26- A GUERRA

A GUERRA, RECORDOS DE UNHA VECIÑA.

Cheguei a unha hora prudente para poder estar con ela, a súa familia comentáramo, mellor é que viñeses despois de que descanse un pouco, así o fixen.
Atopeina sentada no seu sillón, estaba vendo a televisión, unha pequena manta cubría as súas cansadas pernas.
Saudeina e díxenlle o motivo da miña visita, sorriu e comezamos a falar…Dado que estaba vendo as noticias que desgraciadamente falaban da guerra, o primeiro que lle preguntei foi precisamente pola guerra.

Que recordos ten da guerra ?

-Non me fales da guerra ! Non me fales da guerra !

-Acordo o que ves agora ! Acordo o que ves agora !

A nosa veciña parecía que estaba nese momento no medio dunha de tantas poboacións de Ucraína, daba a sensación que estaba vivindo nas súas propias carnes o que está sucedendo nestes días, deixeina falar…

-Recordo que non había nin pan, nin aceite, nin azucre, nin chocolate, nin arroz…non había nada ! nada de nada !

O pan era o único que tiñamos, si había con que facelo claro, había que ir ao muiño, nós tiñamos quenda os domingos, unha semana pola mañá e outra pola noite, íamos ao muiño do Caeiro, despois no forno que tiñamos na casa facíamolo o pan.

Que malos tempos Juan, que malos tempos !

-Recordo os meus irmáns, que estaban facendo o servizo militar, un levábame once anos e outro doce, tocoulles facela a un en Leon, e ao outro en Huesca.

Cando chegaban a casa de permiso a miña nai e eu xa tiñamos preparado na cuadra un caldeiro con auga, colocado encima dunha trepia, había que matar todas as pulgas que traían na roupa, había que escaldar a roupa. Ao chegar xa entraban directamente na cuadra, alí quitaban todo o que traían posto e metíamos a roupa no caldeiro, mira, había algunha pulga que tiña unhas patas coma dedos ! Así como cho conto !

Non escoitas a radio ? 400 mortos amontoados, atados…iso que é ?

Ese Putin se cadra non sabe realmente o que está sucedendo, aquí pasou o mesmo na guerra, Franco se cadra non se decataba do que facían, non sei que decir vendo o que está a pasar.

XA ESTÁ BEN O QUE PASOU AQUÍ !

-Que lle fixeron o Recacho ? que a súa nai toda fora de si gritaba que a donde o levaban, que lle ían facer o seu filliño? E contestábanlle que estivese tranquila, que non lle ía a pasar nada…é pasou o que pasou.

Todo o mundo escapaba para onde puidese, uns para outros países, moitos para Bos Aires, outros escondidos no monte, cos collons encolleitos, porque sabían que si algún estaba fichado, ían a por el, basta que che tivesen rabia que ían a por ti.

Houbo moitas visitas ás casas, entre veciños houbo moitas vinganzas, moitas bágoas choramos, recordo unha vez que viñeron por casa, eu tiña oito anos, non tiña máis, quizais sete, eu estaba neste mesmo lugar no que me atopo agora mesmo, aquí antes había unha cama e ao fondo estaba a cociña. De súpeto escoitei que chamaban ao portalón da entrada, quería que lle abrísemos a porta, viñan así por todalas casas, bo, por todas non, había algunha que non ían, algunhas non cacheaban nelas.

Cando abrín a porta atopeime cun home coñecido noso, levaba a escopeta ás costas, non quero dicir nomes, pero a ese recórdoo perfectamente, cheguei a velo morrer, aínda che vou a dicir máis, tiña algo que ver contigo, coa túa familia.

Ao abrirlle a porta entrou e comezou a observar e a cachear, eu comecei a chorar e chamaba pola miña nai e o meu pai, el dicíame que estivese tranquila, que non chorase, que non ía pasarme nada…mentres él buscaba por unha banda eu escapei pa cociña e funme a meter debaixo da cama, conforme puiden saín dirección ao camiño e funme a esconder ao muiño do Caeiro, moito medo pasei !

Recordo tamén un día que estaba con outros nenos xogando nunha leira preto de aquí, o lugar coñecémolo como Os Cidrales, de súpeto comezamos a escoitar ruídos de motores no ceo, os maiores comezaron a gritar e a dicirnos que eran avións de guerra, que nos fósemos correndo para nosas casas, escapar rapaces, escapar !

QUE NON VEÑA DE NOVO A GUERRA ! Mentres me dicía isto, a nosa veciña volvía colocar con esmero de novo a mantiña que tiña encima das súas cansadas pernas…

Foi moi triste ! A xente morría de fame polos camiños, non había que comer.

Non había nada, non tiñamos nada! Había que ir á Igrexa a rezar, era a época das santas misións, non había outra cousa máis que facer.

QUE NON VEÑA DE NOVO A GUERRA !

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s