CONVERSAS CON PILAR CARBALLO

CONVERSAS CON…
Pilar Carballo


1 de Outubro 2019,  17:00 horas, na casa de Pilar.
Facía uns días recibía unha chamada de teléfono, era Pilar Carballo, foi grazas a sua sobriña Monica ( filla de Amalia),que foi quen lle falou de min, falamos das miñas intencions, e así foi como puiden atoparme con ela para conversar dos seus recordos de Cerponzóns.

Sendo eu  moi pequeno a miña irmá Maricarmen levoume ao colexio, a actual Casa do Pobo, onde durante anos impartiron clases a saga dos Carballo, eu era moi pequeno e poucas cousas teño na miña memoria sobre eses momentos.

A miña irmá tenme falado moito sobre as irmás Carballo, hoxe será Pilar a que me conte os seus recordos e anécdotas que garda na súa memoria.

Todo comeza en Pedrafita do Cebreiro (Lugo), lugar onde naceu o seu avó Luciano Carballo, e de Vega de Valcarce  ( León) de onde era natural a súa avóa.

A PRIMEIRA MESTRA DA SAGA DOS CARBALLO :

Unha tía de Pilar, María Aurelia, foi a primeira mestra da familia que estivo dando clases en Cerponzóns, aprobara as oposicións, pero con 17 anos aínda non podía exercer, entón desde o Obispado cedéronlle a casa para poder dar clases, a que pertencía á Fundación Fernández de Prada, Pilar recorda que daquela época a paga que tiñan os mestres era moi pouca e ademais pagábanlla anualmente.

Mª Aurelia Carballo Valcarce, mestra en Cerponzóns nos anos 20
Esta documentación é do ano 1929, aparecen nomes de mestres, pódese observar unha subvención concedida á Fundación Fernández e González de Prada. Estaba naquel momento de mestra María Aurelia Carballo.

Comenza o texto decindo : Maestros de Patronato y Congregaciones religiosas a quién se concede subvención. María Aurelia Carballo recibiu ese ano 1.500 pesetas, e decir 125 pesetas ao mes.


Ao falar da Casa do Pobo a Pilar vénlle á memoria o grande que era aquela casa,  e o gran terreo que tiña ao seu ao redor, era unha pasada dime, alí criámonos todos, o terreo chegaba ao que hoxe é a parte nova do cemiterio, na época do seu avó, que chegou desde Campaño ( o primeiro destino que tivo en Pontevedra), recorda que había muitísimos animais, gansos, galiñas, ovellas, porcos…

Como dixen antes, o seu avó era da provincia de Lugo e a súa avóa pertencía a unha familia moi importante de Vega de Valcarce, situada na comarca do Bierzo, provincia de León.

Pedrafita do Cebreiro

Vega de Valcarce

O AVÓ LUCIANO

O avó de Pilar, separadamente de mestre era perito calígrafo, sendo moi novo un tío da súa muller pediulle facer un documento no cal comprometíase porque ademais quería que realizase unha firma que non era a súa, ante esa situación o avó de Pilar negouse e desde aquel momento as relacions familiares foron alonxandose. Vendo a situación incómoda en que a partir dese momento comezaron a ter co seu parente, decidiron marcharse do lugar, o avó tiña un bo número de promoción e pediu destino, a parroquia de Campañó fué a donde o enviaron.

Veuse toda a familia, numerosa por certo, a tía Aurelia era a maior dos irmáns e instaláronse na Casa do Pobo.

Era o 10 de Novembro de 1931 cando a publicación ECOS DEL MAGISTERIO fai referencia a un escrito de Luciano Carballo Quiroga.

Era debido a un pleito en beneficio da Comunidade de Mestres.

Ao final do escrito indicaba onde podían enviar a correspondencia : para enviar correspondencia dirixirse a Luciano Carballo Quiroga, Mestre Nacional Xubilado

San Vicente de Cerponzones.

Luciano Carballo Quiroga, en Ecos del Magisterio

PILAR, ESPERANZA, PEPA…..

Pilar emociónase de novo ao recordar o lugar donde viviu, era precioso, eu era a máis pequena e gozaba cos meus irmáns de todo aquel lugar, había figueiras, cereixos, manzanos, perales, viñedos con variedade de uvas, tiñamos unha bodega, un forno , cuadras….

Cando eu nacín, dime Pilar, corría o ano 1940, veu para miña casa unha señora que era do lugar do Cunchido, chamábase Esperanza, coñecíana polo alcumo da Chinchilla, unha sobriña dela fora a vivir para Lerez, según  Pilar cree que aínda vive hoxe en día nesa parroquia.

Só foi nomear a Esperanza e a Pilar crébaselle a voz e comeza a chorar, para ela Esperanza o foi todo na súa niñez, para ela foi a súa segunda nai, Esperanza  estaba solteira e co tempo tiña a súa habitación en casa dos Carballo, foi unha máis na familia.

É que Esperanza crioume, eu andaba sempre detrás dela, como un cordeiriño, eu tiña poucos anos e recordo que daquela íase andando a Pontevedra, eu ía con ela, a recordo coma se fose hoxe, con aquela cestiña na cabeza.

Chegaban a Pontevedra e mercaban o pouco peixe que había, ou a carne si se daba que había algunha festa, despois ao subir para Cerponzóns paraban nun ultramarinos que había en Lérez, alí entregaban a cartilla de racionamiento e recollían a fariña , o arroz, o aceite…Pilar volve a sollozar e vaime dicindo que para ela Esperanza foi a muller máis boa do mundo, sécase as bágoas e segue recordándoa, quedoume moita pena cando me fun para Asturias, ela xa era moi maior, cando había algunha discusión entre a miña nai e ela, eu me poñia no medio das dúas, defendendo a Esperanza, queríaa muitisimo.

Doume muita rabia cando me enterei que estaba no Asilo, eu estaba en Asturias, mui lexos, a miña idea era tela conmigo, pero a distancia era muita, ainda así cando fomos destinados a outro lugar que tiña unha casa máis grande, quixen traer a Encarna, pero xa era tarde, había falecido.

Recórdaa facendo pan no forno e roscas, muitas roscas ! Os seus pais chegaron a ter máis de vinte afillados  na parroquia.


En época de traballar as terras viña xente a axudar, era moito o terreo que había para sementar, e recorda moitísimo agarimo tamén a unha señora de nome Pepa.

Pepa era moi baixiña, vivía en fronte á gasolinera da Ermida, mira si era baixa, dime Pilar, que o mango do lejón era máis alto que ela, imaxína como sería !

De Pepa recorda que tiña un fillo e unha filla, a filla de nome era Carmen, do fillo non se recorda, a filla Carmen co tempo era a que ía a Pontevedra a facer os recados que habitualmente realizábaos Esperanza, pero ao facerse maior foi Carmen a que se encargaba. Que traballadora era Pepa ! Comezaba a traballar e non paraba, era seguido o seu traballo, só paraba á hora para comer, que muller máis traballadora !.

Nós iamos á tenda de Falcón, quedaba preto de casa claro, comprabamos pouca cousa, de paso collíamos o pan que nos deixaba alí o panadeiro de Lerez.

Os recordos de Esperanza vólvenlle á memoria a Pilar, de cando a acompañaba ao Caeiro, a lavar a roupa, ela era pequena, pero sempre a donde ía Esperanza, ía ela.

Falamos de novo da enorme leira que había detrás da súa casa, mira Juan, recordo que tiñamos unhas maceiras  que estaban situadas á beira mesmo do cemiterio, as súas mazás eran de cor vermella e coñeciámolas co nome das mazás do demo e moita xente non as comía porque dicían que sabían a morto.

Tamén recordo ver ao meu pai estar encima das ramas dos cereixos, que cereixas tan grandes tiñan !

No verán adoitabamos comer na mesa de pedra que está situada debaixo do camelio, por certo ese camelio plantouno o meu avó, mira que si ten anos !

Camelio e mesa de pedra donde comía a familia Carballo.

E na parte superior, onde está situado o muro había un viñedo que tiña diferentes clases de uvas.

O meu pai era un gran cazador e pescador, recordo de que ía moito por Santarandán, aínda hoxe en día temos algunha propiedade alí, aínda que algún veciño xa anduvo cambiando os marcos jajaja. Pois falando de meu pai, a veces collía no rio Rons as troitas a man, de tantas que había !
Pola parte dianteira da casa tiñamos unha galería onde se vía o cruceiro, había tamén unha gran robleda onde xogabamos os nenos e as nenas, por diante da casa pasaba a presa do auga, e teño un recordo que me fai moita graza.

Canducho, que vivía na Bouza, traía sempre na súa cabeza unha boina posta, achegábase á presa e collia a boina coa man e tirábaa á presa, mentres dicía: EU SONCHE ASÍ ! E despois volvíaa a colocar a boina na cabeza toda mollada, jajajaja.

A EMIGRACIÓN

Cando empezamos a falar da emigración a Pilar volvéronlle a caer as bagoas , aínda que a ela directamente non lle afectou que na súa familia emigraran, pero causáballe moita pena ver que aqueles veciños e veciñas que tiña moita relación con eles  e marchábanse da súas casas, e os seus amigos , que pena lle daba, íanse os seus amigos de infancia !  aqueles con os cales xogaba e merendaban debaixo do camelio, na mesa de pedra, onde a súa nai preparáballes na época do Entroido as filloas e follas de limón.

Acórdase de Faustino do lugar de A Bouza, fillo de Eugenia,  era un home marabilloso, moi boa persoa, tivo unha enfermidade moi grave, daquela non se sabía o que era, hoxe en día sí, tivera un Cancer de colon, pasouno moi mal, un dos seus fillos de nome Inocente era afillado dos seus pais, Faustino morreu os 34 anos.

Recorda que Eugenia quedara cos netos, aos cales deulles clase a nai de Pilar, máis tarde fóronse para Montevideo, onde estaba Fina, a súa nai, anos máis tarde Fina volveu á súa terra, quizais a vender as propiedades que herdaran, pronto se foi de novo, máis tarde tamén se foi Eugenia un tempo cara alá.

Despois cando Pilar foise para Asturias xa non soubo máis desta familia.

Tamén recorda a unha señora, de nome Dolores, era a caseira do cura, tamén lle deu moita pena a súa marcha para o Uruguay, un día Pilar foi co seu pai ao porto de Vigo, a despedir a uns veciños, era horrible ver aquel barco con tanta xente chorando, tanto os que se quedaban como os que se ían, recorda entre bagoas.

Pilar aínda é hoxe o día que cando ve pola televisión a toda a xente que emigra comeza a chorar, os recordos daqueles anos están sempre presentes na súa mente.

O CHAN DO MONTE

Pilar recorda ao seu pai de ir xogar ao fútbol ao Chan do Monte, e tamén cando ían a Verducido a xogar , nai miña ! que pelexas se montaban entre eles ! O meu pai sempre o comentaba en casa cando estabamos comendo, sempre que xogaban entre eles, sempre acaba en pelexas entre uns e outros.

D. José Carballo , pai de Pilar
Unha vez iamos uns cantos nenos en dirección ao Chan do Monte e a metade de camiño pasoume un detalle de coidado, eu tería daquela cinco ou seis anos.

Si vas desde a Casa do Pobo en dirección ao Chan do Monte a metade de camiño aproximadamente, e a man esquerda había no monte unha especie de focha enorme, parecía como unha cova .

Recordo que na época dos Reis Magos o meu pai traía de Pontevedra xoguetes para todos os nenos que ían ao colexio, daquela o meu pai coñocia a xente importante da cidade e pedíalles os xoguetes.
Os días de Reis na miña casa era un número, coméntame Pilar, ver aqueles nenos subir a casa todos ilusionados por ver que lle trouxeron os Reis, recorda Pilar que subían as escaleiras e atopábanse cun recibidor, o cal estaba adornado cuns mobles de mimbre, e había unha porta enorme para entrar na escola.

Dita porta era moi pesada, ata cre recordar que tiña unha tranca. É aquela porta tiña por unha banda unha estantería chea de libros, e pola outra parte era normal.

Recordando os libros da porta vénlle o recordo da cantidade de libros que había naquela casa, tiñan libros das carreiras dos seus tíos, tamén había colección de novelas, había centos de libros, a pena foi que ao final terminaron queimándoos, aínda hoxe en día una das fillas de Pilar aínda se bota as mans á cabeza por terminar desa forma a gran colección de libros que alí tiñan. Con respecto á porta Pilar volve falarme dela, é que era enorme, debía pesar uns mil quilos, e un deses día de Reis meus pais abrían a Porta, e o entrar na escola alí estaban os xoguetes, recorda que os seus pais trouxéronlle aquel ano un moneco de cor negro, Pilar emocionouse de tal forma que comezou a chorar o ver o moneco.

Tamén ten un recordo doutro día de Reis, os seus pais baixaran á capital para recoller os xoguetes que lles tiñan preparados, mentres tanto os nenos e as nenas decidiron ir ata o Chan do Monte, e achegáronse á focha que comentara antes, Pilar levaba posto un abrigo e o seu pelo iba recolleito con duas coletas enormes.

De súpeto todos se puxeron ao redor daquela focha, para eles era como unha cova, era moi fonda, acórdase perfectamente que estaba o seu irmán e catro ou cinco pícaros máis, puxéronse todos agachados mirando cara ao fondo, e de súpeto un dos nenos colleu unhas cascas de eucalipto e prendeulle lume, seguidamente outro neno fixo o mesmo e comezaron a dar voltas á focha con aquelas cascas ardendo, vese que un dos nenos ao pasar por xunto Pilar caeulle parte das cascas ardendo é ela non se decatou, cando se deu conta diso o abrigo estaba ardendo completamente, Pilar comezou toda asustada ás presas a correr monte adiante e o seu irmán intentando ir detrás dela para apagar o lume, as trenzas do pelo salvoullas por pouco e o seu irmán sempre que recordaban ese momento metíase con Pilar dicíndolle que grazas a él salvoulle a vida, Pilar rise por primeira vez recordándome esa anécdota.

Foi un susto moi grande, o meu irmán tivo que desprenderse do seu chaquetón para apagarme o lume, quedeime en camiseta e braguiñas.

Baixaba cara a casa cunha dor espantosa, a señora Casilda, o señor Gumersindo…estaban todos asustados ao verme así, que boa era Casilda, sempre en época das cereixas dábanos das súas, que ricas sabían ! recordoa indo a Pontevedra a vender sementes, como a señora Hermosinda. As dúas eran moi amigas, si non mal recordo creo que Casilda era madriña da Rita, a filla de Hermosinda.

A Casilda unha vez botáronlle a culpa dun roubo e os meus pais defendérona con uñas e dentes, estaba traballando na casa duns señores e faltoulle algo, quixeron botarlle a culpa a Casilda, co a boa persoa que era, Casilda nunca faría eso.

Pois Casilda, mentres os meus pais non chegaban de Pontevedra foi a que me estivo coidando e poñéndome uns parches para acougar a dor, por certo que non sei que era o que me estivo botando, pero tiña un cheiro que hoxe en día me dá un non sei que, era un ungüento de cor amarelo, non recordo o nome.

Foi a única cousa de gravidade que pasei na miña niñez en San Vicente.

Tamén unha vez fomos ao río varios nenos, preto de Santarandán, un pouco máis abaixo de onde tiñamos a toxeiras, eramos uns oito raparigos, catro eramos irmáns…..comezamos a xogar e cando nos demos conta fíxose de noite, entón os meus pais e os pais dos outros raparigos comezaron a preocuparse pola nosa falta, empezaron a dar a voz de alarma e foron falar co cura para que tocasen as campás, todo o mundo implicouse na procura, cando nos atoparon a miña nai dou lles unha boa malleira aos meus irmáns, a min, como era a pequena non me tocou, pero os demais levaron de xeito abondo, os meus irmáns aínda é hoxe o día que mo botan en cara jajaja, cando nos reunimos nalgunha comida familiar e recordamos estas cousas sempre están dicíndome que eu me salvei da malleira, eu contéstolle que non tiven a culpa, eu era a máis pequena e que facíalles caso a eles.

PILAR CASA CON CANDIDO

Mentres os anos ían pasando, a súa tía conseguía unha nova escola, era máis importante que a nosa e vaise de Cerponzóns,  collendo a substitución María Severina, a nai de Pilar.

Pero o tempo ía pasando e despois ao facernos maiores fomos a vivir a Pontevedra, pois para estudar éranos máis cómodo.

Houbo unha época en que a nai de Pilar tivo que irse por un ano a Madrid, a opositar, foi cando, con permiso do Obispado, Pilar comeza a dar clases con 17 anos en Cerponzóns, o seu agarimo pola parroquia era tal que non podían deixar de dar clases a aqueles nenos e nenas.

Pilar cásase no ano 1961, rise cando pensa en que ninguén da súa familia pensaba que se fose a casar con Candido, con aquel señor maior, que estivo soamente un ano en Cerponzons, pois o seu posto era temporal, e tivo que irse  a dar clases a Salvatierra, nadie podía pensar que o amor xa prendera en eles, e seguiron véndose….

Candido aínda estando en Salvatierra, todos os fins de semana viña para Pontevedra, e Pilar collía o autobús e íao velo, recorda Pilar que un día o seu pai a viuna  na parada do autobús e preguntoulle a donde ía, ela non quería dicirlle que ía xunto a Candido, díxolle que ía de visita, pero él non lle deixou ir, Pilar non tivo máis remedio que irse para casa, imaxínache, dime Pilar, como quedou chafado o meu marido, é que ademais non podía avisalo de ningún xeito, daquela non había teléfono móbil jajaja.

Pilar e Candido, vanse de lúa de mel, a súa primeira parada é na Coruña, Candido quería ensinarlle a Pilar onde pasara o servizo militar, si mal non recorda fora sarxento naquel tempo.

Logo de estar alí un día , vanse camiño de Oviedo, enamóranse daquela paisaxe, das súas xentes…deciden quedarse alí e pasan máis de dez anos por aqueles pobos, nas zonas mineiras,  Cangas de Onis, Mieres…..dando clases nos colexios e moitas clases particulares, moitas.

Cangas de Onis, anos 60
A súa intención era quedarse a vivir en Asturias, pero o pai de Pilar insistíalle cada certo tempo en que volvesen ás súas orixes, eles non estaban polo labor, eran felices alí, pero ao final volveron. Candido comezou unha nova andadura no mundo da enseñanza, impartiu clases no Hospicio e despois pasou para o Príncipe Felipe.

Un pouco despóis de falar da época de Asturias, pregunteille si casouse na nosa parroquia, si, contéstame, eu fun bautizada alí, fixen a primeira comuñón, confirmáronme, como os meus outros irmáns, todo en Cerponzóns…A maioría da miña familia está enterrada no cemiterio da parroquia, á beira do que durante anos foi nosa casa.

Alí está o meu marido, que se morreu no ano 1998, tamén teño á miña nai, a meu sogro…excepto ao meu pai, que está enterrado en San Mauro.

DOUS ANOS FATÍDICOS

Pilar gozou muitísimo na época que pasou vivindo na parroquia, encantáballe onde vivía, aquela casa tan grande, os animais, a leira coa horta…..cando tivo que vivir nun piso non se deu nunca adaptado, sentía a necesidade de ter unha casa, coa súa leira e o seu horto, hoxe en día goza precisamente disto, e cando ten calquera momento de tristeza e preocupación por algún motivo, vaise para o seu xardín e coida das súas plantas, alí esquécese de todo, e iso que o seu xardín quédalle pequeno ! A súa ilusión de sempre era comprarse unha casa, aínda que fose antiga e tivese que restaurala, e que tivese moito terreo para poder sentirse como na súa mocidade, añora esa falta toda a vida.

Pilar dime que si chegase a vivir o seu marido seguro que a haberían ter.

A falta do marido e doutros seres queridos nun periodo curto de tempo fixo mella en Pilar, non esquecerá nunca o que en dous anos sucedeulle, morreu o seu pai, o seu marido, o seu sogro e o seu xenro , catro homes en dous anos, foi horrible, chegou a odiar as flores, os cemiterios e todo o relacionado coa morte. Máis tarde morreu a súa nai, un sobriño xovenciño, cun futuro enorme por diante….máis adiante falece o seu irmán, sentiuno muitisimo, era un ano máis maior que ela e sempre pasaron xuntos a niñez, fálame que o seu irmán César fora un gran médico, traballou durante anos exercendo no Hospital Xeral de Vigo, estivo uns anos de xefe de urxencias.

Un home buenísimo, mui querido polos seus pacientes, ata tratou a algunha veciña da parroquia. Aínda sendo xa maior, Pilar recorda de ir á Casa do Pobo, miñas irmás levaban os amigos que tiñan en Pontevedra a pasar o fin de semana, eramos moitos os que estabamos alí, todos quedaban impresionados da enorme leira que había, cos frutáis, daquela aínda non estaba feita a parte nova do cemiterio.

Mentres miramos algunha foto que lle vou mostrando no móvil , imos falando dalgúns veciños que lle veñen á memoria, pregúntame por Clara, como está Clara ? Antes cando subía a Cerponzons víaa alí fóra da súa casa, fai tempo que non a vexo, ela foi moi traballadora, a recordo traballar na nosa casa, tamén lle ía a facer a limpeza ao despacho do meu cuñado…tamén me comenta dalgúns veciños aos cales o seu pai influíu para que lle desen traballo na Cross…seguimos vendo fotos do blog de Ana, voulle indicando quen son os das fotos e comeza a falar de moitos deles, Isabel, Valentín, o cura….de cando en vez sorpréndese dalgunha foto, noutras comenta o guapas que saen as mozas….Pilar non sabía que tiñamos tantas fotos, seguimos vendo máis…. , as festas do ano 1923….

Son tantas as fotos e fanlle tanta ilusión que lle deixo a dirección do blog de Ana para que as vexa noutro momento.

Aínda que non é de ver moitas fotos, e menos que fáganlle fotos a ela, porque di que sae moi fea nelas, pero faille ilusión ver as da xente da parroquia, mentras eu pídolle que me mostra algunha das súas…

Pilar mostramé as fotos que ten expostas no salón da súa casa, tivo catro fillos, que lle deron tres netos, en un dos mobles do salón os tennos a todos alí, presidindo a exposicion está colgada na parede a foto da tía Aurelia, a primeira mestra da saga dos Carballo.

Pilar sempre terá no seu corazón á súa parroquia que a viu nacer, cando lle pregunto si os seus fillos e netos teñen o mesmo sentimento por Cerponzóns contéstame que non, xa que eles non naceron alí, non viviron nunca, soamente teñen un lazo de unión coa parroquia porque lle acompañan cada ano ao cemiterio, a visitar o lugar onde están parte dos seus seres máis queridos.

Grazas Pilar por esta conversa.

2 comentarios en “CONVERSAS CON PILAR CARBALLO

  1. Gracias a vosotros, os voy a comentar una cosa.
    Desde hace dos años hemos creado un grupo de wasap con gente que tiene relación con la parroquia de Cerponzóns.
    El grupo se denomina CERPONZÓNS POLO MUNDO.
    En este grupo están sólo vecinos o parientes de gente de la parroquia, esa es la condición.
    Están en el grupo vecinos que viven en Australia, Brasil, Argentina, Francia, Suiza…y también en varias ciudades de España.
    Si es vuestro caso, el tener raíces en Cerponzóns y vivís fuera de Pontevedra, os invito a estar en el grupo, en el vamos informando de todas aquellas cosas que tienen que ver con Cerponzóns ó alguna relacionada con nosotros.
    Si queréis estar solamente decirme el,país donde estáis viviendo y un número de teléfono.
    Un abrazo.

    Gústame

  2. María Elena

    Buenas tardes, María Elena e Inocente,nacido en la Bouza le cuentan que va hacer 21 año que estamos en España.
    Quince de ellos en Barcelona y en agosto hace 6 años en Sevilla.
    Vamos a Cerponzones a menudo este año debido a la pandémia no es posible.
    Nuestro teléfono es… vivimos en la Ciudad de Lebrija, Provincia de Sevilla.
    Siempre agradecidos y esperando noticias.-

    Liked by 1 person

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s