CITAS LITERARIAS (17) EVOCACIÓN PONTEVEDRESA DE DOUS MARZOS MEDIEVAIS.

Con motivo da celebración do milenario da parroquia, Xosé Abilleira Sanmartin publicaba en Pontevedraviva…

Resulta moi vizoso este ano 2019 en citas históricas para Pontevedra. Evoco un par de efemérides de interese en relación coa nosa época medieval, que serven asemade para lembrarmos que temos unha historia propia, moi definida, extraordinaria, que debemos coñecer, fronte ás tentativas de negárennola, ben silenciándoa ou desconfigurándoa .

O Reino de Galiza acadou unha dimensión política e cultural evidente, moi marcada nos séculos XI, XII e XIII:  nos parámetros do apoxeo feudal o seu desenvolvemento e centralidade é  evidente, tanto a nivel interno como internacional, en todos os ámbitos. O noso Reino, en certo grao continuador dunha longa e moi definida liña na que destacara a Gallaecia romana e logo o reino suevo, contribuiu a configurarnos como pobo e a sentar alicerces cos que explicármonos  a posteridade e mesmo a definírmonos hoxe.  De aí a necesidade e utilidade de sabermos de onde vimos para un país como o noso, que aspira a ser lexitimamente dono do seu presente e do seu porvir. Isto enriquécenos, sen dúbida.

A primeira mención, do 30 de marzo de 1019,  é o grande inquérito (“exquisitio magna”) do rei Afonso V para poñer en claro os dereitos e privilexios da igrexa de Santiago (daquela, de Iria, co prelado Vistruario)  en relación coas terras e conmisos, nuns momentos de bastante confusión e descontrol sobre as propiedades.  Este documento, conservado nos Tombos compostelanos, moi ricos en documentación sobre o Reino, recolle a nosa toponimia máis próxima: entre os termos,  aparécenos Cerponzóns (<Serpenciones). Polo tanto, un milenio de historia que celebrar! Parabéns!

A segunda é doutro marzo, o 18, de 1169, nove meses antes da concesión do foro de Pontevedra por Fernando II e a raíña Urraca. Refírese á doazón que este mesmo monarca fai do castelo de Cedofeita, en Lérez,  ao arcebispo compostelán  Pedro Gudestéiz:  unha pequena fortificación, estratexicamente situada como atalaia  de vixilancia do camiño a Santiago, xa construida  en tempos do bispo Sisnando canda as incursións normandas –polo que se di-.  Este documento conservado tamén no mesmo fondo có anterior rexistra un marabilloso tratamento  literario. No contexto das contendas  territoriais entre o citado Fernando  e Afonso de Portugal, lemos un texto que, con certas claves narrativas presentes xa na historiografía clásica e igualmente en autores medievais, nos conta de modo milagreiro e enxalzador a intervención do apóstolo Santiago (“beatissimus”, di) en axuda dos soldados do rei galego. Estes, para asediaren  e recuperaren o castelo en poder dos portugueses, vense axudados providencialmente  e así, vencendo tanto  a difícil orografía do lugar como a crueza do mal tempo, conseguen penetrar e ocupar o sitio, unha vez que o raio fulminara “divinamente” a torre (“turris Castelli, fulmine percussa, cecidit”) e, como consecuencia,  morreran os seteiros e sentiran pánico o resto das tropas de Afonso Henriques. Un tan atractivo relato amósanos a grande  formación “retórica” e estilística da chancelería real do noso Reino. Pedro de Ponte, o notario que escribe, sen dúbida, contaba con importantes  coñecementos sobre isto, polo que se evidencia no texto. A 850 anos vista, paga a pena saborearmos esta alfaia.

Así que este par de documentos sinalados representa unha espléndida mostra sobre o noso tempo medieval, de tanto interese. Para Cerponzóns e Lérez, para Pontevedra, son textos dunha grande valía, con moito significado. Unha ledicia saborealos! Para un pobo como o noso, que se sente artífice do seu presente e comprometido en construír un futuro mellor, ten que ser motivo de orgullo  coñecer  unha historia tan fascinante como a que temos. Un pobo con historia é un pobo con esperanza.

Xosé Abilleira Sanmartín, 31 MARZO 2019

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s