OFICIOS DOS VECIÑOS (XVII) PARTEIRA, COMADROA 

MATRONA : Auxiliar técnico sanitario que asiste á muller nun parto.

Antigamente Parteira, Comadroa: Muller sen título profesional que asistía nos partos. RAG.

 Algunha vez preguntástesvos en que forma deu a luz a vosa avóa ? Sabedes o que é unha gramalleira ?

Lugar de Pidre, parroquia de Cerponzóns, ano 1932, a miña avóa Ramona púxose de parto un 24 de Agosto, unha das cousas que se fixo primeiro foi matar unha galiña. Era o habitual, había que ter preparado un caldo para darlle a beber á parturienta despois de dar a luz.

Por aqueles anos o máis habitual era dar a luz nunha cuadra, sobre palla é unha manta vella. Tamén se adoitaba parir na lareira, como foi o caso da miña avóa, alí, coas mans cheas de sal gordo agarrábase á gramalleira da pota e coa axuda dalgunha veciña que facía o traballo de parteira deu a luz á miña nai. A lareira estaba coas brasas postas a beira, a calor delas axudaba á dilatación, ainda que era o mes de agosto.

Seguramente para a miña avóa foi moi doloroso o parto, xa que non tivo máis fillos, eran tempos de ser familia numerosa, a miña avóa paterna, Constancia, chegou a ter dez fillos.

Os partos noutros tempos tíñanse como fontes de impureza e realizábanse nas cortes para que non contaminasen a casa, a non ser que ao realizalo por exemplo na lareira, como o caso da miña avóa, tomaríanse as medidas adecuadas para ter a prudencia de que non sucedese tal contaminación, cruces, fiestras abertas, auga bendita, rezos….

Eran anos onde as parturientas corrían perigo de non superar o parto, moitas veces contaban soamente coa axuda dalgunha veciña que tiña algo de práctica e si había problemas graves íase avisar ao médico máis próximo.

Daquela cada parteira tiña o seu xeito de traballar, a maioría empregaba remedios tradicionais, uns eran procedentes da medicina e outros de temas relixiosos. O habitual era que nalgún momento foron axudar nun parto e déuselle ben, non tiñan estudos ningúns, todo era a base de asistir a varias parturientas, ademáis ter forza e valor.

Algunha tiña por costume usar a rosa de Xericó, unha planta que habitualmente consérvase seca nas casas. Esta planta ten unha característica especial, seca como está introdúcese en auga e ao pouco tempo ábrese completamente é ao sacala do auga vólvese a pechar, facíase isto porque con iso esperabase que a parturienta abrísese e despois pechásese sen que tivese mal ningún. Eran costumes, tradicións, coma tamén cando a parturienta daba a luz na cama adoitabase poñerlle unha chave debaixo da almofada, e si puidese ser a da Igrexa moito mellor. Non sei si no momento de estar a miña avóa dando a luz, as campás da Igrexa tocaron a parto, pois naqueles anos era habitual que se avisase ao sacristán e tocase a parto, así os veciños da parroquia rezaban á Virxe e aos santos pola parturienta.

Mentres tanto a comadroa ao chegar a casa das Cochonas lavouse ben as mans, a miña avóa estaba xa aseada e preparada, o habitual era que escollese o xeito de querer parir, neste caso foi de pé e agarrada á gramalleira, colocaron unhas mantas vellas na pedra da lareira e a empuxar, si había moito dor realizábanselle uns masaxes na tripa, non había outra cousa para aliviar a dor. A posición da criatura non era moi adecuada, a comadroa tivo que introducir a man para colocala no seu sitio, non fixo falta chamar ao médico.

Logo de nacer unha preciosa nena, tocaba esperar a que saíse as pareas (placenta) de xeito espontáneo, non foi así, enton lavou as mans de Novo  con auga templada, previamente xa fervida, por certo auga que se traía da fonte de Pidre, unha das fontes milagreiras que non quedaban secas en ningún día do ano. Logo de lavar as mans con xabón e despois frotabas con aguardiente branca, de seguido comezou a darlle un masaxe na barriga, foi enrollando despois o cordón e ía tirando amodiño, aos poucos, con moitísimo coidado para que non se rompese, despois de que saíse toda a placenta doulla á familia para que a fose a enterrar na leira. O cordón atábao cun fío de carrete, desinfectado por certo coa aguardiente branca, logo de cortado puxolle unha gasa para evitar que rozase coa roupa.

Mentres tanto, unha das irmás da miña avóa estaba preparando auga templada para lavar á criatura, vestírona e seguidamente déronlle de beber unhas cucharadiñas de manzanilla con azucre, seica era bo para que fixese a caca negra…

A todo esto,  miña avóa descansaba na cama e recibía unha cunca de caldo de galiña recentemente feito, máis tarde, para comer tería ovos, manteca, viño, chocolate…dependendo do que lle levasen os veciños máis achegados que lle facían a visita de rigor con algún destes alimentos.

Pasou corenta días permanecendo en estado de impureza, era unha tradición, non podía saír de casa, nin podía asistir a celebracións relixiosas ata pasar os corenta días.

Daquela as comadroas non cobraban nada, recibían a cambio do seu traballo unha peza de roupa ou lle axudaban na leira cando o necesitase. A partir dos anos sesenta do século pasado foronse facendo hospitais, e as parteiras/comadroas xa comenzaron a desaparecer. 

Unha destas comadroas ou parteiras foi  Josefa Castro Fontecoba, nai de Carmen “A Xemada”. Ela tiña, como algunha outra que tivemos nas parroquias, unhas cualidades para atender un parto, unhas eran naturais e outras adquiridas :

PEPA A DE XAN, COMADROA DE CERPONZÓNS.

Josefa Castro Fontecoba foi unha veciña que entre os anos 1940/50 e principios do 60 desempeñou o “oficio” de Comadroa. Unha muller que se dedicaba á súa casa e os labores do campo e que nalgún momento determinado axudou ao médico que adoitaba atender aos veciños dos alrededores, o doutor D. Juan Barbolla.

D. Juan mirou que a Pepa dábaselle ben atender nos partos e un día díxolle : Pepa, vexo que se che dá moi ben este traballo, confío en ti para que atendas ás túas veciñas e si nalgún momento determinado hai complicacions chamádesme, así era que cando algunha veciña embarazada acudía ao doutor Barbolla, este xa lle dicía que chamasen a Pepa o día que se puxese de parto.

Así foi como Pepa comezou unha longa etapa axudando a parir ás mulleres da parroquia, unha gran maioría acudían directamente a Pepa para advertirlle que pronto tería que ir a casa de tal veciña, incluso algunha vez tivo que atender nunha mesma noite a dúas.
Unha das fillas de Pepa tivo ocasión de acudir con ela a presenciar varios partos, o marido de Pepa, Manolo O Xemado, era un pouco celoso e cando viñan á súa casa a avisar dun novo parto si quen viña dar o aviso era unha muller non pasaba nada, en cambio si viña un home a buscala para que fose atender o parto, O Xemado, dicíalle a unha das fillas que acompañase á súa nai a casa da parturienta. Antes de que Pepa marchásese a casa da veciña o primeiro que facía era cortarse as uñas, lavaba ben as mans e despois as desinfectaba con alcohol ou aguardiente.

A súa filla Carmen coméntame unha longa lista de veciñas de todos e cada un lugar da parroquia que naceron grazas á axuda da súa nai, ela con sete anos non estaba na habitación onde ía dar a luz a parturienta de quenda, si non que estaba na de á beira, daquela as paredes eran feitas de unha mezcla de barro e palla, ou de finos listóns de madeira, e sempre había algún burato por donde ollar.

Carmen non perdía ollo do que alí sucedía e ten gravado todo o que ocorreu en cada parto ao que asistiu, foime contando diversas situacións en que ela foi testemuña, a maioría delas eran positivas, o nacemento dun neno ou unha nena era ben recibido por todos, pero tamén houbo casos que terminaron en desgrazas.

Cando lle preguntei a Carmen si pagábanlle á súa nai por asistir ao parto, contestoume que a súa nai nunca quixo cartos, nin tampouco era habitual, nin ela quería cartos por nada do mundo, o único que recibía a cambio era que en moitas ocasións invitábana a ela e ao seu marido ao convite do bautizo.

Cada certo tempo Carmen volvía a recordar a xente que atendeu súa nai : Juan, atendía en todolos lados : En Meán, no Vigario, en Tilve, Pidre…cada vez que decía un lugar acordabase de dous ou tres nomes, o pouco volvía a decir lugares e nomes : Atendeu a veciñas de Reiriz, da Ermida, tamén algunha  de Leborei…

Pepa chegou a ter catorce fillos, vivíronlle sete, aquelas épocas non habían os coidados de hoxe en día, e as pulmonías e neumonías estaban á orde do día, ao preguntarlle a Carmen quen atendía á súa nai no parto, contestoume que a súa nai arranxábase ela soa, non necesitou axuda en ningún dos partos, excepto a Carmen que naceu no hospital.

Pepa, a filla de Xan, faleceu en 1978.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s