OFICIOS DOS VECIÑOS (XII) PANADEIRO/A

PANADEIRO/A : Persoa que se dedica a facer ou a vender pan (RAG).

Como sería aquel momento na época do Neolitico, no que un ser humano mesturou uns grans de cerais, moeunos cunha pedra, e despois entre a humidade, a calor e algún que outro factor chegouse a consumir ? Hai referencias que foron os egipcios os que realmente inventaron o pan fermentado, despois iríase perfeccionando coas mesturas primarias, pouco a pouco, primeiro serían os gregos, despois os romanos, e na Idade Media xa nos monasterios hai un gran avance usando para iso os fornos de cocción.

Cando eu tería uns doce anos o meu pai decide renovar a cociña primitiva que tiñamos na taberna da Rons, a recordo perfectamente, era unha cociña bastante ampla, composta dunha cociña de ferro, onde algunha que outra vez tívena que limpar co estropaxo de fíos e unha pedra pómez. Tamén había un fregadeiro de mármore, unha artesa, dúas estanterías e un enorme forno. O cambio foi brutal, adeus ao forno, no seu lugar colocouse un moble de formica, a última novidade daqueles anos, a artesa tamén foi destituída, unha mesa con cadeiras a xogo co moble de formica e a cociña de ferro sería arrincada do seu lugar para que o ocupase unha cociña de gas butano…

Recordo moi poucas veces traballar aquel forno, naqueles anos sesenta o servizo que comezaban a dar os panadeiros era xa diario, así que o forno estaba máis ben de adorno e utilizábase cada vez menos, recordo que na súa parte superior estaba cuberto de area, alí, entre as follas de loureiro e o ramo das secas herbas de san Xoán, eu botaba os dentes que me ían caendo, era tradición ir botándoos alí, pechaba os ollos e á vez que os lanzaba pedía que me saíse outro. 

Non teño datos que me indiquen cantos anos fíxeron pan na casa meus avós,  supoño que o farían como naquel entón facíase en todas as casas que tivesen forno, ou naqueles outros comunitarios que adoitaban haber nalgunhas parroquias para servizo dos veciños que non dispoñían del nas súas casas.

Antes de que chegasen os romanos polas nosas terras, os nosos antepasados xa tiñan coñecementos de como cocer o pan, os celtíberos, no século III A.de C., foron quen introduciron este alimento que non pode faltar nas nosas mesas.

Supoño que na casa de calquer veciño que tivera forno, a forma de facer o pan sería mui parecida. Eu recordo que miña avoa Ramona un día puxose a contarme cómo facían: Para quentar o interior do forno metían toxo seco, colmo e tamén leña, a mellor era a de carballo. Cando estaba quente varrían con unha vasoira feita de xestas, despois tiñán unha pa, a cal usaban para introducir o pan, despois pechábase a porta herméticamente, hai quen o facía usando a bosta das vacas…. Antes de meter o pan no forno, na artesa amasaban, dabandalle a forma e colocábase estendido sobre unha táboa, despois tapábase con anacos de tea de liño, ata que a masa levedaba. Nese momento era cando se introducía no forno. Para ter a fariña había que ir antes o muiño, despois de moer o gran, con unha peneira apartaban o farelo, éste era usado despois para alimentar os animáis, ainda que en tempos da fame, chegouse a utilizar para facer tamén pan.

A mellor fariña do millo era o coñocido como “óleo “, normalmente usabanno para darlle os máis pequenos é os anciáns, dado o seu alto valor en nutrientes.

As referencias que temos de veciños e veciñas que foron panadeiros son as seguintes:

No ano 1752 vivía no lugar de LEBOREI, Cayetano da Fonte, ademáis de panadeiro era labrador.

Tamén no mismo ano de 1752 había outro panadeiro que vivía no lugar de O VIGARIO, chamado Santiago González, ademáis no tempo libre era xornaleiro.

Un documento do 1752 específica o que teñen que pagar de impostos :

Santiago Gonzalez, Juan Crespo, Cayetano Gomez, Caetano da Fonte, a cien reales cada uno al año es lo que se les regula les queda de utilidad.

Temos tamén referencias de unha veciña que foi panadeira, polo ano 1845, o seu nome Rosa Rodríguez, contaba con 48 anos, tiña daquela catro fillos, comprendidos entre os 8 a 18 anos, vivían no lugar de O CASTRADO.

E a partir do 1880 temos unha familia que levan moitos anos co oficio de panadeiros, os ABELLEIRA, que teñen relación coa nosa parroquia.

Comentaba o añorado José Luís Fernández Sieira, no ano 1987, que o pan foi e segue sendo ao longo dos séculos o alimento por excelencia.

Este comentario facíao na entrega dos Premios “Amigos de Pontevedra”, premio que se lle facía a Digna Muñoz, propietaria da Panaderia Abelleira.

Digna Muñoz

Digna por aquel entón estaba próxima a cumprir 80 anos e a súa vida desde nena estivo adicada a que moitos dos pontevedreses tivesen todolos días do ano o seu pan fresco, comentaba J.L. Sieira que Digna estaba tanto na panadería amasando o pan, como que acaba repartíndoo polas casas usando para iso un gran cestón que levaba na súa cabeza.

Foi onde, entre a fariña branca e a calor do forno, coñeceu Digna ao seu marido, e alí foron nacendo e crecendo os seus fillos e os seus netos, todos eles coa Panaderia Abelleira como referente.

A Panaderia Abelleira está situada preto da Praza da Pedreira, a súa inauguración lévanos ao ano 1880, onde ademáis do seu pan, son recoñecidos os seus variados produtos : biscoitos, roscas, tartas de alméndoas, as súas empanadas, as tortas de chicharróns …

Dos tres irmáns (Benigno, David é Tomas), recordo con cariño a  David Abilleira Muñoz, máis coñecido por Sito.

Todos gardamos un grato recordo de Sito, estivo activo ata os oitenta anos e era habitual velo todos os días por Lérez, Cerponzóns e Marín, lugares por onde tiña a súa ruta de reparto. Ademáis Sito rexentaba o Bar da Cañota, que durante anos fóra tamén Sala de Festas. Faleceu no ano 2018.

Hai uns meses que quedei con Benigno para ter unha conversa con él, nestes momentos o seu estado de saúde e a situación pola que estamos a pasar impídenos estar xuntos, espero que pronto podamos quedar e falar por extenso da panadería e as salas de festas, que merecen un capítulo aparte.

Tamén quero mencionar ao meu amigo de infancia Ubaldo Pampin, propietario da panadería A Santiña, a cal é a que ten actualmente o forno máis antigo da cidade.
Ubaldo desde temprana idade axudaba tanto no forno e no reparto, ao seu pai polas parroquias de Pontevedra, entre elas Cerponzóns.

Non me esquezo mencionar tamén neste apartado a Sabino Chan, Mª Luisa Nieto (q.e.p.d.)  e Mª del Mar Costas, pola súa relación profesional co mundo da panadería.

12- CONCURSO DE ESPANTALLOS

EN CERPONZÓNS, OS ESPANTALLOS O CAMIÑO.

3º CONCURSO

O terceiro concurso de Espantallos celebrado en Cerponzóns xa ten gañadores ! TODOS !

Desde a Asociación de Veciños O Chedeiro (organizador do concurso) estamos encantados da colaboración veciñal que houbo este ano.

Este ano foron 10 Espantallos os que se presentaron e o xurado tívoo moi complicado á hora de puntuar, xa que todos merecían a máis alta puntuación.

A Asociación de Veciños decidiu que este ano o xurado fose unha representación dos medios de comunicación escritos.

A clasificación quedou da seguinte maneira :

1º MARAJOTA

2º JACHONA

3º BERTORELLA, BARALLOCAS e MOINANTE.

Os demáis Espantallos levaron unha puntuación mui similar, solamente con unha diferencia de un ou dous puntos entre eles : TANXUGUEIRO, MEIXELAS, CHURRIANA, CHIMPAFIGOS e SETETETAS.

O xurado estivo formado por periodistas do Diario de Pontevedra, Faro de Vigo, Lá Voz de Galícia e Pontevedraviva.

2º CONCURSO

En pleno confinamento, os veciños de Cerponzóns idearon un concurso para pasar o tempo. Apostaron por crear espantallos cos que fomentar a creatividade da parroquia e recuperar unha figura que está hoxe en día practicamente en desuso. O concurso foi todo un éxito e, por este motivo, a asociación de veciños O Chedeiro decidiu organizar a segunda edición deste concurso. Os espantallos terán que estar confeccionados entre os meses de abril e maio e a primeiros do mes de xuño coñeceranse os gañadores.

Para levar a cabo a elaboración dos espantallos, os participantes só poderán materiais como envases e botellas de plásticos, latas de refrescos, tapóns, bolsas de plástico, arames, papel ou roupa usada, sinalan desde o colectivo veciñal. A participación está aberta a todos os veciños de Cerponzóns.

O segundo concurso de Espantallos, organizado pola Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns xa ten gañadores .

De novo as veciñas e veciños de Cerponzóns demostraron a súa creatividade, elaborando os espantallos con todo tipo de materiais en desuso é que reciclaron para éste concurso.

Este ano o xurado estivo formado por :

Juan Loureiro (Presidente da FFVV Castelao)

Pilar Comesaña (Concellala do BNG)

Marcos Rey (Concellal do PSOE)

Martín Martínez (Concellal do PP)

Goyo Revenga (Concellal N/A)

A CLASIFICACIÓN DOS FINALISTAS FORON AS SEGUINTES :

Contamos coa colaboración de Conxelados LINA é Talleres EVAPA, que lle deron premios por un igual aos cinco finalistas.

1º CONCURSO

O pasado 23 de Marzo do 2020, en pleno confinamento xurdiu unha idea desde a Asociación de Veciños O Chedeiro.
No seu afán por mellorar a calidade de vida e o benestar dos nosos veciños a Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns recomendaba manter o corpo e a mente activos, e propuxo que se realizarán actividades, cumprindo, iso si, ” ao pé da letra” con todas as medidas que se tiñan que tomar para previr o contaxio.

Por iso propuxeron un concurso de espantallos e así poder contribuír a realizar unha actividade que contribúa a afrontar a situación pola cal estábamos a pasar con humor e positivismo.

A idea é que os veciños que quixeran  participar foran ideando o ” modelo” de espantallo e telos preparados para expoñer no momento de volver á nosa habitual rutina.


Con esto tratamos de poñer en valor a figura dos espantallos , hoxe en día prácticamente en desuso dado o abandono da actividade agrícola e os novos métodos de espantar aos paxaros con Cd’s, cintas, botellas etc.

Hoxe en día os espantallos xa non teñen a forma humana como adoitaban facer os nosos avós e pais, hoxe en día colócanse uns espantallos *modernos* , que de cando en cando toman a forma humana. Colócanse cintas altamente reflectantes de aluminio suxeitas ás plantas para asustar coa súa brillantez ás aves. Outro método son as alarmas de ruído automático accionadas con gas propano.

A Asociación de Veciños O Chedeiro promove un Concurso de Espantallos, con iso queremos tamén aproveitar de concienciar aos veciños da importancia e beneficios que xera o reciclaxe na preservación do medio ambente na nosa vida diaria.

Promoveremos tamén a que se adopten actitudes que levan a un consumo razoable, que se aproveiten os recursos naturais, indicando as vantaxes que conleva practicar o reciclaxe. Así mesmo, queremos con este concurso resaltar a identidade cultural, valéndonos da nosa tradición ao longo de máis de mil anos de historia que ten a nosa parroquia.

Para levar a cabo a elaboración dos espantallos utilizaranse materiais como envases e botellas de plásticos, latas de refrescos, tapóns, bolsas de plástico, alambre, papel, roupa usada etc.

Sabemos que hai moitos veciños con gran creatividade, esperamos que se animen e decidan personalizar os tradicionais espantallos ao seu gusto e forma, ou ben integrándolles os vellos cds, cintas e calquera outro elemento que se poida reciclar para este concurso.
Despois de xa máis de máis de dous meses, xa son muitos os veciños que durante estos días estiveron facendo o seu espantallo, a proposta que lle fixemos os veciños está sendo un éxito rotundo.

ESTOS FORON OS ESPANTALLOS QUE SE PRESENTARON O CONCURSO :

ESTOS FORON OS GAÑADORES :

O día 15 de XUÑO 2020, fixemos público o fallo :

O primeiro Concurso de Espantallos, organizado pola Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns xa ten gañadores.

Para ser totalmente imparciais a directiva da Asociación decidiu que o xurado fose os membros do grupo de wasap Cerponzóns polo mundo, integrado por veciños ou descendentes de veciños de Cerponzóns.

Un xurado en grao sumo internacional, as puntuaciones chegaron desde Arxentina, Australia, Brasil, Francia, Suiza…e tamén de varias cidades españolas.

Dicir que o comentario dos membros do xurado foi prácticamente o mesmo, que estaban encantados de poder participar na elección dos mellores Espantallos, para eles era coma se estivesen na parroquia nestes momentos.

As puntuacions foron moi igualadas, quedando clasificados nos tres primeiros postos :

 

1–ESPANTALLO LUNARES


2–ESPANTALLO NA CADEIRA DE RODAS


3–ESPANTALLO CAMISA AZUL

 

PREMIOS QUE FIXO ENTREGA A PRESIDENTA DA ASC. DE VECIÑOS, LILIANA CASAS :

1º CLASIFICADO

1–Bono para duas personas de unha sesión de Spa, con merenda incluida, no Hotel Juan Carlos I de Sanxenxo.

Inclúe : 

Programa de Piscinas de 2 horas con Merenda na Cafetería Aldariz.

Piscina Dinámica 

Piscina Interior Climatizada 

Merenda

2–Bono para un cambio de aceite, revisión de niveis é desinfección de ozono no seu vehículo.


2º CLASIFICADO

1–Unha garrafa de 5 L. de Anticonxelante/Refrigerante 10%

2–Unha garrafa de 5 L. de Lubricante Rec Syntex 10W40



3º CLASIFICADO

1–Unha garrafa de Líquido Lavaparabrisas

2–Unha garrafa de 5L. de Lubricante 15W40 MINEOIL


NOTA : Desde a Asc. De Veciños agradecemos a colaboración de Talleres EVAPA é Recambios MOURENTE.


RECORDOS DO DOCUMENTAL E DO LIBRO DOS MIL ANOS 

Na nosa Asociación de Veciños estamos de aniversario ! Cumprimos un ano da proxección do Documental CERPONZÓNS A MIL e da presentación do libro 1000 ANOS DE HISTORIA EN CERPONZÓNS.

Compartimos con todos vós esta galería fotográfica e tamén o enlace do  documental para recordar eses marabillosos momentos de grabación, eses momentos de ilusión, de alegría , de orgullo e agarimo por unha causa : SER DE CERPONZÓNS.

GRAZAS MIL !



O DOCUMENTAL : https://youtu.be/1luxFQ5FLu0


NOVAS FOTOGRAFÍAS INÉDITAS DA PONTE E O CRUCEIRO.

Ás veces a vida dáche sorpresas, esta que hoxe vouvos a contar é unha delas.Trátase dunha fotografía onde se ve a Ponte Malvar, máis coñecida por todos pola Ponte da Rons, onde tamén se aprecia o Cruceiro de Ánimas, e máis o fondo o muiño do señor José o da Rons, tamén coñocido polo Jaxe.

Fai un tempo publicouse unha foto onde se ve tamén éste lugar, o máis seguro que estas dúas imaxes sexan do mesmo fotógrafo, seguramente fixo varias instantáneas cando iba de paso pola nosa parroquia, nesta apreciase máis a Ponte, na outra foto centrase máis no Cruceiro.

A data en que se fixo unha das fotos creo que foi polo ano 1927.

A foto que hoxe dou a coñecer estaba relacionada con Vigo, si, na base da foto pódese ler : Alrededores de Vigo. Fía Ksado

Quizáis debido a eso, non había chegado antes a nos.

Pero, teño unha duda, penso que estás duas fotos non se fixeron no mismo día, e quizáis nin no mismo ano, espero que me axudedes, na foto donde se ve o Cruceiro cos raparigos podemos observar no fondo claramente a casa de Ricucho, tamén no Cruceiro vemos a terra.

Na nova fotografía encontrada non vexo a casa de Ricucho, e a base do Cruceiro vexo que está rodeada de herbas, non se aprecia a terra como na outra foto. 

FOTOGRAFÍA QUE ACABAMOS DE ENCONTRAR :

A PONTE MALVAR é O CRUCEIRO DE ÁNIMAS.

ANTERIORMENTE COÑOCÍAMOS ESTA OUTRA :

O Cruceiro de Ánimas, ao fondo a Ponte Malvar.
NOVAS APORTACIÓNS FOTOGRÁFICAS 

A raíz de estar falando con quen puxo a primeira foto da Ponte Malvar comezamos a conversar sobre ela.

Logo de aclarar que a fotografía en cuestión non estaba situada onde pon no seu pé de páxina (Alrededores de Vigo) apareceron unhas cantas fotos máis. Unha delas tamén cun erro na súa publicación, coloca o Cruceiro de Ánimas no lugar de Rande. Tamén se comentou a época en que se fixeron as fotografías.

Parece ser que a fotografía onde aparecen os nenos a pé do Cruceiro data do 20 de Setembro de 1923.

A conversa foi así:

Juan Jose Esperon Recarey

Así a primeira vista diría, pola primeira árbore que hai á dereita dirección Santiago, que as dúas fotos son de distintos anos. Esta sería máis antiga, creo eu, polo tamaño da árbore… (ou sexa, que a data de 1927 estaría mal, sería anterior a 20-09-1923 que é a data da outra).

Pero xuraría, polas sombras, que as dúas están feitas ou a finais de primavera ou principios de verán, é máis, esta realizouse a ultima hora da tarde (sobre as 21h) e a outra sobre as 17h…(quizais logo da sesta ?)

Así que creo que as dúas puidesen ter a data mal…

Cruceiro de Ánimas
Cruceiro de Ánimas é a Ponte Malvar ou Ponte da Rons.

Cruceiro de Ánimas, o fondo a casa de Ramona Cochón Ramos, anos máis tarde a Taberna da Rons.


OFICIOS DOS VECIÑOS (X) BARBEIRO

BARBEIRO : Persoa que ten por oficio cortar o pelo, afeitar a barba etc. (RAG)

O oficio de Barbeiro é un dos máis antigos da historia, a súa existencia é coñecida na época do antigo Egipto. Este oficio estivo evolucionando constantemente, e dependendo das demandas da sociedade foise adaptando. As súas funcións transformáronse en moitas ocasións, desde exercer de ciruxanos e dentistas, ata ser auténticos especialistas no coidado persoal. Foi na época medieval onde había uns homes que ben podían cortarche a barba e o pelo que che extraían muelas, facían ciruxías, trataban feridas, sacaban quistes, limpaban oídos , blanqueaban os dentes…eran coñecidos como ciruxanos/barbeiros. Durante o reinado de Enrique VIII, polo século XV, este oficio foi separado independentemente , quedando os barbeiros encargados soamente da extracción das muelas, ademáis do corte de pelo.

En relación a isto, lendo as aventuras de D. Quijote de la Mancha, Cervantes cóntanos que don Quijote, nunha dás súas desventuradas correrías, foi apaleado e tivo que percorrer a Maese Nicolás, barbeiro ciruxano e sacamuelas, para aliviar as súas doures.

O Barbeiro sempre foi un oficio ben considerado, nas antigas culturas existía a crenza de que ao cortar o cabelo eliminábase o malo que podía ter o home e dese xeito chegábase á pureza.

O SEÑOR MIGUEL

Recordo aquel cuarto de baño coma se fose hoxe, era o da casa da miña avóa Ramona, situada mesmo á beira da Ponte Malvar, refírome a que máis tarde coñeceríase pola taberna dá Rons. Nesta casa nacín eu, meses despois funme cos meus pais e a miña irmá a vivir á casa que era coñecida pola Taberna de Maruja, quedaban a cinco minutos unha da outra andando. Na casa de Ramona viviron unha tempada unha familia da que gardo un grato recordo, hoxe en día manteño relación cos fillos, Miguel e Beatriz. Precisamente por estar esta familia vivindo na casa da miña avóa, recordo aquel cuarto de baño, foi durante un tempo a barbería da parroquia, rexentada por Miguel Abal.

Si pecho os ollos e déixome transportar aos primeiros anos dos sesenta, vénme á memoria aquel espazoso lugar, o primeiro que vexo é aquela cadeira enorme de grande, cos brazos de madeira, forrados de terciopelo, un rudimentario mecanismo facía posible que a cadeira se reclinase, ademáis tiña un repousa cabezas fixo. O señor Miguel cando cortaba o pelo aos nenos servíase dun pequeno banco que colocaba en devandita cadeira, así lle era máis cómodo cortarlle o pelo, a súa expresión era sempre a mesma, estaba todo serio cos máis pequenos, e dicíanos mentres coas súas mans retorcíanos a cabeza : agacha rapaz ! agacha !

O baño estaba cuberto nas súas paredes por uns azulexos de cor amarelo, había unha fiestra por onde entraban os primeiros raios de sol do día, en fronte un enorme espello, ao seu lado varías estanterías cos produtos máis utilizados naqueles tempos: xabón, auga de colonia, navallas, brochas etc. Ah ! e non faltaba o bote do masaxe máis utilizado nas barberías de todo o país : Masaje Floid ! Que recordos ! Aquelas palmadas na cara : plas, plas, plas…logo de enxabonarche a cara con aquela brocha de pelo ( hai quen dicía que eran pelos de rabo de raposa) e dun bo afeitado, daba unha sensación de ser un novo home ! Esa era a impresión que eu vía nos clientes do señor Miguel, supoño que o masaxe Floid quentaba de lo lindo jajaja. Por suposto tampouco faltaba na barbería a palangana, uns panos, un gran banco para os veciños que tiñan que esperar e algunha revista ou xornal.


O señor Miguel era un home con aspecto bonachón, de complexión forte e falador, estaba seguido falando, mentras cortaba o pelo sempre tiña conversa co cliente ou cos paisanos qué estaban esperando a súa quenda, en cambio cos nenos era máis serio, coma dixen antes.

O seu nome completo era Miguel Abal Campio, era fillo de Arturo, o do Bravo, natural de Sto. Tomé de Nogueira, en Mosteiro, sendo un raparigo coñeceu a unha moza de Cambados, de nome Ubaldina Rey Palacios, (máis coñecida por Nena), casáronse moi xovenciños. Viviron unha época en Pontevedra, Miguel montou un negocio de bicicletas pola Galera, pouco tempo despois deixou as bicicletas, por certo que chegou a facer unha bicicleta totalmente de madeira, era un manitas o señor Miguel, o pouco tempo comezou a traballar na Cross, para estar máis preto do traballo buscou casa en Cerponzóns, chegando a Rons primeiro e máis tarde trasladándose o lugar de Pidre.

Miguel estivo moitos anos traballando de soldador na Cross, ademáis o compaxinaba co traballo de barbeiro cando tiña libre, eran os sábados, domingos, días festivos e a horas dispoñibles logo de saír de traballar, dedicábase a gañar unhas pesetas cortando e afeitando, non era moito o tempo que lle quedaba para gozar das súas paixóns : nadar e pasear, aqueles anos eran duros, con moitas necesidades, así que fose a hora que fose, cando algún veciño necesitaba cortar o pelo e señor Miguel estaba na casa a barbería sempre estaba aberta.

Parece que estou vendo ao señor Miguel coa súa navalla, afilandoa no coiro… 

O primeiro que me cortou o pelo foi o señor Miguel, que medo pasei a primeira  vez ! ao recordar isto dáme a sensación de estar sentindo o paso pola miña cabeza da máquinilla de cortar o pelo, á cal cambiaba de posición segundo quixese pelarse un, ou ben raparse a cero. E tamén as tesoiras, emitían unha musiquiña especial cando as abría e pechaba, axudándose dun peine que realizaba a función de guía.

Miguel, Nena e o seu fillo

Eu teño pasado horas vendo como cortaba o pelo, o que máis me impresionaba era cando afeitaba, aquelas navallas metían respeto, un pequeno despiste e xa che cortaban ao instante, tamén recordo que usaba papel de xornal para ir retirando a espuma logo de rasurar ao cliente. Ás veces tiña que botar man dunha pedra que adoitaban ter todos os barbeiros, usábaa para aqueles cortes que sucedían durante o afeitado, pasáballe a pedra unhas cantas veces pola ferida e solucionado ao momento, paraba de sangrar.

Naqueles anos estes lugares eran coñecidos como barberías, os homes adoitaban ir poucas veces a cortar o pelo, non había prácticamente, entre a xente do campo, unha moda establecida, a maioría cortaba o pelo a cero para non volver ata uns seis meses ou máis.

Aínda así, os que acudían ao barbeiro, tamén aproveitaban para poñerse ao día, o lugar era idóneo para decatarse do ocorrido nas parroquias próximas, dado que en ocasións viñan doutros lugares onde non había barbería e o señor Miguel era a correa de transmisión que poñía ao día aos seus clientes. Separadamente da taberna, a barbería realizaba a función de centro social naqueles tempos. Alí falaban dos aconteceres da vida, do traballo, das festas, do novo accidente na Ponte da Rons…

A familia o completo.

De cando en vez viña algún señor que ao entrar na barbería dirixíase ao señor Miguel e indicáballe que lle fixese a barba, normalmente quen viña con ese requerimiento era xente que pertencía socialmente á burguesía e xeneralmente vivían na cidade, pero de cando en vez adoitaba aparecer algún para arranxarse a barba ou tamén había quen tiña un enorme bigote, aínda recordo aquel señor que era representante dos Chocolates Chaparro, vaia mostacho que tiña ! Pero moi ben arranxado ! Estes clientes eran máis habituais velos a miúdo polas barberías , pois mínimo cada semana tiñan que arranxarse as súas barbas e os seus bigotes para estar ben coidados, cousa que a un na casa éralle bastante complicado, como a barbería estaba o carón da carretera a Santiago de vez en cando paraba algún home que tiña necesidade de arranxar a barba.

O señor Miguel sempre agradecía a visita dúas seus clientes cepillandolle a roupa e dándolle as grazas, moito o botaron en falta cando se marchou a vivir a Mosteiro, alí fixou a súa residencia para o resto dos seus anos.

Os fillos de Miguel e de Nena, Beatriz e Miguel.
JOSÉ PERES UCHA

Tamén tivemos outros peluqueiros/barbeiros, un deles foi José Peres Ucha (O Chepa), natural de Leborei, o seu oficio desempeñouno no lugar de Guxilde, onde tiña a súa casa, á beira do paso a nivel. Eran moitos os veciños de Cerponzóns que acudían a él, tamén os nenos de O Castrado, de Tilve, Leborei…de muitos lugares da parroquia, ademáis Pepe O Chepa tiña outros dous oficios : traballou na Renfe é tivo un dúo musical co señor Faustino Calvo (O Morrón), éste dúo, xunto con un acordeonista de Campañó, coñocido por Manuel “O Lopes”, amenizaron a boda dos meus pais, celebrada no lugar de Pidre.

Fai pouco estiven falando cun dos netos de Pepe, díxome que ten poucos recordos do seu avó, cando faleceu tiña cinco anos e o que recorda era de cando o visitaba, víao encamado na súa habitación e moi doente.

Segundo comentáronlle, o seu avó tiña unha costume cos seus clientes, invitábaos a licor café, era licor da casa, feito por él.

José Peres Ucha

TALVINO FACORRO SESTO

Outro veciño que estivo desempeñando o oficio de peluqueiro foi Talvino Facorro Sesto, o seu oficio realizouno primeiramente en Poio, despois traballou ata xubilarse na Residencia de Montecelo.

JUAN CONS BARRAGANS

Juan Cons Barragans cortaba o pelo e afeitaba aos veciños da súa contorna, tamén acercabanse a súa casa situada no lugar de A Meán os veciños do lugar de Casaldorado, parroquia de Lérez.