15- FESTA DO PATRÓN DO ANO 1968, O LOBO CANTANTE.

22 de Xaneiro de 1968, festividade de San Vicente, patrón da parroquia de Cerponzóns.

Mentres ese mesmo día no Cabo Cañaveral (Florida), Estados Unidos lanzaba o Apolo 5, nós estabamos de festas patronais.

Naqueles tempos respectábase o día propio do patrón, caese o día da semana que fose e ese día foi un luns.

Á fronte da comisión de festexos estaba o señor Albino e organizounos á perfección, como sempre adoitaba facelo.

Para o día do patrón contrataron un grupo de gaitas, que ademais de estar pola mañá tocando alboradas, estiveron pola noite na verbena, unha verbena que estaba amenizada pola gran orquestra MONTECARLO.

Uns días antes dos tres días de festas habituais, os compoñentes da comisión de festas tiveron que preparar todo o relacionado coa montaxe que había que realizar no atrio, principalmente o palco de música, ano tras ano había que facer un.

Había que ir ao monte e cortar uns cuantos piñeiros, cun tamaño adecuado, para facer a base do palco e despois traían unhas táboas (seguramente do serradoiro de Alba) para colocar de base onde se poñerían os músicos, por diante do palco, en forma de cruz, un par de troncos para máis seguridade.

Aquel ano tres integrantes da comisión foron ata a do Laparuzas para pedirlle un favor, á parte de axuda económica para as festas.

Filiberto, Miguel o perruqueiro e O Conexo do Bravo chegaron á barra e pediron uns viños, comezaron a establecer conversación con O Laparuzas e mentres lle pedían para San Vicente, dixéronlle que necesitaban un toldo para o palco de música, uns dias antes fixáronse que o camión de repartición de materiais de construción tiña un gran toldo que lle iría perfectamente para cubrir o palco os tres días de festa.

Tiveron que pedir unha rolda máis de viños para convencer ao señor Moncho para que lles prestase devandito toldo, pero ao fin lográrono.

E con todo preparado, chegaron os tres días de festas patronais, o palco, as bandeirolas que cruzaban o atrio dunha esquina a outra, as bombillas, os postos de rosquillas e algun que outro xoguete e por suposto non podía faltar o posto de viño, cervexas e algún que outro refresco daqueles tempos, tipo Fis Fas.

Todo o atrio estaba cheo de xente, había muita expectación e ainda que era luns e o día seguinte había que traballar, os veciños acudiron para escoitar a Miguelin

A orquestra MONTECARLO tiña un compoñente que era coñecido por todos os asistentes, o noso veciño Miguelin, un extraordinario acordeonista que tamén facía voces co cantante da orquestra, coñecido por Chucho, nos popurrís habituais daqueles anos sesenta.

Miguelin e Chucho.
Miguelin e Chucho

A orquestra tocaba temas variados, daba gusto escoitar as cancións que habitualmente escoitabamos pola radio : os pekenikes, o dúo dinámico, os brincos, os cinco latinos…e os veciños pasábano en grande, ata que un deles quixo subirse ao palco e demostrar que cantaba mellor que Chucho, así que o deixaron subir e comezaron a tocar unha canción para que o noso veciño deleitase coa súa portentosa voz a todos os presentes, de seguro que os mais maiores da parroquia ainda recordan ese momento.

Manolo, no centro da foto.
Manolo, no centro, con garabata.

Manuel Paz, O Perrechico, máis coñecido por O Lobo, foi un paisano moi querido en Cerponzóns, un tipo entrañable.

Por certo, alguén recoñoce a veciña que se ve a esquerda da imaxen?

24- PASARELA DE TRAXES TRADICIONAIS.

1ª PASARELA DE TRAXES TRADICIONAIS…

O día 10 de Xuño a Asc. de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns organizou a 1ª PASARELA DE TRAXES TRADICIONÁIS E CONCERTO GALEGO.

Nesta pasarela vimos traxes da agrupación Sete Espadelas que foron premiados no concurso do ‘Día do enxalzamento do traxe galego’ celebrado en Santiago de Compostela en xullo do 2021.

A asociación etnográfica Sete Espadelas logrou nove dos trece premios que se entregaban na 42 edición do concurso celebrado en Santiago con motivo do Día do enxalzamento do traxe galego.

Son xa 37 premios conseguidos por esta agrupación no Día do Enxalzamento do Traxe de Santiago e 11 premios de Investigación Antón Fraguas.

Sete Espadelas ten como obxectivo desde o seu fundación, o estudo, a conservación, a divulgación e a reprodución do traxe tradicional galego.

A agrupación pontevedresa naceu co obxectivo de estudar, conservar, divulgar e reproducir o traxe tradicional galego baixo a dirección de José Luís Rodríguez e David Quiñones.

Para esta pasarela contamos con veciñas e veciños da parroquia de Cerponzóns que se sumaron a este evento para participar como modelos no desfile, foi unha noite inolvidable, as modelos pasaronno xenial, unha nova experencia nas súas vidas.

Desde a Asociación de Veciños O Chedeiro queremos dar as grazas aos veciños e veciñas que nos acompañaron.

Desde a Asc. Sete Espadelas enviaronnos a descripción dos traxes conque desfilaron as veciñas e do veciño :

ASOCIACIÓN ETNOGRÁFICA SETE ESPADELAS.

As modelos de Cerponzóns luciron os traxes seguintes :

Josefa Prado : TRAXE DE MURAS…Josefa é outro exemplo de muller traballadora. Móstranos hoxe un traxe deste concello da comarca da Terra cha luguesa.

Destacan neste traxe o pano do pescozo e o da cabeza, dos chamados “panos de percal”, “panos de vran” ou “panos de tinta”, reproducción duns antigos.

Estés panos usábanse nos meses máis calurosos, xa que están feitos en tecido de algodón. Os máis comúns eran en tonos azuis ou vermellos con diferentes debuxos.

A outra prenda característica deste traxe é o cinguideiro de picote raiado azul e negro, reproducción dun parecido neste concello, que tapa case por completo a saia, de estameña cor cereixa, para a protexer.

Josefa Prado
Josefa Prado

Mª Carmen Peón : TRAXE DE LOITO…Mª Carmen preséntanos hoxe un traxe de loito.

O loito, desgraciadamente, era un estado moi habitual na Galicia rural, por mor dos traballos no mar, das enfermidades e da falta de recursos. Ademais do loito por morte, tamén había o chamado “loito de vivos” ou “viúvas en vida” que eran o que poñían as mulleres cando os maridos estaban ausentes na emigración ou ben embarcados.

A vestimenta de loito era de negro riguroso, e o único adorno permitido era a cinta que remataba as pezas, por iso tamén se coñecían coma “traxes de reberete “.

Hoxe aquí podemos ver dúas mulleres de loito camiño da Igrexa, con traxes algo diferentes en función da comarca.

Mª Carmen leva un traxe da montaña, con mantillón de pano e unha lensa de picote cubrindo a saia.

Tamén vemos diferenzas nos panos do pescozo, de la no traxe de montaña e de seda adamascada no da vila, e no calzado, con zocos de coiro ou zapatos negros.

Levan na man o rosario e o misal.

Mª Carmen Peón

Estrella Rodríguez: TRAXE DE LOITO…Estrella preséntanos hoxe un traxe de loito.

O loito, desgraciadamente, era un estado moi habitual na Galicia rural, por mor dos traballos no mar, das enfermidades e da falta de recursos. Ademais do loito por morte, tamén había o chamado “loito de vivos” ou “viúvas en vida” que eran o que poñían as mulleres cando os maridos estaban ausentes na emigración ou ben embarcados.

A vestimenta de loito era de negro riguroso, e o único adorno permitido era a cinta que remataba as pezas, por iso tamén se coñecían coma “traxes de reberete “.

Hoxe aquí podemos ver dúas mulleres de loito camiño da Igrexa, con traxes algo diferentes en función da comarca.

Estrella, cun traxe da vila, leva mantela para se cubrir a cabeza e mantelo de pano Segovia sobre a saia.

Tamén vemos diferenzas nos panos do pescozo, de la no traxe de montaña e de seda adamascada no da vila, e no calzado, con zocos de coiro ou zapatos negros.

Levan na man o rosario e o misal.

Estrella Rodríguez

Carmen Señoráns : TRAXE DE PORTOMARÍN…Carmen luce un traxe de decotío deste concello lugués.

Leva sobre a cabeza unha sella ou balde antigo para transportar auga.

Destaca o pano do pescozo de meiriño pintado, dos chamados “de cachemir” ou “de mil cores”, é de oito puntas, xa que o pano é rectangular e mide algo máis de 3 metros de longo, polo que hai que dobralo á metade para colocalo, de aí o de seu nome, de oito puntas.

A outra prenda característica deste traxe é a saia de picote vermello coa parte baixa en estameña azul, reproducción exacta dunha antiga.

Sobre ela leva unha raxeta, devantal, ou mandileta, de picote pardo con raias vermellas.

Deixa ver polo lado a faldriqueira de picote negro, reberetada con fita de algodón, usada para gardar as súas cousas.

Carmen Señoráns

Nieves Filgueira : TRAXE DE CODESIDO- VILALBA…Nieves amosa esta noite este traxe da comarca da Terra Chá luguesa que representa o xeito de vestir na montaña no século XIX.

Chama a atención o mandil das costas, prenda para se protexer do frío e da choiva, feito en picote raiado e rematado cun pequeno zócalo de cadros. Estes mandís eran moi comúns en toda Galicia, e eran usados tanto por homens coma por mulleres.

A saia é de estameña verde, reproducción exacta dunha antiga. Por riba dela leva un cinguideiro de picote raiado cun zócalo de pano azul pespuntado.

En toda esta comarca aparecen múltiples exemplos de cinguideiros raiados de picote, en diferentes cores e con zócalos de pano ou incluso panilla.

Nieves Filgueira

Mercedes Louzao : TRAXE DE OUTES…Esta noite Mercedes viste roupa de diario da comarca de Noia.

Apreciamos neste conxunto o característico sombreiro de palla, reberetado en negro para se protexer do sol nas labores do campo, coñecido como “sancosmeiro”, por ser realizados todos eles aínda hoxe, na parroquia de San Cosme de Outeiro no concello de Outes.

Sobre a camisa cruza un pano de meiriño, atado ás costas.

Outra prenda que debemos sinalar é o “cinguideiro” de picote ou candil, tecido realizado en tear manual co urdido de liño e a trama de lá. Neste caso facendo vistosas raias e cobre dúas sinxelas saias de estameña amarela adornadas con dobras.

Nos pés leva “os zocos” de madeira e coiro. As galegas e galegos non usaban zapatos, salvo en ocasións moi especiais, e ademais non lles gustaban, xa que, debido o clima e aos camiños, eran un calzado menos práctico.

Mercedes Louzao

Clara Fontán : TRAXE DE ALBIXOI-MESÍA…Clara viste unha reproducción do traxe aparecido nesta parroquia do concello coruñés de Mesía.

Neste conxunto destaca a saia, de estameña parda con remontas de pano azul formando debuxos xeométricos. Esta saia leva a cintura coa confección antiga, das chamadas “de carteira” ou “de pañal”, porque pecha en dúas partes, permitindo adaptarse facilmente ás variacións de contorno da muller, algo moi frecuente naquel momento debido aos numerosos embarazos.

A vistosa “raxeta” é de picote ou candil raiado, tamén adornada con remontas de pano azul.

Leva como “pano de pescozo” un pano rameado ou de ramazóns vermello de meiriño e na cabeza outro pano amarelo.

Clara Fontán

Liliana Casás : TRAXE DE MALPICA DE BERGANTIÑOS…Nesta reproducción que loce Liliana dun traxe de cerimonia bergantiñán, destaca a chaqueta, propia de esta comarca, cunhas grandes lapelas redondeadas, que se asemellan a un dengue, ricamente adornadas con agremáns, ao igual que os pulsos. Pecha cun broche de prata. O amplo escote deixa ver o pano de Laire antigo, de seda adamascada vermella, un auténtico tesouro que conserva a data de 1883 bordada.

O mantelo, de pano e veludo, leva unha Tirana de agremán realizado co método tradicional, con sou taches de seda e abelorios de cristal checo e cobre unha saia vermella coa cintura finamente riscada. O mandil é outra das pezas máis espectaculares, feito en pano cun zócalo de veludo e unha tirana que o cruza, de aí que se coñecesen como “diantais partidos”. Vai adornado con diferentes agremáns, algúns deles antigo e de gran valor.

Liliana Casás

Clara Solla : TRAXE DA ÍNSUA- VILALBA…Na comarca da Terra Chá e, en especial, no concello de Vilalba, atopamos múltiples exemplos de cinguideiros de picote raiados feitos en tear tradicional, moitos deles cun zócalo coma adorno.

Neste conxunto que nos amosa Clara vemos un de picote pardo con raias azuis e co adorno dunha sinxela remonta de paño azul. Con el cubre unha saia de estameña.

Coma pano do pescozo loce un pano de meiriño antigo pardo de gran valor, é na cabeza leva anoado un pano negro de ramazóns con flocos, que aínda que teñen a súa orixe no leste de Europa, aquí foron coñocidos coma panos portugueses pola súa fabricación desde finais do XIX no país veciño.

Clara Solla

Chicha (Esperanza Bugallo) : TRAXE DE IRIXOA…Chicha luce esta noite un conxunto domingueiro ou de ir à vila, reproducción dun recollido neste concello da comarca de Betanzos.

A saia está confeccionada en picote pardo e vai rematada cun zócalo de baeta vermella. Sobre ela leva unha raxeta ou mandileta de picote ou candil, moi característica neste caso por ir pregada facendo táboas e decorada con dúas tiranas vermellas.

Sobre a camisa, como pano de pescozo leva un rameado ou de ramazóns antigo en cor amarela. Estes panos teñen a súa orixe en Ucraína pero enseguida se puxeron de moda en toda Europa e unha vez que chegaron a Galicia, as mulleres galegas, acostumadas a panos de menos cor, os incorporaron ao noso traxe.

O pintor ferrolán Álvarez de Sotomayor deixou ducias de exemplos nos seus óleos de mulleres galegas con panos rameados amarelos, laranxas ou vermellos.

Chicha Bugallo

JJ Esperón: TRAXE DE SANTIAGO…Esperón amósanos hoxe un traxe compostelán onde destaca o chaleco de estameña azul coas lapelas de veludo decoradas cos pespuntes.

As costas, de liño, van bordadas a man e decoradas con debuxos feitos a troquel no pano.

Da faixa de lá pendura o pano de namorar de seda, agasallo moi común das mozas aos mozos, de aí o seu nome.

O calzón, de pano negro, pecha con botanadura metálica e deixa ver as cirolas de liño nos xeonllos.

As polainas van a xogo co calzón.

Na cabeza leva unha alta monteira de pano e veludo, bordada a man con diferentes motivos e decorada con borlas.

JJ Esperón