CONVERSAS CON JOSÉ LUIS VILAR PÉREZ 

23 de Agosto 2019.

11:00 horas, dous cafés cortados e conversamos…..

Ano de 1950, lugar de Tilve, nace José Luís, fillo de José e Pilar, a súa nai dá a luz na casa de Hermosinda, onde vivíu a familia Pérez Angulo durante anos, naceu él e os seus outros irmáns (daqueles tempos todos naciamos nas nosas casas), menos o irmán máis novo, a súa nai tróuxoo ao mundo no Sanatorio de Santa María .Fai uns días que coñecín a José Luís, foi por medio da súa filla Lucia como puiden contactar con él,  falamos por teléfono e quedamos de vernos. Así que ao día seguinte xa estabamos tomando un café xuntos, aos poucos minutos parecía que nos coñeciamos de sempre, eramos dous veciños máis da parroquia, había cousas que que eran comúns nos nosos recordos, outras, debido á diferenza de idade, eran novas para min , como para José Luís era o que eu lle comentaba da miña mocidade.

A TABERNA DE MARUJA

Recorda José Luís, que a taberna que tiña en fronte de onde vivía, coñecíase pola de Maruja, a que despois pasou a ser de Juan e Carmen, era un lugar que sempre estaba moi concorrida, pois aparte de tomar un viño, tamén facía a función de ultramarinos, pola mañá adoitaba ter moitas mulleres que viñan comprar o básico para facer a comida, pola tarde- noite era máis habitual ver a taberna abarrotada de paisanos coa súa cunca de viño, era das poucas tabernas que había daquela e onde os veciños pasaban os seus intres de asueto, a falta de medios de transporte non daba lugar a desprazarse lonxe de casa para ir tomar algo.

Sabes Juan ? comenza José Luis a contarme, unha das cousas que máis recordo desa época da taberna era que cada certo tempo, aproximadamente cada tres meses, facían campionatos de chave os fins de semana, pero era ao grande ! Os premios daquela eran de primeira ! Un carneiro, galiñas, inclusive cando o torneo caía en época de Nadal, había de premio follas de bacalao ! Co caro que ía !

Para participar en nos torneos, dado a cantidade de participantes, e como eran os fins de semana, non había máis remedio que estar ata ben entrada a noite xogando, para iso colocaban unhas luces na zona de xogo que estaba á beira da taberna, aproveitando a viña que había no eirado colocáronse uns cables desde a taberna e con varios puntos de luz para poder estar ata as tantas xogando á chave.

Non te podes imaxinar a xente que viña, José Luís parece que o está vivindo cando mo conta, fíxache que ata de Reiriz viña a xente a participar, e iso que despois tiñan que ir andando ás tantas para as súas casas e daquela sen apenas luz para poder guiarse.

AQUELES PARTIDOS DE FÚTBOL 

Pregúntolle a José Luís por aqueles partidos de fútbol no Chan do Monte….

Campo de fútbol ! bo, dime José Luís, non se podía denominarlle campo de fútbol,porque aquilo era un pedregal e un toxal  á vez. Aínda así nos o pasabamos xenial, recorda de que en época de verán viñan xogar os sobriños de D. Jesus, o cura párroco por aqueles anos, os seus nomes Juanito, José Antonio e Daniel ( forofo xa naquela época do Barcelona C.F., o cal fixo que José Luis fose desde ben neno seguidor do Barça). Tamén se acorda dos fillos de Maruja, a da Taberna, sobretodo de José, o seu gran amigo de infancia.

Pero tamén tiñan outro campo de fútbol máis próximo á súa casa, a estrada, si, a estrada nacional era un espazo onde cunhas cantas pedras convertíase nun plis plas nun campo de fútbol, dado que a circulación de automóbiles era escasísima e ademais sabían en que momento tiñan que apartar as pedras para que pasase o único autobús que ía dirección a Caldas, a súa velocidade era máis ben escasa e daba tempo de apartar as pedras tranquilamente, desde onde situaban o campo tiñan un amplo campo de visión que chegaba a ver o autobús cando axexaba polo alto de Pidre.

Bueno, ás veces ocorría algún pequeno susto, recorda unha vez que un coche, polas características que me dá, o coche era un que tiña forma de ovo, un Isetta, resulta que logo de pasar a curva perigosa que había á altura do señor Vicente, o coche viña un pouco lanzado e quizais debido á velocidade que traía foise facía a taberna de Falcón, ao verse nesa situación o condutor virou bruscamente e escoitouse un ruído durante uns segundos, os nenos que estaban xogando na estrada viraron as súas cabezas cara ao lugar de onde procedía o ruído, sorpresa ! O ovo-coche viña cara a eles dando voltas coma se fóra a querer participar tamén no partido ! 

Isetta, o coche que tiña forma de ovo

Pensándoo ben antes os nenos podían xogar en calquera lado, era xuntarse nun lugar determinado e alí mesmo organizaban algo, os nenos de hoxe en día xa non poden facer o mesmo, hai que levalos a lugares específicos onde están “controlados”, unha verdadeira pena.

AS FESTAS DO PATRÓN 

Tamén José Luís ten algúns recordos das festas do Patrón, o primeiro que lle vén á mente é que sempre chovía ! Pero iso si que era chover !

Vénlle á mente o traballo que levaban os que organizaban a festa, facían aquel palco de troncos de piñeiro e unhas táboas que tiñan que asegurar moi a conciencia, pois ás veces viñan orquestas con dez ou doce músicos, ou máis compoñentes como cando subían  as Bandas de Música na sesión vermouth, despóis de finalizar a misa e a tirada de fogos.

Por certo, José Luís aínda ten moi presente aquel ano que se fai un palco de cemento, aínda hoxe en día situado á beira da Casa do Pobo, quizais para evitar o arduo traballo que levaban os da comisión facendo todos os anos os palcos. Pero, baixo o seu punto de vista e creo que leva toda a razón, sería necesario eliminar, dado que non vai nada coa contorna onde está situado.

Tamén nos seus recordos vén a coalición unha desfeita que se fixera uns anos atrás, a de facer un garaxe  para o coche do cura no lugar que era a entrada principal da Casa Rectoral, e isto haillo que achacar a D. Benito, que fixo moi boas cousas pola parroquia, pero, como todos nós, equivocouse en algunhas, como é neste caso, o situar o garaxe na fermosa entrada que tiña a Casa Rectoral.

Recorda perfectamente a entrada, entrabas e atopábasche cunhas escaleiras que baixaban e que levaban ás cuadras e bodegas, outras escaleiras eran de subida, ían dar á cociña, salón e habitacións, ademais tiña un larguísimo corredor, que foi acurtado no momento de facer o garaxe .

O anterior cura a D. Benito, D. Jesus, era máis precavido e coidadoso co Patrimonio, daquela xa tiña coche e fixera un galpón preto do Hórreo, pero prácticamente non usaba o coche, pois cando tiña que ir a Campaño ou a Verducido facíao a pé.

Sabes, dime José Luís, seguindo o tema das festas, recordo que naqueles palcos e polo atrio, colocaban uns altofalantes enormes, con eles escoitabas a música en calquera parte da parroquia, como se escoitaba a Banda de Música ! E a orquesta de noite !

Chegabamos nun momento á Festa ! Alí estaban todos os postos instalados ! Que ilusión! Con que pouca cousa pasabámolo tan ben….o posto de tiro ao pichón, as señoras vendendo rosquillas, o posto onde comprabas uns envoltorios que ao abrilos tocábache un premio, a venda de caramelos e petardos, os postos de viño dos que tiñan taberna na parroquia, neste caso de Falcón e de Juan dá Rons…..

Quen me dera volver a vivir eses anos !

Quedamos de vernos outro día para seguir recordando, hai muitos recordos, muitas historias que contar….

Volvemos vernos de novo, José Luís ten moitos máis recordos da súa mocidade, comezamos falando do comentario de Secundino, o veciño que leva anos no Brasil, a raíz da publicación sobre o mestre D. Aquilino.

Efectivamente, comenza José Luis a contarme, é verdade que Luisa estivo dándolle clases aos nenos, un deles Secundino, pois o meu avó nos últimos anos da súa vida sufriu un cancer de pulmón e non podía dar clases, aínda que ás veces baixaba a dar unhas horas, sabendo que a súa muller berraballe, e dicíalle que a donde ía, que se ía a morrer dando clase….

Naquela época, si o mestre enfermaba, os nenos quedaban sen clase durante o tempo que o seu mestre estivese doente, non había sustituto, por iso Luisa encargábase de dar as clases que o seu pai non podía, e así evitaban que os nenos non quedasen sin aprender as enseñanzas.

CALACÚS POLOS BALADOS……

Cantas risas na noite dos calacús ! en época de defuntos iamos collelos as fincas,  e baleirabámolos por dentro, faciámoslle os ollos, os dentes, ao principio poñiámoslle unha vela, pero co vento caía, despois usabamos as lamparillas, usábanse nos faroles e no cemiterio, como viamos que aguantaban mellor empezamos a poñelas nos calacús.


Os calacús iámolos colocando por aquel camiño todo enlosado que pegado á casa de Hermosinda chegaba ata as escaleiras da Igrexa, buscabamos sitios estratéxicos para colocalos nos balados, ao principio de todo, en fronte á de Hermosinda, na casa de Señoráns…así ata a Igrexa.

Tamén en moitas ocasions si conseguía roupa vella, cuns paus colocabase debaixo do calacú, facendo deste xeito unhas figuras que metían un bo susto a quen de noite subía pola pista arriba.

Recordo de que tiñamos unha boa pandilla, Luís, o fillo de Maruja, Adonis e Marcelino, Pascual Cochón, Joaquín Ucha….

que ben o pasabamos vendo os sustos que se levaba a xente.

A SANTA MISIÓN…..

Tamén recordo que sendo eu pequeno viñeron uns misioneros a facer a Santa Misión….

A misión era unha campaña relixiosa que se desenvolvía nunha tolalidade durante un número determinado de días, generalmente entre sete e quince. No transcurso deses días un grupo de misioneros pertencentes ao clero regular, chegados desde fóra da localidade, organizaba unha serie de actos públicos de carácter relixioso nos que intentaba involucrar a toda a población. Estas campañas buscaban revitalizar a vida relixiosa de pobos e cidades, especialmente para reforzar o labor pastoral da Igrexa en zonas onde a presenza do clero era escasa ou onde se observaba unha cristianización deficiente, debido aos baixos índices de práctica relixiosa dos seus habitantes.

A realización destas misións viñan da man da ditadura de Franco, argumentaba a ditadura que había que re-cristianizar a aqueles pobres españois que foran enganados por certas ideoloxías demoniacas e estranxeiras.


Recorda José Luís que naqueles días colocaron uns altofalantes para que se escoitase en toda a parroquia. Creo que viñan pola tarde, durante uns días estaban todas as tardes predicando.

OS MAGOSTOS.

Jose Luís non recorda prácticamente moita cousa sobre as fogueiras de San Xoan , non o deixaban participar neste festexo, a súa familia prohibíalle facer lume ou estar facendo as fogueiras, recordaba que viviu xunto coa súa familia e veciños aquel ano que houbo un incendio enorme na parroquia e o susto foi tan grande que non querían que volvese suceder.

Tíñase que contentar desde a súa casa en ver aqueles resplandores que se divisaban en Pidre e A Meán, onde celebraban todos os anos as fogueiras.

Si recorda de participar nos magostos, realizábanse no aparcadoiro que hai diante da Casa Rectoral, era moi pequeno José Luis, pero  foi unha das actividades que máis lle gustaba.

José Luis, fotografia feita nas escaleiras que había na casa da señora Hermosinda

Na época de niñez de José Luís estaba de cura D. Jesus, e conta que ten unha foto no Pontillón, aínda sen barandilla, onde están D. Jesus e o seu avó. Tamén recorda que un día déronlle a todos os nenos unhas pequenas banderolas para recibir a visita de Quiroga Palacios.

De súpeto vénlle á memoria un tráxico desenlace que pasou aquel ano, un paisano, seguramente veciño de Verducido, pasaba polo Pontillón camiño de Cerponzóns, e caeuse ao auga, seguramente pola falta da barandilla, non houbo posibilidade de salvalo xa que naquela época non había ninguén por alí para poder socorrelo.

Foi moi comentado en toda a cidade, comentábase que na presa do Pontillón un home que ía a unha festa caiu e que agora estaban bebendo auga do Pontillón que tiña un morto dentro.

Conta José Luís que tamén lle gustaba a época en que se facía o viño e a aguardiente, todo iso en casa de Hermosinda, onde él era o que tiña que pisar o viño.
Viña o aguardenteiro desde moi lonxe e alí pasábase uns días, foi o único sitio onde viu facer a aguardiente, despois estivo noutros lugares, pero non había ese costume de facer aguardiente. Tamén me comenta que non recorda que se celebrase moito o entroido na parroquia, quizais debido a que Cerponzóns estaba relativamente moi preto da cidade e daquela estaba prohibido celebrar o entroido  na rúa. Eran tempos complicados e o medo estaba sempre metido en nós.

José Luís coméntame que cando lle coincidía pasar o entroido en Lalin, eran completamente diferentes, alí a xente disfrazábase e estaba todo o día dun sitio para outro cunhas máscaras de cartón que lles cubría toda a cara.

En Cerponzóns estabas máis controlado, aínda recordo perfectamente aquela parella de Gardas Civís, que viñan en bicicleta, onde no cadro dela traían suxeito o mosquetón, e calquera cousa que facías tiña que ser co seu consentimento, non había liberdade ningunha, tiñan tanto mando que eran suficiente dous Gardas Civís para parar unha verbena e quedarnos sen festa porque o decidían eles e punto.

O EXÉRCITO, PROBAS DE TIRO NO ACIBAL…

Era moi habitual en certas épocas do ano ver pasar por diante da súa casa aos soldados, todos eles viñan desde o seu cuartel, situado en Pontevedra, viñan desde Pontevedra ata o monte Acibal desfilando, todos alineados e sen perder o paso, pertencían ao corpo de Infantería e estaban destinados no cuartel de San Fernando.
Chegaban ao monte e alí podían pasar un día, como dous ou tres, todo dependía dos exercicios a realizar, máis tarde os nenos ían buscar os casquillos que quedaban polo monte e que os soldados non chegaban a atopar.

Comentando este feito dime Jose Luis, que foi polo ano 1906 cando o antigo Concello de Xeve había cedido parte do monte Acibal o exército, seica coa intención de facer un polvorín, que non recorda si se chegou a facer.

O vivir o carón da carretera tiña as súas ventaxas e desventajas…..

Tamén era habitual ver pasar pola estrada aos xitanos, daquela chamábaselles zíngaros, que acampaban nalgún lugar e estabas desexando que fosen pasando e afastásense do pobo, daqueles tempos cando os divisabas os donos das casas que estaban á beira da estrada adoitaban pechar portas e fiestras ata que se perdían  de vista. 

A VENTA DE PIÑAS

E aqueles carros de bólas, feitos polos mesmos veciños da parroquia, uns carros que os utilizaban para levar a vender leña e piñas á capital, pero é que eran muitísimos  os que había, cando era época de recoller as piñas víalos pasar, eu os recordo porque viña de Pontevedra no trole, daquela a súa última parada era no lugar da Ferreira, e tiña que ir andando ata a casa de Hermosinda, todo ese traxecto vías pasar carros e carros, unhas veces a toda velocidade , si era costa abaixo, e outras empuxándoos nas costas. As piñas levábanas a vender para as casas que dispoñían de cociñas de leña e para a calefacción de carbón.

Carro de bolas, similar o que se usaba para levar as piñas.

REPARTO DE PAN, LA LEREZANA…

Desde LEREZ viña un paisano que se chamaba Elías, repartía o pan da panadería La Lerezana, viña nun carro tirado por un cabalo. Aos sábados o meu avó levábame de paseo pola parroquia, pero era moi pequeno e ao pouco tempo cansábame, entón o meu avó esperaba por Elias que pasaba facendo o reparto, adoitaba facelo pola estrada xeral, ben parandose cando a xente facíalle a espera, ou ben deixándoo nos establecementos que se dedicaban á venda de ultramarinos..

Ao pasar Elias o meu avó indicáballe que me levase no carro ata casa, así era que recordo perfectamente o carro, tiña un toldo amarelo, coa forma da típica dilixencia do oeste, onde levaba escrito en cor azul Panaderia La Lerezana.

Un dos sitios onde paraba era na tenda de Maruja, alí deixábame e eu xa ía para casa.

Elias subía todos os días co reparto do pan, normalmente sobre as once da mañá, e era moi vistoso e rechamante ver aquela dilixencia, con aquelas cores vir pola estrada. Anos máis tarde un Citroen sustituía o carro de Elias, xa non era o mismo.

UNHA BICICLETA, QUEN A PUDERA TER..

Ter unha bicicleta naqueles anos era un artigo de luxo, moi pouca xente podía tela.

O cura D. Jesus era un dos que tiña bicicleta, e tamén algúns veciños que traballaban na Cros, os recordo na bicicleta moi cedo, traballaban na primeira quenda, entraban sobre as oito da mañá, paraban na de Maruja a tomar o seu café con pingas e de aí directos ao traballo, levaban no sillín traseiro unha tarteira que ía suxeita cunha pano de cadros, alí ía a súa comida, dado que non subían para casa ata finalizar a xornada, un deles era o marido da Mariqueta, Arturo.

Si, acórdome perfectamente, Arturo como os demais, facían de novo a parada de volta na de Maruja.

Si, que custoso era ter unha bicicleta, non digamos unha moto !

Recordo ver pasar de cando en vez algunha moto, unha delas era a da marca Sanglas, conducíaa un home que era de Lérez, chamábase Valentin Paz Andrade, normalmente pasaba ou en sábado ou en domingo, e cando pasaba todos diciamos : Aí vai Paz Andrade na Sanglas !


Tamén recorda José Luis a Paz Andrade sobrevoar Cerponzóns coa súa avioneta,unha das poucas que había no aeroclub de Vigo.

 José Luís fala tamén de  outro personaxe que tiña moto daquela, era un amigo do cura, o seu nome Carlos Espinosa  Feijoo, si a memoria non lle falla e vivía en Vigo, era cronista da cidade viguesa, nacera  en O Porriño en 1880 y faleceu en Vigo en 1966.

Espinosa escribía no Faro de Vigo e viña de cando en vez a visitar a D. Jesus, José Luís botándose a rir recorda unha anécdota que pasou con él….

De volta de estar visitando ao cura baixaba coa súa moto cargado cun gran saco de mazás que lle dera D. Jesus cara a Pontevedra, á altura da taberna de Maruja fóiselle a moto e consecuentemente as mazás rodaron por toda a estrada, as risas foron a escachar !

NOTA : Jose Luis foi mestre na ONCE, sendo tamén directivo da misma empresa durante 20 anos.

José Luís foise de Cerponzons aos dez anos, aínda así nunca deixou de visitar a súa querida parroquia. Xa casado afacía traer os fillos ata os lugares da parroquia que él de neno afacía visitar. Tamén tiña por costume a pararse en moitas ocasións a tomar algo no xardín que había á beira da Ponte Malvar ou a comer un churrasco na de Calvo.

Hoxe en día non lle quedan moitas amizades en Cerponzons, excepto Pascual e algún veciño máis, ben porque moitos dos seus amigos emigraron e xa non volveron para a parroquia, ou ben porque desgraciadamente algúns deles morreron, por exemplo Enrique Magdalena.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s