos é que está apoiada nunha peaña adornada na parte inferior coas cabezas doutros tres anxos. Debido a esta profusión de personaxes, a imaxe mariana resulta claramente inferior á do Cristo. Ó valor e interese que esta obra posúe, hai que engadir a súa situación privilexiada para ser ben localizada e contemplada. 


Un comentario en “CRUCEIRO DE ÁNIMAS DA PONTE MALVAR (PONTE DE A RONS).

  1. Pingback: Denuncia ante o SEPRONA pola desaparición do Retablo do Cruceiro de A Balea – O Roque de Cerponzóns

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s