38- UNHA CEA DE COLLONS.

Daniel levaba días tramando unha cea na taberna da Rons, achegábanse as festas do patrón é a ocasión era propicia…

Naqueles anos as festas celebrábanse no día propio de San Vicente, o ano en que sucedeu isto que vos vou a contar foi no 1973.

Seguramente unha gran maioría dos veciños de Cerponzóns que len o meu blogue coñeceron a Daniel Cochón, para min foi un personaxe único, a súa retranca era tal que non vin outra persoa igual, como dicimos agora, Daniel era un crack.

Daniel sempre estaba a tramar algo, a taberna da Rons fué testemuña de moitas anécdotas protagonizadas por él.

Esta anécdota que cumple agora 50 anos é vos vou a contar lembrábaa vagamente, pero coa axuda da miña irmá (implicada xunto á miña nai no desenvolvemento da anécdota ) cóntovos o sucedido un par de días antes da Festas Patronais.

Unha de tantas noites de chiquiteo e partida de cartas na taberna, comentábase que pronto chegaban as festas e que había que ir preparando o carneiro para os tres días de festas.

Na miña casa habíamos mercado un carneiro coa intención de telo a punto para o Patrón, así que meu pai comezou a comentar que se podía facer unha lista de veciños que tamén ían preparar carneiro para eses días e podíase chamar a Angelito, un matachín veciño da mesma parroquia do meu pai, Campañó.

Daba a casualidade que Daniel era íntimo amigo de Angelito e pareceulle moi boa idea, así cuns cuantos carneiros para matar no mesmo día faríalles un bo prezo. Daniel, elevando aquela voz especial que tiña, dixo:

-Imos tomar nota de todos aqueles que queiran matar o carneiro para as festas, Carmen encargarase de anotar os nomes e despois xa me pasa a lista para poñerme en contacto con Angelito, é xa de paso que falo con él trato de poñer día e hora para cada casa que teña que pasar.

Aquel día estaba presente D. Benito, o cura da parroquia, asiduo á taberna para tomarse a súa cunca de viño tinto e xogar unhas partidas ou xogar unha partida e tomar varias cuncas, que tanto monta Isabel como Fernando jajaja.

-Á min xa me podes anotar, que este ano teño invitados, dixolle D. Benito a Carmen a taberneira.

Daniel chamou a Maricarmen, a filla da taberneira e díxolle que comezase a escribir nunha folla todos aqueles que quixesen matar o carneiro para as festas…

-Rapaza, dixo Daniel, toma nota, fala cos que entren estes días na taberna, pero unha semana antes das festas teñen que estar todos o que queiran anotados para que lle vaia a súa casa o matachín, mira ben o que che digo! Faime as cousas como teñen que ser! Oiches?

Cando Daniel falaba co xesto serio, levantaba a voz e poñíase todo colorado, quería que o escoitaran, ter todo controlado e sin fallo.

Maricarmen contestoulle que non se preocupase, que así o faría.

Uns días despois Daniel falou con Angelito, dixolle que tiña un traballo para él, que había uns cantos carneiros que pasar polo coitelo. Eles dous víronse na feira do Mosteiro, o señor Daniel comentoulle que tiña bastantes cartos que gañar nun día e que xa podía ir facéndolle un prezo, para chegar a un acordo o mellor que había era falar do tema a tratar tomando uns viños.

Señor Daniel, a vida anda moi cara, estou cobrando o mesmo desde fai cinco anos, non subín nada e como comprenderá ir desde Campañó ata Cerponzones xa ten un custo que non llo vou a cobrar.

Trampa, eres unha trampaaaa, ainda me ganas a min ! Que non subiches nada? Anda, anda, que ben sei o que cobras por Lérez e por Alba e por aquí o ano pasado cobrabas o dobre, trampaaaa, que eres un trampaaa.

Entre chiquita e chiquita que iban baixando na taberna, situada precisamente á beira da feira do Mosteiro, chegaron a un acordo.

E nesto que Daniel, de volta a casa, xa comezou a cavilar para preparar unha cea con todos aqueles que se anotasen na lista, tiña na súa cachola unha boa preparada e tiña xa pensado o menú que non iba deixar a nadie indiferente…

Ao chegar o día definitivo para saber cantos se habían anotado, Daniel chegou á taberna e pediulle á miña irmá Carmen que lle lese cantos estaban na lista.

Bos días señor Daniel, mire, son os seguintes : D. Benito, o señor Agustín O Raposo, señor Emilio O Calvete, Joaquín O Carrapuzo, meu pai e de momento ninguén máis.

Ben poucos son, bo, entón con eses que tes na lista, máis o teu marido Gonzalo, o meu fillo Pepe e mais eu, imos cear aquí o sábado que ven. Onde está tua nai ?

Na cociña, preparando a cea.

-Dille que veña un momento.

Maricarmen foi en busca da súa nai e díxolle que saíse un momento, que seu primo Daniel quería falar con ela.

Ola Daniel, que me queres?

Mira Carmen, vou convidar a cear aos que se anotaron na lista, quero que me prepares unha mesa para oito no reservado. Eu traereiche o material que imos a cear, ti terás que preparalo en filetes, adobalo e empanalo, de paso fas unhas fontes de ensalada e unhas patacas fritas.

Bueno vale, que vas traer logo, carne de tenreira ? Preguntoulle Carmen.

Vou traer un manxar, pura manteiga, pero vós as dúas caladas, xa veredes…as dúas mulleres quedaron pensativas…

E chegou o día, Angelito o matachín chegou temprano a Cerponzóns e foi pasando casa por casa e matando os carneiros, de paso tiña un recado de parte de Daniel, nunha bolsa tiña que ir gardando as criadillas de todos os carneiros que ía pasando polo coitelo.

Ao rematar, Pepe, o fillo de Daniel, tiña un encargo de parte do seu pai, xa estaba a esperar a Angelito para recollelas criadillas e levarllas as Carmens da Rons, a sorpresa das dúas mulleres cando chegou Pepe con aquela bolsaza de criadillas xa vos podedes imaxinar.

Ao pouco tempo chegou Daniel, explicoulles de novo como tiñan que preparalas é entre gargalladas marchouse para a súa casa.

As mulleres, meteron as criadillas na nevera e calaron a boca, no comentaron nin cos maridos, nin conmigo tampouco jajaja.

Ao chegar a noite, mentres xogaban ás cartas, Daniel comentoulles aos da lista, que estaban convidados a cear o día seguinte, que Carmen xa tiña o menú preparado e que as dez da noite terían que estar alí todos, que non se fosen a retrasar ningún, porque entón pagaban o prato.

Ningún deles puxo inconveniente, unha cea gratis na taberna dá Rons, quen ía negarse !

Chegou o día e sobre as nove e media da noite comezaron a chegar os invitados á cea, os primeiros foron Daniel e o seu fillo Pepe, querían ver como ía a preparación do menú…

-Que tal Carmen, como vai iso ? Daniel entrou na cociña para ver como ía a cousa…

Pois xa ves, toda a tarde a miña filla pasouna fileteando, mira que non hai bistecs aquí, Jasusdiormío! Agora mesmo empezarei a fritilos, as ensaladas xa están e as patacas mondadas e listas para pasar pola tixola.

Volveu Daniel para a barra da taberna, non quería que chegasen os invitados e víseno que estaba na cociña, axiña comenzaron a chegar os convidados…

Chegou o cura, D. Benito, aos poucos minutos apareceron o señor Emilio Calvete e Agustín O Raposo.

Uns dos últimos en chegar foi meu cuñado Gonzalo, un pouco antes fixerao Joaquín O Carrapuzo.

Comezaron a xuntarse na barra e mentres non os avisaban para cear, tomáronse unhas chiquitas e falaban das festas, das orquestras contratadas para o patrón, de que se iban vir as barcas e os do tiro o pichón, do tempo que iba facer e tamén tiñeron tempo de falar do último combate de boxeo de Urtain, tema deportivo de máximo interese naqueles anos.

O pouco, miña nai comezou a chamalos para que fosen pasando ao reservado, lugar habitual onde almorzabamos, donde comiamos e ceabamos os da casa.

Fóronse sentando e ao momento, miña irmá e a miña nai (as dúas todas serias) foron colocando as bandexas, primeiro as ensaladas, despois as patacas fritas e por último aquela montaña de bistecs rebozados que fixo a máis dun quedar un tempo coa boca aberta.

Comezaron a cear e ninguén poñía peros ao menú, os bistecs baixaban nun pis pás, jajaja. Daniel observaba un por un dos comensales, deixou que repetiran…

É a metade da cea, Daniel, comezou a preguntar aos alí presentes :

D. Benito, que tal están os bistecs ?

-Ben, mui ben, mui ricos, parecen manteca. O cura era de bo dente, sí él o decía é que era verdade…

Pois coma, que come do seu, contestoulle Daniel.

Emilio, que tal todo ?

-Ben, ben

Pois come, que comes do teu.

-Agustin, gustanche os bistecs?

-Gustan, están cojonudos !

Pois come, que comes do teu, jajaja.

O que máis e o que menos comezou a estrañarse, non entendían o porqué Daniel preguntáballe a todos o mesmo e o que máis lle chocaba era aquela resposta : come, que comes do teu…

O primeiro en mosquearse foi D. Benito, poñía unha cara de estrañeza, como dicindo que é o que estarei a comer entón para que Daniel diga iso ? E a que virán esas risas ? Ainda así seguía comendo…

Agustín ao ver que Daniel ría tanto e repetía a mesma frase con Juan e con Joaquín, erguíase da mesa todo encabuxado e preguntaba :

-Que estamos a comer? Que nos distedes a comer ? Contesta Daniel ! Mira que vou a casa e traio a escopeta e lévome por diante a todos os que esteades compinchados! Carmen ! Donde andas? Ven aquí!

Daniel non paraba de rir, o seu fillo Pepe igual, a miña nai e a miña irmá estaban na cociña, non aguantaban coa risa, non sabían como poñerse, houbo un momento que se foron as dúas para a taberna, pero non tardaban moito en entrar de novo no reservado por verlle as caras a todos, incluídos a do meu pai e a da meu cuñado Gonzalo. Mentres tanto eu sentado nunha cadeira da taberna vía unha serie na televisión, escoitaba uns berros, pero como era habitual que de cando en vez discutían por calquera cousa, non lle fixen moito caso ao que estaba a acontecer no reservado.

Mentres tanto, os homes seguían querendo saber que era o que estaban a cear, cada vez máis encabuxados e de cando en vez baixaban os santos xuntos, aínda que estivese D. Benito presente, jajaja. Meu pai chamaba pola miña nai para querer preguntarlle que cociñaran…aquilo eran os chotis jajaja.

Entón Daniel pediu silencio e comezou a preguntarlles os convidados, Daniel todo serio, comezou por D. Benito:

D. Benito, onte foron pola súa casa para sacrificar o carneiro ?

-Si, así foi, si.

Agustín, e a ti, tamén che foron onte?

-Si, tamén.

Supoño que aos demais tamén foi Angelito polas vosas casas, verdade ?

Todos asentiron, e de súpeto Daniel dilles :

POIS O QUE ESTADES A CEAR SON OS COLLONS DOS VOSOS CARNEIROS ! Jajajaja

Xa podedes imaxinarvos o balbordo que se montou, Agustín fixo ademán de ir á súa casa para buscar a escopeta e cargarse primeiro a Daniel, D. Benito non saía do seu asombro, Emilio O Calvete, dicía:

Me cajo en díes, mira que nola meteches de carallo!

O meu cuñado, todo serio, comentaba que él non sabía nada, que a súa muller non lle dixera nada do que se iba a cear, que fose enganado como os demáis.

Meu pai, outro tanto do mesmo, os demáis non lles crían claro, Joaquín escachaba de risa e suxeitaba a Agustín para que non fose buscar a escopeta, aquilo era tal a que se montou que eu xa estaba no medio da disputa para querer saber de que ía a cousa jajaja.

Nisto que as dúas Carmens, con bágoas nos ollos de tanto rir, para calmar os ánimos, achegáronse a eles e preguntáronlles :

Á ver unha cousa, gustouvos a cea, estaban ricos os bistecs ?

Si que estaban Carmen, contestou Daniel, ou non ves que non quedou ningún ! Jajaja

Pois entón, acabouse o problema, quen quere café?

Trae cafés e unhas copas de aguardente ou do que queiran estes homes, que son merecedores diso, jajaja, contestoulle Daniel.

Ah! Oiches, a Don Benito tráelle Cointreau, que é bo para digestión jajaja.

Despois duns cafés e unhas cantas copas e por encima a queimada que fixo Joaquin, o que máis e o que menos tiña unha boa melopea, Agustín, aínda co cabreo encima, dicíalle a Daniel :

-A cea non estivo mal, estánche ricos os carallos dos collons, pero iso avísase antes carallo.

Ao final, remataron todos amigos e a cousa quedou como unha anécdota máis de tantas e tantas que sucederon na Taberna dá Rons.

Eran as cinco da mañán, estaban todos con unha boa melopea encima, remataron xogando o chinchimoní no mostrador da taberna, baixaron todalas botellas de cava, non quedou unha enteira.

NOTA: Pero sabedes unha cousa, o primeiro en probar eses bistecs rebozados fun eu, a miña nai e a miña irmá antes de poñerlle a cea aos invitados de Daniel, déronma a min, si, así como volo conto.

Á hora de cear a miña irmá preguntoume se me apetecían uns bistecs rebozados, eu contesteille que si, que xa estaba tardando, sempre me gustaron, como diría hoxe en día calquer raparigo: me rechiflan! Así que me puxeron dous e dispúxenme a comelos, mentres os comía elas dúas só facían mirar para min e rirse, ao acabar de comelos preguntáronme se me gustaban e se quería repetir, eu contesteille que si e veña outros dous e veña risas…

Despois pasou o que pasou.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s