CONTOS NA LAREIRA (14) CHOLITO NAMORADO.

CHOLITO DE MORAÑA QUIXO CASAR CA FILLA DO TABERNEIRO DA RONS.

Este relato ocorreu a finais dos anos sesenta, a Taberna da Rons era un lugar onde a primeira hora da mañá paraban muitos obreiros, algúns deles veciños da vila de Moraña, tomarse o seu café de pota con pingas ou a copa de aguardente branca ou de herbas era do máis habitual naqueles tempos, xunto tamén a combinación coñecida como sol e sombra.
Eu tiña relación con todos esos homes, a primeira hora da mañán xa estaba tamén na taberna axudando a miña nai é tomaba a miña taza de caldo con eles, cando comecei a estudar en Pontevedra baixaba de cando en vez con algún deles, unhas veces montaba nun Seat 127 como noutras nun camión Barreiros ou nun Seiscentos, a veces nunha moto Bultaco…

Había un señor de Moraña que o coñeciamos por O CANCELEIRO, un home de negocios que ademais de ter unha taberna, andaba coa súa muller ao “estraperlo”, é dicir á venda de todo tipo de cousas relacionadas coa alimentación e a bebida, fariña, viño, aceite etc., meus pais eran clientes seus e comprábanlles algún artigo que ás veces era difícil de conseguir, a amizade que chegaron a ter foi tal que en varias ocasións fomos convidados a súa casa, recordo que una delas foi un día que se celebraba a Festa da Mocidade e a 1ª Festa do Carneiro o Espeto, precisamente era o ano 1969.

Era moi habitual que cando O CANCELEIRO saía de Moraña, un veciño del, CHOLITO, acompañábao, gustáballe coñecer lugares, tomaba nota de todo e de paso buscaba noiva…

Onde chaman Paraños, lugar da parroquia de San Martiño de Gargantáns, preto da lglesia románica máis antiga do municipio de Moraña (data do ano 1175), a poucos metros dun castro romano é a uns minutos do único menhir coñecido en Galicia vivía CHOLITO, unha tarxeta de presentación que moi poucos de nós temos. E aínda por riba, coa protección de San Martiño e Sta. Apolonia…

UN POUCO DE HISTORIA.

Manuel Gándara Abelleira (CHOLITO) nace uns anos antes do inicio da guerra, no ano 1933, cuarto fillo dunha familia humilde da parroquia de San Martiño de Gargantáns, concretamente do lugar de Paraños. Unha veciña do lugar envioume unha documentación relacionada con CHOLITO :

A CASA MATRIZ É IMPORTANTE E POTENTE, ESTRUCTURA DE PEDRA DO PAIS, CON PATÍN NA FACHADA E MOITAS FINCAS EN PROPIEDADE, DE FEITO FORA VIVENDA DE CURAS EN TEMPOS PASADOS E HERDADA MÁIS TARDE POLA FAMILIA DA NAI DE MANUEL.

A casa de CHOLITO.

FILLO DE ANDRÉS GÁNDARA, NATURAL E VECIÑO DE BEMIL E DE MARÍA ABELLEIRA, MULLER TÍMIDA E DE POUCAS FALAS, O PAI EN CAMBIO HOME DE FORTE CARÁCTER , XENIO E MAL TALANTE.

CONFORMAN A FAMILIA O MATRIMONIO E 4 FILLOS, DOUS HOMES E DÚAS MULLERES. O MAIOR CHAMÁBASE CONSTANTE, DESPOIS VIRÍA ABADINA, A TERCEIRA ESPERANZA NACIDA NO 1928 E POR ÚLTIMO MANUEL QUE NESTE CASO É O NOSO PROTAGONISTA. PASARON OS ANOS E A VIDA OCUPOUSE DO DESTINO DOS GÁNDARA, O PATRÓN DA CASA ENFERMOU GRAVEMENTE E REMATOU POR QUEDAR SIN UNHA PERNA. PARALELAMENTE ADÍCASE A BEBER SIN MODERACIÓN CO CUAL EMPEORA A SITUACIÓN FAMILIAR.

OS FILLOS MOZOS E CON MOITA FALTA DE RECURSOS OPTAN POR BUSCARSE A VIDA E SOBREVIVIR COMO PODEN, CONSTANTE MARCHA PARA BILBAO A TRABALLAR E ESQUÉCESE DE VOLTAR A MORAÑA, NIN ANTES NIN DESPOIS, NUNCA VOLTARÍA. AS DÚAS IRMÁS EMPEZAN TRABALLANDO POLA ZONA EN CASAS, PERO REMATAN POR EMIGRAR A MONTEVIDEO EN BUSCA DE TRABALLO E MELLORES OPORTUNIDADES.

ABADINA CASA CUN GALEGO, CONCRETAMENTE DE BAIONA E DE CANDO EN VEZ VOLTARÁ A MORAÑA, MENTRES MANUEL SERÁ O ÚNICO QUE QUEDE NA VIVENDA COS PAIS. A NAI FALLECE CEDO E SERÁN OS DOUS HOMES DA CASA QUEN SE OCUPEN DO FOGAR.

CHOLITO DÁ REGUEIRA.

En honor a unha vella canción da época, a CHOLITO bautízano os veciños co alcume de Cholito dá Regueira, grazas a un veciño, o señor Álvarez, CHOLITO polas noites foi aprendendo a ler e a escribir o imprescindible para defenderse pola vida.

CHOLITO era moi peculiar, cunha personalidade propia, a súa afección era namorarse de todas as mulleres, fosen altas ou baixas, louras ou morenas, iso si, tiñan que ser guapas, as viaxes que realizaba con O CANCELEIRO abríalle un gran abanico de posibilidades de coñecer a moitas mulleres, un exemplo é o caso da filla do taberneiro do lugar da Rons (miña irmán), parroquia de Cerponzóns, unha rapariga que daquela contaba con quince anos, mentras que CHOLITO rondaba xa os trinta e cinco.

PREPARANDO A VISITA DE CHOLITO A TABERNA DÁ RONS.

Un día na taberna os homes comezan a comentar a última gesta que fixera CHOLITO, falaban dunha festa celebrada o día anterior nunha parroquia próxima á súa, CHOLITO con só escoitar os foguetes xa se poñía as súas galas para ir todo aposto, tiña unha americana que os días sinalados cubríaa con todo tipo de “xoias”, chapas, pins, medallas…sempre aparecía nas festas con algunha medalla máis que a anterior vez, os seus veciños non sabían como as conseguía…

Os homes, mentras tomaban a súa copa, comentaban como CHOLITO subira ao palco dos músicos e púxose a cantar as cancións que máis lle gustaban a él interpretar, as rancheras, aínda que se lle daba calquer estilo, houbo unha época que a canción que máis popularizou CHOLITO foi : Chica en combinación.

Pero non só cantaba, en calquera lugar que alguén lle apostaba que comía ou bebía moito máis que él, CHOLITO facíalle frente, era capaz de comer ou beber ata límites insospeitados, si tiña que rebentar…rebentaba, pero a él non lle gañaba ninguén.

Na taberna todos coincidían en que era moi aforrador, e que non era fácil enganalo é ollo con que se lle enganase, pobre daqueles que quixesen enganalo habendo cartos por medio…

Os paisanos, entre grolo é grolo, comezaron a comentar que había que dicirlle O CANCELEIRO que trouxese a CHOLITO á taberna, que seguro se ía a namorar de Maricarmen…un dos veciños de CHOLITO, entre risas, pregúntalle á filla do taberneiro :

-É ti que dis Maricarmen ? Queres coñecelo ?

-Por min non hai inconveniente, que veña ! (Maricarmen sabía levar a broma e non se amilanou coa proposición).

A VISITA DE CHOLITO.

O CANCELEIRO estaba xa decatado da proposición e falou con CHOLITO, comentoulle que nunha taberna que había moi preto de Pontevedra había unha moza, que era morena, moi guapa, cos pais tiñan muitas propiedades… que un día que quixese levábao para que a coñecese.

CHOLITO non quixo esperar máis, contestoulle que canto antes mellor, que xa estaban tardando…así que ao día seguinte estaban subidos ao Citroen dous cabalos que tiña daquela O CANCELEIRO e alá foron camiño da Taberna da Rons

A entrada na taberna foi espectacular, recórdoo coma se fose hoxe, eu había chegado do colexio, estaba sentado nunha mesa da taberna facendo os deberes, bueno máis ben estaba ollando na television os Chiripitiflauticos, de repente entrou coma si fora unha estrela de cine…CHOLITO puxera todas as súas medallas, chapas e pins naquela americana que tiña para momentos especiáis, parecía un principe…bo, quédome curto, parecía máis ben un daqueles militares que salían nas noticias da primeira cadea da televisión, deses que saen co traxe de gala todo cuberto de estrelas, cruces, medallas e outras herbas que o campo non produce.

Saludounos a todos, pero os seus ollos andaban a buscar a rapariga que lle había comentado o seu veciño, mirouna na barra sirvindo un viño, achegouse a ela é o primeiro que fixo ao ver a Maricarmen foi dicirlle uns cantos piropos da súa colleita, expresións moi habituais nel cando se atopaba cunha moza que lle gustaba :

Acercóuse a Maricarmen é dixolle: MI CORAZÓN PALPITA COMO UNA PATATA FRITA !

Seguidamente lanzoulle outro “verso” : A TU MADRE LA MONTO EN UNA TARTANA, A TU PADRE EN UN COCHE Y A TI EN LA CAMA !…

Logo de piropear a Maricarmen, CHOLITO, situouse no medio e medio da taberna e comezou a imitar a Cantinflas, era o seu patrón a seguir, a súa imitación era perfecta, sempre que podía miraba as súas películas, tambén calcaba os xestos de Cantinflas que moita xente chamáballe CHOLITO, ALÍAS CANTINFLAS, él estaba cheo de orgullo que o coñocesen por ese alcume.

É entre as imitacións de Cantinflas é os corridos mexicanos a noite foi pasando, os paisanos ríndose das saídas de CHOLITO…o meu pai invitándoo a que viñese para a Rons, pero en broma claro, pero o que nunca Juan esperaba era que CHOLITO fose a tomar en serio a súa invitación

CHOLITO VEN A VIVIR A RONS.

O caso foi que CHOLITO quedou prendado de Maricarmen, é aos poucos días presentouse de novo na taberna, esta vez non viña nun dous cabalos, viña nun, chegou montado no seu cabalo coa idea de quedarse a vivir na Rons desde ese mesmo instante !

Chimpalle unha jaseosa! Exclamou miña nai ao escoitar as intencións do CHOLITO.

O meu pai seguiulle a corrente, deulle acubillo nun alpendre que tiñamos á beira da taberna e por suposto ao cabalo tamén lle buscou sitio, despois de acomodarse foi a cear, unha boa taza de caldo cuberta de pan. Meu pai tranquilizaba a miña nai : tranquila Carmen, éste non ajuanta nin dous días na Rons…xa verás.

Ao seguinte día xa se foron os dous a unha cachada que temos no lugar coñecido como As Salgueiras, había que traer toxo para as cuadras dos animais. Nunha destas, cando CHOLITO estaba encima do carro colocando o toxo, meu pai dixolle :

CHOLITO, todo o que ves que che alcanza a vista e muito máis, é da miña propiedade.

CHOLITO alucinaba, sempre que iban a algún sitio é despois a volta, de camiño a casa, Juan íalle sinalando “as súas propiedades”…que si outra toxeira en Santarandán, que si un muiño do Caeiro, os castaños do cura tamén eran de Juan, as viñas tamén, as fincas de millo, as de patacas…

Cando polas mañás paraban na taberna os da Empresa Garrido, CHOLITO íalles comentando o afortunado que era, que tiña unha moza mui fermosa, que era riquísima, con leiras, montes, carballos, piñeiros, eucaliptales, taberna…non lle faltaba de nada, tiña de todo !

Outro día viñan co carro do lugar coñocido como Parrei, coma sempre CHOLITO todo atento escoitando ao meu pai, os seus ollos e a súa boca non podían ir máis abertos. Meu pai cada vez esaxeraba máis, camiño ou congostra por onde pasaban ata chegar a casa íalle indicando máis propiedades…só lle quedou por dicir que o Río Rons tamén era da súa propiedade.

-Quen case coa miña filla ten que ser un home traballador, que traballe de sol a sol, que dobre o lombo, que estea disposto a levar adiante unha familia e que non se doblegue ante ninguén, ía dicindo o meu pai en voz alta para que CHOLITO fose tomando nota.

-Señor Juan ! Ese home tenno diante ! Exclamaba todo cheo CHOLITO.

CHOLITO non facía máis que chegar á taberna e poñíase a tomar nota de todo, si o meu pai era un esaxerado, CHOLITO non lle quedaba atrás, ata ía anotando a cantidade de hoces, aixadas, lejóns, martelos, o carro de unha vaca, outro de dúas, doce bocois, unha lajareta…él anotaba todo o que tiña Juan da Rons no alboio.

CHOLITO estaba encantado, traballaba de sol a sol, ía á leña, á herba, ao toxo, a buscar millo…era un máis na familia.

CHOLITO era un traballador nato, todo hai que dicilo. Durante o tempo que estivo na casa dos meus pais non dixo non a nada, traballo que había que facer, traballo que CHOLITO estaba disposto a realizar. Si nalgún momento miraba que Maricarmen ía coa carretilla a por algo, inmediatamente dicíalle que iso non tiña que facelo ela, que mentres estivese él, ela non tiña que coller ningún peso.

Mentres meu pai se entendía con CHOLITO, miña nai ía levando daquel xeito a estancia de CHOLITO na Rons, non era nada partidaria de telo alí, estaba vendo que se estaba crendo todo aquilo que lle ía dicindo meu pai. A miña irmá outro tanto do mesmo, é a miña avóa Ramona, que a pobre estaba sempre às suas cousas, prendendo lume á cociña de leña coas piñas e carozos, escoitena decir que non entendía que carallo facía na súa casa aquel imitador de Cantinflas que andaba roldando á súa neta, que non era home para ela.

Maricarmen sentía que CHOLITO ía en serio, ela tan nova, con quince anos, non sabía como desprenderse del, así que lle dixo á súa nai que a ver como ían facer para que se fose para Moraña, que xa iban quince dias con CHOLITO na Rons ! É a CHOLITO o corazón seguíalle palpitando coma unha patata frita…

-Tranquila filla, dixolle nosa nai, eso vai ser cousa de teu pai, él foi quen o acolleu, agora que se busque a vida para decirlle que ten que marchar, que ti non queres casar. Miña nai chamou por Juan e puxolle as pilas.

O pai de Maricarmen tivo que inxeniála para que CHOLITO fósese para a súa casa, o seguinte día tivo a oportunidade de cabrearse con él por unha cousa que fixera mal, Juan era un home que tiña moito xenio, pero ese día acrecentouno aínda todavía máis, CHOLITO ao velo fora de sí asustouse todo, pensou que había toleado, cando chegou a Rons recolleu as súas cousas, montou no seu cabalo e marchou a lume de carozo, eso , marchou decindo unha serie de improperios contra meu pai que mellor non nomealos agora de novo. Así foi coma se truncaron as esperanzas de CHOLITO, é tamén dos veciños del, que non serían convidados a boda coma lle prometera CHOLITO.

Por certo, Maricarmen coméntame fai uns días que O CANCELEIRO non tiña fillos e quería adóptala , tíñalle moito agarimo. Tamén recorda que CHOLITO tiña dúas veciñas, que seica eran irmás, de oficio peluqueras, facían nel uns peiteados “espectaculares”.

Eu tamén recordo que había tes canteiros de Moraña, que traballaban na de Morís, (Joaquín, Albino e Teofilo) éstes comían na taberna, nas súas charlas había veces que falaban de Genoveva, que sempre se chivaba ao señor do moito ou pouco que traballaban é como non ía ser doutro xeito, tamén das anécdotas de CHOLITO.

Remato o relato cos recordos que me pasou unha veciña de CHOLITO :

DE MOZO TIÑA CABALO E DESPRAZÁBASE NEL PARA IR OS SITIOS, NON DUBIDABA EN IR AS FEIRAS, MERCADOS OU IR Á CAPITAL (PONTEVEDRA.)

INICIALMENTE TIVO REBAÑOS DE OUVELLAS PERO HABITUALMENTE GAÑÁBASE O SUSTENTO “O XORNAL” A VECES TAN SÓ POLA COMIDA. CORTABA O TOXO, FENDÍA LEÑA OU TODO AQUELO QUE LLE ENCARGARAS, ESO SÍ NON LLE FACÍA ASCOS A UN BO CALDO.

NA PLENITUDE DA VIDA A XENTE DO VECINDARIO ARRANXOULLE UNHA PAGA COA XUNTA DE GALICIA E CHOLITO EMPEZOU A COBRAR UNHA PEQUENA PENSIÓN. COS PRIMEIROS CARTOS MERCOU UNHAS VACAS E ADICOUSE A VENDER O LEITE, CO QUE ÍA XUNTANDO ARRANXOU A CASA, BOTOU TELLADO, ARRANXOU A PRANTA BAIXA, E FIXO MELLORAS NA VIVENDA.

AQUÍ TODO O MUNDO O COÑECÍA E NINGUÉN ESCATIMABA EN DARLLE UN PRATO DE COMIDA E NAS FESTAS DO LUGAR ERA UN MÁIS NA MESA.

SIN DÚBIDA ERA UNHA PERSONAXE PECULIAR, MOI CHARLATÁN E DESCONFIADO QUE NON O TIVO FÁCIL SOBRE TODO SENDO COMO ERA NAQUELES TEMPOS, PERO AÍNDA ASÍ DEFENDEUSE SÓ.

REMATOU OS SEUS DÍAS NO ASILO DE CALDAS DE REIS E FALLECEU O 13 DE NOVEMBRO DO ANO 2016 CANDO CONTABA 83 ANOS.

ACTUALMENTE QUEDAN SOBRIÑOS VIVOS DE MANUEL.

RECORDOS DA XENTE QUE COÑECEU A CHOLITO :

1–Nas festas de San Lorenzo sempre viña Cholito de Paraños cun sombreiro mexicano, con chaveiros pendurados da ala, dicindo que buscaba moza, pero sin moita esperanza porque a él todas lle decían que no.

2–Cantaba rancheras a cambio de viño.

3–Era o último domingo de agosto, celebrábase na parroquia de Bemil (Caldas de Reis) unha das romarías máis populares daquel lugar en honor a San Xusto.

CHOLITO non podía faltar á verbena, chegaba o campo da festa todo feito un pincel, coa súa americana chea de chapas é lazos de cores, e como sempre a súa ilusión era subir ao palco a cantar, pero os músicos das orquestas xa estaban de volta, xa coñecían a CHOLITO dabondo, atopábano por todolos sitios e non o deixaban subir a cantar, pero ese día, eran xa as tres da mañá, xa estaban a piques de rematar de tocar é a xente xa se había ido toda prácticamente, só quedaba a mocidade que quería seguir de troula…

Todos comezaron a gritar que querían escoitar a CHOLITO cantar, que querían que subira ao palco…

Uns cantos mozos achegáronse aos da comisión de festas, e pedíronlles que falasen coa orquesta para que deixasen subir a CHOLITO, xa que a festa xa estaba rematada é quedaban eles nada máis.

Así foi e CHOLITO puido subir ao palco, cando estaba subindo, comezaron todos a pedirlle a CHOLITO que cantase a súa canción favorita por aquel entón : corda con corda…

CHOLITO todo cheo de razón comezou a cantar, acompañado da orquesta :

Si quieres que te toque la lotería

Casate con el lotero siquiera un día

Que como se la lleva el río

Que como se la lleva el agua la cañita

Que el corcho con que pescaba

Corcho con corcho, caña con caña

Tu eres la reina de mis entrañas

un vez que te quise fue por el pelo

que ahora que estas pelona ya no te quiero

Que como se la lleva el río

Que como se la lleva el agua la cañita

Que el corcho con que pescaba

Corcho con corcho, caña con caña

Tu eres la reina de mis entrañas

gitana si me quisieras

Gitana si me quisieras

Te compraría en Granada

La mejor cueva que hubiera…

Si a queredes escoitar, éste é o enlace : https://youtu.be/1-eue5dc3Y4

CHOLITO disfrutaba o máximo, mentres a mocidade tiña división de opinións, mentres algúns se rían a escachar, outros lle lanzaban de todo o que atopaban a man, máis dun foi a unha leira próxima a por tomates, que chegaron a impactar en todo o rostro do pobre CHOLITO.

A él daballe igual, estaba disfrutando a base de ben encima daquel palco.

4–Corría o ano 1975, CHOLITO por aquel entón traballaba na casa dunha rica familia de feirantes, veciños da parroquia de Rebón, eran coñecidos co alcume de OS REVOLTEIROS.

Ás veces, cando chegaban das feiras, paraban a comer na parroquia de Amil, nunha taberna que había en fronte ao campo de fútbol, alí aparecía CHOLITO e claro, terminaba cantando e animando a xornada.

Un día chegou a oídos dunha das irmás dos REVOLTEIROS, que a xente andaba murmurando e dicíndolle a CHOLITO que como traballaba para eles sen que estivese asegurado, que un día podia pasarlle algo e non tería paga ningunha.

Ela estaba toda preocupada e andaba sempre vixiando a CHOLITO para que non lle fose a pasar nada.

Un día, sendo noite pechada, CHOLITO íase para a súa casa, daquela o camiño por onde tiña que pasar non estaba como hoxe en día, estaba sen asfaltar e non había luz pública ningunha, María pensou en CHOLITO, e saíu disparada da súa casa, pensando en que si lle ocorría algo a xente comezaría a falar mal, así que comezou a chamalo e a dicirlle en voz alta :

CHOLITO, CHOLITO, non vaias caer ! Óesme ? Non vaias caer, vaite con coidado ! Escóitasme ?

E CHOLITO contestoulle :

Xa caín, carallo, xa caín…

Única imaxen que teño de momento de Cholito.

 

 

2 comentarios en “CONTOS NA LAREIRA (14) CHOLITO NAMORADO.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s