32- 40 ANOS DE ALFOMBRAS

40 ANOS DE ALFOMBRAS.

Este ano cúmprense 40 anos da chegada de D. Manuel (q.e.p.d.) á parroquia, a súa chegada foi o inicio dunha serie de actividades que deron un envorco total en Cerponzons.

Fai un tempo que estiven falando con Juan O dá Bouza, falamos de moitas cousas, entre elas dos inicios da confección das Alfombras de Corpus, anteriormente cando chegaba ese día os veciños usaban fiunchos e espadaina para marcar o percorrido da procesión, con D. Manuel e a colaboración dos veciños e veciñas as alfombras sufren unha gran transformación…

Juan foi un dos primeiros veciños que colaborou na confección das alfombras, pero é que ademais aportou moitas ideas que cada ano foron axustándose a medida que podían realizarse xa que ás veces atopaban a D. Manuel reacio a que se innovase a súa principal idea de como tiñan que facerse, pero ao final sempre ía adiante, logo de ver como quedaba convencíase totalmente.

Coméntame Juan que un dos principais materiais que se usaba era o carrasco, onde no noso monte florece ao longo do ano en tres meses. No mes de Maio son moi pequenos, no de Xullo son moi longos e moi bonitos e en setembro sacaban unha flor miúda que era un alimento que lle encantaban ás vacas.

Daquela tiñas tempo para localizar todo tipo de material que se puidese usar na confección das alfombras. A xente traballaba as leiras e como no mes de Maio era un dos máis fortes en carga de traballo sempre se ía vendo o que se podía ir recoller días máis tarde.

Juan sigue contándome:

-Un día a miña muller coméntame da idea de D. Manuel, tiñamos que axudar a confeccionar as alfombras, daquela D. Manuel ía comentándoo cos nenos e nenas que estaban preparándose para facer a Primeira Comuñón que truxeran frores, cada un deles traían estralos, hortensias, algunha herba cortada co cortacéspede…pero sempre que se poñían a facelas non chegaba o material.

Juan foi un dos primeiros que participou no cambio total da confección das alfombras, ademais de aportar moitas ideas e consellos.

Recorda que con motivo da ampliación dun camiño de carro, que había desde as inmediacions da igrexa ata o lugar da Bouza, a maquinaria contratada pola Comunidade de Montes levou todo por diante e entre iso as mimosas, Juan ao ver as mimosas cortadas decidiu realizar unha proba con elas.

Naqueles tempos unha parella da parroquia axudou desde o principio a D. Manuel, desde que souberon que viña destinado a Cerponzons estiveron sempre axudándoo, un dos motivos era que coñecían á súa familia desde anos atrás. E claro, tamén estiveron ao pé do cañón desde o primeiro momento na confección das alfombras, esta parella é Milagros e Evaristo.

Comezaron a mover o tema e a comentalo co vecindario, había que apoiar a realización das alfombras e así foi.

Juan xa lle fixera a comuñón aos seus fillos, recorda que na comuñón da súa filla Liliana colaborara na realización dos festexos do Santísimo, aínda se acorda que trouxeran á Banda de Música de Coruxo, foron dous días de festa ao grande.

Por aquel entón as procesións do Santísimo realizábanse polo percorrido que marcara D. Benito, saíase da porta principal seguidamente baixábanse as escaleiras e pasábase por diante da Casa Rectoral (alí fíxose unha moi grande que chamou a atención de todos os presentes), despois o percorrido seguía por diante da Casa dos Caseiros en dirección ao cruceiro que había xusto antes das escaleiras de subida á igrexa pola parte de atrás.

-Cando nos puxemos co tema das alfombras o primeiro que pensei foi en ir a Ponteareas, había que ver como se facían alí, que materiais usaban, que figuras se facían etc.

E alá fomos, Milagros, Evaristo, a miña muller e mais eu.

Si hoxe en día as alfombras de Ponteareas son bonitas ollo ! Naqueles anos eran fermosisimas !

Ver aquelas alfombras todas punteadas era unha marabilla, principalmente as que estaban á saída da igrexa, realizadas con flores grandes, ao bruto, pero aquela orla realizada con mirto de toda a vida eran marabillosas.

Anos máis tarde chegaron de Vigo xente que estaba en Belas Artes e comezaron a confeccionar con materiais máis finos, moi ben tamén.

Eu ía fixándome en todo, tomando nota do que usaban, de como estaba feito…é fixeime nas mimosas.

Aínda que collemos moitas ideas ese ano non daba tempo a preparalas para o Santísimo de Cerponzons, pero eu xa ía preparando cousas.

E así foi como dei a idea de buscar materiais que se puidesen usar dun ano para outro, podíase adiantar moito.

E preparei unha peneira grande e cada ano traía unha idea de Ponteareas, tamén hai que dicir que moitas veces non eran ao principio do gusto de D. Manuel jajaja.

E cada ano as alfombras ían gustando máis e ademais sumábanse máis veciños para colaborar e moita mocidade ! Que pasaron noites enteiras preparándoas e aguantando ás veces as broncas do cura jajaja, pero eles seguían igual e si D. Manuel dicía unha cousa eles seguían facendo, como resulta que D. Manuel tíñase que ir para Verducido a dar misa cando viña de volta as alfombras xa estaban feitas e xa non podía dicir nada jajaja.

-Volvendo a vista atrás recordo o ano en que se fixeron o percorrido das alfombras polo aparcamento, foi na comuñón da miña sobrina, a filla da peluquera.

Ese ano ocorréuseme peneirar a mimosa, foi un ano que non había moita xente, decidín ir ata A Bouza a por mimosas, ían tamén Milagros e Evaristo, por certo que Evaristo levaba unha máquina de disco para cortar.

Aquel día de merenda levamos unha empanada de xoubas feita pola miña muller, que rica estaba, aínda me recordo hoxe en día do bo sabor que tiña.

Cando un tempo despois estabamos no atrio peneirando as mimosas chegou D. Manuel (logo de estar preparando aos nenos de comuñón) e pegando un grito díxonos : QUE HACÉIS?

Explicámoslle o motivo de peneirar as mimosas e ao pouco tempo foise convencendo, D. Manuel era de ideas fixas e que se lle andase a cambiar o seu traballo non era do seu gusto, tiña as súas dúbidas e nós tamén nos cabreamos de cando en vez por non deixarnos facer o que viramos en Ponteareas.

É que eu idea que pillaba de Ponteareas, idea que quería levar a cabo para o ano seguinte. Que risas pasamos cando foi da cáscara de pino jajaja.

Resulta que para desfacela levouse a cáscara ao muiño do Caeiro jajaja, resulta que cando se puxo a cáscara a moer levantouse tal polvo que os que estaban dentro do muiño tiveron que saír pitando para fora jajaja, non eran capaces de aguantar o polvo que ali había jajaja, non había quen parase alí dentro jajaja.

Pero a cáscara de pino foi todo un éxito, iso si que levantou expectación o día das alfombras, ese ano a xente estaba sorprendida de como a realización das alfombras cada vez ían mellorando a pasos axixantados.

Outro ano pasou o mesmo cos carozos, é que eu xa lle dixera á miña muller un día que o éxito estaba en que todo tiña que pasar pola peneira. Os carozos recordo que o marido de Chola, que tiña de oficio taxista, sabía dun veciño de Salcedo que tiña un muiño apropiado para moer os carozos e alá fóronse un día cun un feixe de carozos para moer.

Do carozo ao moelo saían varios tamaños, grande, mediano e fino. O fino usámolo para tapar o fondo.

Quedaban perfectas, á min sempre me gustou que o traballo fose ben feito, de calidade, non ao correr. Como cando aquel ano que se levantou tal vento que nos desfacía o traballo e ocorréullenos regar as alfombras ! Santo remedio !

Recordo tamén cando Evaristo coa súa máquina de cortar utilizouna para cortar as canas, todas á mesma medida e despois pintábaas cun esmalte, seguidamente colocábanse as canas unha diante doutra e separábanse cada metro cun coco de eucalipto.

Usabamos moitos materiais, moitos deles estendiámolos no hórreo do cura e quedaban a secar, despois se peneiraban e víase a cor que tiñan si encaixaba para facer a orla, niso D. Manuel fixábase moito, a combinación das cores tiñan que estar perfectas, eran os que daban vida ás alfombras.

Como anécdota que quero comentarche para rematar é cando unha vez a D. Manuel ocorréuselle calcular a cantidade de material que necesitaba para a orla usando unha caixa de onde veñen as velas.

Collendo unha caixa daquelas de cartón medía o espazo onde se faría a orla, así sabía que eran tantas caixas de material as necesarias para realizar a orla contando os metros lineales.

E é que si non se facía un cálculo primeiro nunca chegaba os materiais.

TRABALLO REALIZADO POR ALFOMBRISTAS DE CERPONZÓNS 2022

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s