CONTOS NA LAREIRA (7)

PROMESAS INCUMPLIDAS 

Fai uns días estiven unhas horas falando con varias veciñas da parroquia, teño que facelo con máis asiduidade, son fonte inagotable de feitos que ocorreron na nosa parroquia de Cerponzóns, un deses feitos é o seguinte :

A señora Dorinda morreu fai un feixe de anos, era o ano 1978, daquela Dorinda contaba con 71 anos.

Levaba un tempo encamada e a familia estaba vendo como dun momento para outro ía a morrer, o doutor Barbolla xa llo advertira a unha das fillas, non había nada que facer.

Uns días antes de morrer, Dorinda, chamou por unha das súas fillas, ao chegar á habitación preguntoulle que era o que quería, Dorinda con moitísimo dor tomouse un tempo e collendo aire díxolle :

Cando pase uns días logo da miña morte quero que fagades unha misa de diario, dedicada ao Santísimo, que sexa cantada e despois ao terminar botades media ducia de fogos, tiña que haberlla feito eu a miña nai, pero ao final non lla fixen e quero que esta promesa que non cheguei a realizar cumprádela vós, polo ben de todos, facer a misa. A filla contestoulle que estivese tranquila, que así sería.

Aos poucos días de dicir isto chegou outra das fillas de Dorinda, levaba uns anos vivindo fóra de Galicia, a súa irmá comentoulle o que lle dixo a súa nai, ela contestoulle que non cría nesas cousas, que non había que facer moito caso naqueles momentos que estaba a piques de falecer e a cabeciña xa non rexe como de costume.

Cando chegou a presenza da súa nai volveu escoitar por boca dela o mesmo que lle dixo á súa irmá, a súa nai a duras penas podía falar, pero novamente sacou forzas do seu interior e díxolle exactamente o mesmo : mira que fagades a misa, coa media ducia de fogos, é polo ben de todos, que me vou a morrer e estou arrepentida de non haberlla feito. Para tranquilizala contestoulle que non se preocupase, que farían a misa ao Santísimo e botarían media ducia de fogos.

A filla de Dorinda volveu falar da promesa coa súa irmá, e volveu preguntarlle outra vez : pero ti crees nesas cousas ? Mamá está chapada á antiga, a quen se lle conte ! no nome do pai, do fillo e do espírito santo, Amén… mira a nosa nai no que pensa, nunha misa cuns foguetes. Jesus da miña vida !

Ao cabo de dous días Dorinda faleceu, e a misa prometida quedou en nada, deixaron pasar a cousa coma se non prometesen á súa nai facer a misa o Santísimo.

Os días foron pasando para as fillas de Dorinda, dentro da rutina que daquela había na aldea, pola semana as labores do campo e da casa, entretidas coas reunións que facían os veciños ao chegar o fin de semana no lugar habitual de costume, un pequeno lugar situado no cruzamento de varios camiños de carro, o carón das casas, que daquela era o que había.

Pero un día na casa da defunta de Dorinda, onde quedou a vivir unha das súas fillas, morreulle o porco, que desgusto  levaron, estaba xa para poder matar e ter así reservas de comida para todo un ano. Que lle puido pasar o porco? Nunca ocorrera tal cousa en casa de Dorinda, ao final, logo de tantas preguntas sin respostas, supuxeron que o porco comería o veneno que se colocou para os ratos preto da corte.

En fin, durante uns días pasáronos lamentando, daquela había moita pobreza e a perda do porco fíxolles chorar durante todos eses días, que desgusto tiveron !.

Pero a cousa non quedou aí, aínda estaban lamentando a perdida do porco que un día de mañá ao ir abrir a porta do cortello, onde estaban as galiñas, atopáronse con varios polos mortos, aínda que se puxeron tristes polo sucedido, como era unha cousa que ocorría habitualmente, sempre por un motivo ou por outro, morría algún polo, pois quedou a cousa coma outra desgraza na súa vida, sin máis.

Pero resulta que seguidamente mórrese a ouvella ! A cousa xa comezou a tomar outro cariz, estes sucesos, tan seguidos, era raro, moi raro…

As dúas irmás, que estaban ao tanto da promesa incumplida que habían feito a difuntiña da súa nai, comezaron a estar nerviosas, pero moi nerviosas.

Para rematar a serie de falecementos, mórreselles a vaca !

Unha vaca que lle daba 25 litros de leite ao día ! Unha parte importantísima da economía daquela casa ! 

Unha das irmáns levara a vaca a unha leira que tiñan preto da casa dunha veciña, coñecida pola Mandila, alí deixouna a pastar e ao volver a buscala, uns cantos metros antes de chegar á leira, escoitaba que estaba muxindo, pero parecíalle que era de dor, non muxía como habitualmente, como cando pedía que lle ordeñasen ou que tivese ganas de irse para a cuadra, non, era un muxir de morte.

Ao chegar xunto ela, a vaca estaba deitada na leira, a súa posición delataba que non se deitou a descansar, non, derrubouse de tal forma que quedou tombada de mal xeito, xa non podía máis e aínda que trataron de levantala axudándolle entre varios veciños, a vaca morréuselles.

Isto non pode ser ! Isto non pode ser ! Isto é cousa do demo ! Exclamaban as fillas de Dorinda !

Ata chamaron ao cura, e comentándolle o que lle estaba sucedendo nos últimos días, o cura parece ser que asentiu e contestoulles que pasaba algo raro, que seguramente algún mal había en todo isto.

Co desgusto no corpo e sen saber que facer pasaron o día dándolle á cabeza para ver si trataban de atopar unha resposta ao que estaba sucedendo. Estaban niso cando de súpeto escoitaron que chamaban á porta, ao abrir atopáronse cun veciño, o señor José, este a o escoitar o que lles estaba pasando díxolles : Ide a Ponte Caldelas, alí hai unha señora moi boa, seguro que vos dará unha explicación sobre o que vos está pasando, facédeme caso, ide xunto dela.

Quedáronse mirando uns para os outros, o que dixera o señor José deixounos sen palabras, na familia de Dorinda non estaban seguros de ir a Ponte Caldelas, non crían nesas cousas. Alguén se comentou en voz alta, mirade, isto que está pasando non é normal, e non lle achamos resposta, que nos custa ir ata xunto esa señora, mal non nos vai facer e si resulta que pode darnos unha solución ?

Quedáronse todos pensativos, e ao pouco tempo de ter os seus máis e os seus menos, decidiron ir.

Ao chegar a Ponte Caldelas preguntaron por unha tal Rosa de Mirón, ao chegar tiveron que esperar un par de horas, fóra da casa da señora había moita xente, estaban facendo cola esperando a súa quenda. Cando lles tocou a eles, entraron todos os que ían, como querendo darse ánimos uns aos outros, aquilo de ir a xunto unha señora que adiviñaba o que lles sucedía non o pasaron nunca e para eles era moi estraño todo.

-QUE VOS PASA ? Foi o primeiro que lles preguntou a señora soamente ao abrir a porta.

+Verá, vimos xunto súa porque á miña irmá dun tempo para acó estánselle morrendo os animais, primeiro morréuselle o porco, despois os polos, seguidamente morreu a ovella e fai pouco a vaca, quedou sen nada !

-A resposta da señora deixounos sorprendidos, coa boca aberta e os ollos como pratos : QUEN É DORINDA ?

+Unha das fillas, case sen poder articular palabra, contestoulle: Dorinda é a defunta da miña nai.

A señora volveu deixalos trastrocados :

-TEDES QUE FACERLLE UNHA MISA DO DIARIO ADICADA AO SANTÍSIMO E BOTAR MEDIA DUCIA DE FOGOS.

Non lles deu tempo a reaccionar, a señora volveu preguntarlles :

-QUEN É MANUEL ?

+A mesma que contestara anteriormente volveu falar : Manuel era o defunto do meu pai.

-A señora ante a resposta díxolle que Manuel non pide nada, pero Dorinda está pedindo a misa, facede o que vos pide.

Non vos imaxinades o susto que levaron ao escoitar estas cousas por parte daquela señora que non as coñecía de nada.

Fóronse para Cerponzóns, ao chegar á súa casa volveron preguntarse entre eles si escoitaran todos o mesmo que lles dixo aquela señora. Decidiron facer a misa e botar os fogos, non o dubidaron un momento.

Foron xunto ao cura e encargáronlle a misa, tal e como lles pediu Dorinda fixérono, incluído o lanzamento da media ducia de fogos.

Nunca máis lle morreu animal algún, bo algunha que outra vez un pitiño, pero eso era normal.

Ao cabo dun tempo a unha veciña desta familia sucedeulle algo parecido, dixéronlle que acudise a Ponte Caldelas, e foi a xunto aquela señora, díxolle que estaban sucedéndolle aquelas cousas porque desde que morrera o seu avó nunca había ido a escoitar unha misa, díxolle que fixese por ir a misa e así foi, desde o momento en que foi de novo a escoitar unha misa viuse librado de todo aqueles sucesos que estaba tendo.

Os nomes que aparecen eiquí non corresponden cos verdadeiros, por desexo expreso da familia.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s