28- OS CARROS, A ESCOLA, AS FESTAS…

DE NOVO FUN DE VISITA…

Bos días Juan, de novo por aquí ?

Que necesitas agora de min ?

Máis recordos ? Queres máis recordos ?

Bois dias, pois si, seguro que nestes días recordou algún máis.

A nosa veciña antes de contestarme tomou un vaso de zume de laranxa que uns segundos antes serviralle a súa nora.

Bebeu tranquilamente e tras uns segundos de espera, comezou a recordar…

-Ah ! Si ! Houbo un ano que houbo que matricular aos carros de vacas, si, había que pagar un imposto, chamábanlle daquela pagar o arbitrio de rodaxe.

Había que levar o carro a un lugar determinado e alí ti pagabas o arbitrio, despois eles colocábanche unha chapa numerada nun lateral do carro.

Recordo o ano que deron a orde de colocar esa chapa que che dixen, o que sería a matrícula de hoxe en día.

Mira, o lugar onde cha colocaban era na do COQUES, alí tiñamos que ir todos, non soamente os de Cerponzóns, non, tiñan que ir os de Lérez, Alba, Campañó…

Foi tal a cantidade de carros que se acumularon, que non che podes imaxinar a cola que se fixo daquela.

Imaxínache, os carros estaban todos en fila, un detrás doutro, todos xuntiños, desde a do COQUES ata a PONTE DA RONS.

Non me crees ? Pois así foi, había tal regaleira de carros que era imposible que che colocasen a chapa no mesmo día, así que a xente chegaba co seu carro, vendo tal cantidade de carros deixaba alí o seu e marchábase para a súa casa, eran veciños das parroquias colindantes, viñan de moitos lugares, de todo Campañó, desde a Devesa, viñan de todolos sitios, aquilo era un espectáculo ver tantos carros ! Había quen tiña que esperar varios días! Ata o CRUCEIRO DA RONS ! Juan, chegaban ata o CRUCEIRO !

NA ESCOLA

Fun a escola que había nunha casa de Pidre, da señora Josefina, daba escola unha mestra que se chamaba Doña Lola.

Teño presente nese colexio dous recordos que nunca se me esqueceron, un foi cando quitáronme un dente con un fío, e outro cando pasaban os soldados no tempo da guerra pola estrada.

Pasaban subidos en camionetas e a mestra mandábanos saír a recibilos, tiñamos que poñernos todos en fila e saudalos con gritos de Arriba España e Viva Franco.

Tamén estiven no colexio da Escola de Carballo.

Tiven de compañeiras a Digna a dá Rons, Aurelia Solla, Asunción Piedras, Rosa Solla, Clara Porto, Emérita, Aurelia Cochón, Carmen A Moleta, Lola Ramos, Lola a do Chelo, Isabel Piedras…todas moi amigas miñas.

Que tempos ! Tiñamos unha mestra que se lle daba por poñerse a durmir, pero era moito o que durmía, poñíanos deberes e ela poñíase a durmir jajaja.

Recordo aqueles tinteiros que usabamos para escribir, comezabamos a meternos entre nós e caíase todo o líquido dos tinteiros ao chan jajaja.

Pero claro, a mestra espertábase con tanto jolgorio que collía un pau, que sempre tiña a man, e dábanos con el nas costas !

Sabes Juan, ao recordalo aínda sento dor neste momento, mira ti, que maneira de castigarnos.

AS FESTAS, OS BAILES.

-Daqueles anos da miña mocidade había boas festas, bo, daqueles tempos tampouco había máis onde se podía un divertir, eran as festas das parroquias, os bailes e pouco máis.

Facíanse varías festas na parroquia, a do Patrón, as de Corpus, as do Carmen e unha na época de Pascua, a de San Benito.

Sendo moi pequena recordo que se ten feito festa na Eira do Xemadas, había quen poñía un posto con viño e rosquillas, botaban ata fogos e todo, recordo que fora unha festaza, eu era mui pequerrecha, pero quedoume grabada.

Falando de festas, un día estabamos nunha festa que se celebraba en Verducido, achegámonos a unha taberna que había preto de onde se facía a verbena, alí estaban uns cantos comensais comendo e bebendo ao grande.

Nós só podiamos ver para eles, daqueles tempos non dispoñiamos de cartos para poder gozar como hoxe en día, pasamos moita fame Juan, todos.

Mira como era a fame que había, que nun momento determinado a avoa de Marisol achegouse a xunto nosa e díxonos : rapazas, estades vendo aquela mesa onde están comendo unhas costeletas con patacas ? Estar atentas, están acabando de comer e conforme se levanten achegarvos á mesa, eu avisareivos tamén.

Así foi, cando se levantaron, a avoa de Marisol díxonos : vinde aquí, rápido! vinde !

Fomos rápidamente, sabiamos que a mesa moi pronto ían recollela para poñer a disposición doutros clientes que estaban esperando.

Comezamos a coller os ósos das costeletas, as que tiñan algún resto de carne claro, mentres coa outra man íamos metendo na boca as sobras do pan, nisto que chegaron os camareiros e puxéronse a recoller, e nós a meter todo o pan que podiamos na boca, chegou o momento que xa non nos cabía máis !

Mira o que comíamos! Mira o que tiñamos que comer ! As sobras Juan ! As sobras !

Moita fame se pasou, moita.

Dos bailes recordo que cando podiamos ir tiñamos que ir aos que estivesen máis próximos ás nosas casas, daquela non nos deixaban marchar moi lonxe.

Un dos bailes que había na parroquia era o de COCHÓN, canto bailei alí! Si mal non recordo tamén hubo baile na TABERNA de XONXA, situada no baixo da casa que agora é propiedade dos de Magdalena, a que está pegada a carretera.

Tamén no baile de JOAQUÍN O DE BOTANA, tiñan un alboio que acondicionaban os días de baile, á beira, no baixo da súa casa tiña a taberna.

Un día sucedeume un detalle que me dá vergoña comentarcho.

Conte, conte…

-Jajaja, non, jajaja, dame vergoña, jajaja

Conte, conte, que esto non sae de aquí jajaja.

-Resulta que ese día que fun ao baile do Botana había comido carneiro, pero comín para parar un tren.

Daquela, eu tiña un mozo, bailabamos sen parar toda a noite ! pero houbo un momento que comecei a sentir que o carneiro parecía que quería saír de dentro de min, parecía que estaba vivo jajaja.

Mira, comecei a sentirme indisposta de tal forma que non sabía como dicirlle ao meu mozo que non podía seguir bailando, estaba a piques de irme por min, tiña unhas ganas tolas de facer de ventre jajaja…rebentaba por min!

Desculpeime con él e busquei polas miñas amigas, dúas veciñas que viñeran comigo ao baile, era con quen tiña a suficiente confianza para comentarlles o que me estaba pasando.

Pedinlles que me acompañasen fóra, elas contestábanme que esperase, que estaban bailando, eu non podía máis, volvía insistir ata que as convencín.

Mirade, teño unhas ganas tolas de cagar, estou que rebento, hoxe comín tanto carneiro que rebento, acompañádeme fóra, por favor pídovolo.

Saíron sorrindo a todo meter as dúas comigo, nada máis saír fóra eu non tiven máis tempo que agacharme e diante mesmo da porta da taberna poñerme a facer as miñas necesidades, non tiven tempo para ir máis lonxe, mentres elas tapábanme como podían, iso si, ríndose a moreas.

Pero claro, os mozos que estaba no baile, de cando en vez saían fóra e claro, miraban para nós, en nada se deron conta do que estaba pasando e veña a rir!

Carallo como aquel na miña vida me volveu a pasar !

14- TOMÁS MIRAMBELL, INVOLUCRADO NUN ATROPELLO EN CERPONZÓNS.

Fai uns días atopei unha publicación no xornal EL CORREO DE GALICIA do ano 1918, onde os protagonistas son unha veciña de Cerponzóns e un señor que tivo gran relevancia na cidade de Vigo.
Primeiro vou publicar algo sobre este home, finalizando coa noticia do xornal :

Tomás Mirambell Maristany era un xoven piloto catalán da Mariña Mercante, nacido en Masnou (Barcelona) en 1862. Chegou a Vigo con preto de vinte anos e estableceuse na cidade para dedicarse á industria de efectos navais, coa casa comercial Bertrán e Mirambell.

Catalán de nacemento, foi nomeado fillo adoptivo de Vigo xa que os seus esforzos polo desenvolvemento económico e comercial da cidade foron moi destacados. Desde a súa presidencia na Cámara de Comercio, de 1924 a 1930, convocou ás forzas da cidade a unha asemblea en 1927 para constituír a Unión de Entidades Viguesas, precedente da actual Fundación Provigo.

Tamén participou nas iniciativas de creación do Banco de Vigo, ou a Sociedade de Abastecemento de Augas. Foi o fundador e presidente efémero do novo Círculo Mercantil. Xunto con Martín Echegaray e Ceferino Maestú formou a primeira comisión encargada de iniciar o proxecto do tranvía, ata chegar á vicepresidencia da sociedade tranviaria.

Unha das súas prioridades era que Vigo constituísese no porto máis importante do Atlántico. O seu interese pola industria do mar queda patente cos reiterados intentos para promover unha Exposición Internacional da Pesca.

Mirambell era un empresario preparado. Fundou a Asociación Xeral de Cultura, que loitou desde 1912 por diferentes causas viguesas. Escribía en cabeceiras como Faro de Vigo, El Pueblo Gallego ou La Lucha.

Na prensa expresaba as súas ideas galeguistas e á vez federalistas. Non só o porto ou a pesca, senón tamén a rede de comunicacións por terra con Madrid e a defensa de Vigo foron outras das súas preocupacións. Con todo, malia a súa conciencia política, rexeitou en varias ocasións a responsabilidade de converterse en alcalde da cidade.

En 1931, logo dunha presidencia fructífera da Cámara, Mirambell foi nomeado presidente de honor da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcia de Arousa, a única persoa que tras desempeñar o cargo efectivo, recibiría esa distinción.

Ten ruas adicadas en Baiona e Nigrán, morreu os 85 anos, os seus restos están enterrados no Cemiterio de Pereiró (Vigo).

Panteón de Tomás Mirambell

Nota : Información da Cámara de Comercio e do xornal El Correo de Galícia.

O XORNAL DO DÍA 26/04/1918

EL CORREO DE GALÍCIA

Anteayer tarde y en ocasión en que la vecina de San Vicente de Cerponzones, Pilar Tilve Castro, de 50 años de edad, casada, transitaba por la carretera de aquella parroquia llevando una becerra, fué atropellada por el automóvil de Don Tomás Mirambell Maristany, de Vigo, que guiaba el chauffer Severo Alonso Pereira.

Dentro del carruaje iba el Sr. Mirambell, que regresaba de La Coruña.

La mujer recibió fuertes contusiones en la cara, occipital y pie izquierdo, de las cuales ha sido curada de primera intención en la Casa de Socorro de la Cruz Roja de Pontevedra á donde la condujo el mismo automóvil.

Pilar marchó luego á su domicilio en un coche que le facilitó el dueño del auto.

29- A LUZ EN MEÁN, OS CAMIÑOS, A RADIO.

A CHEGADA DA LUZ A MEÁN.

Sucedeu que no mes de Abril do ano 1888 Pontevedra foi unha das primeiras cidades que tivo luz eléctrica nas súas rúas, prazas e casas, nas aldeas tardou bastantes anos máis en chegar.

Unha veciña do lugar de Meán recorda como chegou a luz a devandito lugar, todo grazas a un veciño, o señor José O de Prado.

– O primeiro lugar da parroquia ao que chegou a luz eléctrica foi Meán, corría o ano 1940, eu tiña naquel entón trece anos.

Imaxínache como era isto, cando chegaba a noite a única luz que había nas casas era a da lareira e a vela do farol.
Andaba unha pola casa coma se estiveses no reino das sombras, axudábasche do farol ou dun cacho de vela para ir dun lado a outro.

O señor José, avó de Marisol, apareceu un día polas casas dos veciños preguntando quen estaba interesado en ter luz eléctrica e foi tomando nota.

Canto lle debemos ao señor José ! Cantas cousas boas fixo por Meán !

Días máis tarde colocouse un transformador, daquela era un pequeno caixón, estaba feito de chapas, non eran madeiras, eran como chapas metálicas, creo que eran metálicas si.

O transformador colocouse exactamente no mesmo sitio en que está hoxe en día, á beira do Centro Social.

Ata aquel momento non había luz en Meán, despois de que se instalase aquí enviouse un cable en dirección a Tilve. Si non me equivoco, a corrente viña desde San Xurxo de Sacos.

Desde o transformador saían dous fíos en dirección ao Cruceiro, alí repartíase, un cordón ía á nosa casa, nós só collemos un cordón , outras casas que económicamente podían máis colleron dous cordóns.

Cada cordón era un punto de luz, así que nós tiñamos unha bombilla, para poder servirnos da luz fixemos un buraquiño no chan da cociña e así metiamos por alí o cordón coa bombilla para ter luz na cuadra, desta forma podíamos muxir a vaca con comodidade, antes ao non dispoñer de luz en casa tiñamos que botar man do farol para todo.

Cando terminabamos na cuadra, tirabamos do cordón para a cociña e dispoñiamos alí de luz, soamente podiamos ter unha bombilla, ata que pasado uns anos puidemos ir poñendo máis, a seguinte bombilla foi posta na habitación, sabes Juan, daquela custaba moito ter luz e nos non tiñamos para máis, así eran aqueles tempos, algunha casa puxo dúas como moito, pero a maioria puxeron un cordón de luz.

O NOVO CAMIÑO

Todo grazas ao avó de Marisol, aquel home fixo moito polos seus veciños, é non só foi a luz, non.

Trouxo os camiños ! Trouxo a carretera !

Daquela só tiñamos uns camiños de terra, por onde pasaban os carros malamente, o señor José decidiu facer un camiño adecuado para todo o vencindario.

Recordo que os veciños axudámoslle, durante moitos días tivemos que ir buscar pedra, iamos cos carros de vacas ao monte, acompañábanos un señor do lugar de Sabaris, creo recordar que o coñecían polo ROXO.

Tiñamos que ir xuntando as pedras e despois cargalas no carro, que sustos temos pasado baixando con aqueles carros cargados de pedras monte abaixo, as pobres vacas ás veces non podían coa carga e máis dunha vez tivemos algún desgusto, pobres vacas, animaliños, que sería de nós si non tivésemos as vacas.

Despois ao chegar abaixo tiñamos que ir botando as pedras, tiñamos que ir repartíndoas por onde estaba sinalizado o camiño que se ía facer, así fomos facendo o traballo, un día tras outro, aos poucos, porque claro, tiñamos as faenas do campo e non se podían abandonar.

Logo de ter todo empedrado, viñeron uns señores a botar xabre para poder pasar, pois ata ese momento non había xeito de andar sobre aquelas pedras, tiñamos que ir polas leiras, terminabamos todos enlamados ata os xeonllos !

A CHEGADA DA RADIO.

Outra cousa que recordo que nos fixo moita ilusión foi cando o señor José trouxo unha radio.

Foi o primeiro veciño que comprou unha radio en Meán e ao chegar o domingo colocou a radio na fiestra, despois chamou por nós e cando estabamos na súa casa, acendeu a radio e díxonos : Rapaces, é a hora do baile ! A bailar todos !

Que ben o temos pasado diante da casa do señor José.

Juan, sabes onde che digo ?

Na casa vella do señor José O de Prado, alí temos bailado moitos días.

O pobre señor José tivo mala sorte, un día comprou unha moto vespa e ao cabo dun tempo tivo un accidente e morreu, foi unha gran desgraza, foi unha gran perda, para a súa familia e para todos os veciños de Meán.

Así é a vida.

NOTA : Unha veciña do mesmo lugar de Meán chamoume conforme terminou de ler este relato, díxome que lle encantou e ademais díxome que o señor José tamén foi o primeiro veciño en ter televisión.

26- O MAL DO AIRE.

O MAL DO AIRE
O Mal do Aire foi unha das maiores enfermidades que sempre estivo rodeada de misterios entre os nosos antepasados, unha enfermidade que era a que máis se padecía e á que maior medo tíñaselle.

Para poder curarse facíase o imposible, non se escatimaban medios, nin económicos nin a realización de curacións, aínda que fosen en grao sumo extravagantes.

Antiguamente calquera enfermidade en nenos ou en maiores se achacaban a maioría a un Mal do Aire, os nosos antepasados foron testemuñas e moitos deles padeceron a enfermidade.

Victor  L.Quibén, no seu libro A Medicina Popular en Galicia ( Colección Arealonga) fai unha extensa explicación sobre esta enfermidade, onde aparece a nosa Parroquia e as medidas que se tomaban para curarse do mal.

Este Mal do Aire era coñecido de muitas maneiras, dependendo do lugar coñocianno como Airada, Aireada, Airexada, Airexo, Aldrapa, Anganido, Arangaño, Asombramento, Colleitizo, Encanillado, Mal do Coxo, Mal do Cobral, Mal de Estadea, Mal de Ponzoñas, Mal de Pezoña, Mal dá Toupa….e así ata máis de 40 xeitos de describir esta enfermidade ao longo da nosa Galicia.

Normalmente esta enfermidade transmitíase a través dun animal, tamén de unha persoa viva ou morta, ou dalgún sitio determinado….así que dependendo de quen producía a enfermidade describíase tendo en conta o animal, a persoa, o sitio etc.

Por exemplo, si era a través dun animal denominábase Mal de Boi, Mal do Cobro, Mal dá Bacaloura, aínda que si era a través dunha persoa podía ser o Mal dunha muller menstruando, do Pai que logo de xacer coa nai, pasa por encima do neno…., si foi debido a algún sitio, podía ser o Mal do Camposanto, o Mal da Porta, o da Encrucillada etc. etc.

É curioso que para saber si efectivamente a persoa está enferma do Mal do Aire en cada Parroquia teñen os seus costumes para sanar, e así o foron facendo según a tradición de cada lugar durante anos e anos.

Na nosa Parroquia milenaria de Cerponzons tamén había uns determinados costumes, si o enfermo era un neno o primeiro que se facía era lavar ao neno, pero a auga con que se lavaba a ese neno doente tiña que ser auga que pasase por sete muiños e ademáis a persoa encargada de recoller a auga tiña que ter parentesco co neno.

Este parente tiña que saír da casa á mañá para recoller a auga, e unha das cousas máis importantes era que non podía falar nin saudarse con ninguén que se cruzase polo camiño, nin á ida, nin á volta.

O chegar a casa do doente procedíase a lavar ao neno, despóis secábaselle cunha servilleta de “lavanisco” ( Tea apreciada que imita o damasco) na cal aparecerán os pelos do animal ou manchas de sangue da persoa que lle producise a enfermidade á pobre criatura.

Pero, había forma de non contraer esta enfermidade ? Podíase un librar dela ?

É sabido que a certas cousas tíñaselles un medo enorme, as nais daquela época tiñan terror a algúns animais, un exemplo era á gata preñada, chegábase a botala fóra de casa para que non lle pasase este mal, que adoitaban ter asentado na punta do rabo, polo que nalgúns lugares chegábase a cortarlle a punta para que sanase.

Tamén había o costume de someterse ao fume procedente de queimar unhas follas de laurel, isto adoitaba realizarse cando viña a familia dun velorio dun defunto, así se procuraba que o Aire do difuntiño non fose transmitido, na miña niñez era un costume saltar por encima das follas de laurel cando se estaban queimando, a miña avóa dicíame que o fixese, porque ao pasar por encima cortábase o “Aire” do defunto.

Había tamén máis formas de evitar o Mal do Aire, atarse ás bonecas amuletos, por exemplo, podíase ver a xente co asta dun cervo voante , o que coñecemos como bacaloura.

Bolsiñas cun dente de allo colgadas do pescozo era tamén moi habitual verllas á xente da aldea.

Tamén era costume usar o lume para evitar a ponzoña, adoitábase pasar a roupa interior pola chama para quitarlle o mal que puidese deixar unha sabandixa ou calquera outro animal ponzoñoso que puidese tocar a roupa.

Hai pouco comentábame o fillo do señor Joaquín Casas (q.e.p.d.), o que vivía no lugar da Bouza, que o seu pai comentoulle unha vez dun veciño da Parroquia que padecía un Mal de Ollo, e os seus amigos estaban preocupados pola súa delgadez, cada día que pasaba víano extremadamente delgado, sabían que alguén lle botará un Mal.

Vendo a situación decidiron ir xunto a él, irían á súa casa e a falar coa muller que eles pensaban que tiña a culpa.

Todos decididos fóronse a casa do enfermo, pero ao chegar á porta da casa detíñanse e comezaban a dubidar de si chamar, entre eles discutían si daban o paso de chamar é entrar, ou o de marcharse cada un para a súa casa, non fóra a ser que lle pasase a eles o mesmo e fósense co Mal de Ollo encima.

Logo de discutir o que facer decidiron marcharse para casa, non fóra a ser que….pero ao chegar a noite, estando na taberna volveron comentar o tema e non podían quedarse de brazos cruzados, o seu amigo cada vez ía a peor, outra vez decidiron ir á súa casa, á mañá seguinte volvían dirixirse á súa casa, pero oh ! Outra vez o medo volvía a eles e outra vez que se volvían ás súas casas ……

(Fonte: MUSEO DO POBO GALEGO; Monografías; “La medicina popular en Galicia”, autor; Victor Lis Quiben; Prólogo: Fermín Bouza Brey, Publicación: 1949)

( Fonte: Juan Casas )

27- DUAS CENCERRADAS MAIS.

RECORDANDO DÚAS CENCERRADAS MAIS.

A nosa veciña seguía respondéndome ás miñas preguntas, cada vez que lle preguntaba por algo botaba a rir, volvinlle a preguntar e de novo comezou a rirse, pregunteille si recordaba algunha cencerrada que se fixera por onde ela vive.

-Juan, jajaja, pero que cousas me preguntas, jajaja.

Eu respondíalle que eran cousas da vida, de seguro que ela as viviu e que tería algo que contarme.

-Jajaja, verdade que si, tes razón, recordo que sendo eu mui pequena, que lla fixeron a señora Herminia A RATA.

Un día estaban uns cuantos veciños facendolle unha boa, estaban polo camiño jajaja, de repente saliu ao balado da casa a señora Herminia, levaba na man unha bacenilla chea de merda e de mexo, oiches, sin mais botoulla por riba deles, jajaja, escaparon todos a fume de carozo jajaja, pero a noite seguinte volveron de novo jajaja.

Outra cencerrada mui soada foi unha que lle fixeron a unha muller que vivía en Pidre, coñocida polo alcume de A COULA, non recordo ben si era ela a viúva ou era o home o que casaba en segundas núpcias.

Durante muitos días foron un montón de veciños a facerlle a cencerrada, xuntaronse de muitos lugares da parroquia, entre una cuantos habían feito un ataúde e levábano polo camiño á casa da COULA, todos tocando campás, lejóns, tarteiras vellas, tapas de tarteiras…levaban de todo tipo de chilindradas que puidesen facer barullo.

Por aqueles camiños de entón estaba todo ás escuras, prácticamente non había unha luz pública, non se vía nada, ían tocando e cantándolle cancións compostas precisamente para a parella de “noivos”, de súpeto unha desas noites, apareceu en escena unha parella da Garda Civil ! Un dos veciños que ía máis adiantado, controlando que non houbese mouros na costa, escoitou un ruído que lle era coñecido, era o que facían unhas anillas que levaban colocadas nas botas os gardas civís, agora non sei si aínda as levan, pero naqueles anos si as levaban.

Conforme escoitou o son das anillas, virouse sobre si mesmo e botou ás presas en busca dos que viñan co ataúde :

– Que vén a Garda Civil ! Que vén a Garda Civil ! Fuxir! Correr !

Tiraron co ataúde a unha leira, á beira mesmo da estrada e cada un escapou por onde puido jajaja.

Entre os que estaban facendo a cencerrada estaba un irmán meu, contoume que , xunto a un veciño do Vigario, chamado Laureano, escondéronse debaixo dunha silveira, preto da casa donde vive Digna a de Alvite.

Alí estiveron un tempo, agachados, acolloados polo que lle podía pasar, non sabían que facer !

Laureano, que vai ser de nós si atópanos a Garda Civil ?

Laureano, estounos escoitando, deben estar polo patio da CARREXAS ! agora veñen a por nós ! Que imos facer ?

– Cala ! Conforme escoitemos o ruído das botas que se afastan de nós botamos ás presas por estas leiras.

Así foi, en canto puideron comezaron ás presas campo a través, un pouco máis adiante meu irmán colleu dirección á nosa casa e Laureano foi a fume de carozo para o Vigario.

Pero non creas que collesen medo, non, ao outro día xa volveron todos de novo, a cencerrada había que seguir facéndolla durante días.
E así foi.

NOTA :

Convén saber a que nos referimos cando falamos de Cencerrada :

Ruído desagradable que se fai con cencerros , cornos e outras cousas para burlarse dos viud@s as primeiras noites das súas vodas .

Cencerrada segundo estudos realizados vén lembrándose xa desde o século XVIII , e aparece ligada ao matrimonio .

Podíase realizar unha cencerrada a aqueles noivos que celebran a súa voda e non convidan os seus familiares , amigos e veciños a unha comida festiva , co seu baile , facendo festa , é dicir se non facían partícipes aos seus achegados á súa voda , estes montábanlle unha Cencerrada.

Pero quizáis a que máis lembramos nós é aquelas cencerradas que se lle realizaban aos viud@s que casaban de novo , antes considerábanse ” ilegais ” e a cencerrada convertíase nunha ridiculizacion agresiva contra esa unión que transgredía algunha norma que daquela non estaba ben vista.

Resultaba aínda máis susceptible cando a cencerrada producíase cando os noivos había unha diferenza de idade considerable, especialmente si o noivo era un rico viúvo entrado en anos que se unía cunha muller xoven.

CITAS LITERARIAS (24) O MAÍZ DE PALOMITAS (FLOCOS DE MILLO).

O día 6 de Abril pasado tivo lugar na Diputación de Pontevedra a presentación do CATÁLOGO DE LAS COLECCIONES VEGETALES LOCALES.

Neste catálogo a Misión Biolóxica mostra os principais resultados dos traballos sobre a conservación, manexo e emprego de biodiversidade de variedades locais de cultivos galegos.

No catálogo temos información relacionada sobre a vide, o olivo, as rosas, as coles, as xudías, os guisantes, o maíz…

Encontramos neste catálogo descripcións relacionadas coa historia e os usos, áreas de cultivo, floración e variedades, así coma os períodos de sementar e da colleita etc.

No catálogo indica tamén que na Misión Biológica de Galicia teñen un banco de germoplasma, onde conservan coleccións de maíz (gran, doce e de palomitas) tamén de brásicas (verzas, repolos, coles asa de cántaro, nabos , nabizas, grelos e nabicol); leguminosas (xudías, guisantes e caupí) e variedades de vide, olivo e rosa.

O que máis me chamou atención da publicación é na páxina 27, onde fai referencia á nosa parroquia, nela coméntase a variedade de MAÍZ DE PALOMITAS.

A publicación di o seguinte :

MAÍZ DE PALOMITAS

En Galicia, la mayor parte del maíz es maíz grano, utilizado para la alimentación del ganado (piensos) y humana. En la costa se cultiva, en general, el maíz de grano blanco, que era utilizado por los marineros para hacer pan, de ahí el nombre de “ pan del marinero”. Las variedades de maíz grano del interior son amarillas y también hay maíz multicolor en varias zonas.

Las variedades de palomitas se cultivan, preferente, en el sur de Galicia, siendo variedades muy locales (Pazos, Cerponzóns).

Maíz de Palomitas.

Por lo general son plantas altas, con un tallo que resiste muy bien el encamado, pero, sin embargo, con una mazorca, generalmente muy alta, lo que hace que, en ocasiones, sea algo susceptible al encamado. Variedades muy rústicas, que no necesitan cuidados muy específicos y que toleran condiciones ambientales desfavorables.

Con el calor, el endospermo de los granos de maíz de palomitas explota, originando la conocida palomita.

Catálogo

Banco de germoplasma de maíces :

RESUMEN DEL BANCO

La colección de poblaciones de maíz que se conserva en el banco de germoplasma de la Misión Biológica de Galicia está formada fundamentalmente por antiguas poblaciones españolas y un grupo selecto de poblaciones del «Corn Belt», fundamentales para la mejora del maíz en zonas templadas. La colección se mantiene en perfecto estado de conservación en la actualidad. En total, se conservan 241 poblaciones que pertenecen a los siguientes cultivos:

• Maíz grano: 198 poblaciones

• Maíz dulce: 16 poblaciones

• Maíz de palomitas: 27 poblaciones

Las 198 poblaciones de maíz grano comprenden 177 poblaciones españolas (43 razas, 93 variedades gallegas de polinización libre y 41 variedades del resto de España), 17 poblaciones del Corn Belt norteamericano y 4 poblaciones de otros países de América.

Las 16 poblaciones de maíz dulce son todas de origen norteamericano (Corn Belt), ya que en España no se introdujo este cultivo, y comprenden 14 variedades de polinización libre y 2 poblaciones sintéticas.

Las 25 poblaciones de maíz de palomitas comprenden 25 poblaciones españolas (4 razas, 5 variedades gallegas y 16 variedades del resto de España) y dos poblaciones sintéticas del Corn Belt norteamericano.

Referente ao MAIZ DE PALOMITAS, aparece denominado así :

CLASE : P = Maíz de Palomitas

CÓDIGO: ESP009/ ZMU 0444

NOMBRE : Cerponzóns

ORIGEN : Cerponzóns (Pontevedra)

PAÍS: España

7- O CRUCEIRO DE MEÁN NO DÍA DE RAMOS.

Un novo recordo de unha veciña do lugar de Meán.

Achegueime de novo pola súa casa, ese día estaba propicio para poder saír da casa e tomar un pouquiño o sol.
Aproveitamos a boa temperatura e fomos sentarnos ao carón do hórreo que teñen na eira, por certo un hórreo mui fermoso, con máis de 200 anos de antigüidade, está tan ben conservado que parece que foi feito de fai uns días.

Sentamos e preguntéille por algún recordo da súa infancia, algo que lle quedara marcado para sempre…

-Cando era nena, había unha época que me gustaba moito, era cando chegaba o día de bendicir o ramo.

Resulta que a rapazada do lugar tiñamos unha costume, pero de fai anos, xa viña dos nosos pais e avós polo menos. Esa costume era a de adornar o cruceiro de Meán, pero para parar un tren, adornado de arriba abaixo. Poñíase nel o máis bonito que tivésemos do ramo.

Explíquemo, conte, conte…

-O día anterior á bendición de ramos íamos buscar flores, todo tipo de flores polos camiños adiante, tamén collíamos cartuchos, ramas de olivo e de loureiro…

En casa de Salvador tiñan unha oliveira, daqueles tempos era o único olivo que había por este lugar. A señora Dorinda podábao ese día para darnos as ramas que cortaba.

Tamén podaba o señor Eladio.

Hai ! tamén collíamos mirtos, brancos e negros…

Logo de ter todas as flores que podiamos conseguir había que atar o ramo, meu pai xa tiña unhas bimbias metidas nun caldeiro con auga, así que con elas ataba ben atado o ramo.

Pero un ano recordo que se lle pasou meter en auga as bimbias e non tivo máis remedio que atar o meu ramo cunha trenza, si, cun cacho de trapo, eu estaba toda disgustada, tiña aquel ramo, un ramo precioso…pero atado cunha trenza de trapo ! Que disgusto tiven !

Xa te podes imaxinar ao día seguinte cando os meus amigos víronme co ramo así dese xeito, canto se riron de min aquel día! Eu ía toda avergoñada camiño da igrexa.

Recordo que cando chegaba a hora de ir a misa íbamos todos correndo costa abaixo, cos zocos postos, por aqueles camiños de entón, faciamos moito ruído con aqueles zocos jajaja.

Ao chegar á igrexa comezabas a fixarche que ramo era o máis bonito, era como unha competición, hoxe en día xa non é o mesmo, a maioría vai cunha palma, xa perdeu a gracia, xa os nenos e as nenas non percorren os camiños buscando flores, que magoa que se perdan as tradicións…

Sabes Juan, ti seguro que recordas, había quen levaba ramos enormes de grandes, algún case non cabía pola porta grande jajaja, recordas ?

E logo de rematar a misa e de ter os ramos bendicidos alá iamos de novo correndo con aqueles zocos, tocaba adornar o cruceiro.

Ao chegar, cada un de nós, escollía do seu ramo a súa flor, a súa rama de olivo ou o que mellor lle parecese e íase colocando no cruceiro, todo ben posto e atadiño, estábamos alí horas !

Isto faciámolo os máis novos, toda a vida así !

Creo que aínda segue habendo algunha veciña que segue con esta tradición, creo que si.

Era mui bonito, o cruceiro quedaba fermoso !

Como me gustaría que volvese o Cruceiro a estar así o día de ramos !

O luns seguinte fun ata o Cruceiro de Meán, quería ver si alguén colocara un ramo, efectivamente así era, había tres.

Cruceiro de Meán

26- A GUERRA

A GUERRA, RECORDOS DE UNHA VECIÑA.

Cheguei a unha hora prudente para poder estar con ela, a súa familia comentáramo, mellor é que viñeses despois de que descanse un pouco, así o fixen.
Atopeina sentada no seu sillón, estaba vendo a televisión, unha pequena manta cubría as súas cansadas pernas.
Saudeina e díxenlle o motivo da miña visita, sorriu e comezamos a falar…Dado que estaba vendo as noticias que desgraciadamente falaban da guerra, o primeiro que lle preguntei foi precisamente pola guerra.

Que recordos ten da guerra ?

-Non me fales da guerra ! Non me fales da guerra !

-Acordo o que ves agora ! Acordo o que ves agora !

A nosa veciña parecía que estaba nese momento no medio dunha de tantas poboacións de Ucraína, daba a sensación que estaba vivindo nas súas propias carnes o que está sucedendo nestes días, deixeina falar…

-Recordo que non había nin pan, nin aceite, nin azucre, nin chocolate, nin arroz…non había nada ! nada de nada !

O pan era o único que tiñamos, si había con que facelo claro, había que ir ao muiño, nós tiñamos quenda os domingos, unha semana pola mañá e outra pola noite, íamos ao muiño do Caeiro, despois no forno que tiñamos na casa facíamolo o pan.

Que malos tempos Juan, que malos tempos !

-Recordo os meus irmáns, que estaban facendo o servizo militar, un levábame once anos e outro doce, tocoulles facela a un en Leon, e ao outro en Huesca.

Cando chegaban a casa de permiso a miña nai e eu xa tiñamos preparado na cuadra un caldeiro con auga, colocado encima dunha trepia, había que matar todas as pulgas que traían na roupa, había que escaldar a roupa. Ao chegar xa entraban directamente na cuadra, alí quitaban todo o que traían posto e metíamos a roupa no caldeiro, mira, había algunha pulga que tiña unhas patas coma dedos ! Así como cho conto !

Non escoitas a radio ? 400 mortos amontoados, atados…iso que é ?

Ese Putin se cadra non sabe realmente o que está sucedendo, aquí pasou o mesmo na guerra, Franco se cadra non se decataba do que facían, non sei que decir vendo o que está a pasar.

XA ESTÁ BEN O QUE PASOU AQUÍ !

-Que lle fixeron o Recacho ? que a súa nai toda fora de si gritaba que a donde o levaban, que lle ían facer o seu filliño? E contestábanlle que estivese tranquila, que non lle ía a pasar nada…é pasou o que pasou.

Todo o mundo escapaba para onde puidese, uns para outros países, moitos para Bos Aires, outros escondidos no monte, cos collons encolleitos, porque sabían que si algún estaba fichado, ían a por el, basta que che tivesen rabia que ían a por ti.

Houbo moitas visitas ás casas, entre veciños houbo moitas vinganzas, moitas bágoas choramos, recordo unha vez que viñeron por casa, eu tiña oito anos, non tiña máis, quizais sete, eu estaba neste mesmo lugar no que me atopo agora mesmo, aquí antes había unha cama e ao fondo estaba a cociña. De súpeto escoitei que chamaban ao portalón da entrada, quería que lle abrísemos a porta, viñan así por todalas casas, bo, por todas non, había algunha que non ían, algunhas non cacheaban nelas.

Cando abrín a porta atopeime cun home coñecido noso, levaba a escopeta ás costas, non quero dicir nomes, pero a ese recórdoo perfectamente, cheguei a velo morrer, aínda che vou a dicir máis, tiña algo que ver contigo, coa túa familia.

Ao abrirlle a porta entrou e comezou a observar e a cachear, eu comecei a chorar e chamaba pola miña nai e o meu pai, el dicíame que estivese tranquila, que non chorase, que non ía pasarme nada…mentres él buscaba por unha banda eu escapei pa cociña e funme a meter debaixo da cama, conforme puiden saín dirección ao camiño e funme a esconder ao muiño do Caeiro, moito medo pasei !

Recordo tamén un día que estaba con outros nenos xogando nunha leira preto de aquí, o lugar coñecémolo como Os Cidrales, de súpeto comezamos a escoitar ruídos de motores no ceo, os maiores comezaron a gritar e a dicirnos que eran avións de guerra, que nos fósemos correndo para nosas casas, escapar rapaces, escapar !

QUE NON VEÑA DE NOVO A GUERRA ! Mentres me dicía isto, a nosa veciña volvía colocar con esmero de novo a mantiña que tiña encima das súas cansadas pernas…

Foi moi triste ! A xente morría de fame polos camiños, non había que comer.

Non había nada, non tiñamos nada! Había que ir á Igrexa a rezar, era a época das santas misións, non había outra cousa máis que facer.

QUE NON VEÑA DE NOVO A GUERRA !