CITAS LITERARIAS (2) programa Festas 2003

PREGÓN ANO 2003

A nave do rei Teucro rodeou Ons polo sur, propiamente Onza, e enfilou a ría polo medio e medio. Atrás quedaba o Atlántico proceloso e escuro. A ría semellaba máis o seu Mediterráneo familiar. A babor, Cabicastro; Udra, a estribor. Viento do Oeste, forza tres, con rachas de marexada a forte marexada. O almirante da nave, un corintio veterano da guerra de Troia, outeaba o horizonte con potentes anteollos. O monte de Castrove ao norte, o Domaio ao sur e, ao lonxe, polo leste, as estribacións do Suído, o Cando e o Candán pechaban as vistas contra o ceo azul bretemoso do estío galego.Observando o Candán con detemento, o almirante alporizouse e avisou a Teucro da presencia de xigantescos sentinelas de tres brazos e un só pé que daban aviso da súa chegada moviendo os brazos en círculo. Teucro tranquilizouno: ” Non temas, meu almirante; non ves que son aeroxeradores ?”

Desde o alto ata a Ribeiro, seguido o curso do Lérez, o verde devalar de Cotobade, Tenorio, Xeve, e Mourente; no cabo da ría, Pontevedra, a desexada, a añorada Helenes doutrora. Teucro pensaba para sí: ” Se Ulises ten unha Itaca e volve eternamente a ela, ¿ porque eu non hei ter unha Pontevedra e regresar sempre que queira ?”

En tanto sea chegaba polo mar calmo da ría, mariñeiros e pasaxeiros observaban con agrado na ribeira a sucesión de praias, puntas, enseadas, rochedos, piñeirais, esteiros, faros, vilas, peinaos, chalés, urbanizacións, cámpings, paseos marítimos, apaños urbanísticos, chiringuitos, naves industriais, galpóns, recheos incontrolados…que se aliñaban na ribeira. (…)

Pasar baixo a ponte da autoestrada un trirreme griego de seis mastros, torre de mando engalanada en ouro e como mascarón de proa un grifón en marfil e pedrarías foi cousa de ver e provocou algún accidente menor, mais restaurose axiña a normalidade cando se correu a voz de que se trataba dunha atracción sorpresa das festas da Peregrina.

Ao pouco, a nao atracou no peirao das Corbaceiras. Teucro observou compracido o ordenado labor de mariñeiros, salazoeiros, redeiras, mercadores e carpinteiros de ribeira que bulían nunha actividade incesante. Naquel estaleiro cortábanse e arqueábanse as cadernas da nao Santa María; nestoutro construíanse galeóns para a Armada de Xelmírez, que había defender as rías dos piratas normandos; máis alá, buques para a Invencíbel de Felipe II. Uns navíos cargaban viño do Ribeiro con destino a Bretaña; outros, laranxas e limóns para Inglaterra; e outros, quintais de sardiña en salmoira para Andalucía, Valencia e Sicilia.

Nalgunha parte, baixábase sal de Bretaña e de Portugal, panos de Holanda, tesouros de América. No atracadoiro da Barca, dornas e pinazas descargaban peixe: sardiña, pescada, mero, congro, solla, robaliza, ameixas, polbos, luras. As mulleres afanábanse en separar as pezas, en abrir, limpiar e salgar, reparar as redes, arrombar caixas. Os alguacís vixiaban, os mordomos recadaban as alcabalas, os curiosos curioseaban e os turistas tiraban fotos sin cesar. (…)

Teucro descendeu pola escada, digno e señorial, coa coroada cabeza ergueita. “Meu Pontevedra!”, matizaba para sí con fonda emoción. O grego sabía que, no futuro, as súas frases habían ser repetidas por outros e moi celebradas, mais non lle importou. El xa era un héroe histórico, un mito en expectativa da condición de semideus, e, a esas alturas, os dereitos de autor non están protexidos. Seguíao pola escada a súa corte de doncelas exipcias, conselleiros atenienses, capitáns aqueos, soldados espartanos, escravos numidios e tigres malasios. O almirante, de novo solícito, advertiuno: “Señor, as autoridades non acudiron a recibirnos”. “Non te aflixas, almirante; non ves que están de festa?” (…)

Continuaron o seu camiño en dirección a Santa María. Alí, Cornelis de Holanda repartía instruccións a mestres canteiros de Lérez e Cotobade, de Poio e Viascón.

Os canteiros dirixíanse aos aprendices na verba das arxinas mentres tallaban as labras graníticas das columnas e os delicados encaixes das cristarías. Os representantes do Gremio de Mareantes, que promovía e subsidiaba o templo, convidaron o rei a ver as obras. Este preguntou por unha figura empoleirada no alto dos contra frotes. “É o rei Teucro, fundador da cidade-explicou, oufano, o patrono maior”. “Pois non se lle parece. Non vedes que Teucro é máis alto e menos barbado?” (…)

Bailando a escalinata da Enfesta, retiráronse para evitar as présas dos masóns que acudían a unha reunión da loxia Rosa-Cruz de Castroforte del Baralla. Abaixo, gardas armados con espadas de taza e alabarda custodiaban o pazo de Paio Gómez de Soutomaior, recén chegado da súa viaxe ao país dos tártaros como embaixador do rei de España perante o gran Tamerlán.

Teucro apurou o paso e acabaron axiña a Porta da Ponte, con castelo e cárcere, que comunicaba a cidade coa ponte do Burgo. Grupos de peregrinos procedentes do sur dirixían os seus pasos a Compostela tras pernoctaren na vila. Outros viaxeiros entraban na cidade. Un mozo con acento inglés, co seu cabalo cargado de libros, preguntoulles se xa chegara a Pontevedra. “Eu son Georges Borrow. Vendo Biblias e teño curiosidade por coñocer o país.” (…) (https://roquecerponzons.wordpress.com/2020/03/13/george-brown-o-seu-paso-polo-camino-real/)

Indo por Princesa, os visitantes acharon sombra para sestear nunha fermosa praza con rumorosa fonte. “Esta é a praza do Pan”, informounos unha das mulleres que vendían barras e moletes. “Magnífico lugar-dixo Teucro-, digno de min. Debería levar o meu nome. E que fan aquí estas vendedoras, coa de supermercados que hai? Se a praza fose miña, instalaría terrazas e organizaría cine na rúa e festivais de jazz e movida nocturna.” (…)

Chegaron, finalmente, á Ferrería. A praza estaba chea de xentes vestidas de época, cabalos, carros e postos de venda de toda clase de artículos comerciais: artesanías, cestarías, louza, cosméticos, coiros, encaixes, alfaias, froitas e verduras, empanadas, pasteis, bebidas…Os ferreiros ofrecían trebellos de metal, os oleiros, olas, os teceláns, tecidos. Os cegos cantaban coplas e pedían. Contratábanse obras, arranxábanse preitos, discutíase de política, subastábanse escravos, botábaselles gran ás pombas, brincaban os nenos, tomábase o sol. Celebrábase a Feira Franca, privilexio concedido en tempos polo rei Henrique IV, para poñer fin ás festas do verán. Teucro deu liberdade aos membros do séquito, incluidos os tigres, para que mercasen os souvenirs que quixesen para lles levar aos seus cando volvesen. El, como semideus que case era, non tiña familia, así que mercou algo para si mesmo: unha pequena imaxe en madeira de “Teucro valente, fundador de Pontevedra “.

Pola porta de Trabancas, saíron ao camiño de Tui. De novo un enorme xentío bulía arredor dun templo que, pola súa planta, lembraba a cuncha dunha vieira. “Velaí a quen festexan hoxe en Pontevedra: á Virxen Peregrina, patroa da provincia.” “Señor-preguntoulle o almirante -, non debiades ser vos o patrón de Pontevedra?” ” Non, compañeiro. Como lle ía desputar o posto a tan fermosa dama? O meu é navegar, andar, coñocer; non protexer lugares nin outras responsabilidades para as que, como aspirante a semideus, aínda non estou facultado.”

“Vaite de aí, lambón!”, dixo unha voz detrás súa. Volvéronse todos, anoxados, e viron que era un papagaio asomado á fiestra dunha botica. “Tranquilos, amigos-dixo Teucro-. Non vedes que é Ravachol, o verdadeiro segundo patrón de Pontevedra?”

A comitiva tratou de orientarse para examinar o resto da cidade. Pero esta medrara moitisímo no tempo que estiveran fóra: as rúas estendíanse como linguas estrando os antigos campos e os edificios sucedíanse cada un diferente con comercios vizosos nos baixos e atarefados cidadáns a entrar e saír e a andar de aquí para alá.

Ao calcularen que non lles daría tempo a percorrela toda no día, o rei tivo unha feliz idea: alugaron o Vavitrén e, esta vez motorizados, visitaron as novas rúas comodamente e a velocidade, deténdose só o imprescindíbel para contemplar obras e prazas e departir coas persoas: o Hospital Provincial, a praza de Barcelos coa súa feira de gando, Santa Clara, aínda un convento de templarios, o Estadio da Xuventude, a ponte dos tirantes, o Pazo da Cultura, a Caeira, a Ponte da Barca. Volveron polo Paseo de Colón, con rotonda-xardín recén estreada por o de cruzaban as esmorgantes peñas taurinas, para seguiren cara a Campolongo, Lourizán, con protestas contra o ferrocarril a Marín, Salcedo, Tomeza, A Canicouva, Pontesampaio, que estaba sendo atacada polos árabes de Almanzor, Marcón, Mourente, o de acababa de nacer un carballo que viviría centos de anos, Bora, Xeve (San Andrés e Santa María), Verducido, CERPONZÓNS, POR FIN LIBRE DO VERTEDOIRO DE LIXO, Campañó, Alba, Lérez, con fermosísimas xunqueiras e salóns de río onde Martín Sarmiento estudiaba as plantas. Cando xa se facía de noite, entraron de novo en Pontevedra seguindo a beiramar ata os peiraos das Corbaceiras. “Foi todo moi apurado”, queixouse o almirante. “Non te preocupes, compañeiro, é mellor así, non ves que o público xa vai canso de oír a nosa historia?”

A magnífica nave seguía no embarcadoiro, orgullosa, mexéndose nas suaves ondas. Á súa beira, acababan de atracar as naos da Armada Galega que, comandadas por Paio Gómes Chariño, Álvar Páez e Xofre de Tanorio, regresaban triunfais da conquista de Sevilla aos árabes. Gómez Chariño, o soldado trobador, que subía con paso grave as encostas de San Roque, detívose, volveuse e entoou unha cantiga de despedida ao rei heleno, a quen recoñeceu porque ambos eran poetas e visionarios.

Teucro subiu ao barco con toda a corte detrás e, parado nun recanto, deixou que esbarasen polas súas meixelas unhas bágoas de despedida. “Estades ben, señor?”, preguntou o almirante. “Estou; só que me sinto un pouco esquecido. Na cidade, non me recoñeceu ninguén.” ” Recoñeceuvos o trobador.” ” Ese trobador é un morto, só vive na lembranza, nos soños.” Cabisbaixo, ordenou ao almirante enfilar proa en dirección a alta mar. “Meu Pontevedra!”

PREGÓN DO ANO 2003

Manuel Lourenzo González (Vilaboa, 1955)

Profesor e escritor. Alternou a narrativa para adultos coas súas creacións para o público infantil e xuvenil, e foi un innovador do relato breve. Tamén publicou teatro e ensaio no ámbito da didáctica da lingua.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s