13- 1º CONCURSO DE REDACCIÓN E DIBUXO ” O MILENIO DE CERPONZÓNS”

ENTREGA DE PREMIOS DO 1º CONCURSO DE  REDACCIÓN E DIBUXO 

 ” O MILENIO DE CERPONZÓNS”

A Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns, xunto coa colaboración da Concellaría de Educación do Concello de Pontevedra, co motivo da celebración do Milenario da parroquia de Cerponzóns, convocou o 1º Concurso de Debuxo e Redacción Escolar “O MILENIO DE CERPONZÓNS”.

Para poder participar neste concurso pedíase que os nenos e nenas que quixeran participar tiveran relación coa parroquia, por haber nacido, por vivir en Cerponzóns, por ter familia etc.
A temática que se pedía para poder participar era que tivera de algún xeito referencia a parroquia de Cerponzóns.

Este pasado venres 13 de Setembro, as 19:00 horas, tivo lugar no Centro Social de Cerponzóns a entrega dos agasallos que desde o Concello de Pontevedra e da Asc. de Veciños tiveron a ben concederlle as nenas e nenos que participaron no Concurso.

Cando desde a Asociación de Veciños comezamos a preparar a progamacion relacionada con motivo da celebración do Milenio da Parroquia pensamos que os veciños máis pequenos da nosa parroquia tamén debían de ter o seu momento.

O concurso era unha forma de poder ir coñecendo como ven os máis pequenos o lugar onde viven, que pensan, que saben etc. e necesitabamos para iso a colaboración dos seus pais e demais familiares.

A todos estes familiares que colaboraron connosco para levar a cabo este concurso, dámosvos as grazas pola vosa colaboración para implicar a estes pequenos de Cerponzóns en que comecen a ter contacto con todo aquilo que lles rodea na súa vida cotiá.

Non esquezamos que en poucos anos, eles serán os que estarán levando as rendas das asociacións da nosa parroquia.

TRABALLO DE REDACCIÓN REALIZADO POR SILVIA ( 12 anos)

SAN VICENTE DE CERPONZÓNS

Ola, son Silvia de San Vicente de Cerponzóns.

Hoxe estou aquí para contarvos como é a miña parroquia, xa que esta cumpre mil anos.

A miña familia cóntame que San Vicente cambiou moito, por exemplo : antes o normal era ver carros grandes tirados por vacas, agora o normal é ver tractores, motocultores, coches, camións….antigamente o millo moíase nuns muíños de pedra situadas o carón dos ríos para que poidesen funcionar coa forza da auga. Aquí había moitos que agora non funcionan porque cada veciño pode ter un máis pequeno é eléctrico na súa casa. Pero non só ese tipo de cambios, tamén hai outros para mellorar a aldea como as estradas, novas construccións….

Cando me contan as historias estou moi atenta, gústame saber como era a miña parroquia. Aos meus futuros fillos e netos tamén lles contarei como evolucionou esta. Pero antes contareivos como é.

San Vicente é unha aldea moi bonita, os seus montes están cheos de vexetación, a verdade é que son fermosos, mire donde mire sempre hai verde.

Outra característica é que na zona de Cerponzóns pasa un río chamado río Rons onde antigamente os rapaces bañábanse nel. Este río desemboca no río Lérez.

O monumento que destaca é a Igrexa, sitúase no alto da parroquia no lugar de Tilve. A entrada principal desta está composta por unhas anchas escaleiras despois delas, aos lados, hai unhas palmeras e uns farois. A esquerda da igrexa está o cemiterio e un pouco máis para diante hai uns parques para xogar e outro con máquinas para facer exercicio. Na parte de detrás ten un palco e unha explanada donde, habitualmente, empregase para as festas.

Unha tradición que tíñamos era os maíos. A noite anterior á da festa preparábase o maio co fiuncho, flores, ovos baleiros etc. Ao día seguinte levábase á praza do centro da cidade e xunto cos maios das demais parroquias facíase un concurso ( algunha vez gañaron).

Outra tradición que temos son as alfombras, desde que chegou Don Manuel á parroquia, sobre 34 anos atrás, empezouse coa elaboración delas. Para os que non saiban o que é a continuación poderano ler : polo Santísimo debuxamos arredor da Igrexa uns debuxos que simulan alfombras. Entre todos, con materiais da natureza ( follas moídas, os pétalos das flores, cunchas, pedriñas….) decoramos os debuxos. Despois, os nenos que fagan a primeira Comunión pisan as alfombras durante a procesión.

Na parroquia temos unhas asociacions que entre elas e os veciños están a facer cousas para ir mellora do pouco a pouco.

Non sei que máis vos podo contar, xa que ainda son pequena e esto que sei é polo que me contan algunha xente maior da familia e amigos.

E así remata este relato da parroquia de San Vicente de Cerponzóns.
Silvia…..

TRABALLOS DE DIBUXO :

Enma (5 anos) :


Lucas (8 anos) :


Noa (11 anos):


Carla (13 anos):

FOTO DE GRUPO 13/09/2019 :

O Concellal Agustín Fernández, acompañado por directivos da Asc. de Veciños O Chedeiro e polas nenas e neno que participaron no Concurso.

O concelleiro de Educación comentaba na entrega de premios que estaba moi contento con esta iniciativa levada a cabo pola Asociación de Veciños, ademáis miraba mui fundamentales estas iniciativas, e según él deberian ser realizadas en todas as parroquias.

Unha parroquia modesta e pequena como Cerponzóns vén desde fai un tempo realizando unha serie de actividades que teñen como eixe fundamental o consolidar cada vez máis a participación dos veciños na vida da parroquia.

Tamén indicaba o Concellal Agustín Fernández, que desde as administracións débense ofertar os servizos necesarios e adecuados, e ademáis o poñer en valor ás parroquias, cada unha delas coas súas propias características.

Terminaba Agustin Fernández felicitando a todos en xeral e ademais propoñendo que se siga con estas iniciativas e que desde a asociación de veciños transmítaselle a todos os nenos e nenas o agarimo e a experiencia por todo o noso.

Como ben dixo a Presidenta da Asociación de Veciños O Chedeiro, Liliana Casás : FACENDO CANTEIRA !!!

A nova do Concurso no Diario de Pontevedra (14/09/19)