CONTOS NA LAREIRA (10) ESPÍRITUS É SINAIS.

Fai uns días fun de novo a visitar a Elisa dá Regueira, cando teño oportunidade achégome a súa casa, sempre ten algunha historia que contarme, sempre ten algo que me vai a sorprender. Elisa é unha veciña da parroquia de Cerponzóns, vive preto da casa das Patouxas, naceu fai un feixe de anos, non sabe o porqué pero quedouse enaniña, non sabe cal foi o motivo, dado que na familia, os seus pais e irmáns foron moi altos, vendo unha foto súa de mocidade a súa figura naqueles tempos era ben feitiña, redondiña de cara, ollos verdes, cun sorriso sempre no seu rostro e por certo, para a súa talla estaba moi saída de peitos.

Viviu sempre na casa matriz, quedou solteira e iso que pretendientes tívoos a pares, pero os seus pais non querían casala, que as intencións dos mozos era a herdanza que lle ía a quedar a Elisa.

O preguntarlle pola súa saude, Elisa como sempre comezoume a dicir o mal que o estaba pasando coa ditosa dor de xeonllos, que si a pastilla azul íalle ben para a dor pero mal para o estomago, que si xa non podía traballar as terras, nin plantar uns tomates era capaz, Juan, as mans xa non dan máis que para as cousas da casa e a duras penas…Mentras ela, preguntoume pola familia, si os meus fillos estaban casados, si tiña netos…de súpeto a conversación tomou outro rumbo, falamos do defunto que se había enterrado facía unhas horas.

Elisa.-Eu xa sabía que ía haber defunto, os sinais non fallaron…

Juan.- Pero que me dis, que sinais ?

Elisa.-Mira Juan, fai anos había moitos espíritos que andaban entre nós, agora desapareceron, pero bo, aínda queda algún…

Juan .- Conta, conta.

Elisa.- Fai anos pasoume un suceso que nunca o esquecerei na miña vida, van alá sesenta anos.

Juan.- Pero conta, estou en ascuas !

Elisa.- Estabamos no inverno, non sei si ti recordas aqueles invernos tan duros que había antes, porque aparte de que chovía máis que agora e facía un frío de mil demos, nas casas non había o que hoxe en día, non tiñamos calefacción de ningún tipo, nin unha bolsa de auga quente, imaxínache. É que era moita a pobreza que había, a xente non tiñamos nin para vestirnos, moitos facían un vestido ou un pantalón coa tea dos sacos, ainda máis, había quen andaba prácticamente espido, sí, si como cho conto, desnudo totalmente polas leiras, era un veciño que vivía preto de aquí, coñecido por O Zicho.

Tal era a falta de todo, que teño visto ao señor Paulino O Lulullas, ir cunha tella a casa duns veciños a pedirlle unhas brasas, pois non tiña diñeiro nin para mercar uns mistos.

Juan.- Entendo, tempos duros, pero cóntame, os espíritos, viches os espíritos ?

Elisa.- Si home si, agora cóntoche. Como che dicía , era inverno, noite pechada, eu tiña que ir á carballeira da Regueira, tiña quenda para ir botar a auga, cheguei alí e baixei un carreiriño que dá ao lugar, cando de súpeto notei algo, vin de lonxe unha figura, vestida totalmente de branco, o primeiro que pensei era que Angelita A Cajoula viña facer o mesmo ca min, case sempre nos viamos por aquel lugar. 

Pensei en darlle un susto, ela non me vira onde eu estaba e así que subín tres peldaños feitos de terra que había entre o muro é ao momento atopeime de fronte con ela, pero a miña sorpresa foi maiúscula, estaba vestida toda de branco, pero non fun capaz de verlle a cara. Eu estaba media asustada, pero fun capaz de dicirlle : Veña para aquí ! Veña a xunto miña ! Ao dicirlle así, de súpeto, aquela figura toda vestida de branco desfíxose, sentín un buuuff e coma se fose fume desapareceu entre a noite.

Juan.- E ti que fixeches nese momento ?

Elisa.- Botar a correr como na miña vida fixen, pero a cousa non quedou aí…ao chegar uns metros máis adiante atópome de fronte un enorme jato nejro ! Eu comecei a dicir contra el Jaxe ! Jaxe! Jaxe ! E de súpeto o jato buuuff fai o mesmo que o que me sucedeu na carballeira ! Coma se fose fume desfíxose tamén ! Desapareceu ! Mira, corrín e corrín camiño arriba en dirección á miña casa como un raio ! Entrei na casa abrindo a porta e pechándoa de tal forma que o meu pai asustouse todo.

Pai de Elisa.- Arre demo ! Que che pasou ? Como tardaches tanto en chegar ?

Elisa.- Papá, papaiño ! Hai que susto máis jrande acábome de levar !

Pai de Elisa.- Pero que é o que che pasou? 

Elisa contoulle o sucedido e o seu pai, díxolle que fixera ben en virse para casa, ademáis por todo o que escoitara tiña claro que ía ver defunto, non un, si non que dous.

Ao día seguinte era a festividade de San Blas, a campá comezou a dar sinais, unha muller veciña de Tilve falecera, pouco máis tarde a campá volvía dar sinais, era outra muller, esta vez a defunta era do Vigario.

Anos máis tarde Elisa volveu ver un espírito, esta vez a dunha veciña que vivía porta con porta.

Elisa íame contando que os espíritos hoxe en día xa non aparecen, pero sinales si que seguen habendo, Juan, o que che estou dicindo son historias, pero historias verdadeiras, non son mentiras !

Elisa.- Mira unha cousa Juan, ti sabes que tres dias antes de morrer a nosa alma sae dun e vai despedíndose dos nosos familiares e amigos ?

A alma aparécese xunto túa e diche que se vai, eu teño escoitado de súpeto na porta uns fortes golpes, outras veces un ruído estruendoso, pero a señal que máis veces sinto é cando escoito a campá.

Juan.- Queres dicir que a campá toca ela soa ?

Elisa.- Noooo, a campá escóitoa eu soamente, é o sinal inequívoco de que vai haber defunto, e pódoche dicir varios veciños que morreron fai pouco, eu recibín eses sinais, escoitaba as campás tocar.

Tamén a campá cando está tocando para algún acto ten momentos que está triste, soa de diferente forma, é sinal de que imos ter defunto, non falla, é matemático. Como cho conto Juan, na miña casa teño oído ruídos tremendos de mobles, de cousas que se caían, que se rompían, de pedras que se caían do tellado, uns escándalos tremendos, as sinais da morte Juan.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s