13- COMO ME QUITARON AS ESPULLAS (VERRUGAS)

As espullas, tamén coñecidas por verrugas, varrugas ou vurrugas, son vultos moi pequenos e benignos que se forman na pel.

Antigamente había quen dicía que as espullas saíanche por estar contando estrelas e que si por encima sinalabas co dedo unha parte do corpo nacíache nese lugar…

Estreliña alí- verruguiña aquí, salía unha verruga na parte que se marcaba, quizais fose verdade, pero eu que as tiven en mans e cóbados non lembro estar a ver as estrelas e sinalando ningunha parte do corpo….

As referencias que atopei, onde aparecen varias parroquias onde se curaban as espullas, son unhas cuantas. En moitas delas tiñan varias cousas en común, por exemplo, o lugar onde se procedía á curación tiña que ser unha casa con dúas portas, unha de entrada e outra de saída, tamén a cantidade de veces que había que repetir a curación, os ensalmos que se dicían cando estabas facendo a curación eran mui parecidos entre sí…

Nun dos lugares, Forcarei, utilizábase o líquido leitoso dos figos (algo moi parecido foi o que utilizaron con un veciño de Cerponzóns). Noutros utilizaban o sal, ou a baba dunha babosa (que tiña que ser branca e estar viva) e a outros, en cambio, desapareceronlle usando o aceite de San Benito, precisamente foi no meu caso, eu estaba cheíño de espullas nas mans e nos cóbados, miña avóa levoume un día a Lérez, só foi pasarme o aceite por cada unha das espullas que tiña e nuns días estaba completamente libre delas.

Pero ao noso veciño elimináronllas de outra maneira, así que cando mo comentou quedamos de vernos, tomar un viño e falar do seu milagre…

-Juan, para quitar as espullas que tiña eu de pequeno fixeronme un remedio por parte de un amigo de meu pai que traballaba con él, senta que cho vou contar, seguro que non escoitache na tua vida, senta Juan, toma un viño.

-Bueno, sentaréi, pero xa sabes que non o fago polo viño, si nón porque estou canso de andar a sachar no Cañoto…

-A cousa foi así :

Chegou un día a miña casa un amigo do meu pai, habíalle dito que eu estaba repleto de espullas, resulta que éste amigo tiña fama de facer sanacións e conforme supo o qué me pasaba decidiu vir pola nosa casa.

Chegou e nada mais entrar pola porta, mirou pa min e dixome que viña a quitarme as espullas, achegouse a min e o primeiro que fixo foi contarme cantas verrugas tiña, si mal non recordo eran 27.

Despois deso, pediu unha pataca e un paño de cor branco, primeiro colleu a pataca e cortouna en 27 cachos, despois de tela toda cortada foi collendo cada cacho e foi pasando por encima das espullas, levoulle muito tempo, a vez que iba pasando a pataca polas espullas iba decindo unhas palabras, non recordo o que decía exactamente, pero era coma unha oración. Ao se carón tiña o pano branco, en ese pano iba depositando os cachos das patacas que me fora pasando unha por unha polas espullas. Ao rematar colleu o pano e fixo catro nudos, un nudo en cada esquina do pano, despois xuntou o pano polo medio e fixolle uns nudos relacionados co número de espullas que eu tiña, non eran 27 nudos, debía de ser un número que fixera de unha determinada división, eu era mui pequeno e non me quedou grabado todo o que me fixo.

Para rematar mandou gardar o pano nun caixon, en un lugar que estivera a escuras e decíame que a medida que iba sacando as patacas do pano, as espullas iban desaparecendo, efectivamente así foi, desapareceronme. Na miña casa flipamos todos, ainda é hoxe o día que cando vexo a éste home recordolle o das espullas, fai desto casi 40 anos.

As palabras que decía era algo parecidas à estas:

VERRUGAS TRAIGO, VERRUGAS VENDO,

AQUÍ AS DEIXO E VÓUME CORRENDO.

O MEU RECORDO : A MIN LEVARONME A SAN BENITO :

Foi polo ano 1967 cando a miña avoa Ramona lévoume con ela a San Benito , eu estaba repleto de verrugas nas miñas mans e cóbados e ela díxome que me ía a levar a San Benito de Lerez para que me curase .
Así foi , ese día fomos andando ata a parada do trolebús en Alba , non sen antes saudar ás súas irmás que vivían en Pidre e comentarlle o que me pasaba nas mans e nos cóbados, foi un momento porque quería estar á primeira hora para escoitar unha das primeiras misas do día .
Decidiu que era mellor pararnos na Ferreira , desde alí achegámonos andando ata o santuario de San Benito, o meu primeiro recordo que me ven a memória é o de ver a moitísima xente subindo os 44 escalons cos seus 4 descansos de xeonllos, é ao chegar o adro ollar a xente dar voltas ao redor do santuario, é seguían de xeonllos… tamén era frecuente ofrecer figuras de cera nas que se representan as partes do corpo que tiveses enfermas, e cuxa curación buscabas por intercesión de San Benito , cousa que a miña avoa fixo nun momento de entrar na igrexa. Escoitamos a misa e lévoume a pasar por baixo do altar do Santo e despois pásoume polas mans e os cóbados o aceite , aos poucos días estaba sen unha verruga, nunca máis me apareceron ! Recordo tamén que miña avoa colleu un pano, que un pouco antes había pasado polo santo e púxose a fregar con el as partes do meu corpo ás que se desexaba aplicar a virtude sanadora que pasou dalgún modo da imaxe ao pano. Ao saír compramos as rosquillas e fómonos de novo para a parada do trole que había na Ferreira e que nos levaba de novo ata Alba , desde alí fomos falando do que pasou ese día no santuario e a miña avoa contábame os recordos que de moza ela tiña de ir todos os anos á misa e de poñer unha vela ao santo.

Como noutras enfermidades que vou comentando, son moitas as formas en que se podían curar as Espullas , había quen usaba un cordel que ataba ao redor da Espulla, isto fai que acelere a súa desaparición, hai que me comentou que o mellor era atar unha serda do rabo dunha vaca arredor da verruga e agardar a que seque, tamén había que para curarse ía a casa dun veciño que tivese dúas portas, unha de entrada e outra de saída, o enfermo levaba unha man chea de sal, entraba pola porta e tiraba o sal ao lume da lareira, mentres ao mesmo tempo dicía: Verrugas traio, Verrugas vendo aquí as deixo e vóume correndo. Saía correndo pola outra porta e ao pouco tempo as Espullas ían caindo. Tamén suliñar que estas palabras que dicía o enfermo tiña que repetilas nove veces seguidas e ademais sen respirar, é dicir, facías a inspiración e recitabas as palabras, e despois de terminar volvías respirar, así nove veces. Outra das prácticas que había era a de ver a dous homes montados nun cabalo, e ao pasar por diante dun dicíase: Aí van dous dacabalo dunas miñas verruguiñas salten non cu dun”. Para que fose efectiva esta curación non se debía acordar antes cos homes que montasen no cabalo. Tamén se cría que para curar as espullas era moi efectivo unha Babosa. Collíase unha e matábase, despois deixábase secar encima de onde tivésemos as espullas e despois de realizar esta operación o paciente tiña que evitar pasar durante un ano polo lugar onde collera a Babosa, se non cumpría isto as espullas reproducíanse de novo, pero en maior cantidade e sen posibilidade de curar. Hai quen coas Babosas realizaba a curación doutra maneira, primeiramente era buscar unha Babosa viva e de cor branca (non podía ser negra), despois crávase nun pau e espichase no chan, recóllese a súa baba e se unta polos sitios onde teñamos as Espullas, despois é esperar a que se seque a Babosa e ao mesmo tempo as Espullas iranse caendo…. Na nosa Parroquia vas falando cos veciños e son muitos os que din que se eles curaronse con auga de unha fonte, outros con leite de figos verdes……Outro remedio era coller unha moeda de cobre e metela nun tarro con aceite e despois aplicaba coa moeda este aceite sobre a espulla………Pódese fregar a verruga co zume da planta chamada ceridonia (ceruda, herba das andoriñas) durante dúas ou tres semanas ata que seque…… Pero se un quere curarse, eu dígolles a todos que como San Benitiño ningún, pero o de Lérez ! Aínda así hai quen solicita o favor a tres dos santos máis venerados na nosa Galicia, San Benito de Lores, San Benito de Lérez e San Benito de Cambados. Eu era moi pequeno e tiña espullas nas mans e cóbados, un día de San Benito de Lérez a miña avoa colleume da man e levoume andando ata San Benitiño, levaba consigo unha botella de aceite e media ducia de ovos para darlle o San Benitiño ( seica había que levar un ovo por cada espulla que tivese) pa min que eu tiña máis de vinte, pero bueno, tampouco íamos a quedar sin ovos na casa, pensaría miña avóa, escoitamos a misa, despóis pasamos tres veces por debaixo do Santo, nunha botella de gaseosa Feijoo, das que tiñan cierre a presión, colleu o aceite bendecido, máis tarde xa na casa pasáronme o aceite polas espullas e o día seguinte non quedaba unha…. A miña avóa respectaba todos os costumes, como a maioría dos devotos, o pasar por baixo do altar do Santo, ofrecer unha figura de cera que representaba a parte do corpo que tiña enferma, tamén pasar o pano pola imaxe do Santo e despois me frotaba por onde tiña as espullas….. Que eu recorde era a primeira vez que fun a San Benito, cando cheguei quedeime asombrado, ver aquelas persoas subir 44 peldaños e 4 descansos de xeonllos, agora é raro ver esa devoción….pero é que naqueles anos eran muitísima a xente que se ofrecía a ir de xeonllos. Agora xa outros medios para eliminar as espullas, os tempos cambian, esperemos que non se perdan as tradicions…

Fontes : MUSEO DO POBO GALEGO; Monografías; “A medicina popular en Galicia”, autor; V. Lis Quiben, é tamén de publicacions de Jorge Romani e Xosé

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s