CITAS LITERARIAS (16) CEGOÑAS NO FONDO DA RÍA.

O escritor Manuel Lourenzo González escribiu un relato relacionado coa nosa parroquia, primeiramente publicado o 15 de Decembro do 2013 nun medio de comunicación, no ano 2015 dito relato xunto con outros, conformaron o libro CEGOÑAS NO FONDO DA RÍA.

Das terras furadas, pax. 127

Páxina nº 127…DAS TERRAS FURADAS

Que este ano que está a piques de rematar celebrásemos unha efeméride literaria de tanto significado para Galicia como é o cento cincuenta aniversario da publicación dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro non debe facernos esquecer que, noutros países cuxas letras cultas non atravesaron uns Séculos Escuros, a vida mantívose estábel e deu froitos admirábeis e duradeiros; como é o caso da obra do bretón Jules Verne, que precisamente nese mesmo ano 1863 comezaba, coa publicación de Cinco semanas en globo, a longa serie “Viaxes Extraordinarias” que marcaría un antes e un despois no eido da ciencia ficción como literatura de gran éxito de público.

Foi moi comentada a visita que Verne fixo á ría de Vigo en xuño de 1878 cando percorría os escenarios que no seu día imaxinara para as 20.000 leguas baixo dos mares. Os que o acompañaban din que, na plácida enseada de Rande, aínda foi capaz de albiscar os galeóns afundidos que forneceran ouro ao capitán Nemo para poder proseguir a súa tormentosa viaxe no submarino Nautilus.

Menos difundida, porén, é unha viaxe anterior que o trouxo a Pontevedra no outono de 1861; ao non ser daquela Julus Verne a celebridade mundial que sería máis tarde, a súa visita pasou desapercibida para o mundo da cultura e para a prensa. De feito, a noticia que referimos provén de dous dos seus biógrafos, que ofrecen datos precisos sobre o interese que o trouxo á nosa terra nunha época na que compilaba materiais e escenarios para as novelas aventureiras de xorne científico que logo daría á imprenta.

Sábese que un íntimo amigo seu durante a súa estancia en París, na etapa briosa dos vinte anos, era un veciño de Meán, parroquia de Cerponzóns, chamado Lucas Socastro, un aprendiz de filósofo que subsistía como caixista nunha imprenta, poeta áulico e xornalista eventual, que formaba parte xunto co escritor do exclusivo club misóxino “Os once sen mulleres”. O apelido Socastro, xunto con certa inclinación pola maiéutica, valéranlle ao pontevedrés o esixente apelativo de Socrate. E foi o tal Socrate quen lle falou a Verne da existencia na súa terra natal dun lugar coñecido como Porta dos Mouros, do que se dicía que comunicaba o mundo dos vivos co mesmísimo Inferno. En realidade, matizaba o mozo, non era máis ca unha gruta común que podía chegar aos cincuenta metros de longitude; mais a xente maior aseguraba que até non había moito tempo esa gruta daba entrada a unha serie de corredores que descendían ao longo de quilómetros cara ao interior escuro, e que un deles acababa por caer en vertical coma unha cheminea volcánica; ese pozo xamais puidera ser explorado, nin sequera medido, pois non existía en Galicia corda suficiente para enviar unha sonda ao seu fondo. Coma en tantos outros casos semellantes, forxárase a lenda de que o túnel fora construído polos antigos habitantes do país, os mouros, é que eles mesmos o destruíran, como adoitaban facer cando os humanos se establecían nas proximidades. Con todo, lonxe non debían ter marchado, porque por veces aínda se lles vía por alí facendoa súa vida de sempre.

No razoamento dedutivo do pontevedrés, trataríase dunha fenda natural que conducía a algún punto interior da codia do planeta, aínda que con seguridade non ao seu centro, no caso de ese centro existir, é que quedaría cegada por algún movemento de terras no pasado.

Verne, home instruído tras anos de exercer unha curiosidade sen límites nas máis diversas disciplinas científicas, sabía que lendas semellantes a esa se contaban en moitos lugares, mais en ningún coa viveza do relato do seu colega filósofo Socrate.

De ahí xurdiu a iniciativa de acompañalo nunha viaxe xornalística a Italia, onde se estaban a dar acontecementos políticos transcendentes, con entrevista incluída ao triunfante Garibaldi, para ao regreso, en barco até Valencia e desde alí en cabalarías até Galiza, visitaren a súa parroquia coa intención de coñoceren cidade o que quedaba da Porta dos Mouros.

Chegados a Pontevedra, os dous amigos subiron en mula as serpeantes costas do Camiño Portugués até Cerponzóns e, tras a visita de rigor aos familiares de Lucas, que os recibiron alborozados, achegáronse á fraga da Laxe, onde se achaba a Porta. Tal como este adiantara, só era unha gruta de tamaño medio dividida en catro galerías, todas elas cegadas abruptamente.

Mais o que máis interesaba a Verne de coñecer canto na aldea soubesen sobre o suxestivo recanto, o seu amigo reuniu na súa casa de Meán un grupo variado de veciños que, nun improvisado coloquio apoiado en biscoitos e augardentes do país, alicerzaron todo un corpo teórico que rebordou con moito as vellas lendas de mouros.

Destacou a intervención do xuíz de paz, familiarizado con arquivos e crónicas, quen asegurou que estaba documentado que, efectivamente,en tempos, a Porta estendíase ata límites insondábeis, e que o motivo do seu cegamento fora o terremoto de Lisboa, ocorrido uns cen anos antes; unha terríbel catástrofe que, ademais de destruír a capital portuguesa na súa totalidade, ocasionara movementos de terra de consideración en toda a costa atlántica, incluída Pontevedra, o que obrigara a reforzar arquitectonicamente certos edificios. O terremoto atoara a Porta dos Mouros de tal xeito que xa non era posíbel emprender a mínima investigación sobre o terreo.

Unha vez estabelecida a versión oficial, e animados polo espírito científico que aquel francés inspiraba, outros veciños e veciñas empezaron a discutir sobre a estrutura interna da Terra e dos astros en xeral, predominando os que sostiñan que todos estaban atravesados por mestas redes de túneles. Logo, especulando sobre a orixe deses túneles, unha cousa levou a outra, e acabouse opinando acerca da orixe do cosmos. Coincidíase en pensar que todos os corpos do firmamento estiveran no seu día perforados por un burato diametral de gran calibre que lles servía de eixo de xiro. Mais diferíase na natureza dese furado primordial: uns sostiñan que os astros eran como buxainas que algunha forza botara a xirar de maneira ordenada, e que o eixo, de materia orgánica, se sumira, quedando só o oco; outros aseguraban que eran como as doas dun colar que, tronzado o fío que as unía, caeran ao chou no medio da nada. Polo que se colixía, nun caso rexía a orde no universo e no outro prevalecían o azar e o caos. Andando os séculos e as eras, continuaban expoñendo, a materia de cada corpo fora reorganizándose de forma que o oco central cedera e dera lugar a milleiros de pequenos ocos radiais a xeito de esponxas ou xigantescos formigueiros.

Mais a tese que lle resultou máis engaiolante a Verne para explicar a teoría das terras furadas foi a dunha muller que, confesándose ignorante do que ocorría nos afastados astros nas remotas xéneses da súa existencia, non obstante tiña unha explicación para a serie de incontábeis condutos que conectados uns cos outros atravesaban o noso planeta nunha rede portentosa. A súa orixe estaba nas raiceiras das árbores absolutamente xigantescas que no tempo dos dinosauros inzaban por completo os continentes, unhas árbores cuxas copas tiñan centos de metros de diámetro e subían por riba das nubes e cuxas raíces se afundían a quilómetros de profundidade e se conectaban unhas coas outras. Ese manto vexetal desaparecera; o mesmo que matou os dinosauros, matara as árbores celestes para sempre, é só quedaron os furados das súas raices. Logo, transcorridos os milenios, a vida volveu, mais con animais e árbores moito máis pequenos.

Verne, que atendía avidamente á tradución do seu colega Socrate, pasmaba de ver como iletrados veciños de unha aldea perdida no cabo do mundo manexaban con sólida erudición popular a teoría das terras ocas, tan espuria para os científicos como vizosa para os artistas e os escritores. Mais non acabou aí o conto; os paisanos aínda souberon salientar o lado práctico deste planeta perforado de antano, que permitía unha fluída comunicación de persoas e mercancías entre os máis afastados puntos de cada continente. De feito, alí mesmo en Cerponzóns vivían persoas que se sabían descendentes de alemáns, fineses, turcos, iraquís, vietnamitas, brasileiros e mismos australianos chegados todos en tempos inmemoriais, cando aínda se podían salvar distancias e océanos viaxando comodamente polo interior da Terra.

Foi esta visita a Pontevedra o punto de partida para que o imaxinativo escritor argallase unha das súas máis coñecidas novelas, Viaxe ao centro da Terra, que se publicaría en 1864. Hai que subliñar que Verne, sempre fiel ao seu espírito científico tan acorde cos enormes avances que se estaban dando naquel tempo de prodixios que foi o século XIX, preferiu manter, por riba de elucidacións máxicas, o ton académico e verosímil que caracterizaría toda a súa obra. Unha mostra dese talante é o feito de que situase o comezo da súa viaxe intraplanetaria nun volcán de Islandia e o rematase noutro de Italia; a todas luces, se pensamos en corredores que conduzcan ao interior da Terra, resultan máis críbeis as chemineas volcánicas existentes ca as covas cegas rodeadas de brétemas lendarias. Porén, como homenaxe e lembranza, a aquela experencia pontevedresa, outorgoulle ao narrador do periplo o nome de Axel, anagrama de Laxe, a fraga onde se atopa a Porta dos Mouros de Cerponzóns.

Como remate, cómpre dicir que o descoñecido inspirador da Viaxe ao centro da Terra, Lucas Socastro, acabou os seus días do xeito máis filosófico, cando, amargado polo fracaso da Comuna de París, decidiu suicidarse nunha praza pública na noite solsticial de decembro dese mesmo ano 1871. Arremedando ao seu case homónimo Sócrates, inxeriu unha dose mortal de cegude que disque lle foi subministrada por un novísimo e xa enfant terrible Arthur Rimbaud, capaz diso e de máis no seu “longo, inmenso e racional desarranxo de todos os sentidos” na busca da grande e única verdade da existencia. Dise que cando o de Cerponzóns falecía na parálise lenta do veleno, antes de dar o derradeiro alento, lle dixo ao poeta: “Arthur, debémoslle un galo a Asclepio. Así que, págallo e non o descoides.” Ao que Rimbaud, seguindo coa imitación do final atribuído a Sócrates, contestou: “Así se fará. Mira se queres algo máis.” Non quixo nada máis.

2 comentarios en “CITAS LITERARIAS (16) CEGOÑAS NO FONDO DA RÍA.

  1. ANTONIO ALBERTO SANCHEZ COUTO

    MUY INTERSANTE ROQUE! COSTOUME LIRLO TOUDO EN GALEGO PERO ENTENDIN, E MAIS ME ENTROU GANAS DE VOLTAR DE LIR ” VIAJE AL CENTRO DE LA TIERRA”

    * DISCULPA LOS ERRORES DEL GALEGO.. UN SALUDO DESDE ARGENTINA.

    ANTONIO.

    Liked by 1 person

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s