O LOITO, VELORIOS….

O LOITO

Cando comezo a pensar nos meus recordos sobre o loito, un dos primeiros que me vén á memoria é aquel día que estando na igrexa unha muller choraba desconsolada a perda do seu home. Eu non o entendía, fun testemuña durante anos do maltratada que era por parte do seu marido, si, daquel que estaba de corpo presente e que durante anos habíalle feito a vida imposible, non o entendía, debía de estar chea de ledicia ( pensaba eu), da que se librou !

E gardoulle loito, por suposto, seguramente o facía polo que dirían, e que non se lle ocorrese unha segundas nupcias, porque inmediatamente era xulgada de forma negativa, seguro que recordades algunha cencerrada na nosa parroquia.

Cantas noites chegóuselle a facer a vida imposible a aquelas mulleres viúvas que querían vivir cun home….caldeiros, chocas, sarténs, pitos e todo canto podía facer ruído, aquilo era algo por de máis, que mal o pasaron…..

 Así era daqueles anos, cantas veces nos contaron, por exemplo, que a unha nena con 3 anos vestírona de loito porque morrera o seu pai, e cando recentemente cumpridos os 5 seguía de loito debido á morte da súa tía, e aos 9 o seu padriño…e así pasaba os anos, de loito seguido, e despois o seu marido e máis tarde un fillo….así ata os 94 anos, sempre de loito, sempre de negro.

A duración do loito dependía do grado de parentesco co finado. Por exemplo, polos pais, fillos, irmáns, tíos e sobrinos, oscilaba entre tres meses e un ano.

Polo marido adoitaba gardarse durante dous anos polo menos, aínda que un gran número de mulleres mantíñano durante o resto da súa vida, e ao final, nos últimos anos, pasaban a certo tipo de pezas de cores escuras, coñecéndose como vestirse “de alivio”.

Recordades ás vosas avóas ? Recordades algo que vos contaron da súa mocidade si estaban de loito ? Hai quen me comenta que á súa avóa non a deixaban escoitar música, que tiña que facelo ás agachadas, ou cando pasaba por diante da casa as gaitas ou a banda de música o día de festa, sempre escoitándoos os seus pasacalles coa fiestra pechada, ou quen non tivo unha avóa que non puido facer a Primeira Comuñón vestida de branco, e tivo que facelo de alivio ? 

En cambio os homes non se enlutaban como as mulleres, salvo cambiar a cor dos botóns das camisas ou poñer un brazalete negro na manga da camisa, e pouco máis. As prohibicións pagábanas mayoritariamente as mulleres.
O loito é unha forma de expresarse en resposta á morte, é dicir é o xeito de mostrar externamente os sentimentos de dor e pena ante o falecemento dun ser querido, eu sempre penso que a dor vai por dentro, por fora mostras a veces algo que non compartes, pero faise polo qué dirán……

Son varios os aspectos que se centran na morte, nos enterros, a roupa etc., porque tamén forma parte do noso patrimonio cultural e que non ven mal recordar.

Poida que quizáis muitos de nos non sabemos que o orixe de levar loito vén da época dos Reis Católicos, debido a unha serie de leis e reglamentos que dispuxeran a raíz da morte dun príncipe. Os Reis ordenaron a Pragmática de Luto y Cera, pola cal o loito debía representarse coa cor negra, antes desta lei, o loito era branco, e foi a partir de aí cando as manifestacións de dor e de pena pola morte dun ser querido faríase co negro.

Coa nova Lei tratábase tamén de regular que número de persoas vestirían de loito, así que se ordena que os vivos vestírian loito polos pais, avós, sogros, marido, muller, irmáns…Tamén se estipula o atuendo que deberían vestir e o que non, tamén o tempo de loito,  como se tiña que ornamentar a casa onde se se ía a manifestar o duelo, o que se podía poñer nas igrexas, incluída a cantidade de cera.

A parte relativa a cera e que é tan importante como para formar parte do título da lei, céntrase na prohibición de poñer na sepultura máis de doce hachons ou cirios, e o curioso é que non entraban nesa prohibición as candeas e velas que portaban os clérigos, nenos de doutrina e cofrades que acompañan os cortexos de defuntos. Tampouco entraba na prohibición a cera que se doaba á Igrexa por parte do falecido ou os seus herdeiros, á que se comparaba cunha esmola.

No que non había prohibición era no número de misas, e a cantidade de esmola que se entregaba á igrexa polo alma do defunto, xa fose por disposición testamentaria do falecido ou realizado polos seus herdeiros; de feito o texto da lei animaba a que o que antes se gastaba en demostracións e aparencias, gástese e distribúa no que é servizo de Deus e aumento do culto divino e ben das ánimas dos defuntos.

A lei desapareceu, pero converteuse en costume muitas destas ordenanzas.

O PORQUÉ DA COR NEGRA.

Escolleuse a cor negra para o loito debido a que o negro é a cor da noite, da escuridade, do misterio, do tétrico, en si a morte evocaba medo e o xeito de expresar ese medo era en negro.

Así que co loito condenábase aos parentes do finado a estar nun estado de tristeza, a non poder facer unha vida como calquera outro veciño, tiñan que ser unha vida en soidade, de reclusión, sendo parcos en adornos, é dicir, o loito conlevaba ademáis de ir de negro a ter unha serie de actitudes e de prácticas que ían dirixidas a vivir nunha profunda tristeza.

A vida dunha muller viuda, por poñer un exemplo, era estar recluída na súa casa, coas fiestras pechadas, tíñase que afastar de todo o superfluo e de luxos.

Na nosa parroquia, como nas outras, a veciñanza tivo que acollerse a estes reglamentos, formando xa parte do acervo cultural.

Porque en cada lugar os costumes podían variar algo, pero foron persistindo de unha maneira ou de outra na nosa sociedade, con pequenas variacións, por exemplo o levar o atuendo en cor negro, as manifestacións de dor dos máis achegados ao defunto, o illamento social debido á vez que tiñas que gardar loito durante meses ou anos……
Antiguamente estas mostras de dor polo falecemento dun ser querido era moito máis esaxerado que hoxe en día, chegaban a extremos de abnegación profunda.

 Aínda que a dor fose sinceira ou non, a propia sociedade impoñíache unha serie de obrigacións que un tiña que cumprir para así mostrar a súa fidelidade á persoa falecida, e que dicir con respecto á muller, tiña que ter unha vida piadosa, de recollemento, de silencio…era moito máis acentuada que no home.

Moitos de vós recordaredes aquelas mulleres vestidas de xeito total de negro, incluíndo os complementos. O negro copábao todo.

Por outra banda, tamén é de recoñecer que as manifestacións de dor eran moito máis acentuadas nas mulleres que nos homes.

OS CAMBIOS O LONGO DOS ANOS 

Polo século III d.C. os galegos incorporamos a practica funeraria da inhumación dos corpos, de esa forma sustituía a cremación castrexa, pasando así a enterrar os morto en cadaleitos, a maioría deles feitos con tellas planas ou tamén con lousas de pedra.

Na cultura na que vivimos actualmente o home vive de costas á morte, sempre cunha actitude negativa fronte á mesma. Pero a morte non se pode evitar, é por iso que cando chega o momento os rituais que se levan a término son o máis rápido posible, para que pase canto antes ese momento tan doloroso.
Pero antiguamente non era así, as despedidas aos seres máis queridos convertíanse nuns actos sociais de envergadura.

O defunto velábase na casa, logo ía aos ombreiros ata a igrexa e despois finalmente ao cemiterio., todo isto cun gran acompañamiento, participaba prácticamente todos os veciños, tanto co corpo presente como de volta a casa despóis do enterro, comían e bebían, había tamén momentos en que non faltaban os chistes picantes e as bromas macabras.

Máis dunha vez ten sucedido que o chan da casa onde se velaba ao defunto viñésese abaixo, daquela o chan era de madeira e coa cantidade de xente que ía dar o pésame non era de estrañar que se afundise e aparecesen na cuadra da vaca, veciños, familiares e o difuntiño.

A AGONÍA

Segundo os cánones que imperaban na Galicia tradicional, era importante que durante a agonía o moribundo mantivese a conciencia ata o último momento. Rodeado da familia máis achegada, colaboraba nos rezos, conversaba cos seus e dáballes os últimos consellos, recibía o viático e a extremaunción. Era unha agonía que transcorría nun ambiente cargado de sacralidad, rodeado de cirios, rosarios, escapularios e de imaxes da Virxe e de santos.

Había casos en que se contrataban ás plañideiras, mulleres que se dedicaban a percorrer as aldeas cando había defunto, a cambio dun pouco de unto ou un pouco de fariña , pasábanse chorando todo o proceso, esta era un xeito onde se medía a ostentación, cantas máis mulleres plañideiras, máis rica era a familia do defunto. Eu aínda teño recordo de acudir á casa dalgún defunto e oír ás choronas…Todos escoitamos infinidade de veces a frase : ” a chorar a Cangas”, vén precisamente de fai moitos anos da vila de Cangas, onde eran moi famosas as choradeiras, onde a máis popular era unha muller que a coñecían pola Torrosa, fixo da congoxa a súa forma de vida.

Tras o deceso, toda a aldea pecha filas en torno a familia, o duelo era menos duelo coa axuda da contorna social, que se encargaba en apoiarche en todo o posible, os veciños eran alertados polo repique das campás e acudían á casa do defunto, desde ese momento facíanse co timón dos acontecementos. Mentres as mulleres preparaban un refrigerio para os invitados e visten ao defunto coas súas mellores galas, os homes encargábanse de procurar sustento para o gando.

Fai moitos anos os enterramentos producíanse ao redor da igrexa, os membros máis notables da parroquia ocupaban o interior, mentres que o resto da poboación eran enterrados nos terreos colindantes. Pero a propagación de enfermidades e epidemias fixo que se empezará a prohibir os enterros nos templos e nos seus alrededores, é polo ano 1785 cando se comezan a realizar os primeiros cemiterios civís en España. E a partir dese momento os cemiterios municipais, despois na década dos 50 comezan a modernizarse os servizos funerarios e os costumes van cambiando, ata os anos 60 a igrexa aconsellaba a sepultura do cadáver pero recoñecía que a cremación non era contraria a ningunha verdade natural ou sobrenatural e por ese motivo non se debía negar os sacramentos e os funerales para aqueles que solicitasen ser cremados, máis tarde, no ano 2016, ante o gran incremento da taxa global de incineración, o Vaticano establece unha regra, as cinzas do defunto, por regra xeral, deben manterse nun lugar sagrado como un cemiterio, unha igrexa ou un área dedicada a tal fin. É dicir que a igrexa non permite a conservación das cinzas no fogar, como sucede ás veces, excepto nalgúns casos en que se conceda un permiso especial.

A construción de tanatorios (os primeiros foron ao final dos anos 60) fai que moitas dos costumes ata ese momento vaian desaparecendo, nas parroquias aínda tardou un pouco máis, pois custaba cambiar a forma tradicional que ao longo de tantos anos tíñase asimilada.

É a mediados dos 70 cando se comenza a montar os fornos crematorios no noso país, unha “moda” que ao principio moi pouca xente estaba por ela, nos anos 80 soamente un 2% dos falecidos era incinerado, hoxe en día calcúlase que está nun 40%, chegando nalgunhas cidades ata o 70%, aínda que na contorna do rural a porcentaxe segue sendo moi inferior a estas cifras, os hábitos custan cambialos.

2 comentarios en “O LOITO, VELORIOS….

  1. Merchy

    En las fotografías de boda de mi madre y mi tía están vestidas de negro por luto de mi abuela. No pudieron casarse de blanco. Que pena.
    Yo sin embargo, no soy partidaria del luto, el sentir no se lleva en la ropa, sinó en el corazón. DEP todos mis seres queridos.

    Liked by 1 person

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s