CONTOS NA LAREIRA (21) MIREI QUITAR O MAL DO BECHO.

De novo recibin unha chamada de teléfono de outra veciña, quería contarme algo do que ela foi testigo sendo unha nena…

-Juan, visto que uns cantos veciños vanche contando os seus recordos, eu tamén quero comentarche os meus, animeime a iso porqué nos teus relatos non nomeas a ninguén e iso tranquilízame, xa que o único que che pido é que non se saiba a miña identidade.

O que che vou a contar é verídico, visto polos meus propios ollos. Trátase de como a miña avóa quitaba o Mal do Becho.

Non foi unha soa persoa a que vin como a miña avóa realizaba a curación e pronunciaba o ensalmo, foron unhas cantas, unhas eran veciñas e outras acudían doutros lugares.

A miña avóa tiña fama de sanar a xentiña que por un motivo ou por outro enfermaban debido ao aire ou a picadura dun becho .

Penséi que había que poñerse en contacto coa veciña ó mais rápido posible, son historias que non hai que esquecer…

Si ímosnos ao recollido por V. Lis sobre este tipo de sanación o tratamento que realizaban as persoas que se dedicaban a eliminar o Mal do Becho, baseábase en tres factores : a relixión, a pureza dos mesmos e a suxestión.

En muitos dos casos as sanacións facíanse nuns escenarios determinados, como podía ser o atrio, nunha capela, nunha igrexa, nun santuario…muitos deles valéndose de cruces, rosarios, crucifixos etc. e ademáis usaban ensalmos onde se nomeaban santos e santas, rematando sempre coa mesma frase : Coa graza de Deus e da Virxe María, un Pai Noso e un Ave María.

CHEGUEI A CASA DA VECIÑA…

Volvemos a falar de novo desde o principio, volvendo a pedirme por favor que non a nombrase. O meu confidente comeza a dicirme os utensilios que utilizaba a sua avóa, un cacharro de barro virxe, mellor que fose de cor negra, un coitelo, unha cabeza de allo e un pouco de terra.

O Mal do Becho tamén era coñecido por Hidropesía, Hidropo, Odrepio, Hidrope…dependendo do lugar, hai por exemplo lugares como Sanxenxo, A Golada, Porto do Son, Campo Lameiro…onde cada sanador tiña a súa forma de curar e o seu ensalmo, pero todos coincidían nunha cousa : para curar o mal teñen que “cortar” a enfermidade, un coitelo ou unha navalla están presentes en todos estos lugares.

Mentres eu vou anotando os utensílios que usaba a avóa da miña confidente, ela foi a buscar unha fichiña de viño, xa sabe que eu sempre traballo mellor tendo algo que beber, jajaja.

-Bueno Juan, sigo contándoche, eu era moi pequena e teño visto como chegaba a xente coas mans, as pernas, as costas fatais, pero é que non che podes imaxinar, recordo a unha señora que a levaron a unha cama e espírona a parte de arriba, tiña as costas fatais, aquilo era horrible, pobre muller.

– E ti sabes porqué motivo collían ese mal ?

– Mira, daquela había costume de ir lavar a roupa ao río e despois deixábana ao clareo, colocábana encima das ramas ou das silvas, quedaba a roupa ás veces de noite e os bichos andaban por encima da roupa, outras veces unha picadura dunha culebra ou outro becho que tivese veneno.

A miña avóa entón collía a terra e metíaa no cacharro de barro, collía uns cuantos dentes de allo e facíalle unha cruz, despois pasaba un dente de allo polo sitio donde tiña os grans ou o sarpullido, facendo tres, cinco ou sete veces a misma operación, cando acaba de pasar os allos por todas partes do corpo que tivera afectada seguidamente co coitelo “cortaba a terra” e facía unha cruz na terra. Despois o coitelo colocáballo encima da pel e volvía facer a cruz. Así as veces que fosen necesarias. Mentres realizaba iso dicía un ensalmo, aínda me acordo perfectamente, decía así:

AIRE DE BECHO

VAITE O CHAN

DEIXA QUEDAR

ESTE CORPIÑO SAN

PARA COMER E TRABALLAR

CORTOCHE A CABEZA

CORTOCHE O RABO

CORTOCHE O TORO DO MEDIO

PARA QUE NUNCA MAIS SEAS NADA

CORTOCHE TODO CANTO TÉS EN COL DE TI

PARA QUE NON CREZCAS NIN VERDEZCAS

NIN FAGAS COUSAS QUE MAL PAREZCAN

POLA GRACIAS DE DIOS E DA VIRGEN MARÍA

O SANTO DE ÉSTE DÍA (Decía o nome do Santo de ese día)

E remataba dicindo : Cun Pai noso é un Ave María.

Seguidamente rezaba un Pai Noso e un Ave María.

Ao acabar a oración, a terra que usara tirábaa toda nun rego de auga é os allos queimaba un dente cada día ou tamén todos xuntos.

Isto facíao durante 7 ou 9 días seguidos.

E podes crerme Juan, curábaas.

3 comentarios en “CONTOS NA LAREIRA (21) MIREI QUITAR O MAL DO BECHO.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s