OFICIOS DOS VECIÑOS (VIII) ALFAIATE/XASTRE

ALFAIATE/XASTRE : Persoa que se dedica a confeccionar roupa para homes.
O gremio dos alfaiates tivo moita importancia na Idade Media.

 Alfaiate sen dedal, cose pouco e iso mal. 


Os Alfaiates eran homes ceibes dos traballos da terra, era un traballo mal visto por muitos dos veciños, tratandos estos de “aseñoritados”. Do oficio de Alfaiate ou xastre, tamén temos referencias na nosa parroquia de Cerponzóns. Temos que irnos ao ano 1752 onde aparecen os primeiros documentos reflectindo este oficio e do cal traballan varios veciños.

Os alfaiates foron pouco considerados desde a Idade Media e ata ben entrado o século XX, nunha sociedade moi machista, sempre os trataron como homes medrosos, amaneirados, nunha palabra, era costume dicir que eran pouco homes.

Isto quizáis era debido a que a sociedade galega e a non galega, porque hai numerosos cancioneiros, onde tanto en lugares de España, como en Alemania, País de Gales, Escocia etc. víase o oficio de alfaiate como unha actividade cómoda, onde se acollían os homes de pouca forza e resistencia, ou ben aqueles que eran débiles e cobardes, coxos e corcovados…Pero tamén había quen lle recoñecía certas habilidades, que a maioría dos labregos non dispoñían, grazas as súas habilidades podíanse defender e de enfrontarse co seu enxeño.

É que para ser alfaiate naqueles tempos había que ter certos coñecementos en matemáticas, cousa que a maioría dos labregos non dispoñían debido ao seu analfabetismo. Un alfaiate tiña que saber matemáticas para distribuír as medidas, axustar os patróns, ademáis dispoñer de gusto para aconsellar aos seus clientes á hora de escoller teas, cores, modelos etc.

Antigamente dedicábanse a ir de casa en casa, cargados ao ombreiro cun caixón de madeira, neste caixón levaban os seus utensilios, varios tipos de tesoiras, agullas, alfileres, dedales, carretes de fíos e varias cousas máis. As medidas tomábanas cunha vara, a cal coa axuda dunha navalla facianlle unhas marcas ou tamén podían usar unha tea de lenzo de cor negra, á cal sinalizábana con puntadas en fío branco. Nos últimos tempos comezaron a utilizar a máquina de coser, aínda que moitos dos seus clientes querían as súas pezas cosidas totalmente a man, pois desconfiaban da máquina, pois aínda que aforraba tempo na confección da peza, os clientes pensaban que non era de fiar.

Habitualmente os alfaiates dedicábanse a realizar traxes para os homes e tamén os dengues ( peza tradicional do traxe galego de muller, adoita levar terciopelo e pedrería) e a muradana (peza que se coloca no traxe rexional, por baixo do mandil, sendo máis grande que éste, decorada habitualmente tamén con terciopelo e pedrería).

ALFAIATES/XASTRES EN CERPONZÓNS 

Atopamos os primeiros datos sobre este oficio no ano 1752. Este dato atopámolo no Interrogatorio do Marqués da Ensenada. Aparecen os nomes de tres alfaiates ou xastres , o curioso é que os tres vivían no lugar de O VIGARIO, e polo seus nomes e apelidos non eran parientes.

Estos veciños eran BERMUDO DE DIOS, EVARISTO GARCÍA , e DOMINGO BARRAGANES.

No ano 1845, volvemos atopar de novo outro veciño que no padrón da parroquia realizado nese ano aparece con este oficio, o veciño de Leborei JOSÉ GÓMEZ, contaba 70 anos, daquela era viudo, e tivera catro fillos : Benita (38) Balenta (30) Jose (34) e Juana (24). 

Eu teño recordos de dous xastres, un chamábase Fernando, según me contaron viñera xunto coa súa familia de Melide,  vivía de aluguer en Pidre, e no baixo da súa casa tiña un local, nun curruncho tiña o taller, cunha máquina de coser, alí exercía a súa profesión. Recordo de ir algunhas veces a casa do señor Fernando, o resto do baixo da casa estaba a granel, e os seus fillos organizaban guateques, onde acudiamos moitos de nós que roldabamos os oito, nove anos…era a época de Fórmula V, Os Pequeniques…Despois, ao cabo duns anos fóronse a vivir para o barrio de Campolongo, e creo que non volveu a exercer de xastre, tamén era mui aficionado a pesca, un home que sempre se podía ver polo Río Rons.

O outro veciño que traballou de xastre foi Salustiano Cons Solla, veciño de A Meán. O seu oficio desempeñouno nun comercio da cidade, de nome La Confianza, situado na rúa César Boente.

Desde aquí envíolle un saúdo a Salustiano e á familia de Fernando, espero que alguén lles faga chegar esta pequena homenaxe que fago a todos aqueles veciños da parroquia que desempeñaron o oficio de Alfaiate/Xastre.

Don Vicente Risco en “NOS” dicíanos que os xastres aparecen no folclore galego como mui pillos e agudos, dispostos a facer sempre burla dá xente, a meterlle pegotas, a quedarse eles por riba pola forza do inxenio, mañosos e dispostos a todo.
Xa que non teñen forza para turrar pola aixada, nin valentía para lle facer cara a un home, teñen en cambio discurso e agudeza coma compensación, se cadra. Deles son as pilladas, as reteserías, as coplas picantes etc. Cabe resaltar que como o seu traballo permitíalles estar falando, ademáis de escoitar aos seus clientes e poder intercambiar impresións con estes, convertíanos en transmisores da literatura oral, deles saíron moitas historias, cancións, contos etc.

Nunha copla recollida por Ramón Cabanillas dice así sobre os xastres :

Sete xastres fan un home, e vintecinco un testigo

fan falla cento cincuenta, para firmar un recibo.

Esta copla indica a escasa consideración social que tiveron en certos momentos os que profesaban éste oficio, un oficio  que xa na Edade Media existía con importantes cofradías gremiales, na Vila de Betanzos hai escritos do ano 1162 que falan deles.

Anécdota persoal.

Cando tería uns once anos aproximadamente empeñeime en ter unha americana, quería ter esta peza de roupa para ir con ela ás verbenas e así ligar máis. Pero non quería unha americana calquera, eu queríaa de pel.

A miña nai cando llo dixen case lle dá algo, quedou mirando para min e díxome : pero meu fillo…para que queres ti unha americana, iso é de xente maior. Ante a resposta da miña nai eu non me vin abaixo, ao contrario, cada día recordáballo, e así ata que a fun convencendo. O primeiro que pensou a miña nai era de onde ía conseguir a tela para confeccionar a americana…

Entón veulle unha idea á cabeza, ía falar con Rosita a Labaradas, ela e outras veciñas do lugar estaban por aqueles anos traballando nunha recente fábrica de sofás que se instalará na Ferreira.

A miña nai cando viu pasar a Rosita camiño da fábrica, chamouna, e faloulle sobre o capricho que eu tiña, preguntoulle si podía conseguir un par de metros de tela da súa fábrica, daquela comezaban a forrarse os sofás e as butacas cunha tela imitando a pel, o famoso skay. Mira a miña nai ! Que ocorrencia tivo para conseguirme a ditosa pel !

Cando Rosita regresou pola tarde noite do seu centro de traballo, achegouse xunto a taberna, traíalle unhas mostras, das que ofrecían os clientes que ían mercar os sofás, nese momento chamou por min e díxome que escollese a cor…Comencei a ollar aquel abanico de cores, de repente encontrei o que máis me gustaba…éste ! Quero éste ! Verde ! Este verde ! Quedaron mirando para min con xesto de sorpresa, e riron, non paraban, e preguntáronme si estaba seguro que era a cor que eu quería para facerme a americana.

Si ! Este verde trébol , é o que máis me gusta.

Ben, nin curto nin perezoso Rosita tróuxome os metros suficientes para confeccionar a americana.

Ao outro día baixei co meu pai ata a cidade, fomos ata a rúa Charino. Alí nun dos baixos daquelas casas houbo durante moitos anos un señor que era xastre, recordo vagamente que era baixiño, regordete, tiña bigote é era moi simpático moi falador e dicharacheiro. O meu pai leváballe a tela e mostrándolla díxolle : Tes que facerlle unha americana ao rapaz, encaprichouse nela e como leva ben os estudos pois cumprimoslle co capricho.

Este xastre era coñecido polo alcume “El Maestro”, e aínda que era moi falador e dicharacheiro, tiña moi malas pulgas, mirou para meu pai, e asintiu, pero advertindolle que non viñera con prisas, que tiña muito choio ! Meu pai convenceuno convidando a un viño nunha tasca que había o final da rúa, mentras eu quedaba na xastrería vixiando…
Nin dito nin feito, fíxome a americana , que fermosura de americana ! A medida ! Eu estaba todo elegante con aquela americana de cor verde trébol ! Estaba seguro que non había en toda a parroquia un neno que tivese unha americana como a miña ! Que digo ! Non había nin en toda Pontevedra !

Tiñades que verme ! Era unha pasada, era de catro estralos ! cando adoitaba ir a unha verbena nunca ía sen ela, o xastre fíxoma tamben feitiña que todo o mundo falaba da miña chaqueta de pel, cor verde trébol…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s