CARMEN da RONS , Taberneira

CARMEN RECAREY COCHÓN

Filla de Jesus e de Ramona

(24 de Agosto do 1932 /8 de Xuño do 2002 )

Mamá, sigo pensando en ti, sigo estrañándoche

necesítoche, como cando era un neno…

Sei que estás aí, sabes onde estou, onde atoparme

Estás ao meu lado, collendo a miña man, bicándome

abrazándome, protexéndome….

Sigo chorando a túa ausencia, sigo roto por dentro.

Á miña ADORABLE NAI QUE XA NON ESTA CONMIGO :

Todo vai ben menos a túa distancia, eu manteño nos meus pensamentos o calor da túa adorada persoa cando che din o abrazo de despedida. O teu corazón tiña dons especiais que fun descubrindo nos momentos máis importantes da miña vida, sentíame protexido , amado , querido e consentido por ti. Sempre sacabas forzas para darme agarimo, amor, afecto , palabras de alento , de tenrura…..nunca me faltaron.

A ti nai , que sufrías de día e ao descansar de noite soñabas pensando no meu mañá , no meu destino , no que será del, sen dicir nunca nada.

A ti nai , que tantas veces cargáchesme nos teus brazos , sufrindo en carne viva os meus tropezos e alegrándoche dos meus logros , a ti que desde pequeno impregnáchesme de aromas para que sorrise e fose feliz .

A ti nai teño que dicirche , que te amo .Grazas , grazas infinitas por todo o que me deches.

Dezanove anos xa , nai

Que che fuches do meu lado

En silencio foi a túa partida

Que a sinto día a día.

No teu ventre tivéchesme

No teu colo crieime

Cando me morra , nai

Que me enterren á túa beira !

Que che volto en falta nai !
Que me faltan as miñas raíces !

Que recordo daquela tarde !

Que me fixo romper a alma .

RECORDOS

Os meus recordos sobre a miña nai sempre os teño presente , para min foi unha muller excepcional como nai e como veciña , que mantiña unha relación moi estreita cunha gran maioría de veciños e veciñas da parroquia.

Era unha muller que baixo o meu punto de vista era moi querida polos seus veciños e respetada por todos os seus clientes que durante anos e anos paraban na taberna , tanto nos seus inicios ( na taberna situada enfronte ao colexio que había na casa da señora Hermosinda ) como na Rons.

A taberna de Carmen foi tamén durante muitos anos un ultramarinos , onde aínda recordo coma se fose hoxe , despachábase o aceite a granel , ou como se vendía un cuartillo de viño , uns cordóns para zapatos , ou medio quilo de salvados . A miña nai era a cabeza visible de levar as rendas do negocio , aínda que miña irmá e máis tarde eu botámoslle unha man , ela era a xefa.


Naquela taberna- ultramarinos pasamos parte da nosa vida a miña irmá Carmen e máis eu , os dous fillos que tivo o matrimonio composto por Juan e Carmen .

Porque te fuches , nai ?

Dezanove anos levo sen ti ,

As raíces da miña vida e do meu sangue

fóronseme contigo, nai

Dezanove anos que non te abrazo, nai

Dezanove anos menos me quedan ,

para abrazarche e bicarche, nai

Na terra que ti abonas

algo meu acompáñache .

O teu carón quero estar

cando me chegue o momento

volverei contigo , nai

volverei o teu regazo

a darche o meu abrazo.

Carmen era unha muller que practicamente nunca a verías enfadada , rara a vez que se vise de morros con algún cliente.

Sempre foi unha muller de facer favores se estaba nas súas mans , de axudar no que podía aos máis necesitados , de dar consellos e tratar de poñer paz nas disputas que a veces acontecían cando os homes que por a taberna paraban a tomar a chiquita empezaban a discutir , cousa que sucedía con frecuencia.

Cantos secretos se levaría con ela ? Cantas historias de problemas familiares , en todos os aspectos , sóubose gardar para ela e tratar de interceder e así poder arranxar as cousas entre matrimonios , ou de fillos cos seus pais etc.

Carmen sabia falarlle , trataba de convencer , poñía como referencia á familia , ao respectar ao seu cónxuxe, aos seus fillos …

Eu tiven a ocasión durante anos de ser testemuña diso , e podo asegurar que a miña nai fixo un labor encomiable .

Como non acordarme , por poñer un par de exemplos , daquela veciña que se dedicaba a beber e non facía outra cousa , a de veces que a miña nai animáballe a irse para a súa casa , que alí estaban a lle esperar os seus fillos , que tiña que facerlle a comida , ás veces era a miña nai a que lle daba algo xa preparado para que ao chegar a casa tivesen algo para levar á boca .

E aquel home que cando o vías entrar pola porta xa sabías que esa noite habería balbordo , cantas veces a miña nai deixaba de servirlle , e él insistía e insistía , pero a miña nai sabía ir convencéndoo e aos poucos trataba de que se fose para a súa casa .

Outras veces a cousa non acababa como un quería e terminaba rodando polo chan encerellado con algún veciño co que mantiña algunha pequena liorta , quizais por temas de marcos ou de horarios de auga de servidume.

E alí estaba sempre Carmen , tratando de tranquilizar as cousas , poñendo paz .

Nesta imaxen pódese observar a taberna da RONS :

Miña irmán , Evaristo , Manolo , Lito é máis eu , diante da taberna.

Mentres tanto , eu observaba , aprendía o oficio e escoitaba os consellos dos meus pais , e vía pasar os anos rodeado de moitos veciños , cada un deles ensinábame algo , bo ou malo , a taberna foi para min a Universidade á que nunca chegue a ir , e claro, alí estaba a miña nai para ir indicándome e corrixíndome o que aqueles veciños ensinábanme , alí estaba ela para puntualizar algunhas das cousas que eu oíra e observara e que como neno ás veces non comprendía.

Fun criado entre todos aqueles veciños e veciñas que ao longo da miña vida que pasei na taberna foron pasando por ela , con eles iámonos informándonos daqueles telexornais de branco e negro , entretidos coas películas de Bonanza , coas risas dos Chiripitiflauticos, as pelexas de Urtain ou as vitorias de Angel Nieto.


Carmen podía escribir un libro, foron moitos anos detrás da barra , atendendo desde as seis de mañá , aquel café de pota que ela servía inundaba desde primeiras horas da mañan o cheiro a instancia da taberna , era entrar os clientes e xa estaban pedindo o café recién feito , Carmen nunca quixo poñer cafetera , os seus clientes agradecianllo dicindolle que o seu café era o mellor que eles tomaban por ahí adiante.

Os seus primeiros clientes eran os veciños que traballaban de albañiles , na fábrica de gaseosas ou no serradoiro de Alba ou do Burgo , os cales se desprazaban en bicicleta ou naquelas velosolex.

Tamén eran clientes de primeira hora os camioneiros que viñan coa carga de madeira para Celulosas e Tafisa, ou aqueloutros que viñan cos tanques de aceite , e por suposto os das liñas de autobús , entre eles os de Garrido e A Estradense.

Alí estaba Carmen preparada para servirlle a todos eles o seu café de pota , e de paso , según as preferencias de cada cliente , iba servindo co cafe as copas de sol e sombra , o Ponche Cuesta ou aquelas copas de augardente de herbas ou branca .

Por aquela época xa estabamos instalados na taberna da RONS , recordo que a principios de irnos para este novo emprazamento colocaran de reclamo unha gran copa no exterior da fachada , era unha publicidade do coñac Soberano e víase a moita distancia , daquela , a iluminación pública era practicamente escasa por todo o lugar.

A partir de estar no novo local , Carmen comezou a preparar comidas e ceas , viñan comer os tractoristas , os canteiros …e as ceas normalmente eran para algunha peña que tiñamos na taberna , e moitos anos para as orquestras que viñan polo patrón e o Corpus ás festas da parroquia , hubo unha época que eu tiña polas paredes os póster das orquestas que pasaban por ali .

Carmen era a que levaba todo , axudándolle a miña avoa ao principio e despois a miña irmá mentres non se foi para Barcelona , hasta por levar , era a que sempre daba o grito de auxilio de que na Ponte Malvar  hubera un accidente , normalmente os accidentes que había eran de noite , a peligrosa curva e a pouco visibilidade daba lugar a elo.

Miña nai , mentras os homes xogaban as cartas ou o dominó sempre aproveitaba para facer algo , ou ben subía a planta darriba, donde tiñamos as habitacions ou andaba a barrer por fora , ela era a que escoitaba o golpe do coche , ou a que miraba que na ponte faltaballe as barandillas , indicativo de que había un coche no rio.
Tantos anos detrás dunha barra fixeron mella na súa saúde , as súas pernas cheas de varices e as súas mans inchadas eran o reflexo da súa delicada saúde , pero sempre estivo ao pé do cañón , inclusive cando caeu polas escaleiras de casa , uns días no hospital e ao pouco xa estaba de novo á fronte do negocio.

Tamén teño belos recordos sobre a miña infancia coa miña nai e a miña irmá daqueles anos de vacacións que gozamos no Carballiño , e no seu balneario, non se me esquecesen nunca.

Grandes bosques de piñeiros , carballos e tilos rodean ao balneario .

O Balneario está situado no corazón de Galicia , con 195 anos de historia , donde muitas veces foi refuxio e lugar de descanso e inspiración de personaxes ilustres , como a escritora Dona Emilia Pardo Bazán, que o elixiu para escribir a obra O Cisne de Villamorta.

Está situado nunha bela paraxe da comarca do Orcellón , enmarcado polas serras de Martiña , Magdalena e os Montes de Suido e San Mamede.

Recordo que nos anos sesenta era quizáis o máis famoso de todos os que había por Ourense , o que máis mal levaba era a viaxe , naqueles autobuses que a velocidade que alcanzaban como moito sería 60 por hora , engadíndolle a dificultade da estrada, cun continuo traxecto desde Pontevedra cheo de curvas , e ademais daquela era moi estreita comparada á actualidade , moitas veces con problemas de paso ao cruzarse de fronte con algún camión ou autobús , que facía que o noso conductor tivésese que arrimarse o máximo posible á cuneta , onde se apreciaba o precipicio que había debaixo mesmo do teu asento , que medo teño pasado !.

Debido a que a miña nai tiña desde moi nova tivo problemas de saúde , de tipo dixestivo e de reuma , alguén debeu aconsellarlle o realizar unha visita a este balneario , e así foi como durante uns cuantos anos iamos pasar unhas pequenas vacacións e de paso a realizar o que hoxe se coñece como cura hidropínica , que consiste en tomarse un vaso daquela auga sulfurada que ten sabor a ovos chocos .

Fai pouco volvín ao balneario , practicamente está igual que aqueles anos da miña infancia , só falta o reloxo que había na entrada principal , onde ao dar as horas saía un cuco que me embelesaba de tal maneira que podía estar alí esperando outra media hora para que volvese saír para escoitar a súa cucú.


A estancia durante eses anos no balneario e máis tarde a súa viaxe á Arxentina alá polos anos oitenta , foron as vacacións que tivo a miña nai durante toda a súa vida .

Recordo que nuns dos últimos anos de estancia no balneario os meus pais decidiran levar aos meus avós de Campaño , foron uns días inesquecibles con eles , sempre tiven muito cariño os meus avos, os de Campaño eran mui cariñosos conmigo , cada mes durante anos iba a visítalos os sábados pola tarde , muitas conversacions mantiven con eles .

Meus pais na Arxentina pasárono xenial , o meu pai tiña ilusión por ver ás súas irmás e os fillos e fillas delas , e de volverse a atopar con xente coñecida da época que estuvo él emigrado en ese fermoso país , cando chegaron de volta do viaxe a Cerponzons non paraban de comentarme todo o ben que o pasaron naquelas terras.

O demais foi sempre traballar , moitas horas as que pasou detrás dese mostrador , que agora segue aí no mesmo lugar , sen practicamente uso , sen que derramen por el nin unha pinga de viño tinto , seguirá aí por moito tempo , como un recordo , como que se ao chegar a ese lugar tivese a esperanza de ver de novo a Carmen , coa xerra na man , servindo unha cunca e de paso unha tapa daquelas empanadillas de bacallau con pasas , que eran exclusiva dela , polo seu sabor e forma …. tal como as que facía ela non volvín ver unha na vida.

Tamén lembro a época de repartir as roscas de Pascua , os meus pais chegaron a ter polo menos 16 afillados , aqueles días en que viña o panadeiro coas roscas invadía esta vez a taberna co seu cheiro característico e eu apresurábame a levalas a cada casa , era a miña nai a que me dicía como tiña que facer o percorrido e o lugar onde tiña que entregalas.


Unha das cousas que máis lle gustaba á miña nai era cando chegaba o Nadal , recordo que facía un pedido especial ao seu provedor dos produtos de ultramarinos, Victoriano Moldes.

Aqueles turróns duros , que habían que rompelos co martelo, os figos , a champaña, a sidra , e algunha golosa novidade para esa época . Ao chegar a mercadoría , ela indicábame os paquetes de agasallo que tiñamos que preparar , sempre tiña un detalle naquelas épocas cos seus clientes .

Era un agasallo sinxelo , unha botella , uns figos , algún turrón e pouco máis , o envoltorio un papel de xornal, atado con cordel .

Sinxelo , sen adornos , pero con todo o agarimo do mundo cara aos seus veciños e clientes.

Canto che quixemos mamá , canto boto de menos non haberche dito máis veces o que che quería , canto daría por poder abrazarche de novo e dicirche que non che esquezo , que sigo estrañándoche , sempre que chego á Rons manteño no meu recordo cando saías a recibirme co teu sorriso e o teu amor de nai , eso non se esqueze na vida.

Carmen deixounos físicamente o 8 de Xuño do 2002 , pero ela sigue conmigo , no meu corazon.

QUÉROCHE NAI .

Nai miña, aínda estraño,

a túa tenrura e bondade,

a túa beleza e a túa verdade,

e o sacrificio que deches.

A túa paciencia e o amor

aos teus fillos e á vida,

sen que che vises vencida

de tristeza ou de dor.

Nai miña chea de vida,

asi recordarche,

e sempre che mantedrei

aberto ao meu corazon.

3 comentarios en “CARMEN da RONS , Taberneira

  1. Pingback: MARUJA FUENTES FUENTES – O Roque de Cerponzóns

  2. Juan Carlos Villar Angeriz

    Boa tarde, chámome Juan Carlos Villar Angeriz e represento a asociación sen ánimo de lucro Gaseosas de Galicia.
    Acabo de ver unha entrada súa na que aparecen unhas follas de El Diario de Pontevedra en relación á FÁBRICA DE BEBIDAS GASEADAS LEREZ DE EDUARDO FEIJOO.
    Póñome en contacto con vostede para saber se podería achegarnos dito documento xa que non e lexible.
    Por outra banda, tiven a sorte de poder ollar parte do seu enorme traballo sobre a súa localidade de orixe. NORABOA!!!
    Por suposto, en relación a calquer información aportada será nomeada a fonte de orixe.
    Gracias por adiantado polo seu tempo e por sopesar a miña solicitude.
    Quedo a súa enteira disposición na conta de correo gaseosasdegalicia@gmail.com ou no número de teléfono 657068158.
    Un saúdo.

    Liked by 1 person

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s