PONTE BEÁN, por Xosé Manuel Pereira Fernández 

Comparto a Conferencia que ofreceu o historiador Xosé Manuel Pereira Fernández.

Cerponzóns 15/12/2019

PONTE BEÁN: RECUPERACIÓN DUN TOPÓNIMO ESQUENCIDO E UNHA PONTE SOTERRADA

PONTE BEÁN: RECUPERACIÓN DUN TOPÓNIMO ESQUENCIDO E UNHA PONTE SOTERRADA

PONTE BEÁN NA NOITE DOS TEMPOS

A primeira referencia documental de Ponte Beán pérdese na noite dos tempos. Posiblemente por ela pasou Xelmírez en 1102 cando, despois de descansar varias xornadas en Guxilde á espera da preparación dos grandes fastos de recibimento en Compostela, reiniciou a marcha cara a Santiago ao seu regreso de Braga despois de realizar o Pío Latrocinio. Por Ponte Beán tamén pasou o Barón de Rosmithal na súa viaxe por España de 1457. Tal vez puido ser nela, ou no seu entorno, onde tiveron lugar os incidentes que fixeron refulxir as espadas segundo recolle o texto da citada viaxe. Do seu paso por Ponte Beán nas dúas viaxes a Galicia en 1745 e 1754-55 deixou constancia escrita o Padre Sarmiento.

PONTE BEÁN NOS SÉCULOS MODERNOS

A mediados do século XVI atopamos o topónimo na documentación notarial. A modo de exemplo, o 3 de xaneiro de 1551, ante o notario Pedro Agulla, comparecen “Maçias González de Leborey, labrador vezino de la feligresia de San Biçenso de Çerponçons” e o mercador pontevedrés Fernando Teixo. A causa, formalizar a venda por parte do primeiro ao segundo da “miña herdade do Bean questa o longo de otra do mosteyro de Lerez e o longo de otra de Juan de Casas e entesta en o camiño françes en la parte de bayxo no rio”. Dez anos despois, o 11 de febreiro de 1561, ante o mesmo Pedro Agulla o párroco de San Bartolomeu de Pontevedra, Rodrigo de Patiño, arrendaba a Pedro Bello de Alba e a María Fonso Sigigueira de Campañó “los sus molinos que tiene abaxo de la Puente Bean con sus dos ruedas y con sus casas y con todo lo a ellos anexo e pertenesçiente para que cada uno dellos tenga e posea una rueda del dicho molino con su casa y los dos biban e moren por tienpo y espaçio de seys años”.

Nas actas dos Libros de Consistorio do Concejo de Pontevedra ten Ponte Beán un destacado protagonismo no tramo final do século XVI. Nese período temporal abundan as lagoas documentais no referido á documentación municipal, consecuencia da perda dunha serie dos citados libros. A anomalía non permite unha perfecta visualización dos feitos. Aínda así sabemos que o 26 de xuño de 1586 as obras de reedificación realizadas na Ponte Beán desembocaran nun preito que nesa data atopábase na Coruña na Real Audiencia, o máximo órgano de xustiza de Galicia. Causa do contencioso foi o repartimento realizado para pagar o importe das obras. Ao non solucionarse nesa instancia, a controversia saltou á Corte. Así o recolle a acta capitular do 9 de marzo de 1591. Información máis relevante para un mellor coñecemento dos feitos contén a do 7 de xuño dese ano de 1591. Na citada data, un desesperado Pedro López -debeu ser o canteiro, principal responsable da obra- fai ver aos munícipes que a obra rematara facía case dúas décadas e aínda non cobrara. Os traballos da denominada documentalmente reedificación de Ponte Beán deberan rematar entón cara a 1570. Ao bo de Pedro López atopámolo na documentación en múltiples ocasión, nalgúns casos incluso na Coruña demandando unha solución ao problema xerado pola morosidade institucional.

A situación seguía sen solución nos primeiros anos do século seguinte. Ponte Beán aparece no punto noveno da “Intruçion de los negoçios” que o rexedor, licenciado e avogado pontevedrés Bartolomeu Vega e Cruu levaba o 5 de setembro de 1602 para solucionar na Real Chancelería -o Supremo da época-, daquela en Medina do Campo, e nos “Consejos de su Magestad”, entón en Valladolid. Descoñecemos o resultado final do preito, pero a solución debeu contentar a todos ou case todos os sectores, pois o protagonismo de Ponte Beán decae durante o resto do século XVII, pero sen desaparecer na súa totalidade. Se en 1678 pola “quarta parte del lugar de Ponte Bean” preitean Antonio de San Martín, veciño de Pontevedra e Xacobe Douteiro de “San Bicente de Serponssos”, no 1690 é o alférez Miguel Cabaleiro quen se querela contra Baltasar Melón e a súa dona, Inés do Souto, veciños de San Visensso de Serponsons, pola “pressa de agua que se dise da Balea çita en dicha feligresia de Seponsons con la qual se riega el lugar da Boussa de Ponte Bean”.

A IRRUPCIÓN DE SAN CAETANO

O 31 de decembro de 1676 dona Xacinta Antonia de Andrade da poder ao seu irmán o licenciado don Xerome Carrera e Andrade, reitor da freguesía de Santa María de Alba e Comisario do Santo Oficio, para outorgar o seu testamento “segun y en los terminos que le tenia comunicado, a causa de la grave enfermedad que estaba padeciendo”. O testamento redáctase o 31 de xaneiro de 1677. Nel, dona Xacinta Antonia unía as dúas lexítimas que lle correspondían por herdanza dos seus pais don Xerome de Carrera e dona María Ares de Andrade e creaba un vínculo, cedéndollo á súa irmá dona Mariana Carrera e Andrade, casada co rexedor perpetuo de Pontevedra don Fernando de Saavedra Presedo e Aldao.

Don Fernando de Saavedra Presedo e Aldao renuncia ao cargo de rexedor e redacta o seu testamento o 12 de febreiro de 1688. Ao non ter fillos, e de acordo coa súa muller dona Mariana Carrera e Andrade, deciden crear unha Obra Pía e vincular a ela as propiedades de ámbolos dous. Entre as de dona Mariana estaban as que lle cedera a súa irmá dona Xacinta Antonia. Como testamentarios e cumpridores das últimas vontades de don Fernando de Saavedra quedan a súa muller, dona Mariana e o párroco de Alba don Xerome Carrera e Andrade.

Dúas décadas despois, o 4 de abril de 1709, é o rector de Alba e cargo da Inquisición don Xerome Carrera e Andrade quen aparece ante notario. Faino para redactar testamento e outorgar poder como testamentarios ao seu irmán o licenciado don Antonio Carrera e Andrade, reitor da freguesía de San Martiño de Liñaio, e ao licenciado don Ventura de Arauxo, avogado da Real Audiencia do Reino de Galicia. No documento, don Xerome declara que a súa irmá dona Mariana Carrera de Andrade lle encargara a edificación dunha capela na honra de San Caetano “en la parte que le pareciese”. A capela, indica, a construíra “en el sitio que llaman la Puente Bean”. Como única herdeira, testamentaria e patroa de San Caetano deixa a súa sobriña dona María Xosefa Carrera e Andrade. Aos dous testamentarios antes citados indícalles que se el en vida non puidese rematar a capela de San Caetano a acabasen eles. Por un documento notarial redactado o 14 de maio do citado 1709 por don Antonio Carrera e don Ventura de Arauxo sabemos que don Xerome Carrera morrera, sen especificar a data, no antes citado mes de abril.

Quen pilotou a dirección de San Caetano non foron os dous testamentarios citados de forma repetida, senón a sobriña do párroco don Xerome, dona María Xosefa Carrera e Andrade, casada e axiña viúva de don André Osorio Galos. Outro Osorio Galos, don Xosé, foi párroco de Cerponzóns e o seu anexo de Berducido. Faleceu o 4 de decembro de 1711. O seu testamento consta de 84 folios. Debeu ser un home culto e de lectura, pois a relación de libros da súa propiedade ocupan máis dun folio. Se regresamos a dona María Xosefa, o 8 de agosto do mesmo ano de 1709, pouco máis de tres meses despois do pasamento do seu tío aparece ante notario redactando a escritura de Fundación da Capela de San Caetano. No documento afirma que a mesma fixérase en Ponte Beán porque ao ser “a la continua de mucho concurso de xente causa y causara mayor debozion”. Igualmente indica na súa comparecencia notarial que para o remate da capela unicamente faltaba a construción do coro e xa facía dous anos celebrábase misa nela. Tres anos despois, o 13 de xuño de 1712, dona María Xosefa concértase co canteiro de Gatomorto, Pablo Solla, para facer a capela maior de San Caetano.

A documentación permite una perfecta visualización do poder e capacidade económica acadada por San Caetano a partir de comezos da década dos anos vinte do século XVIII. A partir de entón convértese nun relevante centro fiduciario emisor de censos redimibles ao quitar segundo a terminoloxía da época. Dito doutro xeito, a capela de San Caetano emite préstamos a quen llos solicite, sempre e cando teña propiedades propias que o abalen. Como os solicitantes van ser labregos con problemas de liquidez, estes non van poder pagar os intereses a devengar e as propiedades rematan en mans da capela de San Caetano. As consecuencias desta estratexia tradúcense en varios folios de propiedades á altura de 1832, segundo informa documentación depositada no Arquivo Histórico Nacional da Nobreza de Toledo. O protagonismo e importancia de San Caetano tamén é visible nos testamentos e o progresivo aumento do número de persoas que ordenan a celebración de misas na súa honra nos documentos de últimas vontades.

DE PONTE BEÁN A SAN CAETANO

A construción do Camiño Real e o Real Plantío por parte do Arcebispo Malvar no século XVIII modificou radicalmente a conexión viaria de Pontevedra con Santiago de Compostela. Se durante séculos Ponte Beán foi unha especie de quilómetro cero da mesma, como recolle o Catastro de Ensenada e a documentación depositada no Arquivo da Deputación de Pontevedra, co novo vial Ponte Beán queda completamente lateralizada. Segundo a documentación municipal, en 1788 atopábase “avierto y estar perfeccionando el Camino Real desde Puente Abalga hasta la entrada de esta villa”. A intención municipal era “para el proxsimo año seguir en romper desde la salida de esta repetida villa hasta el Puente San Payo”. Nembargantes un sector da sociedade, os peregrinos, deberon seguir empregando a vía tradicional que durante séculos pasaba por Ponte Beán e chegaba a Santiago de Compostela. Así o recolle o testamento redactado en 1813 por Benito Castro, veciño de Campañó. Ente as súas últimas vontades manda ao seu herdeiro “…con la obligacion precisa y no sin ella de que el sobredicho interin que viva ha de dar posada a los pobres peregrinos y de comer, y para dormir paja y cubierto, a imitacion de como lo hago…”.

Ponte Beán e a relación nominal das persoas que vivían no lugar aparecen no Catastro de Ensenada como pertencentes á freguesía de Cerponzóns a mediados do século XVIII. Sen embargo, un século despois, en 1845, Ponte Beán non aparece no Dicionario de Madoz e o seu lugar é ocupado por San Caetano. Ao mesmo tempo, o espazo físico que dende as primeiras constancias documentais sempre pertencera a San Vicente de Cerponzóns é propiedade de Santa María de Alba. A documentación notarial, do mesmo xeito que mostra en múltiples ocasións a Ponte Beán como lugar de reunión para a redacción de acordos, tamén permite explicar o paso de Cerponzóns a Alba. Conforme nos adentramos no século XVIII e a capela de San Caetano acada maior identidade, en función de a quen corresponda o protagonismo no documento o espazo físico corresponderá a Alba ou a Cerponzóns. Se no protocolo notarial aparece un relixioso, entón a pertenza corresponde a Santa María de Alba. No caso de seren unicamente parroquianos os responsables da redacción documental, afirmarán pertencer Ponte Beán e o seu entorno a San Vicente de Cerponzóns. Curioso e sorprendente resulta o posicionamento dos paisanos nas súas comperecencias ante notario, pois mesmo na segunda metade do século XIX, cando na terminolóxia oficial Ponte Beán forma parte indiscutible de Alba, eles seguirán mantendo a súa pertenza a Cerponzóns. Máis ainda, daquela, institucionalmente Ponte Beán xa fora substituido por Ponte de San Caetano.

O SOTERRAMENTO DE PONTE BEÁN

Ponte Beán sofre unha profunda modificación no entorno de 1853. O 22 de outubro don Xosé García Limeses asina un informe para a Deputación Provincial de Pontevedra indicando a conveniencia de derrubar a antiga ponte e construír unha nova. O documento describe a ponte antiga. Tiña un único arco semicircular xerador de fortes rampas de subida e baixada. Gardaría entón similitude coa ponte orixinal de Ourense e, con esas características, posiblemente fose unha ponte romana ou alto medieval. Coa nova ponte buscábase eliminar as pendentes e conseguir un trazado horizontal. Constaría de tres arcos e construiríase ex novo a poucos metros da antiga. Algo semellante no desprazamento sucedeu coa actual Ponte do Burgo.

Unha fotografía de Lorenzo Novás Rarís podería documentarnos sobre a imaxe da nova Ponte Beán, para don Xosé García Limeses xa Ponte de San Caetano. Segundo Xosé Manuel Pidre Novás, neto de Lorenzo Novás Rarís e a quen agradezo a deferencia de facilitarme a foto, a mesma está datada en 1910 e corresponde a Ponte Beán. Pola contra, como posterior postal presenta a nomenclatura de Ponte Cabras. Esa era a versión oficial ata a localización fai uns días do informe de don Xosé García Limeses. Sen embargo, difícil resulta enmarcar a ponte de tres arcos no espazo ocupado por Ponte Cabras e que fose a ponte de pedra derruída cando se construíu a Cross en 1954-56.

Ata o presente non sabemos a data exacta do soterramento de Ponte Beán ou Ponte de San Caetano. Soterrada aparece nunhas fotografías facilitadas a Xoán Xosé Esperón e datadas en 1951. O topónimo de Ponte Beán tamén perdeuse co paso do tempo. ¿Cantos veciños de Santa María de Alba ou San Vicente de Cerponzóns emprégano na actualidade ou saben identificalo sen dificultade? Posiblemente sexan moitos, pero eu tardei máis de vinte anos en localizar a un capaz de dicirme onde estaba a Ponte Beán que con tanto protagonismo e tan repetidas veces aparecíame na documentación dos séculos XVI ao XVIII. Aconteceu a comezos deste verán e foi o párroco de Cerponzóns don Manuel Míguez Redondo quen lle puxo localización grazas á pregunta de Xosé Manuel Pidre Novás, a quen agradezo a mediación. Sen esa información, hoxe non estaríamos aquí.

Listado de curas que hubo na parroquia de Alba.


Ata o presente non sabemos a data exacta do soterramento de Ponte Beán ou Ponte de San Caetano. Soterrada aparece nunhas fotografías facilitadas a Xoán Xosé Esperón e datadas en 1951.

Procesión pasando por Ponte Beán, ano 1951.
Procesión, ano 1951
Banda de Música e Gaitas, diante da Capela de San Caetano, ano 1951

O topónimo de Ponte Beán tamén perdeuse co paso do tempo. ¿Cantos veciños de Santa María de Alba ou San Vicente de Cerponzóns emprégano na actualidade ou saben identificalo sen dificultade? Posiblemente sexan moitos, pero eu tardei máis de vinte anos en localizar a un capaz de dicirme onde estaba a Ponte Beán que con tanto protagonismo e tan repetidas veces aparecíame na documentación dos séculos XVI ao XVIII. Aconteceu a comezos deste verán e foi o párroco de Cerponzóns don Manuel Miguez Redondo quen lle puxo localización grazas á pregunta de Xosé Manuel Pidre Novás, a quen agradezo a mediación. Sen esa información, hoxe non estaríamos aquí.

FOTOGRAFÍAS ANOS 1970

Capela de San Caetano, anos 1970



NOTA :

Xosé Manuel Pereira Fernández e licenciado en Xeografía e Historia, becario do Ministerio de Educación e Ciencia, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e do Departamento de Historia Moderna da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os seus logros podemos destacar a consecución do primeiro posto acadado no III Premio Ferro Couselo de Investigación, cun traballo titulado A Pontevedra de Felipe II.

Entre as súas publicacións podemos destacar : A Pontevedra de Felipe II e O Balneario de Lérez. A aventura termal de Casimiro Gómez.

Son innumerables os seus artigos e conferencias en diversos medios e foros, dende o ano 1995 ten unha publicación semanal de opinión no Diario de Pontevedra.

Jueves, 30 de julio de 1998

Pereira Fernández gañador do premio “Xesús Ferro”

D.P. Pontevedra

O historiador pontevedrés Xosé Manuel Pereira Fernández, Becario do Departamento de Historia Moderna da Universidade de San- tiago de Compostela, resultou ser o gañador do “III Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo” (primeira modalidade), que anual- mente convoca o Concello de Valga (Pontevedra), dotado cunha contía de 500.000 pesetas, polo seu traballo “A Pontevedra de Felipe II”. O fallo do premio foi emitido po un xurado presidido por José María Bello Maneiro e composto por Fernando Acuña Castroviejo, Catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela; Marcial Gondar Portasany, Catedrático de Antropoloxía da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela; Xulio Rodriguez González; Facultativo do Corpo Superior de Museos; Pegerto Saavedra Fernández; Catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela e Carlos García Novo, que actuaba como secretario do mesmo.

O gañador

Xosé Manuel Pereira Fernández, é natural de Pontevedra e neste momento ademais de Becario do Departamento de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, Bolseiro da Xuntade Galicia. Está a redacta-la súa Tese de Doutoramento, que leva o título de “Pesca e vida urbana na ría de Pontevedra: a. 1500-1800”.

Asimesmo ven de participar, sendo o único representante das tres universidades galegas, no magno Congreso celebrado en Lisboa con motivo da Expo 98.

AGRADECEMENTOS :

( Grazas a A. Tejedo, por contribuir coas fotos do ano 1951)