A SANTA COMPAÑA
Na miña niñez falabase muito da Santa Compaña , meu pai contoume fai anos que a un veciño da parroquia tocoulle sufrila por parte duns veciños que quixeron gastarlle unha broma, aquel día fora soado…….
A SANTA COMPAÑA quizáis sexa, unha das crenzas míticas máis arraigadas no rural galego.
Coñécese tamén en Galicia con varios nomes : Estadea, Estantiga, Rolda, As da noite, Pantalla, Avisóns, Pantaruxada. Todos eles son termos que nos indican a presencia dun colectivo de mortos no mundo dos vivos.
Son varias as versións que na bibliografía podemos atopar sobre a Santa Compaña, de aí a dificultade para poder definila con exactitude. Agás excepcións, hai unha serie de trazos xerais nos que coinciden a meirande parte dos autores ó se referiren a ela: “procesión de mortos ou almas en pena que nas brétemas da noite (a partir das doce) percorren errantes as sendas e camiños dunha parroquia”.
O portador da cruz non pode en ningún momento volve-la vista atrás nin renunciar ós seus cargos precedendo a Santa Compaña.
Só quedará liberado cando encontre outra persoa a quen lle entrega-la cruz e o caldeiro.
Aínda que na maioría das historias sobre a Santa Compaña esta realiza a súas aparicións de noite, tamén hai casos citados nos que se fala de saídas diúrnas.
A persoa viva que precede a procesión pode ser home ou muller, dependendo se o patrón da súa parroquia é santo ou santa.
En definitiva, considérase a Santa Compaña como unha anunciadora da morte. A súa misión é visitar todas aquelas casas nas que axiña haberá un pasamento.
Recollendo artigos sobre a Santa Compaña podemos dicir que aínda que o aspecto da Santa Compaña varía segundo a tradición de diferentes zonas, a máis estendida é a formada por unha comitiva de almas en pena, vestidos con túnicas negras con capucha que vagan durante a noite. Esta procesión fantasmal forma dúas fileiras as cales van envolvidas en sudarios e cos pés descalzos. Á fronte desta compañía fantasmal atópase un espectro maior chamado Estadea. Ademais destas visións hai outras lendas que din que se nota un frío intenso sempre que aparece, ademais do cheiro e o son de cadeas.
Ademais tamén se di que as pantasmas son como unha néboa….A procesión vai encabezada por un vivo (mortal) portando unha cruz e un caldero de auga bendita seguido polas ánimas con velas acesas, non sempre visibles, notándose a súa presenza no cheiro a cera e o vento que se levanta ao seu paso.
Esta persoa viva que precede á procesión pode ser home ou muller, dependendo de si o patrón da parroquia é un santo ou unha santa. Tamén se cre que quen realiza esa “función” non recorda durante o día o ocorrido no transcurso da noite, únicamente poderase recoñecer ás persoas penadas con este castigo pola súa extremada delgadez e palidez. Cada noite a súa luz será máis intensa e cada día o seu palidez irá en aumento. Non lles permiten descansar ningunha noite, polo que a súa saúde vaise debilitando ata enfermar sen que ninguén saiba as causas de tan misterioso mal. Condenados a vagar noite tras noite ata que morran ou outro incauto sexa sorprendido (ao cal o que encabeza a procesión deberalle pasar a cruz que porta). Camiñan emitindo rezos (case sempre un rosario) cánticos fúnebres e tocando unha pequena campanilla.
Ao seu paso, cesan previamente todos os ruídos dos animais no bosque. Os cans anuncian a chegada da Santa Compaña aullando de forma desmedida, os gatos foxen despavoridos e realmente asustados.
Dise que non todos os mortais teñen a facultade de ver cos ollos a “A Compaña”. Elisardo Becoña Iglesias, na súa obra ” La Santa Compaña, El Urco y Los Muertos ” explica que segundo a tradición, tan só certos “dotados” posúen a facultade de vela: os nenos aos que o sacerdote, por erro, bautiza usando o óleo dos defuntos, posuirán, xa de adultos, a facultade de ver a aparición. Outros, non menos creyentes na lenda, haberán de conformarse con sentila, intuíla, etc. Para librarse desta obrigación, a persoa que vexa pasar a Santa Compaña debe trazar un círculo no chan e entrar nel ou ben deitarse boca abaixo.
Versións .- Aínda que todas as súas versións coinciden en considerar a Santa Compaña como unha anunciadora de morte, hai diferentes versións. Na maioría das historias a Santa Compaña realiza as súas aparicións de noite, pero tamén hai casos nos que se fala de saídas diurnas. J. Cuveiro Piñol, no seu Dicionario Galego (1876) escribe:Compaña: entre o vulgo, creida hoste ou procesión de bruxas que andan de noite alumeadas con osos de mortos, chamando ás portas para que as acompañen, aos que desexan que morran axiña…Nunhas versións cóntase que a luctuosa procesión transporta un ataúd no cal hai unha persoa dentro, a cal pode ser incluso a persoa que sofre a aparición sendo o seu corpo astral o que está no ataúd. Pódense aparecer en diferentes lugares, pero predominan as encrucilladas. Hai datas concretas nas que se di que ten máis incidencia as aparicións da Santa Compaña, por exemplo, a noite de Todos os Santos (entre o 1 e o 2 de novembro) ou a noite de San Juan (24 de xuño).Noutras provincias adxacentes a Galicia como Asturias tamén hai esta tradición coñecida como La Güestia ou bona xente. É un grupo de persoas encapuchadas que se achegan á casa dun enfermo moribundo, dan tres voltas á casa e entón o enfermo morre. Normalmente son coñecidos do moribundo. Dise que van exclamando “Andad de día que la noche es mía “. Cóntase o relato dunha muller que saíu da súa casa a por castañas pensando que xa era de día e un membro da procesión díxolle que era o seu padriño entón xa morto. Tendeulle a man dándolle a vela acesa, ela colleuna, e ao cabo duns días doente e morreu.En Estremadura, aparece o Corteju de Genti de Muerti, que se compón de dous xinetes fantasmales que causan o pánico de madrugada polos pobos xa que quen os ve pode resultar morto. En Zamora denomínalla La Estadea, e é unha muller que vaga polos camiños e os cemiterios. Non ten rostro e cheira á humidade dos sepulcros. Só se aparece a aquel que vai morrer. En León lla chama La Hueste de ánimas.
Aparición da compaña
As numerosas lendas sobre esta compañía de defuntos en pena contan que se aparecen nos camiños próximos aos camposantos en busca de algo ou alguén, e que sempre aparecen cun motivo polo cal é símbolo de desastre ou maldición. Os motivos polo que esta compañía de almas errantes poden aparecer son:
Para reclamar a alma de alguén que morrerá pronto.
Conta a lenda que quen recibe a visita da Compaña morrerá no prazo dun ano.
Para reprochar aos vivos,faltas ou erros cometidos. Si a falta é especialmente grave, o mortal que a cometeu podería recibir a visita da Compaña para que a encabece, condenado así a vagar ata que outro mortal lle reemplace.
Para anunciar a morte dun coñecido do que presencia a procesión.
Para cumprir unha pena imposta por algunha autoridade do máis aló.
Protección contra a Santa Compaña
O contar esta lenda tamén supón contar o modo de protexerse contra esta procesión de non mortos. No hipotético caso de que a compaña presentásese en presenza de alguén se debería levar a cabo unha serie de rituais para a protección que consistiría en:
-Apartarse do camiño da compaña, non mirarlles e facer como que non se lles ve.
-Facer un círculo coa estrela de Salomón ou unha cruz dentro e entrar nel.
-Comer algo.
-Rezar e non escoitar a voz nin o son da compaña.
-Tirarse boca abaixo e esperar sen moverse, aínda que a compaña páselle por encima.
-Xamais tomar unha vela que nos tenda algún defunto da procesión, pois este xesto condena a formar parte dela.
-Se non hai máis remedio, botar ás presas moi rápido.
-Conta a lenda que a Santa Compaña non terá o poder de capturar a alma do mortal que se cruza con ela si este áchase nos peldaños dun “cruceiro” situados nos cruces de camiños ou si porta unha cruz consigo e logra esgrimila a tempo
Dentro nas crenzas galegas, existe tamén outra procesión moi semellante á Santa Compaña pero que se diferencia desta en que non son pantasmas de mortos os que van nela, senón pantasmas de individuos vivos. Leva o nome de “procesión das Xans”.
Marchan en dúas fileiras e levan un cadaleito. Canto máis á beira do cadaleito vaian os membros das ringleiras, máis axiña morren. Os que van máis lonxe poden tardar ata tres ou catro anos. Quen atopa esta procesión, vea, mais non a sente. O encontro case sempre se dá nas encrucilladas dos camiños, onde é costume deterse cos defuntos para que os cregos boten responsos.
Se o que a atopa é amigo dos que van na procesión, o único que fan con el é levalo polo aire a outra parte; se é inimigo, danlle unha gran malleira e arrástrano polas silveiras. Son poucas as persoas que ven a procesión das Xans, pois para iso precisa posuír unha destas condicións: que o padriño de quen a ve, rezase mal o credo cando o bautizaron, ou que o crego cambiase os santos óleos confundindo os da extrema unción cos do bautismo. Tal erro pódese remediar bautizándose de novo.
Ó impresionante culto dos mortos ou dos devanceiros únese en Galicia a crenza das almas en pena, da ánimas peregrinas, que integran a Santa Compaña; por iso en moitas encrucilladas dos camiños se erguen os cruceiros e os petos de ánimas, onde se depositan as ofrendas piadosas en tributo ós que xa están na eternidade.
A SANTA COMPAÑA EN CERPONZONS
Oe Joaquín imos á de Maruja a tomar uns viños ?
En canto acabe de xuntar estas ramas que estiven cortando na leira e guardalas para que non se mollen podemos ir tomar unhas cuncas , contestoulle Joaquin a José Fontecoba , Fontecoba coñécese mais por O PELEIRAS , porque todos na parroquia tiñan alcumes , así como Joaquin Guiadanes que tamén ten o seu .
A taberna de Maruja desde que se fora para a Arxentina era rexentada polos anos 60 por Juan Esperon e Carmen Recarey, estaba situada a taberna no baixo da casa do que despois durante moitos viviu nela Enrique Magdalena e familia.
Como un dos colexios que había naquela época en Cerponzons estaba en fronte mesmo da taberna (nos baixos da casa da señora Hermosinda) podiamos dicir que aquela zona sempre estaba moi concorrida, ben polos nenos do colexio ou ben cando todos os días logo das faenas do campo os homes achegábanse a tomar o seu viño e xogar a partida ás cartas.
Ao chegar á taberna Joaquin e Peleiras atopáronse con que alí estaban Daniel Cochon , Pombo , José O Laracho …e comezaron a comentar como lles foi o día nos seus quefaceres , pero pronto se animou a cousa ao facer a súa entrada na taberna o señor Faustino o MORRON .
Home señor Faustino que tal imos ? preguntoulle Joaquin ao entrar pola porta da taberna . Boas tardes teñan señores , ben ben grazas a Deus.
Tómese unha cunca connosco e fagamos unha partida de virisca que hoxe estamos preparados para gañarlle !
Ben mozos , como non vou xogala si o voso desexo é ese ! Van unhas cuncas ?
Feito Señor Faustino !
Sentáronse os seis e empezaron a baixar cuncas de viño mentres xogaban varias partidas, partidas que o Sr. Faustino arrasaba coas mellores cartas e gañaba unha tras outra, e cada unha que gañaba cunca de viño que caía……
Xa entrada a noite Juan o taberneiro coméntoulles que era mellor que se fose acabando a partida porque se facia moi tarde e mañá seria outro día , como sempre empezaron a refunfuñar porque querían seguir xogando haber si dunha vez por todas o Sr.Faustino terminaba de perder, non foi así e tiveron que levantarse e retirarse.
Alá marcháronse Joaquin , Peleiras , Pombo …mentres na taberna Daniel Cochon comentaba con Faustino a sorte que había tido esa noite coas cartas.
Pero os que se marcharon empezaron a tramar de facerlle a Santa Compaña ao Faustino O Morron, un home que era moi creyente desas cousas do mais alá .
O primeiro que fixeron foi chamar á porta da Sra. Hermosinda ! Ali conseguiron unhas sabanas , varias sartens vellas , uns cazos e varias velas , parte doutras cacharradas que ían atopando polo camiño polo cal ía pasar Faustino para a súa casa situada no lugar de A Bouza, donde vivía coa sua dona Eusebia Alvite.
Desde a casa de Jesus Canoza en diante foron colocando todo o necesario para gastarlle a broma, sabanas , vela…..despois escondéronse a esperar que chegase Faustino , O Peleiras era o que se encargaba de facer as voces , os seus gritos parecían almas en pena que estaban suspirando , Joaquin e Pombo empezaban a darlle ás sartens , cazos e botellas que tiñan ao seu carón , o chegar Faustino e escoitar aquelas voces do máis aló, aquelas sabanas e os ruidos por todo o camiño asustouse e daba marcha atrás pero pronto escoitaba ruídos tamén co cal atopábase rodeado dos seres do mais aló por todos os lados ! Nunha destas cando Faustino quixo dar a volta para dirixirse á taberna a pedir auxilio aparece en escena Juan o taberneiro que sabedor de que algo estaban tramando quería saber que pasaba , só ocorréuselle prender lume a un pitillo con un mechero de mecha e Faustino ao ver aquelas faíscas xa non aguantou mais e saíu correndo disparado cara á casa de Canoza , pegoulle unha patada ao portalón da entrada da casa que estaba gardada por dous cans enormes , pero nin os cans puideron facerlle fronte a un Faustino asustadizo e pedindo axuda chamaba polos veciños, pronto saíu na súa axuda Basilia que tratou de acougalo e acompañalo ata a súa casa.
Ao día seguinte Faustino empezoulle a darlle voltas á cabeza pensando quen puidera ser os que fixeran toda a trama da Santa Compaña , o primeiro que pensou foi en Joaquin Guiadanes e alá foise cun coitelo a casa do pai do raparigo , José Guiadanes cantos fillos tes ? Preguntou Faustino todo enfurecido , teño catro Faustino , porque mo preguntas ?
Porque a partir de hoxe conta cun menos ! E así foi polas casas dos demais preguntando e respondendo aos seus respectivos pais.
Durante uns días os da trastada trataban de non atoparse polos camiños con Faustino , ata que os veciños ían convencéndoo de que os deixase en paz , que eles non facían esas cousas , que eran de boas familias e non se lles ía a ocorrer semellante tal cousa.
Así Faustino foise convencendo e cando aos poucos días atopábaos pola parroquia comentáballes : Seguiredes sendo amigos meus ! Porque xa sei quen me fixo iso : foron as almas do outro mundo.
Uns meses antes de falecer estiven na casa de Joaquin Guiadanes, mentras tomábamos un viño recordoume esta historia , unha historia que Juan o taberneiro tamén tema contado en vida fai muitos anos.