E PASCUA, XA VEÑEN OS PADRIÑOS (I Parte)

A PASCUA.

A Pascua, tamén chamada Pascua de Resurrección,é a festa central do cristianismo,na que se conmemora, de acordo cos evanxelios canónicos, a resurrección de Jesucristo ao terceiro día logo de ser crucificado.

Cando se comezou a regalar a rosca de Pascua parece ser que non tiña nada que ver coa relixión, senón que xa viña dos festexos paganos da antigüidade.

Para unha gran maioría de historiadores a rosca ten a súa orixe en Italia, exactamente na cidade de Bolonia, onde uns pasteleros decidiron crear un postre que servise como complemento ao ovo de Pascua, outros sosteñen que alá polo ano 476 o nacemento da rosca foi na cidade tamén italiana de Pavia.

Nesta época de Pascua o papel dos padriños  é fundamental, de aí a miña intención de facer este escrito. Todos sabemos que os padriños  de bautismo non teñen dereitos legais civís sobre os seus afillados, pero si teñen dereitos morais ante os pais que os elixiron e sobre o seu afillado.

Pero non vou entrar nisto, o que quero reflectir hoxe aquí é as respostas que me deron os veciños e veciñas da parroquia cando lles preguntei polos seus recordos de niñez e de mocidade relacionados coa rosca, sobre os seus padriños  etc. nestas datas tan sinaladas.

Había quen tiña os padriños doutras parroquias , por exemplo de Sta. María de Xeve, recorda que sempre o seu agasallo era unha rosca con ovos encima, pero o último ano que lle trouxeron a rosca tivo un desenlace que non esperaba a nosa veciña, a súa madriña, ao chegar á casa da afillada foise directamente ao curral, onde estaban as galiñas, sen que ninguén da casa da afillada decatásese, sacou un trapo e colleu todos os ovos que puxeran as galiñas…ao acabar, subiu para casa e chamou á porta.

A súa afillada ao abrir a porta esperaba como sempre a súa rosca cos ovos encima,  ademáis era a última porque se ía a casar, e resulta que atópase de fronte á súa madriña con un trapo anudado na man, nel levaba os ovos recentemente collidos no curral…Ola madriña ! Qué ledicia verte !

Mira filliña, este ano non hai rosca, tráioche ovos. Meteulle o molete cos ovos na man e quedouse tan pancha. Máis tarde, cando a nai da rapaza foi a darlle de comer as galiñas decatouse de que os ovos que lle habían dado a súa filla eran das súas galiñas…quedaron mui sorprendidas, dado que todolos anos se portara de maravilla.

Outra veciña cóntame que ten uns recordos dos seus padriños moi bos, eles eran do lugar da Bouza, os seus recordos lévana a aqueles xoves de todolos anos na época de Pascua, contame que desde moi cedo estaba acendido o forno dos seus padriños, aquel cheiro a rosca invadía todo o lugar da Bouza,  cheiraba de medo…sobre as dez de mañá o seu padriño achegábase á súa casa, coa rosca e duascentas pesetas, que en aqueles anos eran moitos cartos, aquel día era unha festa ! Eran épocas de moitas necesidades e sempre lles estará agradecida alá onde estean, sempre, sempre se portaron de marabilla con ela.

Séguenme contando os seus recordos, esta vez é un home, que me conta que os seus padriños eran José Luís e Clara, cada ano ía á casa deles a buscar a rosca cos seus ovos, cando era máis maior dábanlle vinte pesos cada pascua.

Outra veciña cóntame que os seus padriños eran de Postemirón, parroquia de Vilaboa, eran parentes do seu pai, recorda que a súa madriña Carmen, era a leiteira do lugar e dedicábase a levar o leite ata Marín, Cantodarea e Pontevedra. De feito, o coñecido mestre Moldes, que ía tocar o violín nos actos litúrxicos da parroquia, criouse co leite das vacas da súa avóa e da súa madriña.

Recorda que sendo a máis maior de cinco irmáns, a rosca dela era a que sempre chegaba de ultima á súa casa. Aos seus irmáns sempre lles chegaban entre o domingo de Ramos e o sábado de Pascua, xuntábanse na súa casa tres bizcochos enormes de grandes e dúas roscas que parecían rodas de carro, do grandes que era. A última rosca en chegar era a da nosa confidente, sempre chegaba o mesmo día, á mesma hora, o domingo de Pascua pola tarde, todo era debido a que os seus padriños tiñan moitos afillados e á rosca dela era a última do reparto. Levábanlle unha rosca xunto cunha bola de pan enorme, todo iso envolto nun mantel, moi ben atado por certo Tamén recorda ao seu padriño que tamén lle daba unha propina aos seus irmáns, os cales quedaban sempre agradecidos con aqueles pesos que lles daba. Cando se casou aínda lle levaron a rosca e ao ano seguinte tamén, o seu recordo cara aos seus padriños será sempre de agarimo, termina comentándome que o seu madriña faleceu fai un ano.

Siguen comentándome os seus recordos, hai quen me chama por teléfono, e os seus recordos sobre a Pascua concordan coa maioría, de ter bo recordo deles, no seu caso coméntame que os seus padriños deixaron de darlle a rosca conforme se foi ao servizo militar.

Hai quen me di que na súa casa, que eran familia numerosa, aqueles días que viñan os padriños era días dunha enorme ilusión, quen mo conta coméntame que o seu padriño chamabase Eduardo, era o marido dunha irmá do seu pai e a madriña era a filla, de nome Marisa. Tíñalles moito agarimo e tamén me conta que garda un grato recordo dos padriños dos seus irmáns, en especial de Rita e o seu marido Angel, padriños da súa querida irmá Marisiña.

Logo de desexarme os seus mellores desexos de que esteamos todos ben, está veciña comézame a dicir que os seus padriños son Gonzalo e Maricarmen. Aqueles días en que se achegaba a Pascua pasábaos con moitísimo nerviosismo, esperaba ansiosamente a que chegase o xoves santo, día en que lle levaban a rosca. Algúns anos non viñan os seus padriños coa rosca, leváballa o panadeiro, porque como traballaba a súa madriña na taberna e tiña moito traballo comentáballo ao panadeiro para que lle fixese o favor, remata decindome que aquela rosca sabía a gloría, e mollada en leite era o mellor do mellor.

Ola Juan, teño moi poucos recordos dos meus padriños,ela chamábase Carmen, era a tía da miña nai. Vivían preto da fábrica da Cross, o que si non teño ningún recordo é do meu padriño, xa que Carmen había enviudado sendo eu un bebé, sempre me regalaba unha rosca e con ovos cocidos encima, pero a mala sorte fixo que se levase á miña madrina, faleceu cando eu contaba con doce anos.

Que tal Juan, cóntoche.

Mira, pero teño que dicirche unha cousa, eu, tiven padriños por partida doble, tamén tiven os da miña irmá, porque eu como era a máis pequena e cando era a época das roscas ía con ela a casa dos seus padriños, eu sempre lle chamaba padriños jajaja. Recordo que aquelas roscas eran feitas do momento, daquela eran feitas na casa, e non se lle botaba ningún condimento artificial, un ano recordo que o pouco tempo de traerme a rosca púxose dura coma unha pedra, mira que ainda recordo dicir a miña nai que raios lle botou a túa madriña a rosca, de sabor estaba riquísima , pero había que cómela axiña, unha magoa de rosca, porque un pouco que sobrou o outro día tivemos que darlle de comer as galiñas, como peiteraban nela ! As roscas da outra madriña, traías ela, viña con dúas roscas enormes, cheas de ovos encima espichados. Traías na súa cabeza, nun cesto de mimbre grandísimo, tapadas cun pano. As dúas madriñas portáronse sempre comigo de marabilla, déronme rosca ata os vinte anos, que foi cando me casei.

Tamén había casos curiosos, non moi habituais, pero que de cando en vez se dan.

Isto é o que me conta unha das nosas veciñas :

No meu caso eu non recordo aos meus padriños, como estaban fóra nunca chegaron a darme a Pascua, entón era a miña avóa a que foi durante anos a miña madriña. E aínda logo de estar casada seguiu dándoma !

Acórdome coma se fose hoxe que a rosca compráballa á señora Lola, a que vendía o pan xunto á praza, recordo que tiña un coche, un catro latas, de cor blanco. Aquela rosca era enorme, era de dous quilos e medio, polo menos ! E o seu sabor a manteca aínda o teño no paladar. Despois a miña avóa pasou a darlle as roscas ás miñas fillas, o domingo de ramos era cando adoitaba chamalas e dáballes a súa rosca a cada unha delas. Sempre lles daba, ata que faleceu, agora cando é domingo de Ramos achégome á súa tumba e póñolle flores. Como tradición eu ese domingo é cando lle dou as roscas os meus afillados. A miña avóa era unha muller excepcional, pois tamén lle daba a roscas a outras nenas que tamén se quedaron sen padriños. Este ano estou moi triste, pois como non se pode saír de casa, non lle puiden levar as flores.

A min dábanme a rosca todos os anos o domingo de Pascua, xunto á rosca mentres fun pequena traíanme un agasallo, co paso dos anos este agasallo converteuse en diñeiro. Recordo que o meu avó materno encargaba unha chea de roscas, despois encargábase de ir repartíndoas el personalmente polas casa dos seus fillos. Para min é un dos recordos que máis gardo con agarimo ata o día de hoxe, para min fai que a Semana Santa sexa especial.

Ola ! Boas tardes !

Os meus padriños son irmáns do meu pai, polo tanto, sempre tiven dobre Pascua, sempre se portaron de marabilla comigo. Cando me traían a rosca, sempre viña acompañada doutra cousa, sendo pequena aparecían con roupa e despois, xa máis maior dábanme cartos. Logo de casada aínda a miña madriña tróuxome a rosca durante sete anos máis ! Tiven que ser eu a que lle dixese que xa ía sendo hora de que parase. Para min estas datas son moi recordadas, eran datas que esperaba con moita ilusión.

Pois…cóntoche.

Os meus padriños son de Verducido, os máis guapos de Verducido. Sempre me trouxeron rosca e aínda é hoxe o día que ma seguen traendo. Os primeiros anos dábanme tamén diñeiro, pero despois díxenlles que só me trouxesen a rosca, eu só quería a rosca. O que si me gustaba de pequena era cando me viñan coa rosca e unha figuriña de cholocate ! Encantábanme !

Hai quen me conta que poucos recordos teñen sobre a Pascua, quizáis lle pasou algo parecido a min, xa chegará a miña quenda…Coméntame que a él lle levaban os seus padriños unha rosca, en cambio a outros nenos do lugar os seus padriños levábanlle un bolo con ovos no interior…

Un veciño que casou na nosa parroquia coméntame..

No meu caso, que non son nado en Cerponzons, senon que en Moraña, o bizcoito non era nen é algo típico, ala o típico era a rosca , o bolo ou a bica, o bolo está feito de pan de manteiga con ovos o forno, éste tiña un mínimo de media ducia e podía chegar a ducia e media, máis ou menos, o normal era 24 ovos ( duas ducias), a bica, o mesmo tipo de masa pero con 2 ou 3 hovos, mandoche algunha foto, ata dónde eu sei por aquí non era típico, pero a 20 km era moi típico incluso máis que a rosca, sobretodo a bica, que soiase dar unha a cada casa da aldea e a os fillos dos amigos da familia.

Meus padriños, que son unha irmán de meu pai é o seu marido, sempre me deron un bolo que contiña catro ducias de ovos, cando casei e vin a vivir a parroquia con 29 anos xa deixaron de darmo.

Nestas fechas esperaba con ilusión a chegada da rosca ou biscoito que me había de regalar meus padriños, eses que casi nunca viñan a visitarme e que cando me encontraban en Pontevedra dabanme cinco pesetas, cando os da miña irmán non baixaban de cincuenta, por non falar da rosca con ovos maravillosa que lle traían. Ao final da xornada meu pai facía o parbo e traia un biscoito da pastelería Solla dicíndome que era dos padriños, mentras eu soñaba coa rosca de ovos, esa que nunca me chegou.

A día de hoxe emplazo as persoas deste grupo a axudarme a recupera-la inocencia e a ilusión da miña niñez e traerme unha rosca con ovos.

Juan, jajaja, cóntoche.

O meu non é moi habitual, pois nunca me gustaron os doces, bizcochos, roscas e similares, jajajaja. Así que que convencín aos meus padrinos para que non me regalasen a rosca, e a cambio désenme diñeiro.

E así foi.

Ola Juan ! Sen problema!

Os meus padriños son Juan e Carmen, sempre me traían un bizcoito, antes preguntábanme que era o que quería. Ademáis dábanme un sobre que contiña cartos para que me comprase o que eu quixese. Teño moitos recordos de cando era nena, o Domingo de Ramos é un deles, o primeiro que faciamos era ir á Igrexa Parroquial, levabamos a palma e os meus pais a súa rama de olivo, que a collían á entrada da igrexa. Despois ao finalizar a misa e a bendición das palmas, os meus pais levábanme a Pontevedra para ver a burra e darlle coa palma.

Outra das cousas que recordo era unha época en que a miña nai ía á panadería facer as roscas, pasábanse horas e horas…ou iso era o que me parecía a min.

Séguenme chegando máis respostas á miña petición , outra moza, coméntame que ten uns recordos moi bonitos, xunto cos seus padriños, eles viven no Taral, a miña madriña e o meu padriño sempre me regalaron unha rosca de tres quilos.

Outro mozo da parroquia contéstame á miña pregunta :

Era o día que chegaban os meus padriños cunha enorme rosca e con diñeiro escondido na rosca ! Jajajajaja

Os meus padriños son o meu tío e a súa ex muller. Teño moi bos recordos de aquela, él sempre me regalaba una rosca e despois iamos os dous da man por Pontevedra a comprarme outro regalo, o que eu quixera. Para min era un día de festa. Coma os Reis Magos. A miña madriña variaba e un ano regalábame un detalle coma unha flor ou planta, un anel…e outra rosca. Hoxe en día co meu padriño segue a tradición pero se modernizou e regálame doces novedosos que atopa nas pastelerías, coma as tortas de nata da cadena galega “La Torta”. A miña madrina desde que me casei, cumpliu a rajatabla o de deixar de regalar, jeje. 

Ola Juan, os meus recordos son moitos, tiven como padriños a Benjamin e a Ángela, eles eran moi novos cando me bautizaron. Sempre me deron rosca con ovos encima e como eran irmáns, ao casarse sempre me deron os dous, eu estaba encantada con eles, hoxe en día sígolles querendo moito.

Boas tardes Juan.

Os meus padriños son de Lalin, por aquela vila non se ten costume regalar as roscas como aquí. Os meus mellores recordos son cando na casa de Paco, o pai de Mercedes, poñíase facer as roscas. Tiña un forno onde metía aquelas roscas, despois tapaba todos os buratos do forno utilizando a bosta das súas vacas. Oiches, as roscas por certo, estaban boisimas.

Ola ! Os meus padriños eran Pilar, tía do meu pai e Antonio, o meu avó por parte de nai. Eu tiven moita sorte, porque recibía rosca dos dous. Ademáis recordo que me facía moita ilusión cando me traían a rosca, xunto con chocolates, cando fun sendo máis maior xunto coa rosca dábanme diñeiro, que o usaba para mercar o vestido para Ramos. Por certo as roscas sabían a gloria !

Boas tardes! 

Pois teño moitos recordos, a verdade, pero nestes tempos que nos tocan vivir o qué mais recordo é sendo a pequena de cinco irmans nas tardes de pascua viñan os nosos padriños e a casa enchiase de roscas ( non coma as da ahora) longas, de biscoitos e tamén de bolos de pan con ovos que se facian no forno de leña.  Miña nai facia unha ola de chocolate e meus irmans e máis eu sentábamos a merendar. Era un momento doce, non so polo que comíamos, se non por estar todos xuntos, tamen con outros familiares que viñan de visita ou tamén de alguns veciños.  Será por ser éste un momento no que non podes estar cos qué mais queres,compartindo esas tardes, con risas, bicos e abrazos…. o qué mais che recorda!!!

Ola, que tal ! Os meus padriños eran de Pontevedra, chamábanse Luís e Marisa. Luís era vendedor de especias e Marisa arranxaba os puntos das medias, vivían nunha casa da Rúa Real, resulta que a miña avóa ía vender herbas e sementes á praza do Teucro, coñecida fai anos pola Praza da Herba. Pois resulta que a miña avóa fixo amizade con Marisa e gardaba na súa casa os sacos de herba e as sementes que lle sobraran, desa confianza foi como naceu unha gran amizade e así chegaron a ser os meus padriños. Eles regaláronme sempre rosca, facíana na casa, que rica estaba, recordo que estaba rechea de pastel e por encima botáballe almendra moída. Este tipo de rosca non era nada usual pola aldea. Tamén me acordo de que non era moi grande comparada ás que lles traían ás miñas amigas, pero o sabor era insuperable. Por certo o meu padriño era o que viña en bicicleta a traerma.

Tamén hai quen me recorda algunha anécdota, hai unha veciña que xa sendo nai os seus padriños seguíanlles levando a rosca, a ela xa lle daba vergoña, pero aínda que lles dicía que non lla levasen, eles insistían e dicíanlle que mentres vivisen levaríanlla todolos anos. A cousa foi que o xenro da madriña era moi bromista, e sempre estaba argallando algo. O día que lle estaban preparando a rosca esperou a que estivese feita e nun momento de descoido da súa sogra, cambioulle dous dos ovos cocidos por dous frescos. Cando chegou o momento para comer a rosca e o ovo correspondente, xa vos podedes imaxinar, ao querer quitar a cáscara rompíaselle todo por ela.

Ola ! Os meus padriños eran unha xente moi coñecida en Pontevedra, deses de nome…pero resulta que cando chegaban estas datas, aos meus irmáns traíanlle a rosca, en cambio a min nunca ma traían, dábame moita rabia. De toda a miña niñez e mocidade só recordo que me desen a rosca unha vez, tiña eu catorce anos. Desde aquel entón sempre lle dei moita importancia á rosca, os meus afillados aínda que non a queren dareillas ata o primeiro ano de casados.

Ola , polo que eu recordo , meus padriños sempre me deron a rosca ata que me casei , e ata o ano seguente dá voda . Meu padriño chamabase Angelito , era do Casaldorado , falleceu xa hai uns anos , e miña madriña, que aínda vive, chamase Fina de Casaldorado ( Finola ), irman de Carmen a de Pidre (Muller de Pepe o Cochón , o carpinteiro ). Os recordos que teño e polo que me contaron antes de ter uso de razón, era que de pequeniño mandabanme un rosco pequeno cun ovo dentro e a medida que pasaban os anos , cada ano a rosca viña con un ovo máis , Unha anécdota que recordo e que tendo eu 10/12 anos viñeron a traerme a rosca, estaba chea de ovos ao rededor, puxeronma de collar e a rosca partiu en dous , moito rímosnos muito jajaja , máis anedotas xa non recordo, bo ,si , recordo que non sei a que anos foi , despois de pasar as pesetas a euros, traianme a rosca e danbame 20 euros con ela, e así ata que me casei. Un saúdo

Un dos participantes quere compartir con todos esta foto.

A miña infancia sobre a Pascua está chea de recordos moi bonitos, pero un pouco curtos.

Os meus padriños son de Verducido, un amigo do meu pai que se levaba moi ben con él, traballaban xuntos, foron no ano 1971 os meus padriños. Que gratos recordos teño desde cando tiven conciencia do que era a Pascua, de cando estaba esperando impacientemente a chegada dos padriños, de cando estabas pendente de que a túa rosca fose a primeira dos catro irmáns, bo, neste caso a miña sempre era a última , traíanma o domingo de Pascua.

A miña madriña chámase Hortensia e o meu padriño Pepe, facían unhas roscas caseiras que eran unha delicia, riquísimas, iso si que eran roscas, non como estas de agora que non saben a nada, as que fan en confiterías e nas panaderías.

Recordo que o meu padriño polos anos 77/78 dábame tamén daquela mil pesetas ! Nai de Deus  ! Aquilo era el no va más ! por iso non é de estrañar que eu os esperaba para recibilos como se merecían. Pero no ano 84, era o mes de xaneiro exactamente, o meu padriño falece, contaba con só 34 anos, eu tiña naquel momento doce anos, é dicir no ano 83 foi o último ano en que viñeron os dous a traerme a rosca, a partir dese momento foi a miña madriña a que seguiu traéndome a rosca todos os anos, pero eu estaba triste, non tiña padriño. Pero tamén tiven a sorte que os padriños dun dos meus irmáns, unha xente que aprecio moito, aínda que hoxe en día xa non están connosco, tiveron a gran idea de “adoptarme” como afillada, e así a raíz de faltarme padriño, eles cando traían a rosca para o meu irmán, viñan con  outra para min, así que tiña uns padriños postizos ! Son uns recordos da infancia que che gustan recordar pero á vez son tamén un pouco tristes, xa que non puiden gozar moitos anos dos meus padriños, pero bueno, a vida é así , sabes unha cousa ? dá a sensación que as cousas na vida vólvense a repetir, quédasche sen padriños moi nova e de novo volve suceder o mesmo…

É unha historia curta por non poder gozar máis do meu padriño, pero a vida é así e hai que tomala como vén. Un saúdo.

Boas tardes Juan !

Na mińa infancia, teńo recordos de tempos de estreno, de brotes verdes, de aire puro, de sol morno, de risas e de roscas, de moitas roscas. Meus padrińos, Daniel Cochón e Isabel Piedras, que tińan a doble condición de tios e padrińos, regalabánme, a min e a vintetantos afillados mais, un biscoito, que vińa sempre o xoves santo.O venres chegaba a Pascua de meu irmán, día no que mińa nai ia ó forno facer as roscas para seus afillados e para nós. A mesa do comedor quedaba repleta deses doces con ovos espichados, tapados cun mantel, que me deixaron un arrecendo inesquecible na memoria.  No chan, por moito que barreras, estralaba o zucre, baixo as pisadas dos comensais furtivos. O venres santo, na ausencia de mińa nai, para levar a cabo a tan noble labor de amasar e decorar roscas, eu quedaba, de mal gosto, a cargo da comida, case sempre, por mor da coresma, bacallau con patatas e grelos. 

A recompensa chegaba pola noite, con aquela cantidade de bolos, cuxo ulido, ainda lembro hoxe. 

Bueno, cóntoche.

Resulta que os meus avós maternos son de Pontevedra e os paternos de Ourense, de pequena eu vivía en Ourense e alí non hai tradición de dar a rosca, nesta época de Pascua o que generalmente regalan os padriños é roupa. Pero claro, eu si que tiña rosca, porque os meus padriños son os meus avós de Pontevedra, así que a miña irmá só recibía roupa, en cambio a min traíanme aquela rosca que levaba facer a miña avóa ao forno que había polo Gorgullón. Sendo un pouco máis maior recordo ir coa miña avóa a dito forno, levaba nun cesto os ovos, que despois o panadeiro colocábaos por encima da rosca.

Como a familia estaba repartida entre Ourense e Pontevedra, co tempo decidimos pasar estas datas tan señaladas nos dous sitios. Así que en Pontevedra estabamos nas procesións de Semana Santa , despois iamos para estar o Domingo de Ramos en Ourense, e recordo que sempre que íbamos a Ourense levabamos a rosca da avóa. Por certo aínda estando xa casada os meus padriños seguíronme traendo a rosca, pero ao nacer o meu primeiro fillo, xa non volveron traerma, dábanlla ao meu fillo jajajaja.

Co paso do tempo convertinme en madriña, os meus afillados viven en Ourense e claro eu sempre lles levo a cada un a súa rosca, failles muitisima ilusión, pero este ano tíveno complicado ao non poder desprazarme, tiven que chamar a varias panaderías de Ourense para poder conseguir que a me fixesen unha rosca e levásenlla a casa dos afillados, ao final puiden conseguilo e así poder continuar a tradición.

Agora tócame a min contar os meus recordos.

Recordo o Domingo de Ramos coma se fose un día de festa, normalmente sempre estreaba roupa, aínda recordo que a miña nai logo de estreala dicíame que tiña que gardar a roupa para a próxima festa, voda ou data sinalada. Así era que algunha das veces que volvía poñer a roupa quedábame pequena, é dicir, que despois andaba as medras, jajajaja.

Cando chegaba á igrexa sempre me ría cunha veciña, a señora Severina,  bo, riámonos todos, era a señora que levaba unha enorme rama de olivo, pero non vos podedes imaxinar os máis novos o grande que era, é que había veces que tiñan que axudarlle para poder metela pola porta principal da nosa igrexa !!!

 Os meus padriños pois para non ser menos que a miña irmá, tamén eran de Pontevedra, parece ser que José, que era como se chamaba él, era amigo do meu avó Jesus.

Polo que me contaron, José debeu de traballar no Concello, cobrando os impostos ás xentes que ían vender os seus produtos do campo a Pontevedra, seguramente un día alguén non puido pagarlle e quedóuselle cunha cesta de ovos, desde aquel día coñecíano por ” Huevos no cesto”. A miña madriña chamábase Vitoria, era unha buenaza de muller, queríame moito, pero…

Cando chegaba o día en que me traían a Pascua, eu xa estaba na fiestra da miña habitación controlando a súa chegada. Víaos vir por onde está a casa de Calvo, onde comezaba o xardín, viñan no trole e seguramente antes haberían ir ata a taberna do Coques, para os que non saben onde era, dicirvos que é a casa que ata fai pouco era o bar coñecido polo Carro, en Alba.

Bo, pois cando os vía achegarse eu poñíame todo enfadado, baixaba xunto a miña nai á taberna chorando, ela o mirarme así preguntábame que era o que me pasaba. Veñen aí os meus padriños e vólvenme a traer un bizcoito ! Eu non quero bizcoito !Eu quero unha rosca con ovos cocidos ! A miña nai consolábame e dicíame que me portase ben con eles, que lle dera as grazas e un bico, e que xa me faría ela unha rosca con ovos.

E así, ano tras ano, desgusto tras desgusto non probaba bocado de bizcoito.

O meu mellor recordo da Pascua é cando recibíamos as roscas para os afillados e afilladas, chegaba o panadeiro co furgón cheo de roscas para a nosa casa. Os meus pais tiñan varios afillados na parroquia, tamén en Alba, e na Devesa, outro en Campaño, en Valiñas….eran muitisimos, a estos había que sumar os da miña irmá, que creo que tiña catro, e tamén eu con outros catro. Xuntábanse unhas vinte roscas aquel día ! Que cheiro había na taberna ! Jasusdiormio !

Co paso do tempo, cando dispuxen de coche era eu o encargado de repartir a maioría das roscas, facíame moita ilusión entregalas e charlar un pouco con todos eles.

Sempre que a miña nai encargaba as roscas para os afillados tamén encargaba un par delas para casa, estas comíanse nun dicir amén, por unha banda os de casa e por outro os clientes da taberna,que ao pedir a consumición a miña nai poñíalles un anaco de rosca. O habitual era que a mollasen con viño tinto, daquela era o que máis se consumía na taberna, por suposto que foi unha das cousas que de moi novo tamén probei, e tanto con viño tinto como con branco, está sublime jajajaja.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s