OFICIOS DOS VECIÑOS (IX) MODISTA/COSTUREIRA 

MODISTA/COSTUREIRA

Di a RAG:

Muller que fai pezas de roupa ou as amaña.

Muller que fai ou arranxa pezas de roupa.

Tanto as costureiras como as modistas foron uns dous oficios máis populares no que vai desde o século XIX ata ben pasado a metade do século XX. Eran oficios pouco considerados socialmente, e ademáis diso, eran moi duros, con moitas dificultades para desempeñalos e por encima, moi mal pagos. Para diferenciar estes dous oficios podemos dicir que as modistas eran aquelas mulleres que cosían na súa casa para a demais xente, é dicir, que dispoñía dun taller propio para realizar o seu oficio, normalmente eran poucas as que dispoñían de un local, a maioría das que o tiñan estaban nas Vilas. Pola contra, as costureiras afacían traballar en casa da xente que solicitaban o seu servizo, ao non posuír taller propio, tiñan que desprazarse de casa en casa.

Polo que fun escoitando de varios colaboradores, é que as mulleres que realizaban estes oficios cantaban todas en xeral moi ben, normalmente cando estaban traballando adoitaban estar en moitas ocasións cantando.

Volvendo ás costureiras, estas dedicábanse a coser e a repasar, normalmente era a roupa interior de toda a familia, desde o máis pequeno da casa ata o máis maior. Tamén se dedicaban a realizar toda clase de roupa feminina, tanto interior como exterior. Os seus utensilios eran un par de tesoiras, agullas, alfinetes, dedais, fíos…e tamén tiñan consigo unha fita negra, á cal lle facían unhas marcas con puntadas brancas para tomar as medidas necesarias. Co paso do tempo a sociedade comeza a ver nas costureiras doutra forma, son mulleres xentiles, que posúen tranquilidade, onde o seu aspecto destaca pola súa fermosura, e a súa finura, tamén ven nelas como unhas mulleres faladoras, que levaban as noticias dunha casa a outra, que ademáis sabían de contos e cantigas… As costureiras comezaban a ser envexadas polas mozas que estaban traballando no campo, eran anos onde se apreciaba máis á xente de pel branca. Eran as costureras mulleres, que por traballar á sombra, destacaban pola súa blancura, na cara, brazos, é dicir, en xeral todo o seu corpo estaba branco como a leite.

Así era que aquelas mozas que estaban dándolle ao legón e que tiñan as mans cheas de callos e durezas, tiñan unha gran envexa das costureiras.E é que a maioría das costureiras tiñan un bo porte, un señorío que lles permitía unha certa distinción e por iso eran admiradas polos homes. Sempre estaban fermosas, limpas, sen suciedad na súa vestimenta, cousa que as outras mulleres que traballan no campo andaban con manchas propias dos labores do campo ou da cociña. As costureiras arranxaban a súa roupa, ao seu gusto, sempre á última moda, mentres que as demáis mulleres labregas non tiñan aquel garbo nin o porte das costureiras, debido precisamente ao seu duro traballo. Claro, que as costureiras como eran moi presumidas, recibían alcumes : Eran chamadas “señoritas de media tiseira “, foron tamén moitas as cantigas e refrans que fixéronse sobre elas, como aqueles que din :

A boa costureira, queira ou non queira, sempre ten algo de señoriteira. 

Ou aquela outra : Costureira sen dedal, cose pouco e faino mal.


AS MODISTAS E COSTUREIRAS DA PARROQUIA.

O dato máis antigo que temos ata o momento sobre este oficio é a un que data do  ano 1752. Atopamos a unha veciña de Puentebeán, que tiña como oficio de modista  na súa declaración do Inventario do Marqués da Ensenada, a Dominga de Cayeros.

Tamén sabemos de outra modista, Florentina Casás, facíalle muitos traxes as veciñas para estrear o día da festa. Sabemos que no ano 1905 contaba con 18 anos.

Despois atopamos no ano 1913 co oficio de modista a Manuela Eiras, ademáis tiña vivindo con ela a unha moza de nome Dolores, que tamén estaba aprendendo o oficio. Dolores fora recollida por Manuela do hospicio e nese ano de 1913 saltou ás páxinas dos xornais porque por un mal de amores tirouse da ponte Malvar, ou ponte dá Rons, como é máis coñecido.

Na nosa parroquia houbo moitas modistas e costureiras…

Supoño que haberá máis das que poño eiqui, vaia a miña sincera homenaxe a todas elas, de momento teño unha lista conformada por : Avelina a Muda, Hermosinda a da Rons, Dolores de San Caetano, Rita, Rosa a de Joaquín, Carmen González, Lola a Chuvíe, a Nena de Pidre, Teresa a Carteira, Lola a Calleja, Clara Solla, Vitoria a do Mineiro, Rosa a Peleira,  Clara a de Eulogio, Lucía a Carrancha, Rosita a Labaradas, Marisa a de Ramallo, Lola a Ligera, Carmen a Petapouca, Lina a do marinero, Irene…

Sobre os anos sesenta e setenta houbo unhas cantas modistas na parroquia que teño recordo delas, todas elas moi boas, dado ao muito traballo que tiveron, eran mulleres que comezaron moi novas o seu traballo e que souberon sacar adiante as súas familias co seu esforzo e sacrificio.

Cando comecei   este artigo (24/04/2020) falaba con Carmen, filla de Dolores Gómez, contabame que a súa naí estaba mui maliña, o seguinte día fallecía…

Unha destas mulleres chámase Dolores Gómez Varela (Lola), natural de Curro e casada con Herminio, do lugar de San Caetano de Cerponzóns. Comezou Dolores a unha idade moi temprana, tería catorce anos, tiña unha veciña que vivía pegada á súa casa, foi quen lle ensinou a coser e foi a súa xefa durante uns anos, ao principio cosían polas casas, ían con aquela máquina de coser na cabeza, daquela aínda non tiñan pé.

Carmen, a filla de Lola, recordábame fai un día que cando os seus pais eran noivos pois o seu pai acompañaba moitas veces a Dolores ata Currro, para levarlle a máquina de coser, pois ela ía traballar a aqueles lugares onde era reclamada, ás veces tiña que ir ata a Portela, outras veces a Pontevedra…

Dolores traballou moito, en Pontevedra chegou a estar traballando para o comercio de CLARITA, e seguía facendo vestidos, traxes, abrigos, pantalóns…para Asunción, Marité, Fina, para Isabel, a da tenda, para os de Laparuzas, tamén para A Cantinera, para muitos veciños e veciñas.

Normalmente cando ía a casa de alguén a traballar, podían ir a mantido, dábanlle un xornal  e tamén recibían o almorzo, o xantar e a merenda. Ou podían coser “a seco”, e decir na súa casa e claro, recebindo máis xornal.

Anos máis tarde foi deixando o seu oficio, xa non saía de casa, dedicábase a traballar nela e a mirar máis polas faenas do campo.

Os veciños que colaboran comigo fálanme de algunhas das modistas, por exemplo da Muda, unha señora que traballaba para casa de Sabina e Juanita de Pidre, recordan os enfados que adoitaban ter a miúdo A Muda con Sabina, eran cada dous por tres, nunca se daban posto de acordo no que unha lle pedía e a outra lle confeccionaba.

Tamén me comentan doutra das modistas que houbo na nosa parroquia, coñecida como Lina a do marinero, natural do lugar de O Castrado. Unha veciña da parroquia de nome Angelita tenlle comentado á súa neta de que Lina era unha modista moi boa no seu oficio, tivérona en varias ocasións na súa casa, facendo todo aquilo que lle pedían e todo o facía perfectamente, aínda que a saúde non lle acompañaba, Lina sempre tiña algunha doencia con ela encima, pobre muller.

Nesta foto están alumnas que recibiron clases de corte e confección en Pontevedra, alumnas de Lerez, Marcón, Verducido, Xeve…algunhas das nosas veciñas recibiron as clases de costura tamén nas súas propias casas, sei que varias veciñas da parroquia recibiron as clases a cargo dunha das mellores profesoras que había en Pontevedra, de nome Flora Teso Cobas, que tiña a academia de Corte e Confección TESO, na Praza do Teucro.

Conversa con Rosa:

Quixen tamén falar coa nosa veciña Rosa, unha muller que comezou moi nova, os 16 anos, aprendendo o oficio con Chicha, a Cantinera, máis tarde foi para Pontevedra, alí tivo de mestra a Elena Montes, casada con Angelito Vieitez. Naquela época Rosa traballaba facendo os arreglos que Elena lle mandaba, pero aínda non tiña soldo, para aforrar non ía a casa a comer, ás veces conformábase cun simple bocadillo, outras comía nalgunha casa de comidas, cando o seu pai dispoñía de cartos e dáballe para que comese quente.

Rosa estivo moitos anos traballando, foi unha gran profesional, na nosa Parroquia tiña moitos clientes, entre eles estaban a miña nai e a miña irmá, supoño que para min tamén fixo algo. Traballou en moitos lugares, en Casaldorado era tamén moi solicitada.

Sobre os anos oitenta tivo a oportunidade de comezar a traballar en Pontevedra, un veciño noso, Suso, o Carrexas, comentoulle dunha empresa que necesitaba de modistas contrastadas.

Naqueles anos comezaba a moda das cortinas, Pontevedra cidade primeiro e despois polas parroquias, cada vez eran máis e máis peticións de clientes que desexaban ter cortinas nas súas fiestras.

No primeiro aviso que tivo de parte de Suso, a Rosa esquecéuselle ir polo lugar que lle recomendou, máis tarde, logo de oito meses volveu, déronlle un anaco de tea e fixéronlle unha proba, mire Rosa, ten que facer con esta tea unha cortina, sabemos que é complicado, fágaa sen présa, o mellor posible.

Rosa foise para casa e con a vella máquina que tiña na casa, que era dos seus pais, fixo a cortina nun airiño, ao outro día cando a viron entrar pola porta e coa cortina feita quedaron moi sorprendidos, desde ese momento xa lle lle dixeron que comezaba a traballar para eles.

Rosa foi unha traballadora nata, a ela dábaselle todo, edredons, colchas, cortinas, estores…estaban encantados con ela, os traballos máis laboriosos e complicados dábanllos a ela, sabían que os faría á perfección, aínda hoxe é o día que por poñer un exemplo, no Hotel Louxo, teñen cortinas confeccionadas por Rosa.

A fama de Rosa íase estendendo, ao pouco tempo require os seus servizos unha empresa moi coñecida en Pontevedra, a Eléctrica Moderna, para a súa sección dedicada ao fogar, é que era ir pola rúa, coas bolsas da costura nas mans e en moitas ocasións os tapiceros estaban esperándoa para dicirlle si quería traballar para eles, daquela Rosa xa adquirira unha máquina de coser eléctrica e as horas non lle chegaban para tanto traballo que tiña.

Había días que era tal o traballo acumulado que non podía desprazarse a Pontevedra a levar os pedidos, é que ademais do seu traballo de costura, tiña os quefaceres da súa casa e unha plebe de fillos, ás veces cando non podía baixar a Pontevedra, era o seu fillo Luís, o que levaba os arranxos, dado que estudaba moi preto do lugar onde tiña que entregar o traballo da súa nai.
Hoxe en día Rosa xa está retirada, a súa saúde é delicada, eu non tiña todas comigo por si non lle apetecía comentarme as súas vivencias, pero fai uns días chamoume e estivemos falando, espero verche pronto en persoa e darche un forte abrazo e un bico, grazas Rosa.

Ubaldina :

Tamén tivemos na parroquia a unha muller de nome Ubaldina Rey Palacios, máis coñecida por Nena (viviu na Rons e despois en Pidre). A súa especialidade era bordar, tal é así, que a súa fama chegou moi lonxe. Nena confeccionoulle un mantel con 24 servizos para o embaixador de España en Francia.

Carmen González Alvite :

Costureira e modista.
Tiña un taller propio na casa da súa nai, chegou a ter oito operarias ao seu cargo. Cosía para moitos lugares da parroquia, de Pidre, Meán, tamén tiña moitos clientes en Lérez. Abrigos, traxes, vestidos, saias, blusas, cintos a xogo, calcetaba xerseis, gorros, luvas…inclusive cestos e bolsos de rafia.

Había días que as horas non chegaban, cando había moito apuro de traballo trabállase tamén pola noite, eran os anos sesenta.

Carmen Cochón:

A nosa veciña comezou a traballar tamén  moi xoven, aos quince anos acabou os seus estudos e grazas o seu mestre D. Pepe Carballo conseguiulle un traballo. D. Pepe era moi amigo de Ángel Bravo, un empresario que tiña en Pontevedra un local de fabricación de pezas de punto, e pediulle que lle dera traballo a súa alumna.

Carmen traballou quince anos na fábrica e despois dez anos máis na súa casa, o seu xefe púxolle duas maquinas remalladoras, era un home moi querido por todas as súas empregadas, a todas elas cando tiñan intención de comprarse un piso ou un coche, el ofrecíase a irlle de avalista. Carmen, como todas as súas compañeiras, só teñen palabras de agradecemento para o que foi o seu xefe durante tantos anos.

Contame Carmen que a fábrica de punto era unha das máis importantes de Pontevedra, as súas empregadas tiñan unha gran experiencia e profesionalidade, foron moitas empresas as que contrataron os servizos da fábrica de Bravo : El Corte Inglés, Roberto Verino, Adolfo Domínguez, Purificación García…

Clara Solla :

A Nosa veciña Clara estivo traballando con dezaseis anos nunha sastrería que había na entrada para o Teatro Malvar, logo duns meses alí foise para a rúa San Pedro Alcántara, onde estaba Talleres Alonso, neste taller estivo traballando ata que se casou, a súa función era a de traballar na remalladora, moitas chaquetas pasaron polas súas mans.

Tamén quero ter recordo especial para outra modista, a miña bisavóa Peregrina Ramos Barreiro.

Estas veciñas que nomeo foron modistas,costureiras, bordadoras, camiseiras, pantaloneras etc. etc., muitas delas mulleres que como outras tantas traballaron sin descanso horas e horas, unhas facíano polas noites para que polo día poder realizar as labores da casa e do campo. Cantas destas mulleres traballaron arreo para poder levar un cacho de pan a casa ? Mulleres que non figuraron coma traballadoras, sin ningún dereito, mentras que a conta delas había quen se estaba aproveitando da situación. Mulleres que de tantas horas e horas traballando foron estragando a súa saude, e seguiron dándolle o pedal daquela máquina, sei de algún fillo de estas traballadoras, que ainda ten o son da máquina metido na cabeza…

En algún lugar de Galicia…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s