Como a maioría dos nenos da miña época fun criado a base de leite materna, coma tamén da leite que procedía do ordeño diario da vaca que tiñamos na casa, e para reforzar un pó de Pelargón , unha fariña lacteada, que apareceu no mercado español en 1944, o cal alimentou a unha gran maioría de nenos dos anos 50 e dos 60. A aqueles nenos chamáronselle a “xeración do Pelargón”.
Seica eu o nacer pesei preto de cinco quilos, e durante uns anos con esta alimentación tan completa estaba feito un rixón.
O Pelargón era moi utilizado como complemento alimentario (contábamo a miña nai cando falabamos de que os meus fillos eran pouco comedores) , porque eu non recordo o Pelargón, do único que recordo de tan pequeno e do chupete que non quería soltar por nada do mundo, o que non sei é que quizáis non cheguei a probar o primeiro leite “doce” que a principios dos anos 60 lanzouse ao mercado coa marca NIDO (disto miña nai non chegou a decirme nunca nada) , seguramente porque en casa facíanse uns ricos bocadillos coa nata que se producía ao ferver o leite da nosa vaquiña Pinta, ou porque tamén me daba de vez en cando a probar daqueles botes de leite condensada da marca La Lechera, os cales recordo expostos pola estantería da taberna o carón da crema do calzado e das caixas dos mistos.
Pero deixaronme de dar Pelargón e comencei a flaquear….
As visitas a farmacia daqueles tempos, buscando vitaminas e outras medicinas…
Os anos 60/70 eran anos en que si acudías á botica non atopabas como hoxe en día a cantidade de produtos que hai nela, hoxe en día parecen case supermercados e pouco teñen que ver con aquelas dos meus anos de raparigo.
Quen non recorda aqueles cheiros característicos das farmacias ?
Entrabas e comezabas a respirar a dor e a enfermidade naquel habitáculo composto de multitude de estanterías cunha serie de botes que contiñan polvos para preparar ungüentos, herbas etc. Cada un deses botes cos seus nomes por fóra, que eu non conseguía adiviñar que podía ser o que tiñan dentro dado que a denominación de moitos daqueles produtos éranme totalmente descoñecidos.
Non existían publicidade con dibuxos que chamasen a túa atencion, nin coloridos que fixesen máis atractivo o que alí se vendía, non, alí respirábase a alcohol e mercromina, e acudíamos para que nos deran algún medicamento para aliviar a dor.
Pero é que antes si ías a unha botica non era para nada agradable, ou ben se ía a pedir algunha vitamina para abrir o apetito (a miña nai empeñábase en que non comía e non facía máis que traerme aquel Calcio 20 e aquelas ampollas de ferro), que sabor máis raro tiñan ! Como o do aceite de bacalao ! Que amargo por Deus !
Co paso dos anos pasamos do neno non me come, ao neno non me estuda e suspéndeme todo, que cruz. Pola taberna escoitei unha vez que corría o rumor de que existían unhas pastillas máxicas coas que che pasabas a noite estudando, superconcentrado, coma se nada….Claro, era unhas pastillas de nome Centramina, unha anfetamina que che poñia a cen. Eu non cheguei a tomar ningunha, xuro.
Falando de boticas, eu fíxenme co paso dos anos moi cliente da de Adelaida Herreros, situada nunha esquina da Praza de Curros Enríquez, nos recreos que nos daban no colexio de Buela aproveitabámolos para ir buscar o bocadillo de bonito con… a de Rios, e ás veces ía a recados a buscar á de Herreros un produto ‘mata dores’ coñecido por linimento de Sloan. Aquel ungüento aplicábase para todo tipo de dor, eu levábao para cando iamos xogar ao fútbol ao Chan do Monte, logo de recibir unas cantas ” caricias ” durante o partido, recorrías ao linimento, era man de santo.
Para aqueles que non probamos a Centramina, a veces tamén pasaba que de tanto estudiar entrábanos unha dor de cabeza insoportable, aí aparecía en escena unhas pastillas as de cor rosas que tiñan o nome de Optalidón, eran efectivas ao pouco tempo, cando se descubriu que contiña anfetamina retiráronas do mercado, dicían que non funcionaban, que non rendían igual…..jaaaa, daquela xa estábamos colocados dunha maneira ou de outra !
Tamén recordo que naquel botiquín de casa non faltaba a mercromina, durante anos era o antiséptico que o usabamos cada dous por tres, aínda que teño que dicir que moitas das veces que me facía unha ferida xogando cos amigos ao fútbol, ou ao ir buscar niños, ou meténdome por sitios que un saía sempre con algún rasguño, o meu primeiro antiséptico era un pouco de terra encima da ferida, ao pouco tempo xa paraba de sangrar….oes, cicatrizaba o momento.
Pero o que si me deixou marcado na miña niñez foron aquelas INXECCIONS!!!
Daquela era o máis socorrido, a mínima que te encontrabas mal, pinchazo que Deus te criou !
Só recordo a unha persoa poñermas, Pepe o de tía Dora, ainda que na parroquia había máis xente coma Digna a da Rons, Antonio Alvite é a señora Rosa de Tilve, pero Pepe era o que máis reputación a hora de poñer as inxeccións.
Pepe toda a súa vida traballou de carpinteiro, e cando chegaba a súa casa poñiase preparado para pinchar os veciños que anteriormente xa habían falado con él para quedar a unha hora axeitada, pois tamén a veces tiña que ir a casa de algún enfermo encamado. Muitos dos veciños que pasamos polas mans desta xente temos que estarlle agradecidos.
Cando non había máis remedio que recorrer ás inxeccións alí víasme ao meu pai e a min achegarnos a casa de Pepe, salíamos da taberna andando cara Pidre, que momentos de angustia pasaba, que mal iba ! Tiña a sensación de que iba para o matadeiro ! Que pesadelo ! Cando tiña que ir ao médico e me recetaba unhas cantas caixas de inxeccións xa me entraba o tembleque.
Daquela recorriamos a unha persoa de confianza para que nos puxese as inxeccións, e Pepe era bo profesional, estou pensando en cantos cus pincharia ? Sabe Dios ! Supoño que si algún dos que estades a leer esto pasantes polas súas mans….
Desde que che ías achegando ao portal da súa casa xa ías cagado, e non vos digo si escoitabas os gritos dalgún neno que estivese recibindo o pinchazo naquel momento de chegar eu ao portal ! Que nin dicir ten do que eu desde que saía da miña casa íalle dicindo ao meu pai, que si xa estaba mellor, que xa non quería pincharme, que cun optalidón xa me pasaba a dor….pero non había forma de convencelo, alá ibamos andando cara a casa do practicante…..mentres eu interiormente xuraba que nunca máis ía dicir que me doía algo.
Pero non había marcha atrás, o meu pai xa estaba chamando ao portal de Pepe, eu xa empezaba con unha sudoración por todo o corpo. Entrabas e mandábache pasar ao cuarto que tiña destinado para eses menesteres, mentres me mandaba baixar o pantalón Pepe marchábase un momento á cociña para ferver aquelas xeringuillas que antes pasaba por diante dos meus ollos como dicindo isto é o que che espera rapaz!!
Ao pouco tempo volvía Pepe coas xeringuillas e colocábaas nunha mesa, unha ampla representación por si algunha delas torcíase ao introducirma nas miñas nalgas, eu tremía como unha vara verde, mentres Pepe achegábase con aquel frío algodón que empapado en alcohol desinfectaba a zona onde me soltaba unha losqueada e seguidamente a punta da xeringuilla ! Uf que dor ! E non che digo nada si tocábanme aquelas inxeccións que dicían que eran de aceite ! Que tiña que ir introducindo o líquido moi lentamente co consiguiente dobre dor.
Juanito ! Xa está ! Hai que ser máis valente rapaz ! Xa está, mañá espéroche a estas horas outra vez !
Aínda recordo sendo xa máis maior que ía eu só a poñer algunha inxección desas de “aceite”, a volta a casa era eterna, ía completamente coxo, a perna onde me poñía a inxección paralizáballeme completamente.
Hoxe ainda é o día que vexo a Pepe o de Dora que cando nos encontramos véxolle para as mans, non vaia a ser que me queira poñer outra inxección !