OFICIOS DOS VECIÑOS (XI) AGUARDENTEIRO

AGUARDENTEIRO: Persona que fabrica aguardente.

XA CHEGOU O AGUARDENTEIRO A CERPONZÓNS .

Pouco despóis  da vendima chegaba o tempo de facer a augardente, e iso levaba un proceso que a min sempre me atraeu sendo neno, esta tradición de facer a caña  ven de muitos anos atrás, seica da época dos árabes, así nos decía o mestre na escola de A Meán. Nos tempos dos romanos a aguardente era coñocida co nome de Agua Ardens.


Recordo como se gardaban os refugallos despois de prensar o viño , composto por pequenas ramas de acios e pebidas , ese bagazo introduciámolo nun barril ou pipote ,metiase todo ben prensado e cubriámolo cun papel , e encima poñíaselle xabre e despois a tapa , así quedaba de tal maneira que non podía entrar o aire por ningún lado.Cando chegaba o aguardenteiro era todo un acontecemento, eu desde a habitación dos meus pais saía á xanela que daba cara ao río Rons e xa o vía vir co seu carro cargado co alambique , inmediatamente pasáballe o aviso ao meu pai e íalle abrir o portal , xa tiñamos o sitio apropiado no lugar de sempre destinado para este traballo.Nós levabamos anos co mesmo aguardenteiro, de nome  Ramón, natural de Monforte de Lemos, tamén había outro chamado Antonio, era dun lugar de Ourense, que non recordo agora.

Ramón era un home con experiencia , coñecido por todos os veciños, que xa habían feito tratos co seu pai anteriormente , porque para ser aguardenteiro tiñas que ter certa agudeza do olfacto e do gusto , e así chegar a ser unha mestre da auga ardente e ser un ” home poteiro ” , e o Ramón era bo no seu traballo de cañero, na nosa taberna consumíase muita caña, centos de litros o ano, e debía de ser boa, pois nunca quedaba de un ano para outro.A taberna estaba aberta todos os días do ano desde as seis e media da mañá, alí paraban os conductores das liñas de autobus procedentes de Cuntis, Caldas, Barro…tamén eran clientes  os camioneros que se dirixían a Pontevedra cargados con madeira para Tafisa e Celulosas, con aceites, materiais de construción….coches particulares, e por suposto os nosos veciños que ían traballar á cidade.

A maioría tomaban a súa copa de aguardiente, uns branca, outros de herbas, algúns a mesturaban con outro licor, pero á fin e ao cabo a aguardiente era o licor que máis se consumía e non habia moderación, nin tampouco controles por parte da garda de tráfico, por certo que tamén eran bos clientes de caña e coñac.

Todos comentaban que era unha das mellores que probaran, e moitas veces levábanse unhas cantas botellas para ter na súa casa ou ben para agasallar, miña nai presumía ante os forasteiros de ter uns dos mellores aguardenteiros do país.

O chan do alboio era de terra , meu pai uns días antes xa tiña un oco preparado para colocar o alambique, bueno xa estaba feito de sempre, solo era quitarlle un pouco de terra e xa aparecían as pedras donde se apoíaba a Pota,  procuraba ter o alboio con moita madeira ao alcance para que non faltase en ningún momento, tamén poñíalle no alboio unhas mantas vellas enganchadas a un pau de eucalipto as cales facían de cortinas, nunha esquina tiñalle un pouco de palla seca, era xunto con outra manta a cama de Ramón, máis ou menos coma nos demáis lugares por donde paraba.


Ramón ao chegar , baixaba todo o que traía no carro e colocába cada peza no seu sitio, o Pote de cobre, a serpentina o capacete… seguidamente charlaba un momento connosco e comentaba co meu pai que tal fóra a colleita , él informábanos do ben ou mal que fora pola súa terra  e arredores e tamén nos falaba do que lle contaban os seus clientes das  parroquias por onde acudía a realizar o seu traballo.

Cómo decía, eu sempre que chegaban as datas de facer a caña, estaba atento para dar aviso, Ramón viña tirando dun pequeno carro de duas rodas desde Pontevedra, alí seguramente traería todo cargado nun autobús, e seguidamente viña facendo a ruta de todolos anos, parando por Lérez, despóis en Alba, ata que chegaba a Cerponzons, primeiro paraba en Pidre e despois xa se achegaba á Rons, alí o vía chegar co alambique, amontoadas aquelas pezas no carro, con aquela enorme Pota, que interiormente estaba bañada de cobre, segundo comentábame Ramón un día dos moitos que me pasaba xunto a él, Ramón volvía repetirme o mesmo que a miña avóa Ramona, rapaz queres saber todo ! Eu insistía, ata que por non aguantarme comezaba a explicarme todo o que traía e para que servía cada unha das pezas, Ramón O Cañero íame explicando, que si o capacete para a condensación, que se unía a unha peza con forma de pescozo de cisne, era o que máis graza me facía, esta á vez uníase a un bidón que no seu interior levaba un serpentín tamén de cobre é que no fondo tiña unha saída para o destilado, como era pequeno e non alcanzaba a ver o interior Ramón subíame ao seu colo para ensinarme aquela especie de serpe de cobre.Recordo ao chegar do colexio que o primeiro que facía ao chegar a casa era ir correndo a visitar o aguardenteiro ! . Ao chegar alí un forte cheiro a uva fermentada golpeábame ao entrar no vello alboio. O fume do vapor enchía a estancia. Toda aquela calor emanaba dun só alambique sobre o que Ramón enfundado nun mono azul traballaba.

A imaxe que máis teño na miña retina era que cando chegaba ao lugar onde estaba instalado Ramón era de un montón de capachos amontoados , cheos aínda de bagazo , e á beira unha montaña de bagazo recentemente saído da última potada , aínda quente esperaba a ser usado como abono para as leiras , eu adoitaba poñerme o máis preto posible para respirar aquel vapor que aínda desprendía e mesturábase coa xeada do anoitecer , unha sensación de frío e á vez calor con sabor a herbas.


Se queriamos que o augardente fose de herbas engadíase o que coñecemos por ” potada ” para darlle a característica cor e sabor , ou pola contra o bagazo sería branco.

A potada levaba varios tipos de herbas , anís estrelado , menta , manzanilla , canela , herba luisa, noz moscada , cravo….son algunhas das que lembro que me comentaba Ramón cando estaba con el despois de vir do colexio , ah e unha laranxa enteira ! Pero era segredo, Ramón non quería que se supera o que botaba no pote.

Sempre quería estar o máximo de tempo posible nese pequeno mundo creado ao redor do alambique , cantas historias contábanse , cantas noites reunidos ao redor daquel lume vendo a pausada destilación daquel licor que segundo os máis vellos do lugar curaba infinidade de males , un remedio infalible para gripes, dores de cabeza , catarros etc.

Unha das premisas máis importantes era que ao empezarse a realizar a potada o lume xa non podía apagarse, normalmente unha potada tiña unha duración que oscilaba entre catro e seis horas, sempre mantendo a mesma temperatura, un lume constante pero non moi apurado, sacábanse por potada entre quince a vinte litros de aguardente, si chegábanse a máis litros a calidade da caña xa saía máis floxa.

Porque durante os días que pasaba alí Ramón , o alboio convertíase nun punto de concentración de veciños sentados ao redor da pota e comentando de todo un pouco os chascarrillos e anécdotas do día a día .

 Había momentos que cando chegaba do colexio era cando se estaba terminado a potada , Ramón , entón , facíame unha señal para que esperase a que acabese a potada e así axudarlle a baleirar o alambique e de novo poder cargalo outra vez. Vías a súa cara , sempre arroibada, bañada en suor, e coa respiración axitada , entón centrábase nos movementos das súas mans para coller o alambique e retiralo do lume para levalo cara a fóra e así baleiralo.


 Ramón comentaba ás veces que antes fose o seu pai e o seu avó os que se dedicaban a este traballo , que tiñan unha ampla zona para facer o augardente , e o seu traballo alongábase uns catro ou cinco meses.Recordo de que comentaba que o aguardente que procedía da uva catalá era dunha calidade excelente e a nosa zona estaba practicamente plantada con ese tipo de uva .

O Cañero, pasábase máis dunha semana na miña casa , primeiro comezaba coas nosas potadas e despois eran as seguintes dos nosos veciños máis próximos, todos os da Rons viñan a nosa casa a facer as potadas. Ao poder realizar alí varias potadas de distintas casas non tiña o inconveniente de ter que ir de casa en casa a poñer o alambique, era unha maneira de aforrar tempo.

OS de cada casa tiñan que pagarlle unha cantidade de diñeiro por cada potada e ademais darlle de almorzar , comer e cear os día que lle tocasen, ata acabar a súa quenda

Ramón tíñase que adaptar aos medios económicos de cada veciño, dependendo do poder adquisitivo do veciño de quenda tería fartura ou non nas comidas.Unhas veces tiña bos almorzos, boas comidas e ceas, outras tiña que conformarse co que boamente podían traerlle para comer, eran épocas en que había moita falta de todo, e en moitas casas vivíase co que daba o campo.

Ramón, porque non dicilo, era de paladar fino e ás veces retorcía o fuciño pola comida que lle traían e ás veces protestaba, e adoitaba apurabar as potadas ” castigando” desa forma aos que non lle traían comida do seu gusto.

ACONTECEU UNHA NOITE :

Estando coa quenda da miña veciña Digna a dá Rons, sucedeu algo digno de comentar.

Por aqueles tempos empezaron a poñerse á venda os mecheros de gas, e Ramón tiña un deles .Nun momento no que Ramón estaba a introducir o bagazo no alambique, o chisqueiro que o tiña nun peto da sua fúnda caéuselle no interior , por suposto Ramón non se deu de conta .Ao terminar de poñer as cepas, o bagazo e as herbas , dispúxose a selar o alambique e así o fixo , púxose a cear e ao pouco intre deitouse a durmir , pois  daballe tempo de botarse un soño , porque daquela durmía á beira da pota , facíase a súa cama cun pouco de palla ou do que houbese en cada casa , botábase a súa manta e pouco máis , quedaba o momento dormido .Pero cando a potada levaba un tempo funcionando , e aquel alambique cada vez ía subindo a sua temperatura interior, sucedeu que alí dentro o chisqueiro de súpeto se desintegrou ! Foi tal a explosión producida no interior do alambique que Ramón levou un susto que non debeu de esquecerse na sua vida ! Jajajaja , por suposto que os que estabamos alí tamén nos asustamos pero despois as risas non paraban ! imaxinarvos a Ramón durmido , e de súpeto espertar con semellante explosión ! podédesvolo imaxinar !

Pero os anos foron pasando e este Ramón foise facendo maior e deixou de vir, tamén comezaron co alambique novos “aguardenteiros”, pero xa non foi o mesmo, xa o seu xeito de proceder era diferente, no canto de leña agora veñen con gas butano, en lugar de durmir no lugar de costume vanse a unha pensión, en canto a comer xa ninguén lle trae comida, vanse á súa pensión ou buscan outro lugar onde comer ao seu gusto.

Xa non volverán aquelas noites onde tanto maiores como os máis pequenos da aldea xuntabámonos, eramos unha gran familia. Os maiores contaban as súas historias, os nenos eramos todo oídos, eles destilaban as súas anécdotas mentras a aguardiente íase facendo, recordo que pola noite cada un de nós tiñamos entre mans uns arenques, ademais unhas xarras de viño traídas da taberna, todos comíamos e bebíamos o mesmo, ata usábamos o mesmo perfume : O fumée de chêne , máis coñocido cómo Fume de Carballo, unha fragrancia composta de madeira e musgo, ao queimarse producía un fume onde se ía penetrando de tal xeito que sentías como o cheiro a terra, herba seca e por suposto madeira acompañábanche durante días, nin o xabón Lagarto era capaz de quitar o perfume da roupa nin da nosa pel, era tal o fumée de chêne que nos acompañaba durante días, que cheirabamos a luxo, a sofisticación, tiñamos status…..

E así pasaban as horas, mentres tanto, tralas mantas chovía….

Facendo a caña, veciños de A Seca (Pontevedra)

 

Falando con algúns veciños e veciñas comentaronme as súas vivencias :

A nos ata fai ben pouco, facianola un tio meu, Manoel Gregorio, fillo do portugues, aínda que agora vivia en Briallos.

Era un manitas, facia de albanel, fontaneiro, electricista e como non, vendia viño dá casa, e máis aguardente.

Anécdotas teño principalmente dúas :

Pois unha sabrosa, a parte dá aguardente branca e a de ervas facia unha de sabor menta que era moi rica, a única que eu tomaba.

E a mala e que axudandolle co bagazo, miña avoa por parte materna, esbarou e rompeuse unha cadeira, e dela morreu, como se acostumaba dicir.

 

Outro veciño :

O aguardenteiro viña sempre a casa de Pepe, o e Tía Dora, era un home de Ourense, e moitos veciños próximos a sua casa levanvalle o bagazo.

O aguardenteiro era de Monforte de Lemos.

Ramón de Monforte, Antonio de Ourense, e os nosos veciños Daniel Outon, Manoel O Portugués é Pepe O Carrancho, a todos eles un agarimoso recordo feito no alambique do cariño e amizade.

Neste vídeo podedes volver lembrar como era o traballo destes homes , un oficio moi duro e sacrificado : https://youtu.be/DqkOfbgbFVI

4 comentarios en “OFICIOS DOS VECIÑOS (XI) AGUARDENTEIRO

  1. Paco peon

    IMPRESIONANTE,tal e comoas eu o recordo,estou lonxe da terra que me beu nacer,e as bagoas chegan do interior ,e saen,pero salen con agarimo do recordo, grazas po lo fenomenal relato da historia da nosa terra ,grazas por levarme coa mente a xuventud a nenez,un abrazo a quen me mandou esta veleza

    Liked by 1 person

Deixar un comentario