15- FESTA DO PATRÓN DO ANO 1968, O LOBO CANTANTE.

22 de Xaneiro de 1968, festividade de San Vicente, patrón da parroquia de Cerponzóns.

Mentres ese mesmo día no Cabo Cañaveral (Florida), Estados Unidos lanzaba o Apolo 5, nós estabamos de festas patronais.

Naqueles tempos respectábase o día propio do patrón, caese o día da semana que fose e ese día foi un luns.

Á fronte da comisión de festexos estaba o señor Albino e organizounos á perfección, como sempre adoitaba facelo.

Para o día do patrón contrataron un grupo de gaitas, que ademais de estar pola mañá tocando alboradas, estiveron pola noite na verbena, unha verbena que estaba amenizada pola gran orquestra MONTECARLO.

Uns días antes dos tres días de festas habituais, os compoñentes da comisión de festas tiveron que preparar todo o relacionado coa montaxe que había que realizar no atrio, principalmente o palco de música, ano tras ano había que facer un.

Había que ir ao monte e cortar uns cuantos piñeiros, cun tamaño adecuado, para facer a base do palco e despois traían unhas táboas (seguramente do serradoiro de Alba) para colocar de base onde se poñerían os músicos, por diante do palco, en forma de cruz, un par de troncos para máis seguridade.

Aquel ano tres integrantes da comisión foron ata a do Laparuzas para pedirlle un favor, á parte de axuda económica para as festas.

Filiberto, Miguel o perruqueiro e O Conexo do Bravo chegaron á barra e pediron uns viños, comezaron a establecer conversación con O Laparuzas e mentres lle pedían para San Vicente, dixéronlle que necesitaban un toldo para o palco de música, uns dias antes fixáronse que o camión de repartición de materiais de construción tiña un gran toldo que lle iría perfectamente para cubrir o palco os tres días de festa.

Tiveron que pedir unha rolda máis de viños para convencer ao señor Moncho para que lles prestase devandito toldo, pero ao fin lográrono.

E con todo preparado, chegaron os tres días de festas patronais, o palco, as bandeirolas que cruzaban o atrio dunha esquina a outra, as bombillas, os postos de rosquillas e algun que outro xoguete e por suposto non podía faltar o posto de viño, cervexas e algún que outro refresco daqueles tempos, tipo Fis Fas.

Todo o atrio estaba cheo de xente, había muita expectación e ainda que era luns e o día seguinte había que traballar, os veciños acudiron para escoitar a Miguelin

A orquestra MONTECARLO tiña un compoñente que era coñecido por todos os asistentes, o noso veciño Miguelin, un extraordinario acordeonista que tamén facía voces co cantante da orquestra, coñecido por Chucho, nos popurrís habituais daqueles anos sesenta.

Miguelin e Chucho.
Miguelin e Chucho

A orquestra tocaba temas variados, daba gusto escoitar as cancións que habitualmente escoitabamos pola radio : os pekenikes, o dúo dinámico, os brincos, os cinco latinos…e os veciños pasábano en grande, ata que un deles quixo subirse ao palco e demostrar que cantaba mellor que Chucho, así que o deixaron subir e comezaron a tocar unha canción para que o noso veciño deleitase coa súa portentosa voz a todos os presentes, de seguro que os mais maiores da parroquia ainda recordan ese momento.

Manolo, no centro da foto.
Manolo, no centro, con garabata.

Manuel Paz, O Perrechico, máis coñecido por O Lobo, foi un paisano moi querido en Cerponzóns, un tipo entrañable.

Por certo, alguén recoñoce a veciña que se ve a esquerda da imaxen?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s