2- DÍA DE TODOLOS SANTOS.

Día de santos e aires de defuntos, debullando lembranzas…

Estos días moitos de nós visitaremos o cemiterio, venme a mente as xentiñas da Isla da Palma, que lamentablemente teñen dous cemiterios pechados por mor da lava e non podrán levar flores os seus seres queridos coma todolos anos.

 O tratamento que lle damos á morte por estes lares de raíces celtas forma parte do noso patrimonio cultural intanxible.
Os cemiterios son parte da paisaxe da Parroquia, normalmente están situados preto das nosas casas, en lugares a resgardo, onde podamos ir de cote a visitar os finados, poñerlle unhas flores ou simplemente estar alí, xunto a eles, uns momentos para falar con eles, recordalos ou simplemente rezar

Ao chegar este día o cemiterio énchese de flores, nos nichos dos nosos seres queridos non todo o mundo coloca a mesma flor, de todas as flores que se colocan, tanto neste día como no resto do ano, destacan catro tipos : hai quen prefire colocar caraveis, a súa utilización expresa un sinal de condolencia, dá a entender que entre o ser que está alí enterrado e quen lle pon os caraveis había vínculos moi estreitos.
Hai quen, por outra banda, este día prefire colocar crisantemos, unha flor que simboliza o efémero da vida.
As rosas, dependendo da súa cor, teñen un significado, as brancas encarnan a inocencia, as rosadas aprecio e agradecimiento e as vermellas amor e respeto.
Os que se inclinan polos gladiolos é porque representan o recordo e a fidelidade.

Non entendín nunca o porque facer cemiterios afastados do pobo onde un vive, moi típico noutros lugares de España, só fai que che vaias esquecendo daqueles antepasados teus ou dos teus veciños que apreciabas e que de cando en vez che achegas ao seu nicho para estar un momento recordándoo.
Cando era un neno recordo de ir a moitas casas a dar o pésame, daquela os velorios realizábanse na casa do defunto, agora os tanatorios rompen por completo aquelas escenas que sucedían na casa do falecido, mágoa perder as tradicións.
Alí comezábase a recordar ao morto de unha forma mui diferente a de agora, mentras as mulleres estaban chorando na habitación co corpo presente, os homes ían a cociña, alí recordaban as anécdotas, facían comentarios sobre as vivencias co defunto, da boa persoa que era….Mentres se falaba do difuntiño, para pasar o “trago” acompañabanse de cafés, aguardientes varias ou viño, tamén eran necesarias unhas galletas, un pouco de queixo ou o que houbese nese momento na alacena da cociña.


Eu adoitaba quedarme coa miña avóa, agarrado á súa saia e non a soltaba en todo o tempo que estivésemos na casa do finado, os meus ollos eran como pratos, vendo aquelas esceas, que congoxa me entraba ao escoitar aquelas mulleres que choraban e choraban sen parar, ás veces facían alusión ao finado, comentaban o boa persoa que fora nesta vida, ou ben a penuria que deixaba na casa, se desconsolaban dicindo que ía ser dos seus fillos e da súa viuda… e volvían chorar, máis forte aínda, miña naiciña! Que medo pasaba! Aquela noite eu non pegaba ollo!
Pero non aprendía, e cando volvía haber difunto ala iba eu de novo con Ramona, a miña avóa. Cando finalizaba o enterro, recordo que ao chegar á miña casa a miña avóa facíame pasar por encima dunha pequena fogueira que ela mesma preparaba na cociña, era costume ao chegar a casa logo dun enterro de pasar por encima dunha pequena fogueira feita de ramas de loureiro, seica era para evitar o Aire do Defunto.
Cando convencía á miña avóa para que me contase cousas sobre os defuntos, ela mirábame asombrada, dicía mirando para o ceo e persignándose: Hai meu Dios ! Este rapaz ten o demo no corpo! Alabado sexa Dios, mira que cousas pregunta o Roquiño pequeno, pero para que queres saber ti iso?. Eu insistía…
Un día estaba co fouciño limpando as canas, sentada na banqueta no seu sitio preferido, era o mesmo onde se facía a aguardente e onde se gardaba o carro das vacas. Comentábame que na súa mocidade aos mortos envolvíanos nunha sábana ou tamén nun sudario, adoitaban vestilos con camisa e calzón os homes, e ás mulleres cunha camisa, saia e medias
Tamén se lle ataba un pano desde o queixo á cabeza para pecharlle a boca, recordo de ver algún finado así e metíame un medo do carallo, outra noite ou varias sin dormir, total que entre os mortos e as películas do Conde Drácula que botaban naqueles anos na primeira cadea da TVE levaba un feixe de horas sin pegar ollo!
Tamén me falaba de que moita xente tiña por costume o meter á beira do cadaver algún utensilio, non recordo ben si eran tixeiras ou peines… esto non me quixo decir para que era, sabe Deus para que sería, cando imos morrer cada un temos uns desexos, eu por exemplo quero que metan conmigo o móbil, non vaía ser que me envíen algún wasap…
Todo isto da fogueira para quitar o Aire, era debido a unhas crenzas de tempos ancestrais, onde as persoas que estivesen en contacto co morto podía afectarlles. Dicíame a miña avóa (ás veces non quería contestarme ás miñas preguntas), que se procuraba facer este tipo de cousas para quitar o Aire do Morto, debido a que a alma do finado podía andar vagando ao noso redor. E adoitaba ocorrer que quen estaba máis propenso a coller o Aire eramos os nenos.
Ás veces comentábase que logo de enterrar os restos do falecido, sucedían algúns feitos que non eran normais, ruídos estraños que normalmente sucedían na habitación do defunto, e nalgunhas das veces comezaban a ver que algun pequeno da familia ía enfermando e ninguén podía remedialo, nin os médicos, nin os curas, enton era cando facíanlle os ritos que tiñan por costume según na aldea que fora, para poder salvar o neno recurrían o que fixera falla, coma nos facemos actualmente, sexa o que sexa.
Pero este día de visitar os camposantos tamén aproveitamos a ocasión para saudar aos parentes que fai tempo que non ves, ou aos compañeiros teus de mocidade, que sempre falamos de xuntarnos un día e facer unha comida, outros aproveitan o momento tamén para falar do tempo que fai, das colleitas ou de facer algún negocio se se dá a ocasión…

Eu seguirei co meu costume, coa miña tradición, visitarei os cemiterios de San Mauro, Campañó e Cerponzóns, alí descansan os meus seres queridos, alí irei é volvereilles a dicir o de todos os anos : Grazas por todo o que me destes.

Un comentario en “2- DÍA DE TODOLOS SANTOS.

  1. Pingback: TIPOS DE AIRE Y AIRE DE DIFUNTO EN GALICIA – MISTERIOS Y LEYENDAS DE GALICIA Y ASTURIAS

Deixar un comentario