7- O CRUCEIRO DE MEÁN NO DÍA DE RAMOS.

Un novo recordo de unha veciña do lugar de Meán.

Achegueime de novo pola súa casa, ese día estaba propicio para poder saír da casa e tomar un pouquiño o sol.
Aproveitamos a boa temperatura e fomos sentarnos ao carón do hórreo que teñen na eira, por certo un hórreo mui fermoso, con máis de 200 anos de antigüidade, está tan ben conservado que parece que foi feito de fai uns días.

Sentamos e preguntéille por algún recordo da súa infancia, algo que lle quedara marcado para sempre…

-Cando era nena, había unha época que me gustaba moito, era cando chegaba o día de bendicir o ramo.

Resulta que a rapazada do lugar tiñamos unha costume, pero de fai anos, xa viña dos nosos pais e avós polo menos. Esa costume era a de adornar o cruceiro de Meán, pero para parar un tren, adornado de arriba abaixo. Poñíase nel o máis bonito que tivésemos do ramo.

Explíquemo, conte, conte…

-O día anterior á bendición de ramos íamos buscar flores, todo tipo de flores polos camiños adiante, tamén collíamos cartuchos, ramas de olivo e de loureiro…

En casa de Salvador tiñan unha oliveira, daqueles tempos era o único olivo que había por este lugar. A señora Dorinda podábao ese día para darnos as ramas que cortaba.

Tamén podaba o señor Eladio.

Hai ! tamén collíamos mirtos, brancos e negros…

Logo de ter todas as flores que podiamos conseguir había que atar o ramo, meu pai xa tiña unhas bimbias metidas nun caldeiro con auga, así que con elas ataba ben atado o ramo.

Pero un ano recordo que se lle pasou meter en auga as bimbias e non tivo máis remedio que atar o meu ramo cunha trenza, si, cun cacho de trapo, eu estaba toda disgustada, tiña aquel ramo, un ramo precioso…pero atado cunha trenza de trapo ! Que disgusto tiven !

Xa te podes imaxinar ao día seguinte cando os meus amigos víronme co ramo así dese xeito, canto se riron de min aquel día! Eu ía toda avergoñada camiño da igrexa.

Recordo que cando chegaba a hora de ir a misa íbamos todos correndo costa abaixo, cos zocos postos, por aqueles camiños de entón, faciamos moito ruído con aqueles zocos jajaja.

Ao chegar á igrexa comezabas a fixarche que ramo era o máis bonito, era como unha competición, hoxe en día xa non é o mesmo, a maioría vai cunha palma, xa perdeu a gracia, xa os nenos e as nenas non percorren os camiños buscando flores, que magoa que se perdan as tradicións…

Sabes Juan, ti seguro que recordas, había quen levaba ramos enormes de grandes, algún case non cabía pola porta grande jajaja, recordas ?

E logo de rematar a misa e de ter os ramos bendicidos alá iamos de novo correndo con aqueles zocos, tocaba adornar o cruceiro.

Ao chegar, cada un de nós, escollía do seu ramo a súa flor, a súa rama de olivo ou o que mellor lle parecese e íase colocando no cruceiro, todo ben posto e atadiño, estábamos alí horas !

Isto faciámolo os máis novos, toda a vida así !

Creo que aínda segue habendo algunha veciña que segue con esta tradición, creo que si.

Era mui bonito, o cruceiro quedaba fermoso !

Como me gustaría que volvese o Cruceiro a estar así o día de ramos !

O luns seguinte fun ata o Cruceiro de Meán, quería ver si alguén colocara un ramo, efectivamente así era, había tres.

Cruceiro de Meán

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s