MANUEL LÓPEZ ESPERÓN (MANOLO CAMPAÑÓ), 1ª parte

MANUEL LÓPEZ ESPERÓN (Campañó,12/07/1924) (01/01/2021)


O ÚLTIMO COMUNISTA.

RESIDENCIA MONTE TECLA, a Guarda.

Luns, 11 de Novembro do 2019, dous cafés cortados.

Seis meses antes de haber eu nacido, Manolo xa levaba anos metido de cheo na organización do PCE, seguramente estaría no VI Congreso do Partido Comunista de España que se celebrou no mes de Xaneiro de 1960, onde se deu a coñecer o programa de devandito partido, daquela contaba con 36 anos, mentras tanto eu estaba na barriga de miña nai…

OS ANOS DO MEDO

Comecei a ter referencias de Manolo cando tiña uns dez anos, ata ese momento non era habitual falar de comunistas na miña casa, nin na taberna, nin na cociña cando estábamos comendo,  e sendo ademáis da familia ainda menos, tíñase como escondido, quizáis para que non chegase a oídos de alguén que non interesaba que o soubese, o medo, quizáis a vergoña ao que dirían, facía que a vida de Manolo fose un tabú, aínda hoxe en día cónstame que algún familiar de Manolo non sabe da súa vida nin a metade.

Recordo vagamente a primeira vez que se falou de Manolo na miña presenza, seguramente escapóuselle ao meu pai o seu nome, e a miña curiosidade fixo que lle preguntara que quen era ese home que era un comunista, e que o meu pai, con certa preferencia por Franco, falaba moi ben del, de Manolo, O Comunista.

O meu pai non quería entrar en detalles en dicirme quen era Manolo, tras insistirlle varias veces e ter a calada como resposta, esperéi  a que se fose aos seus quefaceres, sen esperar máis tempo fun a xunto a miña nai a preguntar por Manolo, quen é Manolo mamá, dime quen é ese señor, que ten que ver connosco o comunista ?

A miña nai miroume e co dedo indice diante da boca suxeríame que me calase, que falase en voz baixa.

Cala, iso son cousas de maiores, da época da guerra, non che importa, ti o que tes é que poñerche a estudar, esquéceche do que se falou na mesa hoxe.

Pero a min esa resposta non me valía, non me iría a estudar sen antes saber que relación tiña Manolo coa nosa familia, como Roque que son.

-Mamá, dime que ten de relación connosco ese tal Manolo, só iso e voume a estudar.

-A miña nai volveume a sinalar silencio de novo co dedo, baixa a voz Juanito, que che van escoitar na taberna.

-Mamá dime quen é, anda.

-Achegouse a min e rumoreando díxome : Manolo é primo do teu pai, é de Campañó. E agora pasa a estudar.

Quedeime de xeo, tiñamos un parente comunista !

A miña nai advertíame que non llo dixese a ninguén, pero a ninguén, nin aos meus dous mellores amigos.

E así foi, non llo dixen a ninguén, non fóra a ser que pasase algo, aqueles tempos viviamos co medo metido no corpo, todos os meus amigos e amigas, os que tiñamos as mesmas idades, ano arriba, ano abaixo, nacemos co medo metido no corpo, non nacemos cun pan debaixo do brazo, senón que nacemos cunha venda que nos cubría todo aquilo que non se debía de falar, daquela maldita guerra entre irmáns, das vinganzas e axústes de contas…..

Manolo, o comunista.

E así un día, cando estaba a soas co meu pai pregunteille: papá, quen é Manolo, o comunista ?

O meu pai quédome mirando e a súa resposta foi clara e concisa, un primo meu.

Non quixo dicirme nada máis , eu insistín, pero porque lle chaman o comunista ? É malo ? Onde está agora ?

Iso a ti non che interesa, son cousas do pasado que non deben falarse, mellor así.

Non fixen máis preguntas, naquel momento, sabía que era mellor non tirar do meu pai, non quería que sacase o seu mal xenio, xa habería outro momento para ir tirando do fío.

UNHA PARTIDA DE CARTAS

Normalmente os sábados era o día escolleito polos homes que afacían vir á taberna para quedarse a xogar ás cartas ata as tantas da mañán, bueno comenzaban coas cartas, e finalizaban xogando o chinchimone.

Un día de tantos nos que eu estaba presente vendo como xogaban á virisca de seis, gustábame ir analizando a cada un dos que compoñían a partida, o ver os seus xestos, como daban as señas sen que os contrincantes decatásense, observar como se sentían orgullosos de gañar a partida e comentar a fazaña coa retranca que os caracterizába….

Un día deses decateime de algo máis de Manolo, quizáis o meu pai non se deu de conta de que eu aínda non me había ido para cama, quizáis porque tamén pensou que xa era hora que eu soubese algo máis sobre él, fose o que fóra, o meu pai sacou a relucir a Manolo, o comunista…

Todo comezou nunha discusión sobre a guerra e as consecuencias que trouxo, que si uns eran os bos, que si outros os malos…

Nun momento deses, o meu pai comezou a comentar unha anécdota sobre o seu primo…

Mirade, por si non o sabedes, eu teño un primo de Campañó que é comunista, pero comunista desde moi novo, naceu así, con esas ideas.

Un día uns veciños de Manolo e meus, que eran moi pobres achegáronse a casa dos pais de Manolo, íanlles a pedir unhas terras para traballar, xa que eles non posuían nin un metro de terra para poder plantar unhas patacas.

-Señor López, ben sabe que somos pobres e non temos terras para traballar, si vostede fóra tan amable de cedernos algunha das súas leiras agradeceriámosllo de mil amores, estamos sen nada, e temos moita necesidade, necesitamos alimentar aos nosos fillos.

O pai de Manolo tiña suficientes leiras, deixarlle algunha a esa familia non lle ía causar problema, aínda así lles puxo unha condición:

-Bo, cédovos unhas leiras, pero iremos a medías, do que saquedes das colleitas das leiras a min téndesme que pasar a metade de cada unha delas.

A familia accedeu á proposta e os poucos días comezaron a traballar as terras.

Á hora de comer, na casa de Manolo saíu a relucir o trato que fixera o seu pai cos veciños…

O meu pai comentaba isto a todos os que quedaran logo de finalizar a partida de cartas, levantáronse e ocuparon a barra da taberna, a intención era pagar a conta e marcharse, xa eran horas, pero a conversación era interesante, así que o que máis e o que menos volveu pedir outra cunca de viño…..

Así, mentres o meu pai servíalles o viño , íalles contando ao detalle toda aquela historia…

Cando estaban na mesa comendo, o pai de Manolo comenzou a dicir que chegara a un acordo cos veciños para ceder unhas terras, voulle deixar as leiras que nos quedan máis lonxe e que perdemos moito tempo en ir ata elas, eles traballaranas e coidarán, ademáis o trato benefícianos, terán que darnos a metade do que colleiten.

Manolo ao escoitar dicir ao seu pai o trato que concertara cos veciños, díxolle :

Meu pai, vexo que obraches ben en ceder unhas terras a estes veciños que están tan necesitados, pero o que non me gusta é ao trato o que chegastes, esa xente necesita a colleita enteira para eles, aínda así non vai ser moito o que consigan nesas terras para satisfacer as súas necesidades para todo o ano. O mellor que podes facer é que se leven a colleita enteira para eles, nós temos suficiente coa nosa.

Debes de ir xunto a eles e dicirllo.

E así foi, así o fixo.

Carallo para o comunista ! Que detalle tivo cos seus veciños ! Iso non o fai moita xente ! Comentaban os paisanos na taberna. O meu pai asentía e dicíalles que Manolo era así desde moi novo, as súas ideas eran as de dar a quen tivese necesidade, de repartir entre os máis necesitados.

Así foi como comecei a saber cousas de Manolo, pero non o coñecín personalmente ata moitos anos despois.

Un día , non recordo nin onde nin cando, o meu pai presentoume a Manolo, falamos un momento, comentamos varias cousas da nosas vidas, sobre os nosos traballos eu díxenlle que estaba en Peral, Manolo díxome que levaba unha representación de teas, así que tiñamos algo en común e inviteille a que viñese por xunto miña cando quixese e así podiamos falar máis tranquilamente, eu tiña interese en saber sobre a súa vida, a súa traxectoria e a situación actual naqueles momentos.

AS VISITAS DE MANOLO

Pasaron uns días logo de coñecernos, e Manolo presentouse no lugar do meu traballo, comezamos unha longa amizade durante moitos anos.

Normalmente visitábame polas tardes, tiña planificado o seu día a día, durante anos viviu no Hotel Virgen del Camino, alí tiña unha habitación alugada onde posibilitaba que puidese vir a visitarme asiduamente.

O seu día a día era normalmente pola mañán o de levantarse, prepararse e ler a prensa, despóis tocaba comer e dar unha volta, sobre as sete da tarde era cando viña por xunto miña, dependendo si eu estaba ocupado ou non, tiñamos o noso momento para falar dos temas da actualidade, a maioría eran relacionados coa política, él daba o seu punto de vista, eu o meu, tíñamos puntos en qué estábamos dacordo, outros non tanto, así era habitualmente, había sempre de que falar e discutir.

E así, día tras día , Manolo e eu iamos tendo máis confianza e iámonos abrindo un ao outro comentadonos certas cousas que habitualmente non as falabamos, nin entre nós, nin coas demáis amizades.

Aínda así a Manolo custaba sacarlle cousas relacionadas co seu paso polo partido comunista, era reacio a iso, en moitas ocasións eu buscaba o xeito de que comentase sucesos vividos por él en primeira persoa, pero non había forma, sabía como cambiar de tema, eu quedábame coas ganas, será noutro momento, quizáis o próximo día, ese era o meu pensamento en muitas ocasions.

Ata que chegou o día, xurdiu de imprevisto, foi a raíz dalgún comentario relacionado coa época en que era perseguido, Manolo comezou a falarme….

SIN UÑAS, NIN NOS PÉS, NIN NAS MÁNS.

Unha vez estabamos moi perseguidos, en varias ocasións estiveron a piques de deternos, era, si mal non recordo, polo ano 1948 cando cae a organización comunista de Pontevedra, somos apresados uns 80 militantes en toda a provincia.

A min e a uns cantos compañeiros leváronnos á carcel de Vigo, durante días tivéronnos nas peores condicións, cada día levábannos a declarar, pasabamos días sen comer nin beber, sen luz e sen roupa, tíñannos así durante días .

Un dos días de interrogatorio decidiron apertarme as tuercas do todo, fixéronme de todo, ata terminar de arrincarme as uñas dos pés e das mans.

Estaba exhausto, a dor era insoportable, pero fun capaz de seguir na miña liña, e non dixen nada, a intención que tiñan era a de que dixese nomes de compañeiros que formaban o partido, querían nomes e máis nomes, non din nin o primeiro….

Pero todo o  sufrimento de Manolo e o seu valor non serviu de nada, un dos seus compañeiros que tamén estaba detido non foi capaz de soportar tanto dor e veuse abaixo, foi dicindo os nomes dos seus compañeiros de partido, un por un.

Pouco máis me quixo contar Manolo daqueles feitos, pechábase en banda e por moito que lle insistía en que debía de escribir un libro, el nunca quixo falar máis do tema, nin escribir.

Penal de EL DUESO, 1950, compañeiros de Manolo.

Era o 13 de Xaneiro do 2018 cando no xornal Faro de Vigo dábase a noticia do falecemento dun compañeiro de Manolo, chamábase Severino Domínguez Rey e fora o responsable do Socorro Rojo e tamén dirixente das milicias na clandestinidade.

No ano 1948 cae a organización comunista, son apresados Severino Dominguez, Carlos Crespo Alfaya, Manolo López Esperon, Freire, Peón, Ocampo, Barros… O xornal publicaba que en total foran 75 militantes da provincia de Pontevedra, Manolo dixome que foran sobre 80.

Todos eles foron torturados.

Penal de EL DUESO, 1950, presos galego, entre eles Manolo.

E así foron pasando os anos, recibindo as visitas de Manolo, ao cabo duns anos foise do Hotel e xa non o vía con tanta frecuencia.

As veces que viña a Pontevedra facíame a visita de rigor, adoitaba achegarse primeiro pola farmacia de Adelaida Herreros, á beira de onde eu traballaba, tiña moita confianza cuns empregados que eran naturais de Campañó.

Logo de estar con eles viña a xunto miña, de novo estabamos falando dos políticos de quenda, tanto a nivel provincial como nacional, outras veces comentábame sobre as súas cousas persoais….

Un día que me visitou viña dicirme que quería invitarme a comer, xunto con outros dous amigos del, contesteille que cando quixese, pero a comida non se chegou a realizar, Manolo desapareceu de súpeto, non volvín saber del nun par de anos.

Intentaba a través dun dos seus amigos saber algo sobre Manolo, este amigo tampouco sabía nada, desaparecera da nosa vista.

Co paso dos días íame preguntando cada vez máis onde podía estar Manolo, por suposto que morto non estaba, decataríame o máis seguro.

Cando me quedei sen traballo foi o momento de querer saber máis de Manolo, tiña tempo libre para poder preguntar e poder ir visitalo alá onde estivese.

E por fin chegou o día, por fin souben onde estaba, e non esperei máis, fun xunto a Manolo…

RESIDENCIA DE MONTE TECLA

Tras varias indagacións infrutuosas chegoume unha chamada que me dicía onde estaba Manolo, soamente foi dicirmo que conforme puiden chamei  á Residencia onde estaba aloxado.

Nuns minutos estaba falando con él, Manolo estaba alén do teléfono, que alegría levamos, tanto él coma eu.

Non foi moito o tempo que estivemos falando, soamente preguntarlle que tal estaba, si sabía quen era eu e dicirlle que o iría a visitar ao día seguinte.

-Bo, como queiras, pero mira que estou moi lonxe, díxome Manolo.


COMUNISTA DENDE QUE NACEU.

Ao día seguinte de falar por teléfono con Manolo, collín  o automóbil e funme a velo.Cheguei a primeira hora da tarde á residencia, e na recepción pregunte por él, nuns minutos xa estaba comigo, fomos a sala de visitas, collimos uns cafés e sentamos…

Estivemos falando unhas tres horas, a nosa conversación foi moi extensa, falamos da súa chegada á residencia de Monte Tecla, do periplo que pasou ata chegar a ela, tamén de como era o día a día alí, da miña situación e a da miña familia.

Tamén falamos do seu afillado, o meu tío Fernando, de como tiña que facer eu para a próxima visita que lle fixese, pois lle prometín de ir dar unha volta a Portugal e comer un bo bacalao…O que máis me impactou foi un momento en que me dixo : Juan, de aquí xa non saio.

Nese espazo de tempo foron moitas as cousas que falamos, moitas delas quedaron entre él e máis eu, moitas e moi interesantes e esclarecedoras.  Ao final da conversación díxenlle de facernos unhas fotografías, Manolo era reacio, non quería, prometinlle que non as faría públicas mentres vivise, entón díxome que si era así, entón que si.

PARTE DA CONVERSA

Manolo, cando comezou a túa participación no partido comunista ?

Eu comecei cando nacín, a miña ideoloxía xa comezou de moi xoven,  aínda que na miña familia non había ninguén que fose comunista, soamente o meu avó Domingos era o que tiña unha actividade na Sociedade de Agricultores, pero non era comunista,  eu daquela ía con él sendo eu un cativo, gustábame estar alí, ler os boletins, mentres os demáis mozos que se achegaban á Sociedade falaban doutras cousas, eu centrábame en ler e preocuparme de temas sociais.

Tamén recordo de ir coas vacas para o monte, cos demáis veciños, alí xa falabamos de temas de política, cultura e demáis cousas de interese xeral.

Como había varios veciños que tamén estaban interesados na política, algúns eran dos lugares de O Freixo, Barragans, Corredoira….pois decidímos constituír o sindicato na Cámara Agraria.

Manolo, porque houbo tantos fusilados ?

Pois porque había moitas vinganzas, moito odio, moito rencor ….os que máis sufriron foron os que pertencían ás Sociedades que había nos lugares de a Corredoira, e tamén os que constituían a Sociedade que había na Casa do Cochón, situada no lugar de Barragáns.

Non fai moito que tiña moitos libros gardados que recollían moitos datos sobre aqueles tempos, tamén tiña libros onde recollían os datos de todos os que foron fusilados e salvaxemente torturados……agora non me queda ningún que quixese que os tiveses ti.

Manolo, cando foi o peor momento para ti ?

Tería uns vinte anos cando veu a DEBACLE MAIOR, é cando fun detido, foron tempos moi duros.

Manolo, chegaches a realizar o Servizo Militar ?

Non, libreime porque a miña nai era viuda, eu era único fillo, despóis cando morreu a miña nai, eu aínda estaba en tempo en que me podían chamar para realizar a mili, o meu avó Domingos foi o que me salvou de ir.

Cóntame Manolo, a túa detención…

Pois que queiras que che diga, que fixeron unha gran redada, fomos 66 os implicados (fai pouco había dito 80, pero puden entender mal) a nivel de toda a provincia de Pontevedra.

E con respecto aos *paseos* , quenes sufriron máis, con relación ás nosas parroquias máis próximas ?

Os que máis foron os veciños de Lérez.

Recordas o que lle sucedeu a Magdalena ?

Si, contoumo a miña nai, ía cunhas veciñas a Pontevedra, a vender o leite, cando por un camiño que hai no lugar da Gandara, atopáronse coa cabeza de Magdalena entre as silvas, e un pouco máis lonxe co seu corpo, habíanse ensañado con él, tamén recordo os da familia Gama e outros máis, agora non me salen os seus nomes.

Pero esa xente que mal fixo ?

Ningún, Magdalena pertencía á Sociedade Agraria, era moi boa persoa, pero todo foi por vinganzas, por pensar doutro xeito distinto aos outros, a min tíñanme como un delincuente…..

Gustaríame que che quedaches con aqueles libros que eu tiña, en fin, agora xa non me queda nada….

Tivemos tempo para falar de moitas outras cousas, leveille de agasallo unha revista da Asociación Cedofeita, na portada saía unha foto dos integrantes da comisión de festas de Lérez e o grupo de gaiteiros, co seu tambor e tamborileiro, falamos deles e Manolo recordábame da anécdota de cando unha viaxe a Madrid do grupo de Perfecto Feijoo. Referíase ao tamborileiro que lle preguntaba a P. Feijoo que cando se ían para España, que sentía morriña da súa terra, isto contábao Castelao no seu libro Sempre en Galiza.

Falamos de como se sentía na Residencia ( o día 22 de novembro fixera catro anos que había ingresado), non estaba a gusto, a maioría dos que estaban alí internados non estaban mentalmente ben, e Manolo non tiña prácticamente con quen falar e debater as súas ideas, o único que tiña era o xornal para estar ao día do que estaba acontecendo, tanto a nivel Pontevedra, como en xeral.

Preguntoume pola miña familia, sempre se interesou pola miña dona, coñecíaa do comercio, e polos meus dous fillos, ás veces víñame dándome a enhoraboa por algún campionato que Adrián había acadado e habíao leído na prensa.

Pero Juan, como viñeches ata aquí ? Co lonxe que estou….

30 de MARZO do 2020

Volvín comunicarme con Manolo o día 30 de Marzo de 2020, en pleno encerro con motivo do coronavirus, o día anterior había chamado á residencia e dixéronme que estaban todos ben, pero se quería falar con Manolo tiña que facelo sen ser festivo, pois como era domingo non estaba a moza responsable de pasar as chamadas.

Así que o luns chameino e falamos un momento, o seu estado era bo e comentamos a situación que estabamos a pasar, preocupouse pola miña familia e deume saúdos para todos.

Prometinlle a Manuel ir visitalo tan pronto pasase a pandemia e  díxome que estaríame esperándome ,e de paso íame a entregar o seu reloxo, que non lle funcionaba e como non tiña moitos anos quere que llo leve a unha tenda de Pontevedra para que llo arranxen, díxenlle que así o faría, despedímonos e quedamos de vernos canto antes.

13 de AGOSTO do 2020

Despois de varios días querendo contactar con Manolo, o día 13 de Agosto do 2020 volvo a falar con él, o primeiro que lle preguntei foi pola súa saude, comentoume que había estado fai uns días un pouco mal, pero xa estaba de novo ben. Manolo preguntoume pola familia, tamén recordoume que teño que levarlle o reloxo a arranxar, polo demáis todo ía ben. Quedei de ir xunto a él en canto poidera.

Como pode haber xente hoxe en día que defenda a Franco ? Por suposto que na guerra civil houbo todo tipo de crueldades, e condeno calquera tipo de violencia, veña de onde veña, pero o culpable do golpe de Estado foi Franco e deu lugar a unha guerra civil, dando paso a que en moitos lugares da nosa xeografía sucedese o máis atroz do ser humano : matar.

Como pode haber xente que defenda as atrocidades que se cometeron naqueles anos de ditadura ? Manolo sufriuno nas súas propias carnes, aínda recordo o día que mo dixo, prefería non comentalo, prefería calalo.

Por iso é necesario memoria, e necesitamos reparación xunto con xustiza, para que nunca máis os dictadores teñan cabida na nosa sociedade. 

10 de DECEMBRO do 2020

O día 10 de Decembro do 2020 volvin a chamar a Manolo, comencei a falar con él, pero había algo que non me deixaba escoitar ben, seica no lugar donde estaba había pouca cobertura e Manolo falaba mui baixiño, a cuidadora que recolleu a chamada e mui amable e axudoume na conversación, pregunteille que tal estaba, ben, estou ben, contestoume.

Volvin a decirlle que lamentaba muito non poder acercarme a xunto del, Manolo entendía o motivo e respondía con un “a ver si veñen tempos mellores”.

Na Residencia levan tempo coas visitas restrinxidas, son poucos os familiares que se poden acercar a visitar os residentes, os que poden sólo poden ir unha vez a semana durante media hora.

Manolo sempre me pregunta pola miña familia, comentolle que de momento estamos todos ben, que estamos prácticamente metidos no piso, que salimos pouco.

Sigue preguntando polos meus fillos, quere saber deles, están ben Manolo, un deles vive en Cerponzóns e o maior ágora en Alicante.

Dame saludos para eles e para a miña dona, eu volvo a decirlle que en canto poida salir o primero que farei será ir xunto del…

1 de XANEIRO do 2021.

Unha curmá miña acaba de enviarme unha mensaxe : Juanito, morreu Manolo, O Comunista.

Quedeime sen palabras, non o podía crer, fai poucos días estivera falando con él por teléfono, escoiteino ben, o momento collín o teléfono e chamei á miña curmá.

Manolo levaba unha semana ingresado no Hospital de Vigo, e foise apagando.

Estou mal, non me esperaba este momento así de súpeto, xa non poderei velo, xa non poderei levalo a comer a Portugal como quedaramos, nin lle poderei levar o reloxo a arranxar…

Manolo, foise, en silencio, como el quería irse, como me dixo fai un tempo.

2 de XANEIRO do 2021

NOTA : O día 11 de Novembro do 2019 comecei a escribir este relato, coa finalidade de cando chegase o momento do falecemento de Manolo faríao público.

D.E.P. Manolo Campañó, que a terra che sexa leve.

JUAN JOSÉ GUIRADO, IN MEMORIAM : https://youtu.be/jzngtmixvg4

SON MUITOS OS RECORDOS E COMENTARIOS QUE RECOLLO NAS REDES, DESTACANDO OS SEGUINTES :

O HISTORIADOR PEPE ALVAREZ FALA DE MANOLO :

Manolo López Esperón “Campañó”, como outros militantes de tempos difíciles, non tivo o recoñecemento político ou institucional que merecía. Ao finalizar a ditadura a inmensa maioría da sociedade e dos partidos decidiron non mirar os referentes do pasado e impúxose o esquecemento, poida que o exemplo de militancia e integridade dos vellos combatentes lles resultase unha lembranza incómoda en tempos de mudanzas e renuncias a principios que sempre consideraran irrenunciables. Xa haberá ocasión de falar máis de Esperón; como recordo transcribirei a acusación do fiscal na causa militar que se lle incoa no ano 1948: “Secretario político del Comité Inter-comarcal del Partido comunista de Pontevedra y asimismo Secretario de Agitación y Propaganda del Comité comarcal de la misma Capital. Organizó los comités comarcales del Partido de Villagarcía, Puente Caldelas, Caldas de Reyes y Cachafeiro. Activísimo propagandista del comunismo, recibió numerosa y variada propaganda para su difusión en la provincia; recaudó dinero mediante la entrega de sellos de cotización; tenía una máquina multicopista que ocultó en el domicilio de […] y asistió a numerosas reuniones clandestinas del Partido”. A sentencia aumentou de 10 a 12 anos de cárcere a petición do fiscal. Estivo internado en diversas prisións, entre elas no penal de El Dueso. Como historiador sempre lle agradecerei as súas informacións. Que a terra lle sexa leve!

——–

En el caso de Manolo lo detienen en el 1948 cuando tenía 24 años (en el 36 tenía 12 años), su actividad fue política, organización del PCE y de la UNE, difusión de propaganda, etc y lo juzgan por delito equiparado a rebelión militar. 

——–

Manolo fue un personaje clave en la reconstrucción de la resistencia. No sé si fruto de su experiencia de resistir los interrogatorios de la BPS pero era difícil que contase cosas que no supiéramos.

MANUEL VÁZQUEZ :

Manolo Campañó foi no 1977, elexido en asamblea en Vigo, membro de comite provincial do PCG e o foi por unanimidade.

Pero foi, sobre todo, un home moi querido e respetado por todos. Estou confinado e triste. Moi triste pola súa morte.

É tristísimo porque el e outros moitos non foron debidamente tratados : Manolo, Carlos Alfaya, Severo, Peón, Ruibal, Paco, Valenzuela…

E moitos máis foron incluso nalgúns momentos insultados gravemente.

Manolo Campaño, grazas polo teu exenplo e polo moito que me sorprendeche.

NOTA: Fotos de Xosé Collazo é JJ Esperón.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s