OFICIOS DOS VECIÑOS (XII) PANADEIRO/A

PANADEIRO/A : Persoa que se dedica a facer ou a vender pan (RAG).

Como sería aquel momento na época do Neolitico, no que un ser humano mesturou uns grans de cerais, moeunos cunha pedra, e despois entre a humidade, a calor e algún que outro factor chegouse a consumir ? Hai referencias que foron os egipcios os que realmente inventaron o pan fermentado, despois iríase perfeccionando coas mesturas primarias, pouco a pouco, primeiro serían os gregos, despois os romanos, e na Idade Media xa nos monasterios hai un gran avance usando para iso os fornos de cocción.

Cando eu tería uns doce anos o meu pai decide renovar a cociña primitiva que tiñamos na taberna da Rons, a recordo perfectamente, era unha cociña bastante ampla, composta dunha cociña de ferro, onde algunha que outra vez tívena que limpar co estropaxo de fíos e unha pedra pómez. Tamén había un fregadeiro de mármore, unha artesa, dúas estanterías e un enorme forno. O cambio foi brutal, adeus ao forno, no seu lugar colocouse un moble de formica, a última novidade daqueles anos, a artesa tamén foi destituída, unha mesa con cadeiras a xogo co moble de formica e a cociña de ferro sería arrincada do seu lugar para que o ocupase unha cociña de gas butano…

Recordo moi poucas veces traballar aquel forno, naqueles anos sesenta o servizo que comezaban a dar os panadeiros era xa diario, así que o forno estaba máis ben de adorno e utilizábase cada vez menos, recordo que na súa parte superior estaba cuberto de area, alí, entre as follas de loureiro e o ramo das secas herbas de san Xoán, eu botaba os dentes que me ían caendo, era tradición ir botándoos alí, pechaba os ollos e á vez que os lanzaba pedía que me saíse outro. 

Non teño datos que me indiquen cantos anos fíxeron pan na casa meus avós,  supoño que o farían como naquel entón facíase en todas as casas que tivesen forno, ou naqueles outros comunitarios que adoitaban haber nalgunhas parroquias para servizo dos veciños que non dispoñían del nas súas casas.

Antes de que chegasen os romanos polas nosas terras, os nosos antepasados xa tiñan coñecementos de como cocer o pan, os celtíberos, no século III A.de C., foron quen introduciron este alimento que non pode faltar nas nosas mesas.

Supoño que na casa de calquer veciño que tivera forno, a forma de facer o pan sería mui parecida. Eu recordo que miña avoa Ramona un día puxose a contarme cómo facían: Para quentar o interior do forno metían toxo seco, colmo e tamén leña, a mellor era a de carballo. Cando estaba quente varrían con unha vasoira feita de xestas, despois tiñán unha pa, a cal usaban para introducir o pan, despois pechábase a porta herméticamente, hai quen o facía usando a bosta das vacas…. Antes de meter o pan no forno, na artesa amasaban, dabandalle a forma e colocábase estendido sobre unha táboa, despois tapábase con anacos de tea de liño, ata que a masa levedaba. Nese momento era cando se introducía no forno. Para ter a fariña había que ir antes o muiño, despois de moer o gran, con unha peneira apartaban o farelo, éste era usado despois para alimentar os animáis, ainda que en tempos da fame, chegouse a utilizar para facer tamén pan.

A mellor fariña do millo era o coñocido como “óleo “, normalmente usabanno para darlle os máis pequenos é os anciáns, dado o seu alto valor en nutrientes.

As referencias que temos de veciños e veciñas que foron panadeiros son as seguintes:

No ano 1752 vivía no lugar de LEBOREI, Cayetano da Fonte, ademáis de panadeiro era labrador.

Tamén no mismo ano de 1752 había outro panadeiro que vivía no lugar de O VIGARIO, chamado Santiago González, ademáis no tempo libre era xornaleiro.

Un documento do 1752 específica o que teñen que pagar de impostos :

Santiago Gonzalez, Juan Crespo, Cayetano Gomez, Caetano da Fonte, a cien reales cada uno al año es lo que se les regula les queda de utilidad.

Temos tamén referencias de unha veciña que foi panadeira, polo ano 1845, o seu nome Rosa Rodríguez, contaba con 48 anos, tiña daquela catro fillos, comprendidos entre os 8 a 18 anos, vivían no lugar de O CASTRADO.

E a partir do 1880 temos unha familia que levan moitos anos co oficio de panadeiros, os ABELLEIRA, que teñen relación coa nosa parroquia.

Comentaba o añorado José Luís Fernández Sieira, no ano 1987, que o pan foi e segue sendo ao longo dos séculos o alimento por excelencia.

Este comentario facíao na entrega dos Premios “Amigos de Pontevedra”, premio que se lle facía a Digna Muñoz, propietaria da Panaderia Abelleira.

Digna Muñoz

Digna por aquel entón estaba próxima a cumprir 80 anos e a súa vida desde nena estivo adicada a que moitos dos pontevedreses tivesen todolos días do ano o seu pan fresco, comentaba J.L. Sieira que Digna estaba tanto na panadería amasando o pan, como que acaba repartíndoo polas casas usando para iso un gran cestón que levaba na súa cabeza.

Foi onde, entre a fariña branca e a calor do forno, coñeceu Digna ao seu marido, e alí foron nacendo e crecendo os seus fillos e os seus netos, todos eles coa Panaderia Abelleira como referente.

A Panaderia Abelleira está situada preto da Praza da Pedreira, a súa inauguración lévanos ao ano 1880, onde ademáis do seu pan, son recoñecidos os seus variados produtos : biscoitos, roscas, tartas de alméndoas, as súas empanadas, as tortas de chicharróns …

Dos tres irmáns (Benigno, David é Tomas), recordo con cariño a  David Abilleira Muñoz, máis coñecido por Sito.

Todos gardamos un grato recordo de Sito, estivo activo ata os oitenta anos e era habitual velo todos os días por Lérez, Cerponzóns e Marín, lugares por onde tiña a súa ruta de reparto. Ademáis Sito rexentaba o Bar da Cañota, que durante anos fóra tamén Sala de Festas. Faleceu no ano 2018.

Hai uns meses que quedei con Benigno para ter unha conversa con él, nestes momentos o seu estado de saúde e a situación pola que estamos a pasar impídenos estar xuntos, espero que pronto podamos quedar e falar por extenso da panadería e as salas de festas, que merecen un capítulo aparte.

Tamén quero mencionar ao meu amigo de infancia Ubaldo Pampin, propietario da panadería A Santiña, a cal é a que ten actualmente o forno máis antigo da cidade.
Ubaldo desde temprana idade axudaba tanto no forno e no reparto, ao seu pai polas parroquias de Pontevedra, entre elas Cerponzóns.

Non me esquezo mencionar tamén neste apartado a Sabino Chan, Mª Luisa Nieto (q.e.p.d.)  e Mª del Mar Costas, pola súa relación profesional co mundo da panadería.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s