O meu avó tiña unha toxeira a pouca distancia do Muiño da Veija, un pouco mais adiante do Muiño do Caeiro. Un día contoume un feito que quería compartir contigo Juan.
-Son todo oídos, conta.
A min gustábame estar co meu avó, pois sempre me contaba algún feito, algunha lenda ou suceso que me ía a sorprender. Unha tarde, estando el debullando o millo debaixo do hórreo, estábamos de paso vendo para as vacas que estaban en fronte nosa, aínda non as metéramos na cuadra. De súpeto o meu avó mirou para min e díxome :
– Rapas, conteiche algunha vez un suceso que nos ocorreu cos bois preto do Muiño da Veija ?
– Non avó, non me contaches, que pasou ?
– Sendo eu un neno, acompañaba ao meu pai e ao meu avó a buscar toxo co carro, cando chegamos á altura da Rons cruzámonos cunha muller, saudámola, falamos un intre nada mais e un pouco máis adiante, queres ver que os bois paráronse, non había maneira de seguir, ás suas patas parecían estacas.
(Naquel tempo na nosa casa tiñamos bois, algunha vaca tamén, pero traballábase máis cos bois, meu avó seguiu falando…)
– A cousa foi que os bois non había forma de que andasen, nin para adiante nin para atrás, meu pai e meu avó andaban turrando con eles, déronlle uns vareazos, ata baixaron todos os santos pero non había xeito chico, non se movían. Ata que apareceu por alí unha muller e véndoos que estaban a turrar cos bois, achegouse a nós e mirando para meu avó, díxolle :
– Bos días, seica os bois non se moven, parece que non teñen muitas ganas de traballar ?, mirade unha cousa, vós ao vir da vosa casa, chegastes a cruzar con fulanita ?
– Pois si, si que cruzamos con fulanita e estivemos falando con ela.
– Pois enton os bois non se moven porque teñen o Mal de Ollo, esa muller eche o Demo !
O meu avó contábame a historia coma se estivese vivíndoa nese momento, daquela tería doce anos, seguiu contándome :
–Entón a señora achegándose a min, colleume a boina, que por certo era a primeira que tiña na miña vida. Cando ma quitou, preguntoume si a boina estaba bendecida, contesteille que si, que había estreado polo Patrón.
Seguidamente pasoulla pola cabeza os animáis, por diante, por detrás, por abaixo, resumindo, pasoulla por todo o corpo aos bois, mentres facía iso ía dicindo un ensalmo :
Jesús, José e María, pon a túa man que eu despois poñerei a miña.
Dous fixéronche o mal e tres hancho de quitar, que son as tres acodes
da Santísima Trinidad: Pai, Fillo e Espírito Santo.
Si antes houbese nado Cristo, este mal non o vimos;
que morra o mal e viva Cristo, que así o manda o noso Señor Jesucristo.
–Ao pouco tempo os bois comezaron a andar de novo e puidemos ir a polo toxo.
Cando ían de volta a casa, meu pai e meu avó só falaban do sucedido, daquela muller xa tiñan escoitado facía un tempo que seica lle botara o Mal de Ollo a unha veciña, esa xente que teñen esas propiedades, tanto o fan cos seus semellantes que cos animais, pero eles naquel momento non se habían decatado, ao chegar a casa o primeiro que fixeron foi poñer unhas ramas de loureiro bendecido nas cuadras.
Fai un feixe de anos que acudín a unha “levantadora” de estómagos. Tal como volo conto, sempre fun algo delicado do estómago, isto vén de herdanza recibida por parte do meu pai, dita herdanza certo tamén é que xa lla pasei aos meus fillos. O caso foi que ao pouco tempo de casarme coñecín unha señora que tiña relación directa de parentesco coa familia da miña dona e dedicábase a levantar estómagos. O meu novo estado de casado, vivindo na casa dos meus sogros, era excelente, prácticamente non realizaba aqueles esforzos físicos aos que estaba habituado facer na Rons, nas labores do campo é na granxa de porcos que tiñamos de fai anos, no meu traballo tampouco tiña que facer demasiados e os únicos esforzos fora do habitual era cando ía xogar a fútbol sala, aí si que había que esforzarse un pouco, o meu posto era de porteiro. Comecei ao cabo dun ano de casado a ter problemas estomacais, trastornos dixestivos que me producían dor de cabeza, pesadez, dixestións difíciles de facer, cansazo…tomaballe infusións, poñíame faixa, non había nada que me acougase, decidín ir ao médico e seguín as súas instrucións, pero os días pasaban e non vía melloría, o que notaba era que cada vez tiña máis mal humor. Unha noite a miña sogra vendo que levaba uns días que me ía para cama sen cear nada, comezou a comentarlle á miña dona que porque non falabamos coa señora aquela que se dedicaba a levantar o estómago. – Jose non va querer ir, él no cree en esas cosas.
-Tu coméntaselo, total por probar no le va hacer ningún mal, anda díselo, que no sé qué me da verlo así, yo conozco gente que tenía los mismos síntomas y fueron a ella, y les solucionó el problema. – Bueno, se lo diré. Mary convenceume, non lle custou moito, eu estaba farto daquelas molestias, e por probar…que non fora. Chamouna por teléfono e comentoulle o que me pasaba, ela alén do teléfono contestoulle que xa lle parecía a ela de que a última vez que nos viu doulle a impresión de que eu non estaba nada ben : –Jose ten o estómago caído, ten o Calleiro*.
( A medicina ten outra denominación: Ptosis do estómago).
*O Calleiro, de callos, nome vulgar co que se coñecía ao estómago entre os nosos antepasados, relacionábase coa caída do estómago, moita xente acudía ás levantadoras para someterse ás prácticas de estas mulleres que levantaban e levaban ao seu sitio as visceras abdominais, as cales estaban desprazadas do sitio que Deus sinaloulles. Dependendo da parroquia, os procedementos que se utilizaban variaban, nun principio a palpación, para ver si as vísceras estaban no sitio debido, facíase en todos os lados, pero despois cada unha tiña para facer os seus remedios os seus líquidos, substancias, obxectos é ensalmos varios. Voume a centrar no que me fixeron a min, o cal estaba baseado en como o facían no barrio da Moureira, recollido no libro La Medicina Popular en Galícia. A levantadora á que fomos vivía preto do barrio da Moureira, ela xa herdara da súa nai e da súa avóa o tratamento que recibín eu aqueles días.
SOMÉTOME AO TRATAMENTO
O primeiro día que fomos xunto a ela falounos do que me estaba pasando, díxonos como o solucionaba e os días que tiñamos que ir. Así que me puxen nas súas mans, durante tres días tiven que ter sobre o ventre “ o radallo” (sebo) dun carneiro. Devandito radallo fora mollado nunha infusión de manzanilla feita en leite. Cando fun a que mo quitase, logo de tres días con el encima, comezoume a embadurnar cunha mestura de aceite, ruda, artemisa e romeu, estendíao en forma de masaxe, comezando nos lados e cara ao centro. Mentres estaba dándome o masaxe, ía recitando un ensalmo, que case non escoitaba, pero púideno conseguir grazas ao libro que fago anteriormente referencia, dicía así : Home bravo, muller mansa, manta de fento, manta mollada, levántame o Calleiro como Deus manda. Un Padre Nuestro é un Ave María, por intersección dá Virxen María. Isto facíao sendo noite, durante nove noites seguidas estiven indo, logo de realizarme o masaxe para ir levándome o Calleiro ao sitio, despois de dicir o ensalmo deixábame todo aquel rustrido e pasábame uns trapos todo ao redor, tiña que moverme o menos posible, nin andar a subir costas e se fose posible tampouco subir as escaleiras e si non había máis remedio tiña que subilas moi amodo. Foron uns días nos que tiña que procurar non moverme moito, nin na cama…aínda así a mañá seguinte o romeu, a ruda e demais especies estaban unha gran maioría esparcidas pola cama. E bueno, fun mellorando, a verdade é que si, non sei si foi debido a este tratamento, pero do que estou seguro é que mal non me fixo ningún.
Canto se bota de menos aos avós ! Cantas historias leváronse con eles ! Uns días atrás chamoume por teléfono un veciño, lera un dos meus relatos relacionados co Mal de Ollo.
-Juan, eu teño algo que contarche, é un feito que me contou directamente a miña avoa e non houbo intermediarios que puidesen tergiversar o acontecido, contoumo sendo eu un neno, quero que o saibas ti e todos os que seguen os teus relatos.
Quedamos de vernos na biblioteca, así que vímonos ali, sentámonos e JM comezou a recordar…
Os meus avós tiveron ao longo de moitos anos xente da parroquia que lle traballaban as leiras, coidábanlles os animais etc. unha vez, sería a finais dos anos sesenta, unha criada que tiñan naquela época levaba un tempo en que polas noites recibía a “visita” da súa nai, falecida uns anos antes. Durante unhas cantas noites víñalle sucedendo o mesmo, era chegar a hora de deitarse e ao pouco tempo de quedar durmida sentía algo na habitación, cos ollos pechados pero xa esperta, notaba que non estaba soa naquela habitación. Unha imaxe dunha muller albiscábase aos pés da súa cama, era a da súa nai, falecida uns anos antes. Algunha vez a criada escoitara de boca de varios veciños que aquelas almas do purgatorio que estaban pasándoo mal viñan visitar aos seus familiares, ás veces en forma humana, outras en forma de abella ou de bolboreta, facíano para pedir que rezasen por ela. Véndose nesa situación a criada non sabía que facer, non o quería comentar con ninguén por aquilo do que dirían. Decidiu poñer unha ofrenda no cruceiro que hai situado preto da Ponte Malvar, daquela aínda tiña o peto de ánimas. Ao deixar a ofrenda quedábase alí, a pé do cruceiro e rezáballe, o mesmo facía ao meterse na cama, pero ao pouco tempo de quedarse durmida de novo aparecíaselle a súa nai. Ata puxo na habitación unha espiga “especial” que tiña colgada nunha esquina da lareira, si, unha espiga que tiña pegada a ela vários fillos, alguén as recorda ? Usábanse de amuleto sanador, hoxe en día prácticamente xa non se atopan ningunha cando é a época da súa recolección. Cando era día de misa, acudía a acender unha vela, trataba por todos os medios buscar unha solución para que aquela alma en pena descansase en paz é ela tamén. Pero nada diso fixo o efecto desexado, todos os días pola mañá e á tardiña ía ata o cruceiro, rezaba as súas oracións, na súa casa tamén, pero a súa nai seguía aparecéndolle, ela estaba abatida, non durmía, tantas noites así comezaron a facerlle efecto, non aguantaba máis. A avóa de JM comezou a darse de conta que algo lle sucedía a aquela moza, vía que cada vez estaba máis delgada e ademáis moi nerviosa. -Que che sucede, véxoche dun tempo para acó que non comes e que estás nerviosa, cóntame que che pasa. – Nada señora, nada, non me pasa nada, cousas miñas, sen importancia. – Non che creo, levo días observando que no canto de entrar na túa casa diríxesche ao cruceiro da Rons e hai quen me dixo que che viu tamén rezando no mesmo lugar de mañá, moi cedo. – Señora, non lle quero mentir, é verdade que vou ao cruceiro, pero son cousas miñas , xa me pasarán.
A avóa de JM deixou de preguntarlle, non quixo insistir, nin meterse máis a fondo do tema, deixou que pasasen os días a ver que sucedía. Logo de pasar uns días, a señora notaba que a criada seguía igual ou peor, só lle dixo que contase con ela para calquera cousa que necesitase, cando ela quixese, pasaron uns días e a criada xa non podía máis : – Hai señora, teño que dicirllo, non aguanto máis, vaime a dar algo si non llo conto. – A ver filliña, cóntame que che pasa, algo bo non é, véxoche que cada día vas a menos, conta. – Señora, dáme vergoña, e se cadra se vai rir de min e non me vai creer. – Anda, senta, conta que che pasa. – Pois, resulta que cando me meto na cama ao pouco tempo de quedarme durmida comezo a notar que hai algo na habitación, que non estou sola, e cando abro os ollos vexo aos pés da cama á miña nai, si señora, vexo á miña nai. – Ai ! meu Deus ! Que me contas ! Encomiado sexa ou señor ! Pero ti sabes o que dis ? – Si señora, non lle estou mentindo, por iso vou ao cruceiro e rezo, pola mañá e pola tarde, acendo duas velas na igrexa, teño unha espiga con fillos na habilitación…pero nada, nin descansa a súa alma, nin descanso eu, xa non sei que facer. – Mira, tranquilízate, esta noite vou durmir contigo, imos durmir xuntas, a ver que sucede, quero ver que o que dís e verdade. – De verdade señora ? Vai facer iso por min? Grazas señora, grazas, non sei como pagarlle, eu non vivo en min. Chegou a noite e fóronse andando a casa da criada, por certo, aínda é hoxe o día que ainda quedan algúns restos daquela casa en pé. Foi chegar e meterse na cama, xa que xa viñan ceadas, así que encomendándose aos santos que tiñan máis devoción fóronse quedando durmidas esperando a aparición… Pero non, pasaron as horas e non houbo nada de nada, durmiron toda a noite, e ao día seguinte igual que o día anterior… – Hai señora, non me vai a crer, xúrolle que cando durmo soa aparécelleme a miña naiciña. – Mira, estateme tranquila, que che creo, esta noite vas durmir de novo ti soa, si che aparece a túa nai de novo, entón recoméndoche que vaias xunto ao cura e pídaslle unhas misas pola súa alma que debe estar sufrindo no purgatório, faime caso. Esa mesma noite a criada volveu ter a imaxe da súa nai aos seus pés, sentía que algo lle pedía e decidiu facerlle caso á súa señora, á mañá seguinte foi a visitar ao cura, encargoulle unhas misas. A raíz de acabar as misas encargadas, aquela alma en pena deixou de molestala, nunca máis volveu visitala.
Con motivo da celebración do milenario da parroquia, Xosé Abilleira Sanmartin publicaba en Pontevedraviva…
Resulta moi vizoso este ano 2019 en citas históricas para Pontevedra. Evoco un par de efemérides de interese en relación coa nosa época medieval, que serven asemade para lembrarmos que temos unha historia propia, moi definida, extraordinaria, que debemos coñecer, fronte ás tentativas de negárennola, ben silenciándoa ou desconfigurándoa .
O Reino de Galiza acadou unha dimensión política e cultural evidente, moi marcada nos séculos XI, XII e XIII: nos parámetros do apoxeo feudal o seu desenvolvemento e centralidade é evidente, tanto a nivel interno como internacional, en todos os ámbitos. O noso Reino, en certo grao continuador dunha longa e moi definida liña na que destacara a Gallaecia romana e logo o reino suevo, contribuiu a configurarnos como pobo e a sentar alicerces cos que explicármonos a posteridade e mesmo a definírmonos hoxe. De aí a necesidade e utilidade de sabermos de onde vimos para un país como o noso, que aspira a ser lexitimamente dono do seu presente e do seu porvir. Isto enriquécenos, sen dúbida.
A primeira mención, do 30 de marzo de 1019, é o grande inquérito (“exquisitio magna”) do rei Afonso V para poñer en claro os dereitos e privilexios da igrexa de Santiago (daquela, de Iria, co prelado Vistruario) en relación coas terras e conmisos, nuns momentos de bastante confusión e descontrol sobre as propiedades. Este documento, conservado nos Tombos compostelanos, moi ricos en documentación sobre o Reino, recolle a nosa toponimia máis próxima: entre os termos, aparécenos Cerponzóns (<Serpenciones). Polo tanto, un milenio de historia que celebrar! Parabéns!
A segunda é doutro marzo, o 18, de 1169, nove meses antes da concesión do foro de Pontevedra por Fernando II e a raíña Urraca. Refírese á doazón que este mesmo monarca fai do castelo de Cedofeita, en Lérez, ao arcebispo compostelán Pedro Gudestéiz: unha pequena fortificación, estratexicamente situada como atalaia de vixilancia do camiño a Santiago, xa construida en tempos do bispo Sisnando canda as incursións normandas –polo que se di-. Este documento conservado tamén no mesmo fondo có anterior rexistra un marabilloso tratamento literario. No contexto das contendas territoriais entre o citado Fernando e Afonso de Portugal, lemos un texto que, con certas claves narrativas presentes xa na historiografía clásica e igualmente en autores medievais, nos conta de modo milagreiro e enxalzador a intervención do apóstolo Santiago (“beatissimus”, di) en axuda dos soldados do rei galego. Estes, para asediaren e recuperaren o castelo en poder dos portugueses, vense axudados providencialmente e así, vencendo tanto a difícil orografía do lugar como a crueza do mal tempo, conseguen penetrar e ocupar o sitio, unha vez que o raio fulminara “divinamente” a torre (“turris Castelli, fulmine percussa, cecidit”) e, como consecuencia, morreran os seteiros e sentiran pánico o resto das tropas de Afonso Henriques. Un tan atractivo relato amósanos a grande formación “retórica” e estilística da chancelería real do noso Reino. Pedro de Ponte, o notario que escribe, sen dúbida, contaba con importantes coñecementos sobre isto, polo que se evidencia no texto. A 850 anos vista, paga a pena saborearmos esta alfaia.
Así que este par de documentos sinalados representa unha espléndida mostra sobre o noso tempo medieval, de tanto interese. Para Cerponzóns e Lérez, para Pontevedra, son textos dunha grande valía, con moito significado. Unha ledicia saborealos! Para un pobo como o noso, que se sente artífice do seu presente e comprometido en construír un futuro mellor, ten que ser motivo de orgullo coñecer unha historia tan fascinante como a que temos. Un pobo con historia é un pobo con esperanza.
Si damos unha volta polo noso cemiterio podemos observar que algúns dos panteons teñen diversos símbolos na parte alta dos panteóns. Seguramente moitos de nós non nos paramos a pensar o porqué nun panteón colocáronlle un estilo de cruz, a outros anxos, santos noutros etc.
A morte para a relixión cristiá significa o fin e principio, falecemento e vida, esperanza, mellor vida…é por iso que sempre están presentes as flores, adornarmos os nosos panteons con flores de diferentes variedades e de diferentes significados. Recordades os cipreses que había á entrada do cemiterio ? O seu nome, ciprés ( cupressus sempervirens- sempre verde,vivo). O ciprés é o símbolo máis significativo nos cemiterios católicos, debido a súa lonxevidade e perennidade, cun tronco e follaxe alto, ascendente cara ao ceo : nexo de unión entre o ceo e a terra : afunde as súas raíces verticais na terra e elévase cara ao ceo. Intentarei explicar ao meu xeito o significado dos símbolos que nos encontramos ao entrar no cemiterio…
CRUCES : É o máis universal de todos os símbolos e que se asocia directamente coa relixión cristiá. Nos nosos cemiterios a cruz que mais atopamos é a latina, cun só travesaño, pero temos alguns estilos mais, encontramos os seguintes :
CRUZ LATINA :dous brazos perpendiculares, dos cales o transversal é máis curto que o longitudinal.
CRUZ GREGA : formada por catro brazos de igual tamaño que se cruzan en ángulo recto.
CRUZ CELTA : A cruz celta está conformada por unha cruz convencional cristiá e un círculo rodeando o seu intercesión, esta data desde os tempos do cristianismo en Irlanda.
CRUZ DA VITORIA : é unha xoia do prerrománico asturiano, convertida en símbolo do Principado de Asturias.
ANXOS : representan aos mensaxeiros entre Deus e o home. Os anxos son os intermediarios entre a terra e o ceo: protectores do soño eterno, implorantes, acompañantes cara ao ceo. Seres alados, pois as ás significan espiritualidade. Do mesmo xeito que na terra os reis rodéanse dunha corte, os anxos son a corte do reino celestial. Máis, tamén son os mensaxeiros do Xuízo Final, anunciado a golpe de trompetas.
CAVEIRA E OSOS : simboliza a fugacidad da vida terrenal e critica a vanidad humana; así mesmo, fálanos da igualdade de todos ante a morte. A caveira con ás ou con ósos simboliza a alma que abandonou o corpo e diríxese cara á outra vida. É, en suma, o triunfo da morte e que tamén enlaza co concepto de Memento mori.
COROA : simboliza a vitoria sobre a morte e tamén o recordo permanente. Ligada á cruz, é símbolo de autoridade. A típica coroa de flores coa que se rende homenaxe e recordo aos defuntos, e adorna, esculpida, multitude de lápidas. Pero ben pode vir explicado polo círculo, a eternidade. Símbolo, tamén, do tempo: movemento sen principio nin fin, sucesión continua de instantes: recordo permanente. Cristo é o alfa e o omega: principio e fin de todas as cousas. O círculo, figura xeométrica perfecta, sen principio nin fin. Unidade con Cristo tanto na vida como logo da morte. Máis a coroa tamén é o nexo entre a realidade humana e o máis aló: o ser coroado relaciónase coa orde superior como premio, pois é un símbolo de carácter sagrado, vindo da orixe divina do poder.
OS LAURELES : simbolizan a gloria.
AS CRUCES DO NOSO CEMITERIO…Sen dúbida a cruz, espida ou con sudario, é o símbolo por antonomasia do cemiterio. A súa orixe é anterior ao cristianismo, pero claro é que cobra total relevancia na relixión a raíz da crucifixión de Cristo: glorificación do alma, perdón dos pecados, a salvación a través do símbolo do Redentor. A cruz é a intersección entre o horizontal e o vertical, o que a converte nun símbolo totalizador. A súa presenza está en todas as culturas, máis no cristianismo cobra a forza da unión do ceo e a terra, a reconciliación do Creador coa súa creación: o centro do mundo.
SIMBOLOXÍA CELTA. Tamén temos representación de símbolos basados nos celtas, algunha cruz e varios círculos, que o canteiro de turno doulle a súa forma. A maioría dos pobos celtas mantiveron un contacto estreito co imperio romano. Isto fixo que moitos deles acabasen abandonando o seu orixen e convertésense ao cristianismo.
Tamén temos en moitos panteóns simboloxía relacionada con Cristo, a Virxe, as Santas e Santos…seguramente o dono do panteón mandou colocar por devoción.
Levaba un tempo que lle había comentado a Juan que quería quedar con él un día para falar do seu ofício, a súa resposta foi que cando eu quixese, así que me propuxen ir canto antes, pero motivos alleos impedíronme ir cando xa o tiña previsto un par de ocasións. Á terceira foi a vencida.
–Juan, fálame do teu oficio, ti fuches un mestre no mundo da escaiola. -Eu xa aprendín doutros, pasa, imos sentarnos.
– Juan, son todo oídos, conta. – Na época da guerra civil e uns anos despois non había xente que se dedicase a traballar coa escaiola. Tamén teño que dicir que a construción era a base de teitos de barrotillo, despois comezaron a botar falsos teitos de resilla, pero… Todo dou un xiro de 180º cando se fixo a Escola Naval de Marin, si, ahí comenzou todo. Para realizar a colocación nas edificacións da escaiola veu unha empresa madrileña especializad en escaiola, daquela época en Pontevedra non había empresas que se dedicasen a iso, había algunha que outra en Vigo e tamén en Santiago, pero poucas, en Ourense creo recordar que tamén había un par delas. Con dita empresa chegou un encargado que sabía muito do tema de escaiola, o señor era de Madrid, que segundo teño entendido estaba traballando e estudando á vez para arquitecto, polo que eu escoitei, non me fagas moito caso, pero creo que si, que foi así.
Non me digas como, Joaquín, Rafael e Pepe O Ucha, irmán de Manolo O da Boca, foron os seus primeiros axudantes, tamén Tino O Mineiro, tamén recordo que tivo uns cuantos aprendices, un era de San Andrés de Xeve, de nome Avelino Casalderrey, que foi precisamente con este señor onde aprendeu o oficio mais tarde o teu cuñado Gonzalo. O encargado madrileño, de apelido Arcantún, necesitaba máis obreiros, Joaquin veu á miña casa a buscarme, eu daquela vivía na Bouza, pero o meu pai díxolle que non, que me necesitaba para botarlle unha man nas faenas do campo e da casa. Así que pasado un tempo, cando cumprira 16 anos, fun buscar traballo, do que salira, o primeiro foi de albañil, foi na empresa de Porfirio Diz, era o ano 1962 si mal non recordo, pouco tempo estiven alí, era todo unha rapazada, ademais pagaban pouco é non te tiñan asegurado…así que marchei a traballar para xunto un tal Casalderrey de Lérez, por certo, avó da escritora Fina Casalderrey, pero o encargado que tiña tampouco me convencía e pouco tempo durei con eles.
Despois estiven cun tal Ángel García Arosa, con el xa estiven máis tempo e ademais asegurado, comecei traballando nun edificio que fixemos na rúa Sagasta, esquina coa avenida de Vigo, recordo que estiven de axudante dun albañil que era un lideiras, non habia quen o aguantase, pero bueno, eu fun levándoo como puiden, así foi como comecei a colocar ladrillo, dar llanas…daquela tiña 18 anos. Pero resulta que un día, comendo un bocadillo de sardiñas que estaban en mal estado, segundo souben despois, collín unha infección á pel e comenzoume a saír un granizado polos brazos e ao andar co cemento facíame tal dano que tiven que deixar de traballar de albañil, picábame de tal forma que me rascaba tanto que sangraba polos brazos, era unha alerxia que collín ao cemento, así que entón funme a buscar traballo de pintor, pero non atopei traballo, perguntei en varias obras, pero nada, ata que me decatei que Joaquin, Rafael e Tino O Mineiro establecénrase en sociedade, habían collido un baixo preto de onde está o Hotel Madrid, nun carreiro que hai cara a dentro, alí puxeron o taller. Fun xunto eles e pedinlle traballo e aí comezou a miña andadura de escaiolista, eles ensináronme, eu púxenlle interese e comezamos a traballar muito, o choio non faltaba.
O ensino do madrileño foi primordial, o señor ensínolles a realizar os moldes e a tallar, este señor por certo, vendo que aquí non estaba nada explotado o tema da escaiola, quedouse a vivir en Pontevedra, fixo unha casa en Mollabao e no baixo da súa casa tiña o taller. Recordo aqueles primeiros anos que non tiñamos coche, para desprazar o material botabamos man dunha carreta, nela levabamos os andamios, escaleiras, os marcos etc., despois comezamos a ver que algún empresario xa podía contratar un isocarro, pero nós aínda botamos tempo coa carreta dun lado para outro. Co tempo xa chegaron as furgonetas e os desprazamentos eran outra cousa, pero mentres tanto moito tivemos que empuxar.
Cando Joaquin e os seus socios puideron contratar o isocarro tiñamos que achegarnos á estación, alí era onde estaban os vehículos dedicados ao transporte, chegabas e alí dicíaslle onde tiñan que recoller o material e a donde levalo. Era unha época que comezaron a ter moito traballo e moito diñeiro naqueles tempos, eran novos, tiñan sobre 20 anos, aínda non habían ido ao servizo militar. Eles tres comezaron sendo os oficiais e empezaron a coller uns cantos axudantes, colléronme a min, despois a Rufino, seguiulle Valentín e así seguiron chegando uns cantos máis. Ao ter que ir á mili Joaquin, a cousa cambiou, mentres Rafael podía seguir traballando, pero cando a Rafael tocoulle ir a mili tivo que irse fóra, foi destinado á Marina, e as cousas xa foron cambiando. Así que logo de vir da mili Rafael propúxose establecerse por si só, recordo que comprou daquela unha furgoneta da marca Siata. Rafael colleu uns cantos rapaces, entre eles a Ricucho e a Lito O Ramallo, despois colleu a un rapaz de Campolameiro e comezou xa a outro nivel, con outras ideas. Eu seguía con Joaquín, pero por pouco tempo, tocoume a min ir á mili.
Naqueles tempos , por poñerche un exemplo, as cornisas non viñan prefabricadas, tiñamos que nós facer os moldes e despois fundilos e había que facer unha grasa con xabón Lagarto, tamén o Teide valía, botábaselle un pouco de aceite de xirasol, quentábase o xabón, ás veces facíalo en frío tamén pero mellor era quente, deixabámolo arrefriar un pouco e mesturabámolo co aceite, despois iso había que batelo ben, había quen lle botaba unhas pingas de gasóleo e despois dáballe cunha brocha, tamén nos moldes faciamos o mesmo, facíanse eses corridos e para que se despegase dábaselle grasa, ás veces aínda estando frescos, si tiñas pouco tempo e apurábanche o choio claro, porque mellor era deixalo secar, despois pasábaselle cunha brocha un verniz e seguidamente a grasa, quedaba perfecto, todo liso e despegaba do molde de marabilla. En canto ás planchas outro tanto, encima dunha mesa, como esta que teño aquí, facíanse a base dun emparrillado de canas, anos despois comezaron a vir os moldes de goma e xa era moito máis cómodo, eran moldes de sesenta centímetros por un metro, eu aínda gardo algunha. Ao principio víñanche uns vendedores a vendelas polas empresas, logo dun tempo comezou a industrializarse o tema que xa comezaron a vir camións e camións de planchas que servían aos almacéns, era a principio dos anos setenta. Ao finalizar o meu servizo militar comecei a traballar con Construcciones Malvar. Había outras empresas que tamén puiden ir traballar nelas, pero moitas delas tiñan man de obra sen experiencia, e os traballos non os deixaban como tiña que ser.
A min gustábame que quedase perfecto, eu sempre fun moi curioso, non me gustaban os traballos que quedasen mal rematados, así foi que co paso do tempo fomos tendo máis traballo porque sabían que o faciamos ben, ese era o meu sistema, agora últimamente o que eu facía xa pasou de moda, todo faise ás presas. Eu sabía a que hora entraba a traballar pero nunca sabía a hora en que ía acabar a xornada, moitas veces o meu xefe botábame a bronca e dicíame que non me parase tanto, eu non lle facía caso, o meu traballo tiña que quedar planchado. Eu traballaba unha hora máis pero o choio deixábao ben. –Juan, que traballos recordas que fixeses nalgún lugar coñecido? – Recordos teño moitos, a pena que teño é que algúns deles desfixéronos. – Conta, conta. Pois por exemplo, a escaiola do Liceo Casino de Pontevedra fixémola nós, eu fixen na entrada do Casino, onde están situadas dúas columnas redondas que dan ás escaleiras de subida á primeira planta. Naquel entón a directiva que levaba as rendas do Casino pediulle ao decorador que fixese algo orixinal na entrada, o diseñador comezou a darlle voltas ao asunto e decidiu facer nas columnas a forma dun paraguas pero colocado ao revés. (Juan nese momento foi a coller un paraguas e foime explicando como tivo que idearselas para poder facer a obra) -Tiven que facer unhas “U” e despois un corrido…
(Juan seguiu describíndome punto por punto todo o proceso, para levar a cabo o traballo dos paraguas ao revés Juan botou quince días , pero como me dixo : levei tempo, pero o choio quedoume ben)
– Ese traballo de escaiola no Casino creo recordar que foi preto das trescentas mil pesetas, a pena foi que a seguinte directiva que entrou ao pouco tempo non lle gustaba os paraguas e decidiron tirar con todo. Anos máis tarde volvín polo Casino, esta vez traballei na zona onde está a barra da cafetería, na decoración tiven que facer a forma dun peito de pomba, esa obra aínda se conserva, pódese ver hoxe en día, as pezas da barra da cafetería fíxenas eu todas. Tamén estiven na Casa de Cultura de Monteporreiro, contactou comigo o arquitecto Jesús Fole, parece ser que preguntou quen podía facer ese traballo e fichoume a min, fixeran unha claraboya de cemento e querían facerlle un remate de escaiola e tiven que facer uns moldes especiais, en forma redondeada, aos poucos fun colocando as pezas unha por unha, non é por gabarme, pero foi un traballo que non todo o mundo era capaz de facelo, recordo que había outro escaiolista de Campañó que tamén era bo niso, pero non había moitos máis.
Cafetería do Liceo Casino
Outro traballo que recordo foi un que fixen na rúa Michelena, o contratista era sobriño de Esperón o de Poio. Esa decoración está aínda alí, era un traballo para un negocio que ía montar un matrimonio e querían unha decoración que chamase a atención, creo que era un establecemento dedicado a xoguetes ou cousas de agasallo, acórdome ben porque precisamente era cando comecei a traballar enfaixado debido a un pinzamiento, estiven once anos traballando así, cunha faixa.
Local na rúa Michelena
Ese traballo non era que fose moita cousa, o decorador deume un plano cunhas medidas e con elas tiñan que realizar a forma dun chedeiro. Alí vesme a min rompéndome a cabeza como ía facer iso, mira…
Juan levantouse e foi a outra dependencia donde garda as cebolas e as patacas, alí, colgado da parede desengauchou un pau en forma de curva…
Con este barrote de carballo que teño gardado foi como fixen as marcas, aos poucos eu só fun facendo as marcas e despois tiven que facer un tabique. Este barrote serviume para facer muitas obras, entre elas a bóveda do altar do Asilo de Ancianos, un traballo tamén que foi arduo, eu sempre ideaba, barrenaba a miña maneira, a min sempre me gustaron respetar as medidas xeométricas e iso que non puiden ter boa formación. Recordo que unha vez o meu fillo ensinoume como quitar unhas medidas, moito máis sinxelo de como eu sacábaas. (Juan comezou a explicarme que si unha escuadra, que si a tangente, que si a prolongación, que si sacas o punto…) – Eu tiña que usar o cordel para realizar o traballo, pero cando vin ao meu fillo como nun momento sacaba as medidas, joder ! estaba chupado ! Serviume de muito ! pero bo, hoxe en día esas cousas xa non se fan, hoxe en día manda o pladur, pero co pladur iso non se pode realizar. Tamén estivemos na Sala de Festas Brais, hoxe La Luna, fixemos o traballo de escaiola todo. – Juan, volverá nalgún momento a realizarse de novo esas obras que ti facías? – Para falsos teitos non. Iso será cousa dalgún caprichoso, ou unha restauración dunha igrexas ou dalgún local ou como no Colexio dos Salesianos de Cambados, que na súa capela ten unhas columnas cadradas cunhas canles cara arriba, recordo de ir reparar aquilo sendo eu moi novo.
Esperemos que haxa cidadáns que sigan querendo ter obras artesanales nas súas casas ou establecementos, realizadas por escaiolistas da nosa parroquia, xa que aínda segue habendo bos profesionais, entre eles está o noso veciño Tino Abal.
NOTA : O ESPARTO Co esparto había que ter coidado, para traballalo había que desfacelo para ir mollándoo e mesturándoo, pero non se debía facer isto cando había lúa de forza, porque refervia, hai a quen lle fixo moito dano o polvillo que soltaba, producía un virus e despois co tempo chegouse a falar da enfermidade do esparto.
Efectivamente, a neumonitis por hipersensibilidad ao esparto (estipatosis) foi a causa de enfermar algún dos nosos veciños que traballaban de escaiolistas.