TEMPO DE CASTAÑAS.

POR SANTOS E SAN MARTIÑO…CASTAÑAS E VIÑO

Que recordos máis gratos tráenme estas datas, refírome ao día de Santos e San Martiño…….

Era moi pequeno, tería tres ou catro anos, viviamos na taberna de Maruja, era un daqueles fríos días de inverno, onde a única calefacción que tiñamos na habitación era un ladrillo metido no fondo da cama, recentemente quentado na cociña de ferro (situada na planta baixa, o carón da taberna) envolto nunha manta (así era a forma de ter quentes os pés), non había máis que o ladrillo, anos despois chegou a bolsa de auga quente. O colchón donde dormin os primeiros anos era de recheo de follas de mazorcas de millo, así que entre o colchón de mazorcas e o ladrillo funme quentando e criando…..

Os colchons de mazorcas eran dos que máis se utilizaban naquela época, xunto cos de lan de ovella, enchíanse con follas de mazorcas , que era precisamente por estas datas cando se adoitaban reencher ou renovar. No outono cando as hortas se desmantelaban, por final de tempada, recollíanse as mazorcas, estendíanse e secábanse ao sol, recordo moi vagamente que no eirado xuntábanse os maiores, aproveitaban para charlar e de paso ían esfollando , deixando espidas as mazorcas, estas follas empregábanse para facer un novo colchón ou ben para mellorar ou renovar o que xa tiñamos, por certo, uns colchons que se facían bastante sonoros cando as follas estaban demasiado secas, dabas a volta na cama e despertabas a todos da casa jajajajaja.


Aquel día de Santos atopábame mal, miña nai tíñanme na cama da miña irmá, así coidábame de noite, e tamén de día cando podía , estaba ao meu lado seguido, menos cando tiña que baixar a atender na taberna ou ir o Colexio de Carballo.

Pola mañán algún paisano paraba a tomar a súa copa de caña, ou ben a señora Casilda que moi cedo viña a por o seu cuarterón de aceite é o seu medio quilo de tercerilla, tamén podía ser Adonis, que viña a fume de carozo pedíndolle uns cordóns negros para os seus zapatos……cando miña irmán tardaba en vir xunto miña, eu poñíame a chorar, quería ter alguén o meu carón.

A cousa era que ese día estaba eu moi dolorido e non paraba de chorar, a miña irmá subiu de novo á habitación, para tranquilizarme tróuxome uns xoguetes dela é un conto, recórdoo aínda coma se fose hoxe, Mariuca La Castañera…..

O CONTO DE MARIUCA

Que recordos ! Cantos centos de veces lin este conto !

E quizáis debido ao conto, a cousa é que desde moi pequeno gustáronme as castañas, así é que cando estou comendo nelas, venme á mente “Mariuca La Castañera“.

Por elo, as castañas, a partir daquel primeiro día en que tiven o conto de Mariuca nas miñas mans, forman parte das miñas vivencias de xuventude.

A tradición cóntanos que o tempo propio para realizar o Magosto está entre o día un e once de Novembro, é dicir, entre o Día de Santos e o día de San Martiño.

Aínda lembro os días finais do mes de Outubro e os primeiros de Novembro, aqueles que adoitabamos subir ata a Igrexa para xogar no campo que estaba situado á beira da que hoxe coñecemos pola Casa do Pobo, naqueles anos máis coñecida polo Colexio de Carballo.

Adoitabamos xogar case sempre ás bólas e ao trompo, o escondite tamén, e cos aros…..e por suposto tamén non faltaban os nosos partidos de fútbol, pero dependendo da época aproveitabamos a pandilla para ir a por mazás, figos, uvas e por suposto as castañas, daquela éramos muitos, xa cos fillos e fillas dos Caseiros do cura tiñamos un equipo de fútbol jajaja.

Moi preto de onde adoitabamos estar a xogar están os castiñeiros do cura, aqueles días case non xogabamos, directamente iamos a por castañas, enormes de grandes !. Adoitabamos coller unhas poucas e comelas crúas no momento, aínda que ás veces levabamos algunhas para casa, pero case sempre as comiamos no atrio.

Sentados no muro que había detrás da Igrexa,que dividía o atrio da leira da casa de Carballo, alí comiamos as castañas ata o anoitecer, mentres nos entretiñamos contándonos algúns chistes ou falando da serie Bonanza, a nosa serie favorita de televisión, adoitabamos ir os domingos pola tarde a vela a casa do cura, pois era dos poucos sitios da parroquia onde había este aparello que a moitos veciños non era do seu agrado, aquel aparato non ía traer boa cousa….recordo dunha señora que vivía sola en Pidre, os poucos días  posta a televisión na súa casa (agasallo dos seus fillos) púxose a vela, uns minutos máis tarde desfixoa , aquelas mulleres que estaban a saír na pantalla, case espidas, enfurencerona de tal forma que saíu a por unhas cantas pedras o seu eirado, subiu as escaleiras e nada máis chegar onde a televisión descargou contra a pantalla todas aquelas pedras que traía no regazo do mandil.
Á noitiña íame para casa, facíao polas escaleiras situadas á beira da casa dos caseiros do cura, baixaba por aquel fermoso camiño realizado muitisimos anos antes de lousas de pedra, todas perfectamente alistadas unha a unha e que co paso dos anos a modernidade é a ignorancia daqueles tempos, quixo poñer por encima delas un manto de alquitrán que asfixiou e deixou enterrados anos de historia.

Polo camiño adoitaba cruzarme con algúns dos veciños do lugar, o señor Faustino era habitual velo, raro que fora coa súa muller, a señora Eusebia, él pasaba ou ben en dirección á súa casa, situada na Bouza, ou ben en dirección á taberna dos meus pais, a tomar unhas chiquitas e xogar unha partida a virisca. 

Tamén me atopaba con Genoveva, ( Genoveva foi a nodriza de Pepe Señoráns, para quen non saiba que era a función de nodriza direivos que era a muller que aleitaba a un recién e que non era fillo seu, tamén recibían o nome de ama de cría ou ama de leite), acordo de vela na taberna a facer a compra, era mui faladora, tiña dous veciños que muito me rin con eles, con Tutú e Tata, dous veciños que as súas casas estaban unha fronte á outra e que casualidades da vida, están enterrados no noso Camposanto hoxe en día un fronte ao outro, que simpáticos eran !

Polo enlosado camiño que vos comento, só recordar alguns veciños  do lugar, xa empezan a virme máis imaxes dos veciños e veciñas que vivían por alí.

O primeiro que podía atoparme era ao señor Agustin, O Mandila, xunto á súa muller Herminia. Ás veces en fronte da súa casa adoitaba estar Maxuca, e á beira mesmo José O Toco, que vivía co seu cuñado José e a súa irmá Isolina.

Tamén recordo a Lorenzo, de alcume O Mandila e á súa esposa Elisa, A Raposa.

Despois estaban o matrimonio formado por Constante, O Porrelo e Pepa, e os poucos metros de distancia vivía a señora Manuela, A Opeira, creo recordar que era así como se lle coñecía.

Á beira dela vivían o señor Faustino Solla e a súa muller Rosa.

Muitas das veces que subía e baixaba polo camiño adoitaba ver pasar camiño do lugar de A Bouza, ao señor Joaquín Casas e á súa señora Claudina Guiadanes, gardo un grato recordo do señor Joaquín, era dos poucos veciños que me daba propina cando ía cobrarlle o recibo da Asociación do Gando.

Tamén polos camiños andaba Lola, A Chela,a maioría das veces sola, o seu marido Manolo madrugaba muito para ir traballar a Pontevedra, nunha empresa de construcción, un home traballador que podía contar moito sobre a vida que lle tocou vivir.

Tamén podía pasar Rosa, A Lavaradas, a recordo vivir entre A Bouza e A Rons, andaba co seu carro de vacas dun lado para outro, que muller loitadora !

Tamén estaban as irmans Pilar e Flora, andaban tamén entre A Bouza e Tilve, como Rosa , eran coñecidas polas Cacharulas, despois, un pouco máis abaixo da casa de Señoráns vivía Antonio Alvite e a súa muller Lola, en fronte, o seu inseparable amigo Adonis coa súa señora Josefa, ( Antonio e Adonis, eran Tutú e Tata ).

E un pouco máis adiante recordo a Basilia, que vivía cos seus pais Jesus Canoza e a súa esposa Pepa.

Ah ! Esquecíame de Agustin Guiadanes e tamén Pepa, a súa muller.

Ao final do camiño vivía Hermosinda, pegada á estrada , en fronte xa estaba a taberna de Maruja, onde este neno comeu as súas primeiras castañas e probou o viño tinto aos catro anos.

Chegando a Rons, a señora Sara esperaba os seus netos na porta da casa, solía decirnos cando lle daban as castañas :

“Santo que estás no canizo, bota castañas embaixo
que anque non teño mandil,  apáñochas no refaixo”

Pero non só iamos para casa cunhas cantas castañas, tiñamos que pillar algunha cabaza….había que coller algunha que vísemos polas leiras que tivesen plantadas, sempre buscando a mellor feita e que fose mui grande.

Moitas veces tocáballe ao señor José ! O Da Rons, o do muiño, coma a maioría das veces, ía quedarse sen unha das súas cabazas, sempre estabamos merodeando o muiño e as súas leiras aledañas, os seus frutales eran nosos preferidos.

Logo de coller a cabaza, tocaba preparala para a ocasión.


Cortabamos a cabaza pola parte superior do tallo, de tal xeito que o anaco que cortabamos servise logo de tapa, seguidamente raspábamos todo o interior, ata deixala completamente oca. Na grosa casca dun lateral faciamos dous buracos en forma de ollos e debaixo unha ampla boca de tal xeito que fose unha imaxe que metese medo.

No interior do cascarón metiamos unha vela, prendiámoslle lume e xa tiñamos o efecto de luz necesario para que de noite vísese o máis lonxe posible.

Finalizabamos a nosa obra colocando a cabaza nun lugar que fose o máis alto posible, faciámolo pensando en que fose ben visible e ademais buscabamos que ao estar tan alta era máis difícil que nola collesen ou tirasen.

Normalmente a cabaza estaba exposta nun muro próximo á Ponte Malvar (Ponte da Rons), alí mui preto tiñamos a nosa cabana, era o centro de operacións onde planeábamos as nosas andanzas diarias, ademáis aproveitabamos para escoitar música é tamén para ler os contos do Jabato e o Capitán Trueno, daquela eran os nosos heroes !

 Podo asegurarvos que máis dun veciño levou un bo susto, entre eles José O Toco, recórdoo saíndo da taberna en dirección á súa casa en Tilve, José vivía a escasos metros de un palomar da Igrexa, o que está máis afastado da Casa Rectoral.

José saía, como dicía, da taberna e aos poucos metros xa se atopaba coa cabaza, parábase, e quedaba todo pensativo e serio vendo para ela, engurraba o ceño e colocaba a boina para atrás, facía supoñer que algo ía dicir, mentres tanto nós estabamos escondidos a escasos metros, tumbados, en silencio na leira de á beira, propiedade dun señor que lle chamaban o Comandante, e José contestaba á cabaza cunha serie de improperios dignos de gravar para ter de recordo, pena que naqueles anos non había os adiantos de hoxe en día.

JOSÉ, O TOCO.

Volvendo á castaña, tema central destes recordos da miña niñez, todos sabemos que foi un alimento tradicional en Galicia, acompañamiento de carnes e de leite. 

Fai moitos anos, Galicia pasou unha época de hambruna e a castaña tivo unha gran importancia na alimentación dos nosos antepasados, mentres a pataca non pasou a ser parte importante nos nosos fogares, alá polo século XIX, foi a castaña a axudou a espantar as penurias que se pasaba na maioría das casas.

Por estas datas as castañas sempre están presentes en todas as casas, non ía ser menos a taberna, todos os anos a miña nai preparaba uns cantos quilos de castañas, ben asadas ou ben cocidas, iso xa ía na preferencia que tivese ela no momento de ir preparalas.

Así como o do conto de Mariuca, tamén recordo a tradición que durante anos se viña facendo na taberna, primeiro na de Maruja e despois durante muitisimos anos, na taberna da Rons.

Á taberna, nos días de visitar o cemiterio, triplicába a clientela, moitas familias visitaban xuntas o camposanto, alí paraban de todos los lugares da Parroquia prácticamente, era unha tradición a de visitar o cemiterio que hoxe en día aínda segue viva, cantas anos viñeron os veciños do Bravo, os da Conexa, ou os da Balé…..

Logo de pasar a tarde no cemiterio o parar na taberna fíxerase costume en moitas daquelas familias, esperábanlle unhas cuncas de viño tinto novo e unhas castañas que sementaban aquel vello mostrador dibuxado de marcas das cuncas do tinto país na súa madeira , nin a lejía pura era capaz de limpalas, estaban alí como un elemento máis de decoración, coma si fosen petroglifos, nas mesas ocorría outro tanto, máis tazas e máis castañas, excepto algún Fis Fas de laranxa que adoitaban tomar os máis pequenos, aínda que había algúns que xa se lle daba a probar aquel tintorro recentemente saído da barrica e que deixaba ben marcada tanto a cunca como os dentes.


O viño era da nosa colleita e a preparación do mesmo era unha das tradicións que máis me gustaba, o que máis me atraía era o pisar as uvas e despois o prensarlas na lajareta, pasábame horas e horas rodeado daquel cheiro a viño que se desprendía conforme iba pisando nas uvas.

Recordo que as castañas, cando lle facía a compra todolos sábados á miña nai (empecéi sobre os dez años), comprábaas normalmente nas inmediacions da Praza de Abastos a miña nai indicábame onde tiña que ir, vaite a de Valentin Muiños, ou a Ultramarinos Calvete, que me dixeron que lle chegaron unhas mui boas , decíame como escollelas, e ver antes de nada os prezos nun sitio e noutro, eu escollía aquelas que me parecían as máis adecuadas pola súa textura firme e o seu sabor doce, antes collía unha e a probaba, así sabía o que levaba.

Un dos días que máis lembro das celebraciones de Santos,  foi cando había caído unha tralla de tronos impresionantes, todo día así, recordo que salin un momento a fora da taberna, era xa noite pechada, a auga corría por todos lados, e de repente vexo vir na oscuridade unha fila de velas alumeando o carreiro que había o carón da carretera, eran aquelas mulleres veciñas de A Meán, pasaban sempre de noite, normalmente os días que había rosario é o de Santos, quizáis eran todas viúvas, pensaba eu, porque sempre iban vestidas de negro e sempre eran as mismas.
Cada unha delas levaba na man o candil, dentro, unha pequena vela encendida alumeaballe o camiño, daquela apenas había alumeado publico, pasaron por diante miña sin que me viran, eu estaba agochado no alboio que estaba situado diante da taberna, ían en fila pasando a Ponte Malvar, o pouco mergullabanse na oscuridade, e xa non as miraba, tan só o vento facia abalar os candiles que levaban, corredoira arriba hacia A Meán ali as perdía de vista, nunca probaban as castañas da Rons, seguramente na súa casa as tendrían feitas, ou daquela non estaba ben visto que unha muller viúva entrase na Taberna.

Comer castañas no día de difuntos ademáis de un placer, equivale a unha manifestación pública de fe na vida eterna.

Facendo unha lectura por algúns libros de antigas recetas culinarias, recollin varias relacionadas coas castañas :

CASTAÑAS ASADAS, na cociña ou mesmo no souto. Ó estar é conveniente tapalas así quentes cunhas follas de berza ou de nabo durante varios minutos para que amolezan, seica saben muito mellor.

CASTAÑAS COCIDAS

CASTAÑAS CON LEITE. Antes cócense en auga e logo bótanse no leite.

CALDO DE CASTAÑAS CON NABIZAS. Bótanse señor a tona nin a paraza a cocer cando as fabas. Levan unto ou touciño.

CALDO DE CASTAÑAS CON BERZAS. O mesmo que o anterior

CASTAÑAS DA SALMOIRA. Cócense coa tona e bótaselle moita salmoira, polo que quedan salgadas por fóra pero de bo gusto por dentro.Son propias da época da matanza dos porcos, despois de San Martiño.

Para rematar deixo unha receita de coello con castañas e setas :

Ingredientes:

* 1 coello troceado

* Fariña para empanar os cortes

* 1/2 kg. de castañas peladas

* 1 corte de touciño magro

* 1 cebola

* 2 dentes de allo

* 40ml. de viño branco seco

* Caldo de verduras ou de polo

* Sal e aceite de oliva

* Para a picada: piñons e un dente de allo

* Mestura de setas fritas con 2 allos tenros, para acompañar

Elaboración:

Pélanse as castañas, póñense en auga fría e azucre (3 partes de auga por 1 de azucre), e férvense uns 8 minutos. Unha vez frías, escurrense, e hai que reservar o zume.

Nunha cazuela con aceite quente, póñense os cortes de coello enfariñados e o corte de touciño, salalo e douralo. Logo tapar a cazuela, baixar o lume e deixar cocer uns 10 minutos máis a lume lento.

Despois engádese a cebola e os dentes de allo ben troceados, e se sofríe ata que a cebola estea branda.

A continuación botar o viño branco e deixar reducir. Logo engadir un cucharón de caldo e un do zume de cocer as castañas, e deixar cocer a lume lento uns 15 minutos máis. Remover de cando en vez a cazuela.

Sacar os cortes da cazuela, retirar o touciño e pasar a salsa polo colador chinés. Vólvese a poñer o coello na cazuela, coas castañas e engádese a salsa cunha picada por encima (co allo e os piñons). Cocer 10 minutos.

Frítense as setas cos dous allos tenros troceados.

Sérvese nunha fonte o coello coas castañas e a salsa, e a parte as setas.

8 comentarios en “TEMPO DE CASTAÑAS.

  1. Mercedes S. Lameiro

    Cuando yo era pequeña, los colchones eran de lana de oveja, los de hojas de maíz ya no los recuerdo. La receta que pones debe estar buena, pero yo no suelo estar en la cocina, además un conejo no nos llega jejejejeje y sólo somos tres a comerlo.

    Liked by 1 person

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s