OFICIOS DOS VECIÑOS (IX) MODISTA/COSTUREIRA 

MODISTA/COSTUREIRA

Di a RAG:

Muller que fai pezas de roupa ou as amaña.

Muller que fai ou arranxa pezas de roupa.

Tanto as costureiras como as modistas foron uns dous oficios máis populares no que vai desde o século XIX ata ben pasado a metade do século XX. Eran oficios pouco considerados socialmente, e ademáis diso, eran moi duros, con moitas dificultades para desempeñalos e por encima, moi mal pagos. Para diferenciar estes dous oficios podemos dicir que as modistas eran aquelas mulleres que cosían na súa casa para a demais xente, é dicir, que dispoñía dun taller propio para realizar o seu oficio, normalmente eran poucas as que dispoñían de un local, a maioría das que o tiñan estaban nas Vilas. Pola contra, as costureiras afacían traballar en casa da xente que solicitaban o seu servizo, ao non posuír taller propio, tiñan que desprazarse de casa en casa.

Polo que fun escoitando de varios colaboradores, é que as mulleres que realizaban estes oficios cantaban todas en xeral moi ben, normalmente cando estaban traballando adoitaban estar en moitas ocasións cantando.

Volvendo ás costureiras, estas dedicábanse a coser e a repasar, normalmente era a roupa interior de toda a familia, desde o máis pequeno da casa ata o máis maior. Tamén se dedicaban a realizar toda clase de roupa feminina, tanto interior como exterior. Os seus utensilios eran un par de tesoiras, agullas, alfinetes, dedais, fíos…e tamén tiñan consigo unha fita negra, á cal lle facían unhas marcas con puntadas brancas para tomar as medidas necesarias. Co paso do tempo a sociedade comeza a ver nas costureiras doutra forma, son mulleres xentiles, que posúen tranquilidade, onde o seu aspecto destaca pola súa fermosura, e a súa finura, tamén ven nelas como unhas mulleres faladoras, que levaban as noticias dunha casa a outra, que ademáis sabían de contos e cantigas… As costureiras comezaban a ser envexadas polas mozas que estaban traballando no campo, eran anos onde se apreciaba máis á xente de pel branca. Eran as costureras mulleres, que por traballar á sombra, destacaban pola súa blancura, na cara, brazos, é dicir, en xeral todo o seu corpo estaba branco como a leite.

Así era que aquelas mozas que estaban dándolle ao legón e que tiñan as mans cheas de callos e durezas, tiñan unha gran envexa das costureiras.E é que a maioría das costureiras tiñan un bo porte, un señorío que lles permitía unha certa distinción e por iso eran admiradas polos homes. Sempre estaban fermosas, limpas, sen suciedad na súa vestimenta, cousa que as outras mulleres que traballan no campo andaban con manchas propias dos labores do campo ou da cociña. As costureiras arranxaban a súa roupa, ao seu gusto, sempre á última moda, mentres que as demáis mulleres labregas non tiñan aquel garbo nin o porte das costureiras, debido precisamente ao seu duro traballo. Claro, que as costureiras como eran moi presumidas, recibían alcumes : Eran chamadas “señoritas de media tiseira “, foron tamén moitas as cantigas e refrans que fixéronse sobre elas, como aqueles que din :

A boa costureira, queira ou non queira, sempre ten algo de señoriteira. 

Ou aquela outra : Costureira sen dedal, cose pouco e faino mal.


AS MODISTAS E COSTUREIRAS DA PARROQUIA.

O dato máis antigo que temos ata o momento sobre este oficio é a un que data do  ano 1752. Atopamos a unha veciña de Puentebeán, que tiña como oficio de modista  na súa declaración do Inventario do Marqués da Ensenada, a Dominga de Cayeros.

Tamén sabemos de outra modista, Florentina Casás, facíalle muitos traxes as veciñas para estrear o día da festa. Sabemos que no ano 1905 contaba con 18 anos.

Despois atopamos no ano 1913 co oficio de modista a Manuela Eiras, ademáis tiña vivindo con ela a unha moza de nome Dolores, que tamén estaba aprendendo o oficio. Dolores fora recollida por Manuela do hospicio e nese ano de 1913 saltou ás páxinas dos xornais porque por un mal de amores tirouse da ponte Malvar, ou ponte dá Rons, como é máis coñecido.

Na nosa parroquia houbo moitas modistas e costureiras…

Supoño que haberá máis das que poño eiqui, vaia a miña sincera homenaxe a todas elas, de momento teño unha lista conformada por : Avelina a Muda, Hermosinda a da Rons, Dolores de San Caetano, Rita, Rosa a de Joaquín, Carmen González, Lola a Chuvíe, a Nena de Pidre, Teresa a Carteira, Lola a Calleja, Clara Solla, Vitoria a do Mineiro, Rosa a Peleira,  Clara a de Eulogio, Lucía a Carrancha, Rosita a Labaradas, Marisa a de Ramallo, Lola a Ligera, Carmen a Petapouca, Lina a do marinero, Irene…

Sobre os anos sesenta e setenta houbo unhas cantas modistas na parroquia que teño recordo delas, todas elas moi boas, dado ao muito traballo que tiveron, eran mulleres que comezaron moi novas o seu traballo e que souberon sacar adiante as súas familias co seu esforzo e sacrificio.

Cando comecei   este artigo (24/04/2020) falaba con Carmen, filla de Dolores Gómez, contabame que a súa naí estaba mui maliña, o seguinte día fallecía…

Unha destas mulleres chámase Dolores Gómez Varela (Lola), natural de Curro e casada con Herminio, do lugar de San Caetano de Cerponzóns. Comezou Dolores a unha idade moi temprana, tería catorce anos, tiña unha veciña que vivía pegada á súa casa, foi quen lle ensinou a coser e foi a súa xefa durante uns anos, ao principio cosían polas casas, ían con aquela máquina de coser na cabeza, daquela aínda non tiñan pé.

Carmen, a filla de Lola, recordábame fai un día que cando os seus pais eran noivos pois o seu pai acompañaba moitas veces a Dolores ata Currro, para levarlle a máquina de coser, pois ela ía traballar a aqueles lugares onde era reclamada, ás veces tiña que ir ata a Portela, outras veces a Pontevedra…

Dolores traballou moito, en Pontevedra chegou a estar traballando para o comercio de CLARITA, e seguía facendo vestidos, traxes, abrigos, pantalóns…para Asunción, Marité, Fina, para Isabel, a da tenda, para os de Laparuzas, tamén para A Cantinera, para muitos veciños e veciñas.

Normalmente cando ía a casa de alguén a traballar, podían ir a mantido, dábanlle un xornal  e tamén recibían o almorzo, o xantar e a merenda. Ou podían coser “a seco”, e decir na súa casa e claro, recebindo máis xornal.

Anos máis tarde foi deixando o seu oficio, xa non saía de casa, dedicábase a traballar nela e a mirar máis polas faenas do campo.

Os veciños que colaboran comigo fálanme de algunhas das modistas, por exemplo da Muda, unha señora que traballaba para casa de Sabina e Juanita de Pidre, recordan os enfados que adoitaban ter a miúdo A Muda con Sabina, eran cada dous por tres, nunca se daban posto de acordo no que unha lle pedía e a outra lle confeccionaba.

Tamén me comentan doutra das modistas que houbo na nosa parroquia, coñecida como Lina a do marinero, natural do lugar de O Castrado. Unha veciña da parroquia de nome Angelita tenlle comentado á súa neta de que Lina era unha modista moi boa no seu oficio, tivérona en varias ocasións na súa casa, facendo todo aquilo que lle pedían e todo o facía perfectamente, aínda que a saúde non lle acompañaba, Lina sempre tiña algunha doencia con ela encima, pobre muller.

Nesta foto están alumnas que recibiron clases de corte e confección en Pontevedra, alumnas de Lerez, Marcón, Verducido, Xeve…algunhas das nosas veciñas recibiron as clases de costura tamén nas súas propias casas, sei que varias veciñas da parroquia recibiron as clases a cargo dunha das mellores profesoras que había en Pontevedra, de nome Flora Teso Cobas, que tiña a academia de Corte e Confección TESO, na Praza do Teucro.

Conversa con Rosa:

Quixen tamén falar coa nosa veciña Rosa, unha muller que comezou moi nova, os 16 anos, aprendendo o oficio con Chicha, a Cantinera, máis tarde foi para Pontevedra, alí tivo de mestra a Elena Montes, casada con Angelito Vieitez. Naquela época Rosa traballaba facendo os arreglos que Elena lle mandaba, pero aínda non tiña soldo, para aforrar non ía a casa a comer, ás veces conformábase cun simple bocadillo, outras comía nalgunha casa de comidas, cando o seu pai dispoñía de cartos e dáballe para que comese quente.

Rosa estivo moitos anos traballando, foi unha gran profesional, na nosa Parroquia tiña moitos clientes, entre eles estaban a miña nai e a miña irmá, supoño que para min tamén fixo algo. Traballou en moitos lugares, en Casaldorado era tamén moi solicitada.

Sobre os anos oitenta tivo a oportunidade de comezar a traballar en Pontevedra, un veciño noso, Suso, o Carrexas, comentoulle dunha empresa que necesitaba de modistas contrastadas.

Naqueles anos comezaba a moda das cortinas, Pontevedra cidade primeiro e despois polas parroquias, cada vez eran máis e máis peticións de clientes que desexaban ter cortinas nas súas fiestras.

No primeiro aviso que tivo de parte de Suso, a Rosa esquecéuselle ir polo lugar que lle recomendou, máis tarde, logo de oito meses volveu, déronlle un anaco de tea e fixéronlle unha proba, mire Rosa, ten que facer con esta tea unha cortina, sabemos que é complicado, fágaa sen présa, o mellor posible.

Rosa foise para casa e con a vella máquina que tiña na casa, que era dos seus pais, fixo a cortina nun airiño, ao outro día cando a viron entrar pola porta e coa cortina feita quedaron moi sorprendidos, desde ese momento xa lle lle dixeron que comezaba a traballar para eles.

Rosa foi unha traballadora nata, a ela dábaselle todo, edredons, colchas, cortinas, estores…estaban encantados con ela, os traballos máis laboriosos e complicados dábanllos a ela, sabían que os faría á perfección, aínda hoxe é o día que por poñer un exemplo, no Hotel Louxo, teñen cortinas confeccionadas por Rosa.

A fama de Rosa íase estendendo, ao pouco tempo require os seus servizos unha empresa moi coñecida en Pontevedra, a Eléctrica Moderna, para a súa sección dedicada ao fogar, é que era ir pola rúa, coas bolsas da costura nas mans e en moitas ocasións os tapiceros estaban esperándoa para dicirlle si quería traballar para eles, daquela Rosa xa adquirira unha máquina de coser eléctrica e as horas non lle chegaban para tanto traballo que tiña.

Había días que era tal o traballo acumulado que non podía desprazarse a Pontevedra a levar os pedidos, é que ademais do seu traballo de costura, tiña os quefaceres da súa casa e unha plebe de fillos, ás veces cando non podía baixar a Pontevedra, era o seu fillo Luís, o que levaba os arranxos, dado que estudaba moi preto do lugar onde tiña que entregar o traballo da súa nai.
Hoxe en día Rosa xa está retirada, a súa saúde é delicada, eu non tiña todas comigo por si non lle apetecía comentarme as súas vivencias, pero fai uns días chamoume e estivemos falando, espero verche pronto en persoa e darche un forte abrazo e un bico, grazas Rosa.

Ubaldina :

Tamén tivemos na parroquia a unha muller de nome Ubaldina Rey Palacios, máis coñecida por Nena (viviu na Rons e despois en Pidre). A súa especialidade era bordar, tal é así, que a súa fama chegou moi lonxe. Nena confeccionoulle un mantel con 24 servizos para o embaixador de España en Francia.

Carmen González Alvite :

Costureira e modista.
Tiña un taller propio na casa da súa nai, chegou a ter oito operarias ao seu cargo. Cosía para moitos lugares da parroquia, de Pidre, Meán, tamén tiña moitos clientes en Lérez. Abrigos, traxes, vestidos, saias, blusas, cintos a xogo, calcetaba xerseis, gorros, luvas…inclusive cestos e bolsos de rafia.

Había días que as horas non chegaban, cando había moito apuro de traballo trabállase tamén pola noite, eran os anos sesenta.

Carmen Cochón:

A nosa veciña comezou a traballar tamén  moi xoven, aos quince anos acabou os seus estudos e grazas o seu mestre D. Pepe Carballo conseguiulle un traballo. D. Pepe era moi amigo de Ángel Bravo, un empresario que tiña en Pontevedra un local de fabricación de pezas de punto, e pediulle que lle dera traballo a súa alumna.

Carmen traballou quince anos na fábrica e despois dez anos máis na súa casa, o seu xefe púxolle duas maquinas remalladoras, era un home moi querido por todas as súas empregadas, a todas elas cando tiñan intención de comprarse un piso ou un coche, el ofrecíase a irlle de avalista. Carmen, como todas as súas compañeiras, só teñen palabras de agradecemento para o que foi o seu xefe durante tantos anos.

Contame Carmen que a fábrica de punto era unha das máis importantes de Pontevedra, as súas empregadas tiñan unha gran experiencia e profesionalidade, foron moitas empresas as que contrataron os servizos da fábrica de Bravo : El Corte Inglés, Roberto Verino, Adolfo Domínguez, Purificación García…

Clara Solla :

A Nosa veciña Clara estivo traballando con dezaseis anos nunha sastrería que había na entrada para o Teatro Malvar, logo duns meses alí foise para a rúa San Pedro Alcántara, onde estaba Talleres Alonso, neste taller estivo traballando ata que se casou, a súa función era a de traballar na remalladora, moitas chaquetas pasaron polas súas mans.

Tamén quero ter recordo especial para outra modista, a miña bisavóa Peregrina Ramos Barreiro.

Estas veciñas que nomeo foron modistas,costureiras, bordadoras, camiseiras, pantaloneras etc. etc., muitas delas mulleres que como outras tantas traballaron sin descanso horas e horas, unhas facíano polas noites para que polo día poder realizar as labores da casa e do campo. Cantas destas mulleres traballaron arreo para poder levar un cacho de pan a casa ? Mulleres que non figuraron coma traballadoras, sin ningún dereito, mentras que a conta delas había quen se estaba aproveitando da situación. Mulleres que de tantas horas e horas traballando foron estragando a súa saude, e seguiron dándolle o pedal daquela máquina, sei de algún fillo de estas traballadoras, que ainda ten o son da máquina metido na cabeza…

En algún lugar de Galicia.

31 MAIO 2023

Con motivo do peche do programa Maio, Mes da Lingua, comparto o 1º Premio do XIII CERTAME DE MICRORELATO, acadado por Mª Jesús Enguídanos Floreani

O SALÓN DA COSTUREIRA

Un día máis espertei co ruído da máquina de coser, as mans finas da miña nai xiraban a roda da vella “Refrey”. Xa tiña enfiado o fío na agulla e dáballe que lle daba ao pedal.

Namentres cosía, cantaba de maneira harmoniosa ao compás da máquina: “Costureira sen dedal, cose pouco e cose mal”.

Silenciosamente, entrei naquel espazo ao que adoitaban vir persoas distintas: dandis, meniñas coas súas nais… A miña nai arrodeaba o seu corpo coa cinta métrica e ía anotando: cintura…, peito…, brazo… Encantábame observar os fíos, as tesoiras, os alfinetes, as teas; unha verdadeira mercería de cores bailaba naquela habitación.

Unha paisaxe fermosa queda hoxe no meu pensamento e coido que non a esquecerei xamais.

 OFICIOS DOS VECIÑOS (VIII) ALFAIATE/XASTRE

ALFAIATE/XASTRE : Persoa que se dedica a confeccionar roupa para homes.
O gremio dos alfaiates tivo moita importancia na Idade Media.

 Alfaiate sen dedal, cose pouco e iso mal. 


Os Alfaiates eran homes ceibes dos traballos da terra, era un traballo mal visto por muitos dos veciños, tratandos estos de “aseñoritados”. Do oficio de Alfaiate ou xastre, tamén temos referencias na nosa parroquia de Cerponzóns. Temos que irnos ao ano 1752 onde aparecen os primeiros documentos reflectindo este oficio e do cal traballan varios veciños.

Os alfaiates foron pouco considerados desde a Idade Media e ata ben entrado o século XX, nunha sociedade moi machista, sempre os trataron como homes medrosos, amaneirados, nunha palabra, era costume dicir que eran pouco homes.

Isto quizáis era debido a que a sociedade galega e a non galega, porque hai numerosos cancioneiros, onde tanto en lugares de España, como en Alemania, País de Gales, Escocia etc. víase o oficio de alfaiate como unha actividade cómoda, onde se acollían os homes de pouca forza e resistencia, ou ben aqueles que eran débiles e cobardes, coxos e corcovados…Pero tamén había quen lle recoñecía certas habilidades, que a maioría dos labregos non dispoñían, grazas as súas habilidades podíanse defender e de enfrontarse co seu enxeño.

É que para ser alfaiate naqueles tempos había que ter certos coñecementos en matemáticas, cousa que a maioría dos labregos non dispoñían debido ao seu analfabetismo. Un alfaiate tiña que saber matemáticas para distribuír as medidas, axustar os patróns, ademáis dispoñer de gusto para aconsellar aos seus clientes á hora de escoller teas, cores, modelos etc.

Antigamente dedicábanse a ir de casa en casa, cargados ao ombreiro cun caixón de madeira, neste caixón levaban os seus utensilios, varios tipos de tesoiras, agullas, alfileres, dedales, carretes de fíos e varias cousas máis. As medidas tomábanas cunha vara, a cal coa axuda dunha navalla facianlle unhas marcas ou tamén podían usar unha tea de lenzo de cor negra, á cal sinalizábana con puntadas en fío branco. Nos últimos tempos comezaron a utilizar a máquina de coser, aínda que moitos dos seus clientes querían as súas pezas cosidas totalmente a man, pois desconfiaban da máquina, pois aínda que aforraba tempo na confección da peza, os clientes pensaban que non era de fiar.

Habitualmente os alfaiates dedicábanse a realizar traxes para os homes e tamén os dengues ( peza tradicional do traxe galego de muller, adoita levar terciopelo e pedrería) e a muradana (peza que se coloca no traxe rexional, por baixo do mandil, sendo máis grande que éste, decorada habitualmente tamén con terciopelo e pedrería).

ALFAIATES/XASTRES EN CERPONZÓNS 

Atopamos os primeiros datos sobre este oficio no ano 1752. Este dato atopámolo no Interrogatorio do Marqués da Ensenada. Aparecen os nomes de tres alfaiates ou xastres , o curioso é que os tres vivían no lugar de O VIGARIO, e polo seus nomes e apelidos non eran parientes.

Estos veciños eran BERMUDO DE DIOS, EVARISTO GARCÍA , e DOMINGO BARRAGANES.

No ano 1845, volvemos atopar de novo outro veciño que no padrón da parroquia realizado nese ano aparece con este oficio, o veciño de Leborei JOSÉ GÓMEZ, contaba 70 anos, daquela era viudo, e tivera catro fillos : Benita (38) Balenta (30) Jose (34) e Juana (24). 

Eu teño recordos de dous xastres, un chamábase Fernando, según me contaron viñera xunto coa súa familia de Melide,  vivía de aluguer en Pidre, e no baixo da súa casa tiña un local, nun curruncho tiña o taller, cunha máquina de coser, alí exercía a súa profesión. Recordo de ir algunhas veces a casa do señor Fernando, o resto do baixo da casa estaba a granel, e os seus fillos organizaban guateques, onde acudiamos moitos de nós que roldabamos os oito, nove anos…era a época de Fórmula V, Os Pequeniques…Despois, ao cabo duns anos fóronse a vivir para o barrio de Campolongo, e creo que non volveu a exercer de xastre, tamén era mui aficionado a pesca, un home que sempre se podía ver polo Río Rons.

O outro veciño que traballou de xastre foi Salustiano Cons Solla, veciño de A Meán. O seu oficio desempeñouno nun comercio da cidade, de nome La Confianza, situado na rúa César Boente.

Desde aquí envíolle un saúdo a Salustiano e á familia de Fernando, espero que alguén lles faga chegar esta pequena homenaxe que fago a todos aqueles veciños da parroquia que desempeñaron o oficio de Alfaiate/Xastre.

Don Vicente Risco en “NOS” dicíanos que os xastres aparecen no folclore galego como mui pillos e agudos, dispostos a facer sempre burla dá xente, a meterlle pegotas, a quedarse eles por riba pola forza do inxenio, mañosos e dispostos a todo.
Xa que non teñen forza para turrar pola aixada, nin valentía para lle facer cara a un home, teñen en cambio discurso e agudeza coma compensación, se cadra. Deles son as pilladas, as reteserías, as coplas picantes etc. Cabe resaltar que como o seu traballo permitíalles estar falando, ademáis de escoitar aos seus clientes e poder intercambiar impresións con estes, convertíanos en transmisores da literatura oral, deles saíron moitas historias, cancións, contos etc.

Nunha copla recollida por Ramón Cabanillas dice así sobre os xastres :

Sete xastres fan un home, e vintecinco un testigo

fan falla cento cincuenta, para firmar un recibo.

Esta copla indica a escasa consideración social que tiveron en certos momentos os que profesaban éste oficio, un oficio  que xa na Edade Media existía con importantes cofradías gremiales, na Vila de Betanzos hai escritos do ano 1162 que falan deles.

Anécdota persoal.

Cando tería uns once anos aproximadamente empeñeime en ter unha americana, quería ter esta peza de roupa para ir con ela ás verbenas e así ligar máis. Pero non quería unha americana calquera, eu queríaa de pel.

A miña nai cando llo dixen case lle dá algo, quedou mirando para min e díxome : pero meu fillo…para que queres ti unha americana, iso é de xente maior. Ante a resposta da miña nai eu non me vin abaixo, ao contrario, cada día recordáballo, e así ata que a fun convencendo. O primeiro que pensou a miña nai era de onde ía conseguir a tela para confeccionar a americana…

Entón veulle unha idea á cabeza, ía falar con Rosita a Labaradas, ela e outras veciñas do lugar estaban por aqueles anos traballando nunha recente fábrica de sofás que se instalará na Ferreira.

A miña nai cando viu pasar a Rosita camiño da fábrica, chamouna, e faloulle sobre o capricho que eu tiña, preguntoulle si podía conseguir un par de metros de tela da súa fábrica, daquela comezaban a forrarse os sofás e as butacas cunha tela imitando a pel, o famoso skay. Mira a miña nai ! Que ocorrencia tivo para conseguirme a ditosa pel !

Cando Rosita regresou pola tarde noite do seu centro de traballo, achegouse xunto a taberna, traíalle unhas mostras, das que ofrecían os clientes que ían mercar os sofás, nese momento chamou por min e díxome que escollese a cor…Comencei a ollar aquel abanico de cores, de repente encontrei o que máis me gustaba…éste ! Quero éste ! Verde ! Este verde ! Quedaron mirando para min con xesto de sorpresa, e riron, non paraban, e preguntáronme si estaba seguro que era a cor que eu quería para facerme a americana.

Si ! Este verde trébol , é o que máis me gusta.

Ben, nin curto nin perezoso Rosita tróuxome os metros suficientes para confeccionar a americana.

Ao outro día baixei co meu pai ata a cidade, fomos ata a rúa Charino. Alí nun dos baixos daquelas casas houbo durante moitos anos un señor que era xastre, recordo vagamente que era baixiño, regordete, tiña bigote é era moi simpático moi falador e dicharacheiro. O meu pai leváballe a tela e mostrándolla díxolle : Tes que facerlle unha americana ao rapaz, encaprichouse nela e como leva ben os estudos pois cumprimoslle co capricho.

Este xastre era coñecido polo alcume “El Maestro”, e aínda que era moi falador e dicharacheiro, tiña moi malas pulgas, mirou para meu pai, e asintiu, pero advertindolle que non viñera con prisas, que tiña muito choio ! Meu pai convenceuno convidando a un viño nunha tasca que había o final da rúa, mentras eu quedaba na xastrería vixiando…
Nin dito nin feito, fíxome a americana , que fermosura de americana ! A medida ! Eu estaba todo elegante con aquela americana de cor verde trébol ! Estaba seguro que non había en toda a parroquia un neno que tivese unha americana como a miña ! Que digo ! Non había nin en toda Pontevedra !

Tiñades que verme ! Era unha pasada, era de catro estralos ! cando adoitaba ir a unha verbena nunca ía sen ela, o xastre fíxoma tamben feitiña que todo o mundo falaba da miña chaqueta de pel, cor verde trébol…

3- E PASCUA, XA VEÑEN OS PADRIÑOS (II Parte)

Os meus padriños foron a miña avóa Josefina, que en Pascuas sempre me regalaba diñeiro e o tradicional ovo de chocolate,( a miña nai facía á rosca).

O sábado de resurreccion, meu padriño, que era o meu primo Horacio, tiña uns 15 anos máis ca min, rara era a vez que me traía un agasallo que non fose comprado pola súa nai. Pero cando eu tiña uns 11 anos, él debía ter cumplidos os 26, veu cun agasallo comprado por él, eu non o podia crer, era unha camisa texana amarela e negra ! Sorprendida agradecinlla pero pensaba dentro de min : que vou facer con isto, si poño esto vanse rir de min !  Cando se foi díxenlle á miña nai : Mamá, que fago con isto? Ela contestoume que a puxera algunha vez, por exemplo cando foxe á súa casa, e así o fixen, por sorte tiñamos coche, asi que non foi tan dificil de que sin que naide me mirara con aquela camisa de cor amarelo, puidese complacer o meu padriño jajaja. Ao ano seguinte a miña nai colleu a camisa e adornouna con lentexuelas, mercou un chapeu e un arma de xoguete, así foi coma aquela camisa amarela convirtiuse nun disfraz de carnaval. Por sorte a miña nai era enxeñosa !

A camisa preparada para carnaval

Os meus padriños foron os irmáns da miña nai, vivían en Curro e sempre me traían a Pascua, un bolo de pan con ovos. En Curro era o que se regalaba naqueles anos. Deixaron de darma cando me casei, despois era eu quen lla levaba aos meus padriños jajaja. Eu levaba os ovos, a manteca…todo o necesario para que mas fixesen na panadería que hai pola estrada de Villagarcia, logo de pasar A Cañota, e de feitas xa ía levalas,tambien á Devesa, donde teño un afillado. A miña nai por exemplo, sempre lle regalou a súa rosca aos afillados, todolos anos, aínda que estivesen casados, ela os chamaba e decíalles que viñeran a nosa casa a buscar a rosca.

Eu vivía en Lérez, era o maior de cinco irmáns, os meus máis tempranos recordos son de cando tiña uns seis anos, os meus padriños chamábanse Esperanza e Manolo.

Manolo traballaba nunha empresa de transporte, el era natural de Casaldorado, a miña madrina tiña unha tenda ultramarinos en Lérez, era coñocida pola A Tenda da Tobia, estaba situada pola estrada xeral, de neno, á idade de doce anos eu ía andando á Escola do Traballo, que despois se pasou a chamar Escola de Maestría, e sempre pasaba por diante da tenda da miña madrina, xa que daquela non había cartos para baixar no trole, sempre que pasaba estaba a madriña atenta para darme algunha chuchería, e iso que eu evitaba que me vise, non quería que estivese todolos días dándome cousas, pero ela estaba sempre controlando cando pasaba jajaja, chamaba por min y dabame algo, sempre. Para min foron os mellores padriños, aínda que os gocei pouco, primeiro morreu meu padriño, aínda así a madriña seguiu traéndome a rosca con ovos, pero cando eu tiña dezaoito anos morreuse ela tamén, quedei mui triste. Recordo que tamén teño pasado días na súa casa, durmía alí con eles, quizáis porque me querían protexer e darme agarimo, o meu pai estaba daquela en Montevideo, eles arroupábanme canto podían. Aínda que teño moitos anos, cando chegan estas datas o recordo dos meus padriños volven a min, e son dos que nunca se esquecen.

Os meus padriños sempre me traían un bizcoito,  e tamén me daban diñeiro. Teño un recordo que che conto, como á miña irmá os seus padriños dábanlle soamente unha rosca, dixéronlle unha das veces : Si nos chamas padriños, nos tamén che daremos tamén diñeiro, e así foi. Estiveron dándonos a Pascua ata os vinte e seis anos en ques casámosnos, desde ese momento acabáronse o bizcoito, a rosca e o diñeiro jajaja.

A última Pascua que recibín da miña avóa.

O meu primo Horacio e máis eu eramos os netos preferidos da miña avóa Josefina, por varias razóns, unha delas por respetar as súas normas e ensinos, ademáis eu en particular, por vivir con ela. Cando a miña nai tivo un ACV con secuelas, a miña avóa comezou a deprimirse e a deteriorarse a súa saúde. Aínda que non era a súa filla, elevouna a case esa categoría chamandoa “a súa moza”, comezou a entristecerse, non quería comer e decíame que estaba cansada de vivir. Ernesto é eu estabamos de noivos, con plans de casarnos, polo cal cada mes cando cobraba a súa pensión ela insistía en querer darma para axudarnos, ao cal eu respondíalle convencendoa que lla dese ao meu pai para os gastos da casa, xa que a situación económica tornouse complicada con dous enfermos na casa. Pero o último mes, e ante a súa insistencia, para conformala aceptei unha parte minima do diñeiro. Poucos días antes do Nadal falece e malia a tristeza que nos invadiu, continuamos cos plans de voda por consello do meu pai. En abril, dúas semanas antes da festa a miña tía, que tamén era a miña modista, dime: Lucy xa temos que definir o longo do vestido,necesitamos os zapatos que vas usar. Ernesto é máis eu investiramos todos os nosos aforros na casa que estabamos construíndo, os gastos da festa, a lúa de mel, estabamos a full.

É ahi que vén á miña mente o diñeiro gardado meses antes…Nese entón os zapatos para unha voda custaban o triplo que un zapato común, asi que tomei os cartos e fun en busca de zapaterias, conseguín uns fermosos zapatos brancos de tacos altos e plataforma ! Moitos pensaran porque non comprei o tocado ou o ramo, pero era o que me faltaba e ademáis durante todos os meses de marzo da miña edade escolar de primaria e secundaria a miña avoa cobraba a súa pensión e me levaba á zapateria a comprar os Gomicuer (zapatos do uniforme escolar) e tamén os zapatos de paseo e ese ano non foi diferente. Tiven o meu agasallo de PASCUAS como sempre (o diñeiro) e os meus zapatos no meu último ano de solteira e ata estivo dalgunha forma tambien presente na miña voda. 

Por esta e moitas razóns sempre estará presente no meu recordo.

A noiva

Os meus padriños non eran parentes meus como sucede nunha gran maioría, eran amigos da familia , vivían en Reiriz. Sempre lles tiven un agarimo especial, sempre que me cruzaba con eles chamáballe padriños. Os sentimentos de agarimo que tiña con eles sígoos mantendo hoxe en día co seu fillo, para min é coma se fose o meu irmán. Sempre me deron unha rosca que viña repleta de ovos por encima, e aínda que económicamente andaban moi xustos, dábanme tamén algo de cartos, que xente máis boa. É que sitio onde me vían, sempre me daban algo, tanto de pequeno como de maior, en moitas ocasións por exemplo, estaba no bar tomando algo e si aparecía o padriño  xa tiña a consumición paga por él. A miña madriña aínda fai pouco que morreu, cando podía ía visitala ao hospital, sentín un enorme baleiro ao faltarme os meus padriños. Hoxe en día teño tres afillados e ao velos recórdome deles, vénme á memoria o agarimo que sempre lle tiven e seguireille tendo alá onde estean.

Ola Juan, cóntoche.

Por unha banda o meu padriño era un amigo do meu pai, traballaban xuntos na Cross, a él coñecíano por “Chiquitín ” era natural de Lérez. Sempre me traía a rosca con ovos, e sempre me daba algo de cartos, e iso que tiña cinco fillos e daqueles anos gañábase pouco. Pero aínda cando se foi a traballar a Alemania sempre lle recordaba á súa muller que me trouxese a rosca, e así sempre o fixo, ainda máis, eu xa estaba casada e aínda me traían a rosca. E sempre que me vía tiña un detalle comigo, cando nos atopabamos nalgunha taberna, porque tanto él como o meu pai eran moi taberneiros, a min sempre me invitaba a un chato de xerez jajaja, daquela adoitaba tomarse moito e a min encantábame jajaja, recordo tamén que estando eu casada, estando un día na do Laparuzas veu a xunto miña e deume mil pesetas, eu estaba avergoñada, pero padriño, non fai falla que me deas isto, que xa estou casada e con fillos, pero non había forma, él seguía insistindo e tiven que coller as mil pesetas.

Tamén recordo que cando a muller de Chiquitín traíame a rosca era sempre o domingo seguinte a Pascua, e teño que dicir que nunca probei unha rosca tan rica como as que ela me traía, era chapó ! Pero doutra banda, a miña madriña era a irmá do meu pai, vivía en Bora e aínda que non tiñan coche para poder achegarse á miña casa, nunca faltaba un ano en que collía o autobús ou un taxi para traerme a rosca. Gardo un grato recordo dos meus padriños .

Os meus padriños chamábanse Charo e Agustin, eran irmáns e vivían en Pontevedra, Charo traballaba nunha tenda que había nos Soportais da Ferrería, de nome Casa Vidal, e Antonio nunha tenda que facía esquina na rúa Michelena coa baixada á Ferrería, chamábase casa de Telas Casalderrey. Charo e Agustin eran primos da miña nai, por certo, eran irmáns da muller dun profesor que creo que tiveches ti, que se chama Ignacio. Ben, teño un grato recordo dos dous, téñolle muitísimo agarimo, sempre me trouxeron a Pascua ata os quince anos aproximadamente, despois xa non viñan por Pascua a casa, seguiámonos vendo e cando me vían dábanme algún detalle. Os meus padriños non eran de traerme rosca, pasoulle igual ao meu irmán, os seus tampouco lle teñen levado a súa rosca, por iso que a miña nai era a que se encargaba de facer nunha panadería de Lérez unha rosca para os dous.

A min todos os anos traíanme un detalle, recordo perfectamente de varios agasallos que me fixeron por estas datas, un ano foi un camisón, outro un corte de tea para facerme un vestido, outra vez foi unha sortija, despois unha escrava, tamén recordo dunhas medias de ganchillo, ou aquel ano que me trouxeron un costurero que estaba forrado de tea de seda, era de cor azul.

Tiven muitísima relación cos meus padriños, cando tiña sobre doce anos víñanme a buscar os domingos e levábanme para Pontevedra, á súa casa estaba situada na rúa Joaquin Costa, querían que estivese en contacto co vivir da cidade, coas súas xentes, levábanme a misa, despois íbamos ata o Branco e Negro, recordo que ao saír da cafetería sempre me gustaba parar na tenda de fotografías , creo que era Foto Yáñez, tiñan un escaparate moi longo, con moitas fotografías e quedábame observando un bo intre con eles aquelas parellas de noivos, ou as fotos dos nenos e nenas de comuñón…tamén me paraba outro momento en Tobaris, vendo as novidades de xoguetes que acababan de expoñer no escaparate, unha daquelas bonecas que andaban soas sería un dos agasallos que máis ilusión me fixo.

Outro recordo que teño é o da voda da miña madriña, ela casouse xa cuns cantos anos, non como eu que me casei aos dezaoito, e fun precisamente á súa voda, fun a protagonista da voda, máis ca eles jajaja, estiven sentada na mesa dos noivos, á beira da miña querida madriña. Sempre estiven en contacto con eles, despois ao marcharme a vivir a outro lugar xa non puidemos vernos como antes, pero sempre lles tiven moito agarimo.

Ola Juan.

Pouco teño que contarche sobre a Pascua que me tocou a min. Direiche que os meus padriños foron os meus irmáns, quizáis por ser da casa, ou ben porque naqueles anos pasáronse moitas dificultades económicas, a min nunca me deron Pascua, ademáis aínda por encima, era máis triste cando vía que aos demáis irmáns os seus padriños traíanlle a súa rosca a cada un, e claro, eu non entendía porqué a min non me daban rosca. Recordo que co paso dos anos a miña madriña, é dicir a miña irmá comentábame que si lle chegase a tocar a lotería faríalle un agasallo a cada afillado dela, entón díxenlle eu que a min tamén me tocaba entón, porque era afillada súa. Quedou mirándome fixamente e contestoume: ti que dis ! Que eu son a túa madriña ? Jajajaja, pero como dis iso ? Eu non son a túa madriña ! Tiven que chamar á nosa nai para que lle dixese que efectivamente ela era a miña madriña, xa ves nin se acordaba. Esta é a miña historia, triste, pero real.

Os meus padriños eran irmáns, chamábanse Finola e Moncho. Recordo a súa rosca con ovos coma se fose hoxe, era especial, eu creo que era feita na casa, polo sabor característico a manteca, tamén a súa forma…comparada ás roscas tradicionais, a miña era moi baixiña. Os meus padriños eran de Pontevedra, ela tiña un pequeno negocio na Rúa Real, onde collía os puntos das medias.  Cando se casou xa era bastante maior, pois tanto ela como o seu noivo tiñan os pais moi maiores, e ata que morreron os pais non se casaron. Volvendo á rosca, recordo que había unha panadería en Pontevedra, a dona chamábase Sofia, era a que facía as roscas que lle traían aos meus irmáns. Pero eles esperaban con ansías a miña rosca, encantáballes o seu sabor. Aquela rosca con ovos, por certo moi tostada, era a que todos en casa querían comer cando chegaba pola porta. Entón eu estaba sempre á expectativa para cando chegasen os meus padriños coa rosca, ao chegar eu collíaa e rápidamente levába para a miña habitación, collía unha banqueta e subía a ela coa rosca, escondíaa encima do meu armario, alí encima non se vía, grazas ao oco que tiña o armario e que ademais a rosca como dixen antes, era baixiña.

Jajajaja, como rabiaban preguntando pola rosca, eu non lles dicía onde a tiña, despois máis tarde, ao final todos gozabamos da rosca dos meus queridos padriños .

Os meus padriños chámanse Elvira e Fermín, sempre me deron a rosca ata un ano logo de casada, era unha rosca que traía ovos encima, facíana nunha panadería, e estaba riquísima.  Eu de pequena pasaba tempadas en casa dos meus padriños, e a miña madriña cando se achegaban estas datas sempre se poñía a dicir que ese ano non ía ter rosca, porque as galiñas non daban posto ovos, era por facerme rabiar, jajajaja. Comigo portáronse sempre ben, ademáis cando me traían a rosca sempre me daban un diñeiro.

Os meus padriños eran o irmán da miña nai e a irmá do meu pai. Sobre os meus recordos da Pascua teño que dicirche que tiven sorte co meu actual madriña…Dígoche actual porque resulta que a miña madriña de bautizo nunca quixo saber nada de min, ademáis como vivía lonxe, nunca se preocupou do seu afillado. Por unha banda meu padriño sempre me truxo un bizcoito de chocolate, pero miña madriña nada de nada. Pero resulta que unha veciña que vive fronte por fronte, ao ver a miña situación de que non tiña madriña que me truxera rosca, apareceu un ano na miña casa cunha enorme rosca con ovos, e así ano tras ano, e aínda hoxe é o día que segue facendo a función de madriña, para min ela é a miña verdadeira madriña, quéroa con toda a miña alma.

O dos meus padriños foi curioso, cóntoche.

Os meus padriños chamábanse Sara e Manolo, eran matrimonio, vivían en Pontevedra. Resulta que a miña madriña era irmá do meu pai e fora a madriña de bautizo e de boda del, é dicir que comezou dándolle a rosca ao meu pai ata despois de casado, e cando nacín eu deixou de darlla a él, para darma despois a min. E vaía rosca facía a miña madriña ! Recordo perfectamente cómo era, era redonda, pero con forma de trenza, con ovos encima é un sabor que nunca volvín probar unha rosca tan rica como a dos meus padriños. Cando eu tiña uns sete ou oito anos, teño un recordo da Pascua que xa máis esquecerei, era cando a miña nai poñíase facer as roscas na casa. Ademáis é que non era unha, nin duas, os meus pais deberon de ter a lo menos uns dez afillados, entón aqueles días axudaba a miña nai , íbamos a buscar os ovos, a fariña, a manteca, e tamén axudaba a amasar na vella artesa, despois metiámolas no coche para levar a unha panadería que había en Pontevedra, estaba situada si mal non recordo preto de Sta. María, unhas horas máis tarde, recién feitas metíamolas no coche, que cheiro naquel coche ! E ao reparto con elas !

Os meus padriños vivían en Casaldorado, eran primos da miña avóa, bueno, máis que curmáns eran como irmáns, diversas circunstancias persoais fixeron que estivesen coidando uns doutros como irmáns, hoxe é o día que eu con teño unha estreita relación cos que son terceiros curmáns. Ben, os meus padriños chamábanse Isabel e Lino, foron os padriños de voda dos meus pais e ao nacer eu foron pois claro, foron os meus padriños de bautizo. Cada ano traíanme algún detalle, ou ben roupa, ou ben cartos, e claro tamén unha rosca con ovos, ás veces sen ovos, tamén había anos que me traían un bizcoito…Cando ma traían sempre me dicían que soubese que cando cumprise dezaoito anos xa me deixarían de traer a rosca, e así foi, eles tiñan moitos afillados é a todos dicíanlles o mesmo.

Gardo un grato recordo deles.

Os meus padriños foron os meus avós, padriños de bautizo, tamén da miña boda e padriños de bautizo da miña filla.

Como vivíamos xuntos, pois a rosca era o que había…pero tiña unha tia, que sin ser madriña sempre me dou rosca ou roscón, e tamén roupa.

Non teño moito que contarche Juan.

Na miña casa eramos oito irmáns, máis os meus pais e a miña avóa, foron anos moi duros e non era como agora. O meu padriño era o meu tío Manolo, pero él, aínda que era un bo paisano nunca me chegou a dar unha rosca na vida. Quizáis debido a que estivo moito tempo embarcado ou quizáis porque sabía que a miña avóa era a que facía de miña madriña é encargábase sempre ela de avisar ao panadeiro para que me trouxese unha, o certo é que él nunca ma trouxo. Eu de pequeno pensaba que non tiña padriño, foi de bastante maior cando descubrín que era o meu tío Manuel, e o cojonudo era que despois cando nos viamos , por exemplo, recordo de velo na taberna da Rons, porque era moi de ir a pescar troitas ao Río Rons e despois levarllas á señora Carmen para que llas fritise e comelas alí mesmo, e cando eu entraba a por unhas chucherías e un Fís Fas, víame é dicía a todo o mundo que era o seu afillado, pero a rosca non ma ten dado, non.

Xa ves a miña historia, si non chega a ser pola miña avóa…quedaba sin rosca.

Ola Juan, cóntoche.

O meu padriño chamábase Pepe, era natural de Caldas e a miña madriña chámase Maruja, ela é de Arcos da Condesa. Resulta que o meu padriño sendo un neno foise a vivir a casa da miña madriña Maruja, criouse na casa dela coma se fose un irmán máis. Fai moitos anos a miña avóa ía polas feiras a vender, e un día fixo amizade con Lola, a nai de Maruja, unha amizade que desde aquel momento foi crecendo día tras día, amizades que aínda segue a día de hoxe coa familia, para min e para a miña familia querémolos coma se fosen da nosa sangue, ou máis! É unha xente marabillosa. A casa da miña madriña sempre tivo as portas abertas para todo o mundo, calquera persoa que pasase por diante da súa casa tiña un prato de comida, pero sen cobrarlle nada, de sempre foi unha familia caritativa, unha xente extraordinaria, que che acollía cos brazos abertos, pouca xente hai hoxe en día así como eles.

Cómo se che contaba, a miña avóa ía ás feiras e alí vendía os seus produtos e compraba outros, coñeceu a Lola, daquela época en que se coñeceron estaban solteiras. Fixéronse moi amigas, e compartiron dormitorio moitas veces. Logo casáronse, Lola tivo dúas fillas, Maruja e Purita, mentres que a miña avóa tivo á miña nai, de nome Marité.

Ben, a amizade como che dixen ía cada día acrecentándose e foi tal que separadamente de ter negocios entre eles, por exemplo o viño que tiñamos en casa era comprado na casa de Maruja, a parte dos seus negocios como che dicía, a amizade foi tal que os meus pais decidiron que fosen os meus padriños de bautizo, e así foi. Pero a cousa non queda aí, cando me casei os meus padriños de voda foron Maruja e Pepe, xa que o meu pai xa falecera e o meu irmán aínda era pequeno para tal menester, así que pensamos neles por ser unha xente extraordinaria e que tiñamos moito agarimo. Sempre me trouxeron a Pascua, unhas veces unha rosca, outras un bizcoito, non era sempre o mesmo, pero trouxéronme rosca ata o mesmo ano en que xa estaba casada. Máis ben tróuxome a rosca Maruja e tamén de paso traíame a de meu padriño Pepe, xa que él ao haberse casado e quizáis influenciado pola súa muller, foise afastando das súas obrigacións como padriño, pero bueno, eu seguinlle querendo igual, máis aínda, é que os meus padriños foron os padriños de bautizo da miña filla, con isto dígoche todo.

Falando da rosca, recordo que ao principio a rosca facíana en casa de Maruja, tiñan un forno onde alí facían o pan, as roscas, empanadas… Xa viña de tradición da avóa e da nai de Maruja de facer naquel enorme forno as roscas de Pascua, despois, anos máis tarde xa as encargou o panadeiro. 

Maruja é un ser marabilloso, fai un tempo estivo moi maliña, un tumor na cabeza fíxonos pensar no peor, pero grazas a Deus recuperouse, pola miña banda estiven con ela todos os días que puiden e quedábame con ela pola noite, a miña madriña merecíallo, iso e máis que poida facer por ela. Hoxe en día está xenial e aínda gozamos xuntos os días das festas patronais, e algunha que outra máis, cada vez que podemos ímola a visitar.

2- E PASCUA, XA VEÑEN OS PADRIÑOS (I Parte)

A PASCUA.

A Pascua, tamén chamada Pascua de Resurrección,é a festa central do cristianismo,na que se conmemora, de acordo cos evanxelios canónicos, a resurrección de Jesucristo ao terceiro día logo de ser crucificado.

Cando se comezou a regalar a rosca de Pascua parece ser que non tiña nada que ver coa relixión, senón que xa viña dos festexos paganos da antigüidade.

Para unha gran maioría de historiadores a rosca ten a súa orixe en Italia, exactamente na cidade de Bolonia, onde uns pasteleros decidiron crear un postre que servise como complemento ao ovo de Pascua, outros sosteñen que alá polo ano 476 o nacemento da rosca foi na cidade tamén italiana de Pavia.

Nesta época de Pascua o papel dos padriños  é fundamental, de aí a miña intención de facer este escrito. Todos sabemos que os padriños  de bautismo non teñen dereitos legais civís sobre os seus afillados, pero si teñen dereitos morais ante os pais que os elixiron e sobre o seu afillado.

Pero non vou entrar nisto, o que quero reflectir hoxe aquí é as respostas que me deron os veciños e veciñas da parroquia cando lles preguntei polos seus recordos de niñez e de mocidade relacionados coa rosca, sobre os seus padriños  etc. nestas datas tan sinaladas.

Había quen tiña os padriños doutras parroquias , por exemplo de Sta. María de Xeve, recorda que sempre o seu agasallo era unha rosca con ovos encima, pero o último ano que lle trouxeron a rosca tivo un desenlace que non esperaba a nosa veciña, a súa madriña, ao chegar á casa da afillada foise directamente ao curral, onde estaban as galiñas, sen que ninguén da casa da afillada decatásese, sacou un trapo e colleu todos os ovos que puxeran as galiñas…ao acabar, subiu para casa e chamou á porta.

A súa afillada ao abrir a porta esperaba como sempre a súa rosca cos ovos encima,  ademáis era a última porque se ía a casar, e resulta que atópase de fronte á súa madriña con un trapo anudado na man, nel levaba os ovos recentemente collidos no curral…Ola madriña ! Qué ledicia verte !

Mira filliña, este ano non hai rosca, tráioche ovos. Meteulle o molete cos ovos na man e quedouse tan pancha. Máis tarde, cando a nai da rapaza foi a darlle de comer as galiñas decatouse de que os ovos que lle habían dado a súa filla eran das súas galiñas…quedaron mui sorprendidas, dado que todolos anos se portara de maravilla.

Outra veciña cóntame que ten uns recordos dos seus padriños moi bos, eles eran do lugar da Bouza, os seus recordos lévana a aqueles xoves de todolos anos na época de Pascua, contame que desde moi cedo estaba acendido o forno dos seus padriños, aquel cheiro a rosca invadía todo o lugar da Bouza,  cheiraba de medo…sobre as dez de mañá o seu padriño achegábase á súa casa, coa rosca e duascentas pesetas, que en aqueles anos eran moitos cartos, aquel día era unha festa ! Eran épocas de moitas necesidades e sempre lles estará agradecida alá onde estean, sempre, sempre se portaron de marabilla con ela.

Séguenme contando os seus recordos, esta vez é un home, que me conta que os seus padriños eran José Luís e Clara, cada ano ía á casa deles a buscar a rosca cos seus ovos, cando era máis maior dábanlle vinte pesos cada pascua.

Outra veciña cóntame que os seus padriños eran de Postemirón, parroquia de Vilaboa, eran parentes do seu pai, recorda que a súa madriña Carmen, era a leiteira do lugar e dedicábase a levar o leite ata Marín, Cantodarea e Pontevedra. De feito, o coñecido mestre Moldes, que ía tocar o violín nos actos litúrxicos da parroquia, criouse co leite das vacas da súa avóa e da súa madriña.

Recorda que sendo a máis maior de cinco irmáns, a rosca dela era a que sempre chegaba de ultima á súa casa. Aos seus irmáns sempre lles chegaban entre o domingo de Ramos e o sábado de Pascua, xuntábanse na súa casa tres bizcochos enormes de grandes e dúas roscas que parecían rodas de carro, do grandes que era. A última rosca en chegar era a da nosa confidente, sempre chegaba o mesmo día, á mesma hora, o domingo de Pascua pola tarde, todo era debido a que os seus padriños tiñan moitos afillados e á rosca dela era a última do reparto. Levábanlle unha rosca xunto cunha bola de pan enorme, todo iso envolto nun mantel, moi ben atado por certo Tamén recorda ao seu padriño que tamén lle daba unha propina aos seus irmáns, os cales quedaban sempre agradecidos con aqueles pesos que lles daba. Cando se casou aínda lle levaron a rosca e ao ano seguinte tamén, o seu recordo cara aos seus padriños será sempre de agarimo, termina comentándome que o seu madriña faleceu fai un ano.

Siguen comentándome os seus recordos, hai quen me chama por teléfono, e os seus recordos sobre a Pascua concordan coa maioría, de ter bo recordo deles, no seu caso coméntame que os seus padriños deixaron de darlle a rosca conforme se foi ao servizo militar.

Hai quen me di que na súa casa, que eran familia numerosa, aqueles días que viñan os padriños era días dunha enorme ilusión, quen mo conta coméntame que o seu padriño chamabase Eduardo, era o marido dunha irmá do seu pai e a madriña era a filla, de nome Marisa. Tíñalles moito agarimo e tamén me conta que garda un grato recordo dos padriños dos seus irmáns, en especial de Rita e o seu marido Angel, padriños da súa querida irmá Marisiña.

Logo de desexarme os seus mellores desexos de que esteamos todos ben, está veciña comézame a dicir que os seus padriños son Gonzalo e Maricarmen. Aqueles días en que se achegaba a Pascua pasábaos con moitísimo nerviosismo, esperaba ansiosamente a que chegase o xoves santo, día en que lle levaban a rosca. Algúns anos non viñan os seus padriños coa rosca, leváballa o panadeiro, porque como traballaba a súa madriña na taberna e tiña moito traballo comentáballo ao panadeiro para que lle fixese o favor, remata decindome que aquela rosca sabía a gloría, e mollada en leite era o mellor do mellor.

Ola Juan, teño moi poucos recordos dos meus padriños,ela chamábase Carmen, era a tía da miña nai. Vivían preto da fábrica da Cross, o que si non teño ningún recordo é do meu padriño, xa que Carmen había enviudado sendo eu un bebé, sempre me regalaba unha rosca e con ovos cocidos encima, pero a mala sorte fixo que se levase á miña madrina, faleceu cando eu contaba con doce anos.

Que tal Juan, cóntoche.

Mira, pero teño que dicirche unha cousa, eu, tiven padriños por partida doble, tamén tiven os da miña irmá, porque eu como era a máis pequena e cando era a época das roscas ía con ela a casa dos seus padriños, eu sempre lle chamaba padriños jajaja. Recordo que aquelas roscas eran feitas do momento, daquela eran feitas na casa, e non se lle botaba ningún condimento artificial, un ano recordo que o pouco tempo de traerme a rosca púxose dura coma unha pedra, mira que ainda recordo dicir a miña nai que raios lle botou a túa madriña a rosca, de sabor estaba riquísima , pero había que cómela axiña, unha magoa de rosca, porque un pouco que sobrou o outro día tivemos que darlle de comer as galiñas, como peiteraban nela ! As roscas da outra madriña, traías ela, viña con dúas roscas enormes, cheas de ovos encima espichados. Traías na súa cabeza, nun cesto de mimbre grandísimo, tapadas cun pano. As dúas madriñas portáronse sempre comigo de marabilla, déronme rosca ata os vinte anos, que foi cando me casei.

Tamén había casos curiosos, non moi habituais, pero que de cando en vez se dan.

Isto é o que me conta unha das nosas veciñas :

No meu caso eu non recordo aos meus padriños, como estaban fóra nunca chegaron a darme a Pascua, entón era a miña avóa a que foi durante anos a miña madriña. E aínda logo de estar casada seguiu dándoma !

Acórdome coma se fose hoxe que a rosca compráballa á señora Lola, a que vendía o pan xunto á praza, recordo que tiña un coche, un catro latas, de cor blanco. Aquela rosca era enorme, era de dous quilos e medio, polo menos ! E o seu sabor a manteca aínda o teño no paladar. Despois a miña avóa pasou a darlle as roscas ás miñas fillas, o domingo de ramos era cando adoitaba chamalas e dáballes a súa rosca a cada unha delas. Sempre lles daba, ata que faleceu, agora cando é domingo de Ramos achégome á súa tumba e póñolle flores. Como tradición eu ese domingo é cando lle dou as roscas os meus afillados. A miña avóa era unha muller excepcional, pois tamén lle daba a roscas a outras nenas que tamén se quedaron sen padriños. Este ano estou moi triste, pois como non se pode saír de casa, non lle puiden levar as flores.

A min dábanme a rosca todos os anos o domingo de Pascua, xunto á rosca mentres fun pequena traíanme un agasallo, co paso dos anos este agasallo converteuse en diñeiro. Recordo que o meu avó materno encargaba unha chea de roscas, despois encargábase de ir repartíndoas el personalmente polas casa dos seus fillos. Para min é un dos recordos que máis gardo con agarimo ata o día de hoxe, para min fai que a Semana Santa sexa especial.

Ola ! Boas tardes !

Os meus padriños son irmáns do meu pai, polo tanto, sempre tiven dobre Pascua, sempre se portaron de marabilla comigo. Cando me traían a rosca, sempre viña acompañada doutra cousa, sendo pequena aparecían con roupa e despois, xa máis maior dábanme cartos. Logo de casada aínda a miña madriña tróuxome a rosca durante sete anos máis ! Tiven que ser eu a que lle dixese que xa ía sendo hora de que parase. Para min estas datas son moi recordadas, eran datas que esperaba con moita ilusión.

Pois…cóntoche.

Os meus padriños son de Verducido, os máis guapos de Verducido. Sempre me trouxeron rosca e aínda é hoxe o día que ma seguen traendo. Os primeiros anos dábanme tamén diñeiro, pero despois díxenlles que só me trouxesen a rosca, eu só quería a rosca. O que si me gustaba de pequena era cando me viñan coa rosca e unha figuriña de cholocate ! Encantábanme !

Hai quen me conta que poucos recordos teñen sobre a Pascua, quizáis lle pasou algo parecido a min, xa chegará a miña quenda…Coméntame que a él lle levaban os seus padriños unha rosca, en cambio a outros nenos do lugar os seus padriños levábanlle un bolo con ovos no interior…

Un veciño que casou na nosa parroquia coméntame..

No meu caso, que non son nado en Cerponzons, senon que en Moraña, o bizcoito non era nen é algo típico, ala o típico era a rosca , o bolo ou a bica, o bolo está feito de pan de manteiga con ovos o forno, éste tiña un mínimo de media ducia e podía chegar a ducia e media, máis ou menos, o normal era 24 ovos ( duas ducias), a bica, o mesmo tipo de masa pero con 2 ou 3 hovos, mandoche algunha foto, ata dónde eu sei por aquí non era típico, pero a 20 km era moi típico incluso máis que a rosca, sobretodo a bica, que soiase dar unha a cada casa da aldea e a os fillos dos amigos da familia.

Meus padriños, que son unha irmán de meu pai é o seu marido, sempre me deron un bolo que contiña catro ducias de ovos, cando casei e vin a vivir a parroquia con 29 anos xa deixaron de darmo.

Nestas fechas esperaba con ilusión a chegada da rosca ou biscoito que me había de regalar meus padriños, eses que casi nunca viñan a visitarme e que cando me encontraban en Pontevedra dabanme cinco pesetas, cando os da miña irmán non baixaban de cincuenta, por non falar da rosca con ovos maravillosa que lle traían. Ao final da xornada meu pai facía o parbo e traia un biscoito da pastelería Solla dicíndome que era dos padriños, mentras eu soñaba coa rosca de ovos, esa que nunca me chegou.

A día de hoxe emplazo as persoas deste grupo a axudarme a recupera-la inocencia e a ilusión da miña niñez e traerme unha rosca con ovos.

Juan, jajaja, cóntoche.

O meu non é moi habitual, pois nunca me gustaron os doces, bizcochos, roscas e similares, jajajaja. Así que que convencín aos meus padrinos para que non me regalasen a rosca, e a cambio désenme diñeiro.

E así foi.

Ola Juan ! Sen problema!

Os meus padriños son Juan e Carmen, sempre me traían un bizcoito, antes preguntábanme que era o que quería. Ademáis dábanme un sobre que contiña cartos para que me comprase o que eu quixese. Teño moitos recordos de cando era nena, o Domingo de Ramos é un deles, o primeiro que faciamos era ir á Igrexa Parroquial, levabamos a palma e os meus pais a súa rama de olivo, que a collían á entrada da igrexa. Despois ao finalizar a misa e a bendición das palmas, os meus pais levábanme a Pontevedra para ver a burra e darlle coa palma.

Outra das cousas que recordo era unha época en que a miña nai ía á panadería facer as roscas, pasábanse horas e horas…ou iso era o que me parecía a min.

Séguenme chegando máis respostas á miña petición , outra moza, coméntame que ten uns recordos moi bonitos, xunto cos seus padriños, eles viven no Taral, a miña madriña e o meu padriño sempre me regalaron unha rosca de tres quilos.

Outro mozo da parroquia contéstame á miña pregunta :

Era o día que chegaban os meus padriños cunha enorme rosca e con diñeiro escondido na rosca ! Jajajajaja

Os meus padriños son o meu tío e a súa ex muller. Teño moi bos recordos de aquela, él sempre me regalaba una rosca e despois iamos os dous da man por Pontevedra a comprarme outro regalo, o que eu quixera. Para min era un día de festa. Coma os Reis Magos. A miña madriña variaba e un ano regalábame un detalle coma unha flor ou planta, un anel…e outra rosca. Hoxe en día co meu padriño segue a tradición pero se modernizou e regálame doces novedosos que atopa nas pastelerías, coma as tortas de nata da cadena galega “La Torta”. A miña madrina desde que me casei, cumpliu a rajatabla o de deixar de regalar, jeje. 

Ola Juan, os meus recordos son moitos, tiven como padriños a Benjamin e a Ángela, eles eran moi novos cando me bautizaron. Sempre me deron rosca con ovos encima e como eran irmáns, ao casarse sempre me deron os dous, eu estaba encantada con eles, hoxe en día sígolles querendo moito.

Boas tardes Juan.

Os meus padriños son de Lalin, por aquela vila non se ten costume regalar as roscas como aquí. Os meus mellores recordos son cando na casa de Paco, o pai de Mercedes, poñíase facer as roscas. Tiña un forno onde metía aquelas roscas, despois tapaba todos os buratos do forno utilizando a bosta das súas vacas. Oiches, as roscas por certo, estaban boisimas.

Ola ! Os meus padriños eran Pilar, tía do meu pai e Antonio, o meu avó por parte de nai. Eu tiven moita sorte, porque recibía rosca dos dous. Ademáis recordo que me facía moita ilusión cando me traían a rosca, xunto con chocolates, cando fun sendo máis maior xunto coa rosca dábanme diñeiro, que o usaba para mercar o vestido para Ramos. Por certo as roscas sabían a gloria !

Boas tardes! 

Pois teño moitos recordos, a verdade, pero nestes tempos que nos tocan vivir o qué mais recordo é sendo a pequena de cinco irmans nas tardes de pascua viñan os nosos padriños e a casa enchiase de roscas ( non coma as da ahora) longas, de biscoitos e tamén de bolos de pan con ovos que se facian no forno de leña.  Miña nai facia unha ola de chocolate e meus irmans e máis eu sentábamos a merendar. Era un momento doce, non so polo que comíamos, se non por estar todos xuntos, tamen con outros familiares que viñan de visita ou tamén de alguns veciños.  Será por ser éste un momento no que non podes estar cos qué mais queres,compartindo esas tardes, con risas, bicos e abrazos…. o qué mais che recorda!!!

Ola, que tal ! Os meus padriños eran de Pontevedra, chamábanse Luís e Marisa. Luís era vendedor de especias e Marisa arranxaba os puntos das medias, vivían nunha casa da Rúa Real, resulta que a miña avóa ía vender herbas e sementes á praza do Teucro, coñecida fai anos pola Praza da Herba. Pois resulta que a miña avóa fixo amizade con Marisa e gardaba na súa casa os sacos de herba e as sementes que lle sobraran, desa confianza foi como naceu unha gran amizade e así chegaron a ser os meus padriños. Eles regaláronme sempre rosca, facíana na casa, que rica estaba, recordo que estaba rechea de pastel e por encima botáballe almendra moída. Este tipo de rosca non era nada usual pola aldea. Tamén me acordo de que non era moi grande comparada ás que lles traían ás miñas amigas, pero o sabor era insuperable. Por certo o meu padriño era o que viña en bicicleta a traerma.

Tamén hai quen me recorda algunha anécdota, hai unha veciña que xa sendo nai os seus padriños seguíanlles levando a rosca, a ela xa lle daba vergoña, pero aínda que lles dicía que non lla levasen, eles insistían e dicíanlle que mentres vivisen levaríanlla todolos anos. A cousa foi que o xenro da madriña era moi bromista, e sempre estaba argallando algo. O día que lle estaban preparando a rosca esperou a que estivese feita e nun momento de descoido da súa sogra, cambioulle dous dos ovos cocidos por dous frescos. Cando chegou o momento para comer a rosca e o ovo correspondente, xa vos podedes imaxinar, ao querer quitar a cáscara rompíaselle todo por ela.

Ola ! Os meus padriños eran unha xente moi coñecida en Pontevedra, deses de nome…pero resulta que cando chegaban estas datas, aos meus irmáns traíanlle a rosca, en cambio a min nunca ma traían, dábame moita rabia. De toda a miña niñez e mocidade só recordo que me desen a rosca unha vez, tiña eu catorce anos. Desde aquel entón sempre lle dei moita importancia á rosca, os meus afillados aínda que non a queren dareillas ata o primeiro ano de casados.

Ola , polo que eu recordo , meus padriños sempre me deron a rosca ata que me casei , e ata o ano seguente dá voda . Meu padriño chamabase Angelito , era do Casaldorado , falleceu xa hai uns anos , e miña madriña, que aínda vive, chamase Fina de Casaldorado ( Finola ), irman de Carmen a de Pidre (Muller de Pepe o Cochón , o carpinteiro ). Os recordos que teño e polo que me contaron antes de ter uso de razón, era que de pequeniño mandabanme un rosco pequeno cun ovo dentro e a medida que pasaban os anos , cada ano a rosca viña con un ovo máis , Unha anécdota que recordo e que tendo eu 10/12 anos viñeron a traerme a rosca, estaba chea de ovos ao rededor, puxeronma de collar e a rosca partiu en dous , moito rímosnos muito jajaja , máis anedotas xa non recordo, bo ,si , recordo que non sei a que anos foi , despois de pasar as pesetas a euros, traianme a rosca e danbame 20 euros con ela, e así ata que me casei. Un saúdo

Un dos participantes quere compartir con todos esta foto.

 

A miña infancia sobre a Pascua está chea de recordos moi bonitos, pero un pouco curtos.

Os meus padriños son de Verducido, un amigo do meu pai que se levaba moi ben con él, traballaban xuntos, foron no ano 1971 os meus padriños. Que gratos recordos teño desde cando tiven conciencia do que era a Pascua, de cando estaba esperando impacientemente a chegada dos padriños, de cando estabas pendente de que a túa rosca fose a primeira dos catro irmáns, bo, neste caso a miña sempre era a última , traíanma o domingo de Pascua.

A miña madriña chámase Hortensia e o meu padriño Pepe, facían unhas roscas caseiras que eran unha delicia, riquísimas, iso si que eran roscas, non como estas de agora que non saben a nada, as que fan en confiterías e nas panaderías.

Recordo que o meu padriño polos anos 77/78 dábame tamén daquela mil pesetas ! Nai de Deus  ! Aquilo era el no va más ! por iso non é de estrañar que eu os esperaba para recibilos como se merecían. Pero no ano 84, era o mes de xaneiro exactamente, o meu padriño falece, contaba con só 34 anos, eu tiña naquel momento doce anos, é dicir no ano 83 foi o último ano en que viñeron os dous a traerme a rosca, a partir dese momento foi a miña madriña a que seguiu traéndome a rosca todos os anos, pero eu estaba triste, non tiña padriño. Pero tamén tiven a sorte que os padriños dun dos meus irmáns, unha xente que aprecio moito, aínda que hoxe en día xa non están connosco, tiveron a gran idea de “adoptarme” como afillada, e así a raíz de faltarme padriño, eles cando traían a rosca para o meu irmán, viñan con  outra para min, así que tiña uns padriños postizos ! Son uns recordos da infancia que che gustan recordar pero á vez son tamén un pouco tristes, xa que non puiden gozar moitos anos dos meus padriños, pero bueno, a vida é así , sabes unha cousa ? dá a sensación que as cousas na vida vólvense a repetir, quédasche sen padriños moi nova e de novo volve suceder o mesmo…

É unha historia curta por non poder gozar máis do meu padriño, pero a vida é así e hai que tomala como vén. Un saúdo.

Boas tardes Juan !

Na mińa infancia, teńo recordos de tempos de estreno, de brotes verdes, de aire puro, de sol morno, de risas e de roscas, de moitas roscas. Meus padrińos, Daniel Cochón e Isabel Piedras, que tińan a doble condición de tios e padrińos, regalabánme, a min e a vintetantos afillados mais, un biscoito, que vińa sempre o xoves santo.O venres chegaba a Pascua de meu irmán, día no que mińa nai ia ó forno facer as roscas para seus afillados e para nós. A mesa do comedor quedaba repleta deses doces con ovos espichados, tapados cun mantel, que me deixaron un arrecendo inesquecible na memoria.  No chan, por moito que barreras, estralaba o zucre, baixo as pisadas dos comensais furtivos. O venres santo, na ausencia de mińa nai, para levar a cabo a tan noble labor de amasar e decorar roscas, eu quedaba, de mal gosto, a cargo da comida, case sempre, por mor da coresma, bacallau con patatas e grelos. 

A recompensa chegaba pola noite, con aquela cantidade de bolos, cuxo ulido, ainda lembro hoxe. 

Bueno, cóntoche.

Resulta que os meus avós maternos son de Pontevedra e os paternos de Ourense, de pequena eu vivía en Ourense e alí non hai tradición de dar a rosca, nesta época de Pascua o que generalmente regalan os padriños é roupa. Pero claro, eu si que tiña rosca, porque os meus padriños son os meus avós de Pontevedra, así que a miña irmá só recibía roupa, en cambio a min traíanme aquela rosca que levaba facer a miña avóa ao forno que había polo Gorgullón. Sendo un pouco máis maior recordo ir coa miña avóa a dito forno, levaba nun cesto os ovos, que despois o panadeiro colocábaos por encima da rosca.

Como a familia estaba repartida entre Ourense e Pontevedra, co tempo decidimos pasar estas datas tan señaladas nos dous sitios. Así que en Pontevedra estabamos nas procesións de Semana Santa , despois iamos para estar o Domingo de Ramos en Ourense, e recordo que sempre que íbamos a Ourense levabamos a rosca da avóa. Por certo aínda estando xa casada os meus padriños seguíronme traendo a rosca, pero ao nacer o meu primeiro fillo, xa non volveron traerma, dábanlla ao meu fillo jajajaja.

Co paso do tempo convertinme en madriña, os meus afillados viven en Ourense e claro eu sempre lles levo a cada un a súa rosca, failles muitisima ilusión, pero este ano tíveno complicado ao non poder desprazarme, tiven que chamar a varias panaderías de Ourense para poder conseguir que a me fixesen unha rosca e levásenlla a casa dos afillados, ao final puiden conseguilo e así poder continuar a tradición.

Agora tócame a min contar os meus recordos.

Recordo o Domingo de Ramos coma se fose un día de festa, normalmente sempre estreaba roupa, aínda recordo que a miña nai logo de estreala dicíame que tiña que gardar a roupa para a próxima festa, voda ou data sinalada. Así era que algunha das veces que volvía poñer a roupa quedábame pequena, é dicir, que despois andaba as medras, jajajaja.

Cando chegaba á igrexa sempre me ría cunha veciña, a señora Severina,  bo, riámonos todos, era a señora que levaba unha enorme rama de olivo, pero non vos podedes imaxinar os máis novos o grande que era, é que había veces que tiñan que axudarlle para poder metela pola porta principal da nosa igrexa !!!

 Os meus padriños pois para non ser menos que a miña irmá, tamén eran de Pontevedra, parece ser que José, que era como se chamaba él, era amigo do meu avó Jesus.

Polo que me contaron, José debeu de traballar no Concello, cobrando os impostos ás xentes que ían vender os seus produtos do campo a Pontevedra, seguramente un día alguén non puido pagarlle e quedóuselle cunha cesta de ovos, desde aquel día coñecíano por ” Huevos no cesto”. A miña madriña chamábase Vitoria, era unha buenaza de muller, queríame moito, pero…

Cando chegaba o día en que me traían a Pascua, eu xa estaba na fiestra da miña habitación controlando a súa chegada. Víaos vir por onde está a casa de Calvo, onde comezaba o xardín, viñan no trole e seguramente antes haberían ir ata a taberna do Coques, para os que non saben onde era, dicirvos que é a casa que ata fai pouco era o bar coñecido polo Carro, en Alba.

Bo, pois cando os vía achegarse eu poñíame todo enfadado, baixaba xunto a miña nai á taberna chorando, ela o mirarme así preguntábame que era o que me pasaba. Veñen aí os meus padriños e vólvenme a traer un bizcoito ! Eu non quero bizcoito !Eu quero unha rosca con ovos cocidos ! A miña nai consolábame e dicíame que me portase ben con eles, que lle dera as grazas e un bico, e que xa me faría ela unha rosca con ovos.

E así, ano tras ano, desgusto tras desgusto non probaba bocado de bizcoito.

O meu mellor recordo da Pascua é cando recibíamos as roscas para os afillados e afilladas, chegaba o panadeiro co furgón cheo de roscas para a nosa casa. Os meus pais tiñan varios afillados na parroquia, tamén en Alba, e na Devesa, outro en Campaño, en Valiñas….eran muitisimos, a estos había que sumar os da miña irmá, que creo que tiña catro, e tamén eu con outros catro. Xuntábanse unhas vinte roscas aquel día ! Que cheiro había na taberna ! Jasusdiormio !

Co paso do tempo, cando dispuxen de coche era eu o encargado de repartir a maioría das roscas, facíame moita ilusión entregalas e charlar un pouco con todos eles.

Sempre que a miña nai encargaba as roscas para os afillados tamén encargaba un par delas para casa, estas comíanse nun dicir amén, por unha banda os de casa e por outro os clientes da taberna,que ao pedir a consumición a miña nai poñíalles un anaco de rosca. O habitual era que a mollasen con viño tinto, daquela era o que máis se consumía na taberna, por suposto que foi unha das cousas que de moi novo tamén probei, e tanto con viño tinto como con branco, está sublime jajajaja.

OFICIOS DOS VECIÑOS (VII) MATACHÍN 

MATACHÍN…Home que mata e despeza as reses e, sobre todo os porcos.

Antigamente pagábaselle ao matachín cun anaco de raxo. RAG

O día que ía haber matanza era un día festivo, respirábase un ambiente completamente distinto a calquera outro día, na miña casa, como noutras tantas da parroquia, tiñamos o porco a punto para o seu San Martiño, alá polo mes de novembro, coa lúa en cuarto menguante, para que os xamóns non se estragasen.  Todos os membros da familia tiñamos que botar unha man, cada un xa tiña a súa función programada, aínda así necesitabamos máis axuda, sempre que se necesitaba axuda na taberna meu pai encargábase de falar cos veciños máis achegados, ou con aqueles que vivían máis preto da nosa casa. A súa disposición era total, uns axudábanse aos outros, fose cal fose o traballo para realizar. Normalmente realizábase nun momento que estivesen desocupados, que non tivesen que ir traballar, adoitaba ser un sábado á tarde o día máis escollido.

Cando chegaba o momento, todos estabamos en tensión, o meu pai era o matachín, a súa aprendizaxe foi a base de  ver unhas cantas veces a un señor que se dedicaba a capar e a matar os porcos. Todo comezaba o día anterior, ese día o porco pasaba sen comer, así desta forma tería as tripas baleiras e facilitaba a súa limpeza no momento en que a miña avoa Ramona e a señora Sara levasen as tripas ao río para lavar. Ser o matachín conlevaba unha gran responsabilidade, non servía calquera, todos os que iamos botar unha man tiñamos que obedecer as ordes do meu pai, el era quen ordenaba e nós cumprir ao momento co que nos mandaba.

O meu pai extraera dun caixón un envoltorio de papel de estraza, nel atopábanse uns cuantos coitelos moi afiados especialmente para ese momento. Organizaba él todo, o banco, os coitelos, as tinas para recoller o sangue, os cepillos….estaba todo en orde… Uns cuantos homes achegábanse a cochiquera, alí comezaba a desgarradora escena, si, para algúns de nós era algo dramático, é que no fondo habíaselle collido agarimo ao marrano, despois co tempo a min xa non me facía efecto ningún, eran tantos os porcos que tiñamos, uns cincocentos, que por un que se mataba aínda che quedaban uns cuantos máis.

Matanza no lugar de A Seca (Pontevedra)

Cunha corda na man, o meu pai era o que entraba primeiro, achegábase ao porco cun pouco de comida e dado que estaba sen comer, era fácil de que se lle achegase, nese momento, con moita maña, Juan da Rons colocáballe a corda no fuciño, nese momento os demáis homes entraban en escena, aí é cando o marrano dáse de conta que algo ían facer con el, e resístese a saír da súa cuadra…Comezan os chillidos, comeza a tensión, como boamente poden van achegando ao banco, alí, todos a un tempo colócano encima, e todos a un tempo saben como collelo e aguantar as súas patadas e soportando os chillidos que rompían os tímpanos. No momento que estaba ben suxeito, era cando meu pai entraba en escena con aquel coitelo súper afiado, un momento en que tiña que poñer os cinco sentidos, o coitelo tiña que coller unha única dirección, unha incisión preto dá gorxa, no momento que comezaba a sangrar a miña avoa xa estaba preparada cunha tina para ir recollendo o sangue, en dita tina anteriormente colocara unha cebola para que o sangue non calase.

Ao finalizar este momento tan tenso e de nerviosismo, cando o porco estaba totalmente desangrado, dábase un descanso para tomar un viño. Mentres toman o viño, todos felicitan ao matachín pola certeira coitelada na carótida, eres moi bo Juan, nada que ver co paisano que nos viña antes, o porco con él sufría, contigo non se entera…

Cando anos máis tarde chegouse a prohibir este tipo de matanza e impúxose o da pistola perforadora, moitos dos nosos paisanos comentaban que a carne non sabia igual: se sempre se fixo así, sería por algo, estas modernidades a min non me convencen, decían entre eles cando estaban na taberna tomando a chiquita….

Despois de tomar un grolo, era o momento de chamuscar o marrano, e para iso había que coller un pouco de palla, plantarlle lume e comezar a queimar todo o corpo do porco, non podía quedar un pelo e despois había que quitarlle os pezuños, máis tarde comézase a lavalo, para iso con un bo cepillo e auga quente, quedaba limpo cómo a patena. O rematar isto, comezaba outra vez o traballo de meu pai, había que abrir en canle o porco para retirarlle as visceras: corazón, riles, tripas…Despois de vacíalo colgabamos o porco na adega, colocábase en vertical, usando para iso unha corda e ademáis con  uns paus á altura da barriga para mantelo aberto. Mentres se facía isto, a miña avoa xa estaba coa súa veciña no río, lavando as tripas. É que do porco aproveitábase todo, a graxa máis fina que se atopaba no medio das tripas utilizábase para facer rixóns, e coa graxa que cubrían os riles utilizábana para o unto.

Veciños de A Seca
Queimando o pelo
Colgando o porco

Recordo que na casa de miña avoa, o que era a taberna dá Rons, facíase toda a vida na planta baixa, aparte da taberna que era á vez ultramarinos, había un apartado onde tiñamos unha cociña e un cuarto onde comiamos, a planta de arriba da casa era onde estaban as nosas habitacións, e ademáis había un salón (que se ten usado algunha que outra vez nas festas do patrón) e unha cociña, que eu non recordo que se utilizase como tal. Nela si lembro ver os chourizos e as morcillas de sangue colgadas por toda a cociña, alí curábanse. O recordar esto danme ganas de comer morcilla, é que a miña avoa tiña moi boa man para facer chourizos, morcillas e filloas de sangue.

O seguinte día tocaba a última parte, había que é despedazar o porco, cada anaco, cada tipo de carne tiña unha función de uso, que se para facer chourizos, que se o raxo, e despois había que salgar o resto…ese traballo tocoume a min durante  muitos anos. Normalmente eran días de muito frío e non era un traballo mui doado, había que estar metendolle sal por todos os lados á carne, non podía quedar un centímetro de carne sen salgar, o meu pai controlábame cada certo tempo se o ía facendo ben. A partir de ese mismo día xa estábamos criando outro porco para o seguinte ano…

Xornada rematada

Outro veciño que tamén foi matachín : JUAN O UCHA

Por certo, falando fai uns días co pintor de Briallos, Celso Varela, quen co seu pincel fixo varias obras relacionadas coa nosa parroquia, comentoume que o seu avó foi matachín , e lembra aquel coitelo que chamaba a atención polo seu mango repuxado en prata.


O seu avó nacera no lugar de Porta do Conde, do Concello de Portas. Tiña un irmán que era tamén matachín, de nome Guillermo.

Celso envioume esta obra relacionada coa matanza :

Obra de Celso Varela