OFICIOS DOS VECIÑOS (XXVII) ESCAIOLISTA

ESCAIOLISTA : Persoa que traballa ou fai obras con escaiola (RAG).

A escaiola é un produto industrial, un xeso dunha moi alta calidade e gran moi fino, un material en forma de po branco, que se tira do xeso é que endurece ao mesturalo con auga.

Hoxe en día o oficio de escaiolista vaise perdendo porque xa non hai a demanda que había fai anos, houbo un tempo que non soamente pensabas en chamar a un escaiolista para que instalase un teito de escaiola, chamábalo para que fixese unha peza orixinal ou varias na túa casa, eran artesanos, profesionais que eran capaces de crear unha peza exclusiva mediante a cocción e todo iso o facían procesándoo manualmente.

Todo vai cambiando nesta vida, chámanlle evolución, pero hai cousas que desgraciadamente xa non volven, o oficio de escaiolista xa non volverá ser como antes, os grandes mestres van desaparecendo, dando paso a profesionais instaladores de pladur.

Teño a sorte de coñecer a varios veciños que durante moitos anos desempeñaron o oficio de escaiolista, podo dicir con total seguridade que a parroquia de Cerponzóns foi a que máis veciños tivo desempeñando este oficio, mais adiante sabremos o motivo.

Cando comecei a preparar este relato desgraciadamente o meu cuñado Gonzalo falecera uns meses antes e non me deu tempo a falar con el, moito tiña que contarme, desde os seus inicios ata cando se foi para Barcelona a desempeñar alí o seu oficio.

Fai uns días estiven conversando cun dos meus amigos de infancia, Juan A. Losada, máis coñecido como Biri Biri, un home que traballou moi novo de escaiolista, cando comenzou a traballar tiña trece anos recentemente cumpridos.

Comezamos a falar e percibo en Biri algo de melancolía, emocionándose en certos momentos ao recordar os seus inicios e como aos poucos foi facéndose paso como un dos mellores profesionais do sector.

Cando lle pregunto polos seus inicios, sorrí e comeza a recordar…

— Eu terminara os estudos básicos, a partir dese momento era ou seguir estudando ou traballar, así que como dous dos meus amigos (Angel O Caseiro é Lito O da Rons) comezaran a traballar nese oficio, eu quixen tamén ir, díxenlle ao meu pai que quería aprender o oficio de escaiolista e así foi, gustábame e aínda me gusta.

Os meus comezos foron con Juan e Valentín, dous dos mellores profesionais en colocación de teitos de escaiola, molduras, cornisas, zócalos, cenefas, plafons, columnas, capiteis, rosetons, pilastras e tabiques, dabanlle a todo ! O meu pai foi a falar con eles, daquela época había moita demanda e dixéronlle que ao seguinte día fose xa a traballar.

Biri Biri recorda os primeiros escaiolistas na parroquia, Joaquin , Rafael, Tino…eles foron os que se iniciaron nese mundo, logo deles fomos moitos veciños que escollemos esa profesión.

Biri comezou a recordar os nomes : Joaquin, Rafael, Tino O Mineiro, Juan, Valentín, Casalderrey, Gonzalo, Evaristo, Ricucho, Ángel , Lito, Tino, o fillo de Tino O Mineiro…

—O oficio de escaiolista comezaba aprendendo a facer moldes, o aprendiz pasábase todo o día metido no almacén e alí estaría durante anos (Biri dime que pasouse cinco anos, cun soldo de 250 pesetas ao mes ) repetindo moldura tras moldura, cenefas tras cenefas, daquela cada mestre escaiolista tiña as súas molduras, cenefas, plafons etc. distintas as da competencia, cando vías unha obra recentemente acabada, dependendo a moldura que tivese xa sabías quen realizara a colocación da escaiola.

Despois da aprendizaxe na realización de molduras e de estar fundindo todo tipo de pezas, comezas a ir polas obras, daquela o soldo xa pasaban a gañar unhas 750 pesetas, pero si eras bo profesional, rápidamente ías ascendendo e a gañar máis.

—Os mestres escaiolistas eran artesanos puros, todo facíase manualmente, hoxe en día si nalgunha casa ou algún edificio emblemático, que teña traballo de escaiola e necesiten de reparación teñen que chamar ao profesional que saiba realizar ese traballo, hoxe en día en Pontevedra como moito quedarán dous ou tres oficiais de primeira que sexan de garantía. Aínda hai moitos escaiolistas, pero de taller moi poucos, sóbranche dedos dunha man, agora trabállase máis co pladur, que se pode encaixar como un traballo de bricolaxe, en cambio a escaiola é moito máis profesional.

Cando lle pregunto a Biri quen foi de todos o mellor profesional da escaiola, sen pensalo dúas veces contéstame que Juan O da Bouza, para el foi o mestre.

Era súper intelixente, pódoche asegurar que en Pontevedra non houbo outro igual.

Traballos que fixo no Liceo Casino, aquel paraguas que tiña na entrada fíxoo el, nos Bancos, nos Pazos, nos comercios máis importantes daquela, en todo tipo de negocios, en discotecas…había tamén moita restauración, onde un obreiro podíase pasar tres ou catro meses restaurando un local, hoxe en día iso non se fai, canto antes termines mellor, por iso vas todo o máis sinxelo.

A maioría das empresas eran como quen di familiares, compostas como moito por sete ou oito empregados, algunha chegou a ter máis de vinte, pero eran poucas.

Hoxe en día todos os que traballan de escaiolistas, que sexan maiores de cincuenta anos, foron aprendices dalgún dos mestres que houbo en Cerponzóns, de todas as parroquias de Pontevedra, foi onde máis estendido estaba este oficio.

Pregúntolle a Biri polas Salas de Festas, respóndeme que da que máis recorda con agarimo, por estar situada na nosa parroquia, foi a Sala de Festas Brais, hoxe en día coñecida por Sala de Festas La Luna.

Dime Biri, que a sala foi construída por Jose Malvar e os traballos de escaiola fixémolo nós, a empresa de Juan e Valentín e recordo que o teu cuñado Gonzalo, por exemplo, realizou os traballos de escaiola nas Salas de Festas Chanteclair e Saturday, por certo que despois estivo traballando os fins de semana no aparcadoiro de Saturday.

Tamén houbo unha época que traballaron moito para Almacéns Nartallo, de Vilagarcia, fundíanlle moitas figuras, a maioría eran para a realización do Portal de Belén, eran caixas e caixas de figuras que cada tempada preparábanlles.

Eu cando me fixen autónomo estiven en varias ocasións na Escola Naval de Marin, aínda é o día que cando necesitan algunha reparación séguenme chamando, o lugar é unha marabilla, precioso.

Biri segue comentándome que para el o mellor foi Juan, e que aínda que xa fai tempo que está xubilado na súa casa aínda garda os moldes daquelas obras de arte que foi deixando en muitisimos chalets, en casas, en oficinas, pazos…para Biri, Juan foi unha persoa que se esmeraba en calquera tipo de traballo, tiña que quedar perfecto, ademais era un bo mestre, non che ocultaba nada, sempre che ensinaba como el facía os seus traballos e guiábache de tal xeito que o traballo realizado tiña que ser o mellor de todos.

Nesta vida, por sorte ou por desgraza, todo cambia, as persoas, as empresas, todo vai evolucionando.
Tanto Biri, como todos aqueles veciños que profesaron o oficio de escaiolistas, pódovos asegurar que foron puros artesanos, artistas que eran capaces de crear unha peza única, orixinal, a partir da cocción, procesando manualmente todas as materias que se utilizaban para iso.

Biri ten esperanza que o seu oficio rexurda de novo : Hoxe en día é necesaria xente que sexa profesional do ramo, seguro que teñen moito traballo por diante.

Por certo, non só foi Biri quen me falou tan ben de Juan, así que decidín achegarme un día a súa casa e falar con él sobre o seu oficio.

Pronto iréi a ter unha conversa con él, seguro que ten muito que contar…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s