A CHEGADA DO PLÁSTICO A RONS.

Para agradecer as 150.000 visitas ao meu blogue, comparto con todos os seguidores un novo relato, trata da chegada do plástico a casa dos meus avós da Rons.

Podemos vivir sen plástico? A resposta témola en como llas arranxaban os nosos maiores sen o plástico. Basta unha viaxe ao pasado para descubrir a utilización dos cestos de vimbia, as fiambreras de metal ou os cascos de cristal.

Desde fai uns sesenta anos, cada vez que imos á compra cargamos o carro da compra ou a bolsa cun feixe de envases de plástico, a nosa vida vira en torno ao plástico desde aquel entón, agora parece que algo se quere facer desde os gobernos, é evidente que hai que tomar medidas, quizais volver a vista atrás e substituír o plástico por materiais como o cartón, a madeira ou fabricar plásticos que se desfagan no medio ambiente, hai que recoñocer que observamos nestes últimos anos que algúns pasos xa se están dando, pero ainda queda muito por facer.

Os que estades a ler isto e xa tedes unha idade para lembrar aqueles finais anos da década dos cincuenta e principios dos sesenta, seguro que si vos poñedes a pensar un pouco, lembraredes que practicamente nas nosas casas non tiñamos ningún utensilio de plástico, o que usaban os nosos pais e avós era principalmente eran o papel (aquel papel de estraza) na que a froita, o peixe ou a carne envolvíanse en dito papel de estraza. Era un material rugoso e áspero co que se empaquetaban os produtos que se compraban nos ultramarinos, mercados e prazas, a maioría das veces con ese papel envolvíanse os produtos facéndolle ao papel a forma dun cono ou cucurucho, outras veces usábase tamén o papel de xornal e se se daba o caso de que os materiais eran moi graxentos, usábase o papel encerado.
Lembrades a caixa de ovos pregable? Si? Daquela cesta de arame que apenas ocupaba espazo cando estaba encartada? Ou quen recorda aquel cesto feito de vimbia, onde coidadosamente colocábanse os ovos para que non rompesen? Habitualmente antes da chegada dos supermercados, os ovos comprábanse por ducias ou medias ducias, coa aparición das caixas de ovos de cartón e plástico as caixas de ovos de arame foron desaparecendo xunto co cestiño.

Quen de vos é máis novo seguramente non lembraredes aquelas leiteiras de aluminio ou de vidro, os ‘cascos’ retornables, as aceiteiras rellenables, os sacos de tea para gardar legumes e cereais…e as fiambreras, hoxe en día coñecidas por “tuppers”, onde os nosos pais e avós levaban as súa comida para o traballo, nelas levaban a tortilla, os guisos ou quizais algún anaco de touciño cun pouco de pan.
Persoalmente eu recordo coma se fose hoxe a todas aquelas mulleres que viñan á tenda, levaban tarros e botellas baleiros para que a miña nai e a miña irmá enchésenllos de viño ou dun cuartillo de aceite.
Segundo estudos, polos anos sesenta, cada persoa producía ao día unha media de entre un cuarto e medio quilo de lixo, composta na súa maioría por materia orgánica incomestible (ósos, raspas, mondas e restos de verduras), cinza das cociñas de ferro, trapos, botellas e latas baleiras, nas aldeas practicamente estes restos que eran das comidas, dábaselles aos porcos e as galiñas, así que practicamente non se xeraba lixo.
Pero chegaron os anos sesenta e con eles as bolsas de plástico, o filme de plástico ou de aluminio, as bandexas de poliespán, as caixas e blísteres de plástico etc., unha potente industria petroquímica comezaba a asolagar España de materiais plásticos refugables.
Agora, desde hai uns anos, a alarma pola contaminación por plásticos está a obrigar aos gobernos para cambiar de rumbo e volver de novo a empezar a utilizar o que os nosos antepasados utilizaban.

A ANÉCDOTA, CHEGOU O PLÁSTICO A RONS.

Corrían os anos 30 do pasado século cando o meu avó Jesús ingresa nos Tranvías Eléctricos de Pontevedra, un tempo despois foi para Vigo, alí, nos Tranvías Eléctricos de Vigo, traballou de condutor/ cobrador ata que se xubilou.
Naqueles anos Vigo era xa unha cidade industrializada, en plena expansión, con numerosos avances e servizos, entre eles as grandes tendas que ofrecían as últimas novidades do sector, entre elas, a chegada do plástico.
Unha daquelas grandes tendas, foron SALDOS ARIAS.

Situada na rúa Magallanes número 5, en pleno centro comercial de Vigo, o seu emprazamento estaba un pouco máis abaixo do Cinema Radio, a tenda “Saldos Arias”, era un comercio moi popular en Vigo de mediados do século XX que ofrecía produtos a baixo prezo, desde a súa apertura a tenda atraeu a centos de clientes, as súas ofertas con prezos moi alcanzables facían que tivesen que realizar quendas de entrada para evitar aglomeracións, sen dúbida foi a primeira tenda en dar a coñecer o que hoxe en día coñecemos como “baixo custo”, os seus artigos estaban ao alcance de todos os petos.

Como o meu avó pasábase de luns a venres vivindo en Vigo, un día, despois de rematar a súa xornada laboral, achegouse a Saldos Arias, alí, entre tantas novidades atopouse cuns cubos de plástico, algo nunca visto ata ese momento.
Unha das novidades de Saldos Arias, era o seu márketing, a súa carteleria con prezos suxestivos (foron os que comezaron a poñer os prezos acabados en ‘99), as súas frases suxestivas etc. Todo eso fixo que o meu avó parásese a analizar aqueles cubos de plástico, uns recipientes moi manexables, cómodos, fáciles de usar e cun prezo moi suxestivo.
O primeiro que pensou Jesús foi no servizo que podía dar un cubo daqueles na nosa casa e veulle á mente todos aqueles traballos en que se necesitaba un cubo desas características, eran practicamente todos, así que decidiu comprar un e probar.
Ao chegar a fin de semana o meu avó collía o tren destino Pontevedra, sempre traía consigo un cesto de vimbia, onde adoitaba levar algo de queixo de tetilla, chourizos, un par de botellas de viño e o que xurdise naquel momento, así o facía cada vez que se marchaba de volta a Vigo. O fin de semana que lle tocou voltar a casa, iba Jesús todo contento co seu cesto de vimbia nunha man e o seu cubo de plástico, de cor azul, na outra, desde a primeira planta da casa xa o vías pola ponte Malvar todo cheo de si. Cando a miña avoa Ramona viuno chegar, quedou toda sorprendida con aquel sinxelo cubo feito dun material que para ela era unha novidade.

-Non pesa nada, comparado aos cubos de latón é moi lixeiro, serve para todo e o seu prezo é o mellor, é baratísimo.
-É tí dis que serve para todo? Preguntou Ramona.
-Para todo, ademais é fácil de levar dun lado para outro, lávase facilmente e é moi duradeiro, ademais non necesita de ter que andar a levalos ao latoneiro a botarlle un parche.

Ao seguinte día Ramona, aínda que non as tiña todas consigo, decidiu usar o novo utensílio, colleu o cubo e encheuno de auga, seguidamente botoulle salvados, mondas de patacas, remolacha…e de seguido puxo o cubo encima da cociña de ferro. Mentres tanto “quentábase” o cubo, Ramona foi abrirlle ás galiñas e botarlle de comer, un pouco máis tarde comezou a sentir que desde o interior da casa saía un forte cheiro como a queimado, era un cheiro raro para ela, non o había cheirado na súa vida jajaja, dirixiuse á cociña e ao chegar mirou como aquel cubo recentemente estreado, e que segundo o seu marido “servía para todo” habíase derretido completamente encima da cociña.
A súa primeira reacción foi a de pegar un berro e dicir en voz alta: PERO QUE MERDA DE CUBO tróuxome éste home?
O panorama era dun total desastre naquela cociña de ferro, Ramona pasou todo o día rascando nela, tamén nos azulexos e tamén no teito.
Cando chegou Jesús quedou todo sorprendido ao ver todo aquel desastre, ao pedirlle explicacións a Ramona, esta díxolle que el lle había dito que o ditoso cubo “servía para todo” e púxoo a quentar a comida para a vaca…
Jesús, non volvas traer esa trapallada para casa, esas novidades saen caras!

Anos máis tarde, Ramona volveu ser protagonista con relación ao plástico jajaja, en casa compráronse unhas botas de goma para usar na traída de augas, ao chegar do monte de traballar, Ramona mirou aquelas botas todas húmidas e non se lle ocorreu mellor cousa que poñelas no forno da cociña de ferro a quentar…xa vos podedes imaxinar como as atopou ao abrir a porta do forno jajaja.