37- BÓTALLE UN CONTO.

BÓTALLE UN CONTO, 6/05/22

No Concello de Pontevedra ‘ Maio, mes da lingua’ chegou con propostas e actividades variadas co galego como principal protagonista.

Dentro do programa oficial aparece o concurso ‘Bótalle un conto!’, unha oportunidade para demostrar a capacidade narrativa e oral da veciñanza pontevedresa, o dia 6 de Maio do 2022 estiveron no Centro Social grabando os contos da veciñanza de Cerponzóns.

Este foi o que contou un veciño :

O CÚ DOS CANS.

Ola, eu pasaba por aquí e resulta que me pediron que contase un conto, pero conto non teño ningún que contarvos, o que si vos podo contar é unha historia ben certa que pasou fai xa uns anos e que seguro que moitos de vós nunca a escoitou.

Resulta que nesta parroquia de Cerponzóns hai un lugar denominado A Rons, unha aldea actualmente moi famosa, porque hai unha ponte mui antiga.

No lugar da Rons había fai uns anos unha família que tiña na súa casa muitos animais, tiñan vacas, ouvellas, coellos…de todo tiñan, porcos mimadriña ! chegaron a ter unha granxa con mais de mil porcos ! Como volo conto. Sempre foi unha xente que lle gustaron os animais, ainda hoxe en día os seus descendentes teñen a misma costume. Esta familia ademáis tivo durante cincoenta anos unha taberna ultramarinos, donde podías mercar uns cordóns para os zocos coma unha botella de xinebra Focking (mui apreciada nos anos 70) ou medía ducía de arenques daqueles que viñan na caixa de madeira. Resulta que en dita taberna tiñan un espazo donde estaba reservado para os cans…

Era moi habitual ver aos cans por todolos lados da parroquia, e como a taberneira era unha muller que lle quería muito a todos os animais pois claro, miraba que os cans iban de un lado para outro, que non tiñan un lugar donde quedar a tomar algo e doulle pena, falou con eles e fixolle un oco nunha esquina da taberna, así que cando chegabas a taberna da Rons podías velos tomándose unha chiquita, alí estaban, sempre en grupo, non se metían con naide e de paso comentaban temas entre eles.

Resulta que un día, estando os cans tomandolle un viño catalán roxo e uns manises, chegou aos seus oídos que seica que na aldea do Bravo, cerca do monte Curuto, había unha cadeliña moi fermosa, que seica estaba solteira e sen compromiso algún, que eles superan.

Comezaron a comentar entre eles que non estaría mal achegarse ata O Bravo e visitar á fermosa cadeliña. Xa levaban unhas cantas chiquitas encima, cando comezou un a dicir de novo que non estaría mal ir facerlles as beiras a cadeliña, ademais din que non está comprometida con ninguén, é boa ocasión, que vos parece ?

Total, que ao final, despois de lambidas as chiquitas de catalán roxo, todos estaban de acordo en ir visitar a cadeliña, nin curto nin perezoso, alá se foron….O sair pola porta, miraron para Carmen e dixeronlle : anota na libreta, xa che pagamos os viños a volta…bueno, decir dixeronlle guau guau guau…que viña a decir eso no seu idioma ou vai ti a saber que dixeron, porque a libreta era mui habitual neste tempo, pagaban cando se podía e non so os cans…

Para ir da Rons ao Bravo, tiñan que pasar polo monte, colleron dirección a Santarandán, os cans tiñan os seus propios camiños para ir de un lado a outro, resulta que cando estaban comezando a subir polo monte arriba atopáronse con outro can que pasaba por alí, éste a o ver tanta jauría xunta preguntoulle que a donde ían.

Imos ata O Bravo, dixéronnos que alí hai unha cadeliña que é moi fermosa, que está sen compromiso e imos facerlle as beiras, haber que pasa.

-Ondía na veija ! Ollo ! Tende coidado cos lobos que hai moi preto de aquí, mirade, polo que me contan, hai unha manada de lobos que habita por onde tendes que pasar, polo lugar de A Costa, can que pillan, can que o papan ! A min contáronme que teñen uns dentes tan afiados que parecen fungueiros !

O can, logo de advertirlle do perigo, deu media volta e foise por onde viñera. Os demais que escoitaran o aviso quedaron pensativos, non se movía ningún, ata que o que levaba a voz cantante dixo :

Sabedes unha cousa ? Eu teño escoitado aos cans máis maiores que dicían entre eles : O QUE NON TEN CÚ, NON TEN MEDO.

Seguían todos calados, pensando que quería decir co que non ten cú non tiña medo…e seguían escoitando :

Entón, digo eu, e si collemos e quitámosnos o cú e ímolos colgando nas ramas destes carballos ? Así deste xeito, xa non teremos medo e podemos ir ver á cadeliña ? A volta recollemos de novo os nosos cús e listo.

Sabedes unha cousa ? Non llo pensaron dúas veces, todos asentiron e contestaron que era unha idea fantástica!

Cada un deles foise quitando o seu cu e o foi deixando colgado das ramas dos carballos, seguidamente tomaron de novo camiño do Bravo, en busca da cadeliña.

Ían todos a mar de contentos, entre eles ían ladrando, porque cantar, o que é cantar non sabían, así que ladraban, que si guau guau, que guau e guau…pero amigos e amigas…

Aínda non levaban un cuarto de hora andado, cando de súpeto atopáronse a poucos metros de distancia cunha manada de lobos.

Jasusdiormio ! Que medo metían! Era noite pechada, de lúa chea, aqueles enormes dentes brillaban que daban medo, diosiño querido ! Os cans, ao ver aquilo, comezaron a acolloarse e comenzaron a andar para atrás, mimadriña, os lobos tíñanos case á beira súa ! Mira, deron media volta e comezaron ás presas monte abaixo, a fume de carozo.

Cando chegaron a Santarandán, donde os carballos, saltaron un mallón e de paso cada can botaba man a unha rama para coller un cu, sen pararse a ver si era o seu, colleron o primeiro que se atopaban.

Ao chegar ao muiño do Caeiro, xa mais tranquilos, o primeiro que fixeron foi colocarse o cu no seu sitio e cada un marchou para súa casa, pero claro, había un problema, o cu que habían collido non era o seu propio.

Por iso, desde aquel momento, aínda é hoxe o día, en que os cans o primeiro que fan cando se encontran chéiranse o cu uns aos outros, esperando algún día atopar o seu..

Isto que vos acabo de contar foi certo, non é un conto, pero bo como pasaba por aquí , aproveito e cóntovolo e cada un que o tome como queira.

Si queredes ver a final, este é o enlace :

NOTA : O día 19 de Xuño celebrouse a final no convento de Sta. Clara, de 40 participantes pasaron a final 10.

O representante de Cerponzóns quedou en segunda posición.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s