PALOMARES/ POMBAIS

POMBAIS

Antigamente as casas importantes, xa fosen de campesiños, nobres ou curas, tiñan o seu pombal, o cal era un lugar de onde se obtiñan aves para a comida, na nosa Parroquia tamén contamos con algún, aunque quedan xa poucos, sucede tamén con moitas máis cousas,neste caso co paso do tempo foise perdendo o costume de criar pombas e hoxe en día practicamente non queda case ningún, mesmo que os que quedan, a maioría están abandonados, e se lle preguntas a algún mozo se sabe para que se usaban esas construcións, seguramente non saberían que contestar.

Normalmente adoitabamos velos en propiedades que adoitaban telos situados algo apartados da casa, a necesidade de hixiene e a humidade do medio, determinaba a súa ubicación elevada, nun lugar seco, abrigado dos ventos e expostos ao mediodía solar. 

Tanto en España coma en muitos paises de Europa, tiñan  formas variadas, en Galicia a maioría tiñan a forma circular, cunha cuberta cónica de tella do país, as vertentes adoitaban ser empinadas para que o estercol das pombas que se pousaban no tellado non chegase a atascar as canles, e ademais así se evitaba a produción de pingueiras e filtracións, interiormente tiñan ocos para acoller as pombas, que entraban e saían libremente.

Ainda que unha gran maioría dos Pombais eran cilíndricos e con cuberta cónica, podía habelos con forma polígonal e con cuberta a catro augas, ou tamén de planta cadrada ou rectangular, que podían ter cuberta a dúas ou catro augas.
As paredes estaban compostas por pedras, con argamasa de cal e area e pintábanse de branco cunhas cantas mans de cal. 

O pintar de cor branca o exterior  servía para que mantivésese o interior máis fresco no verán, é tamén  para que no caso de que algún animal que puidese gatear para ir a por ovos ou pichóns non pudiese facelo.

Pero a veces podían  aproveitar algún desconchado no muro, para que non pudera subir realizábase na parte superior a cornixa con voadura, así o animal non podía seguir adiante, ademais nesta cornixa as pombas pousábanse para despois entrar, ou ben tomar o sol.O interior estaba divídido en nidales, algunhas veces traballados na propia pedra do muro ou ben cadrados feitos con lousa de pedras. En moitos destes pombais existía unha mesa de pedra no centro, que é onde se lles botaba a comida.Normalmente a porta de entrada ao pombal estaba orientada cara á casa.

Á parte de conseguir alimento, a xente aproveitábase para facer provisión da Palomina, estercol que estaba considerado como un dos mellores naqueles tempos, especialmente se se mesturaba co dos cabalos. En Fez (Marrocos) a palomina séguese empregando como produto químico polos curtidores.

Co paso do tempo estes pombais foron deixando de ser útiles, e  aproveitábanse para reconvertelos en galiñeiros e en almacén de apeiros de labranza.
Nestes pombais que nos quedan na Parroquia , na propiedade da Igrexa, un está en  mellores condicións que o outro, debido a que un está  bastante alonxado do contorno da Igrexa.

 Deberíanse ter mellor cuidados,  baixo o meu punto de vista, o mellor posible en canto á súa estrutura orixinal, e mellor encalados, aínda que a limpeza da pedra e a remarcacion das xuntas queda ben e frea a deterioración, o encalado daríalle outra vistosidade.
Comentar cómo dato tan só indicativo de importancia, que os pombais alcanzaron no século XVIII por exemplo en Francia gran popularidade, chegáronse a contaron 42.000 pombais.

Os pombais en Francia naquela época estaban situados nun lugar privilexiado, onde tamén as pombas empregábanse como alimento, na economía rural tiña un lugar moi importante, pero ademais chegaron a converterse en símbolo de riqueza, a importancia de ter un pombal nas túas terras era unha demostración que o señor daquelas era poderoso, e cuantos máis pombais tivese máis demostración de poder.Os pombais estaban protexidos por unha ampla normativa xurídica.

Polos anos 1975/76 Clodio González *, percorreu Galicia en busca de pombais. Facendo un resumen do seu estudo podo dicir que efectivamente a maioría dos pombais que había naqueles anos en Galicia eran circulares, exactamente un 72% do total tiñan esta forma, mentres que un 14% eran cuadrangulares, un 4% octogonales e o resto, o 10% varíaban nas súas formas.


O seu estudo ao longo de Galicia levouno a fotografiar 300 pombais, deles 75 estaban en Coruña, 42 en Lugo, 72 en Ourense e 111 en Pontevedra.

Desde aqueles anos son moitos os pombais que foron desaparecendo, sen que ninguén se opuxese a iso.

No seu artigo que lin sobre os pombais, Clodio, comentaba o seguinte :

A posesión do pombal era un dereito señorial, exclusivo de aristócratas e eclesiásticos, de aí que se ergan de par dos pazos e das casas reitorais. A democratización non tería lugar ata o século XIX, ao seren abolidos definitivamente os dereitos señoriais que gozaban dende antigo estas clases sociais, sobre augas, montes, fontes, etc. Por iso na revolución francesa foi un dos edificios que máis destruíron os sublevados, a semellanza dos nosos devanceiros os irmandiños que escagallaron as torres, por teren que aturar dende sempre os danos debidos ás pombas ao longo do ano e, principalmente, na temporada das sementeiras. O 11 de agosto de 1789 decretábase que “le droit exclusif des colombiers est aboli”. Malia esta desfeita, en Francia quedan senlleiros exemplares por antigüidade e valor arquitectónico, sobre todo en Normandía e Aquitania. 

Centrándonos na nosa Terra, sábese que na Idade Media xa había pombais, e, quizais, coa parte inferior dedicada a galiñeiro. Así debía ser o que lle aforou no mes de xuño de 1332 o mosteiro de San Pedro de Rocas a María López, sito en Vilar de Ordelles (Esgos, Ourense): “et ainda vos y damos o poombar que esta na cortiña de Domingo Ans do Paaço, e darnos edes del cada ano por San Martiño hun capom”. 
En Francia existen rotas dos pombais que aquí tamén se poderían facer, tendo en conta os exemplares máis singulares, entre os que non faltan algúns que pola súa monumentalidade a inmensa maioría dos visitantes descoñece a función de tal construción, como ocorre cos dos mosteiros de Samos e Lourenzá. Non faltan tampouco outros que á vez son hórreos e habitáculos para as pombas, como un de Vilariño (Pereiro de Aguiar) e outro da Viña (Cea), ambos os dous en lamentable estado de conservación a última vez que os vin. A cría de pombas pasa por unha época mala, debido principalmente ao abandono do campo. Na miña nenez todos deveciamos por ter un pombal que, na inmensa maioría, era un caixón pendurado ao agarimo do beirado do hórreo ou doutra construción. Alí criaban dúas ou tres parellas de pombas, e botabamos pestes contra dos “pombos ladróns” que sabían engaiolar as pombas veciñas, rematando as máis delas no seu pombal. A ganancia era pequena, pero saborosa: un pombiño ao ano. 

Remato cunha súplica: que as diferentes administracións non permitan a destrución dos pombais, por formar parte consubstancial do noso patrimonio relacionado cos pazos, as casas reitorais e as casas grandes. Sen eles, estes conxuntos arquitectónicos quedan mutilados para sempre.

*http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/salvemos-pombais/idNoticia-491900/

Si queres saber máis sobre os Pombais, deixo esta dirección que conta dos tipos que hai  por España e Europa :

Fai clic para acceder a paloma05.pdf

OS NOSOS DA PARROQUIA :

Son poucos os que hai na Parroquia, comenzamos polos que son propiedade da Igrexa.

PATRIMONIO GALEGO :

Tipo de ben: Alpendres e edificios auxiliares, 

Concello: Pontevedra 

Parroquia: Cerponzóns (San Vicente) 

Lugar: Tilve 

Outra denominación do ben: 

Cronoloxía: Idade Moderna (XVI-XVIII), 

Descrición:

O pombal atópase nun parque público a carón do cemiterio de Cerponzóns en Tilve. De planta circular, os seus muros son de perpiaño de granito, sendo no interior onde os ocos do niños son de cantería e cachotería. Ten un oco de acceso ao interior pero non conserva nin porta nin tellado. Polo exterior amosa unha sobre cornixa.

No catastro do marqués de Ensenada (1749) recollese a existencia de catro pombais: o chamado do Cura, de Don Francisco Araujo, de Don Joseph Fontanes e o de Benito Castro. Non sabería dicir a cal deles se corresponde este do que se fai ficha.
Propiedade: Descoñecida 
Uso actual: Sen uso 

Código no Catálogo da Xunta: 

Categoría do Ben: Non está inventariado 

Elementos mobles: 

Tradición oral: 

Referencias bibliográficas:

“Patrimonio Histórico de Cerponzóns: Palomares e hórreos” [En liña] Pontevedra: Serpenties, 2014. [Consultado en 7-06-2014]. Dispoñible en: http://serpenties.blogspot.com.es/search/label/PALOMARES%20E%20H%C3%93RREOS

Afeccións
Ten camiño de acceso?: Si 
Está cuberto de maleza: Non 

Está afectado por algunha obra: Non 

Estado de conservación: Bo 

Atópase en perigo nestes momentos?:

Non conserva a cuberta nin a porta.

Este outro está máis abandoado :

Sabemos que en Cerponzons no ano 1752,  cando se fixo o Interrogatorio do Marqués da Ensenada están recollidos os pombais que había daquela na Parroquia.

En total aparecen que na parroquia había sete.

Catro perteñecian o cura, Don Julián Rega Saavedra Montenegro,  o cal tiña 120 pares de palomas, outro con un total de 80 pares propiedade de D. Francisco Araujo e D. Joseph Fontanes tiña un tamén con 80 pares, tamén se fai referencia de outro veciño de nome D.Benito Castro, que era dono de outro pombal con 50 pares.

Hoxe en día daqueles sete pombais que había na parroquia sobre os anos 1700, quédannos dous, os dous situados en terreos da Igrexa.

Dos outros só podo dicir que un deles, propiedade de Don Benito Castro , estaría situado no lugar de O Vigario.

Mentres que os outros non puiden atopar moitas máis referencias que o que atopei no Interrogatorio do Marqués da Ensenada, onde nos di que un dos propietarios dun pombal, D. Joseph Fontanes, era de Campaño, e D. Francisco Araujo, reflectíase no documento como forasteiro.

Seguramente os dous que hai agora nas fincas propiedade da Igrexa son os que se fai referencia no Interrogatorio ….Si así fora, agora ten máis de 300 anos ! Pero si supoñemos que cando se fai o Interrogatorio estos pombais xa esistian, podemos incluso pensar que podían estar feitos desde a época dos curas Juan Osorio é José Osorio Galos ( 1636/1710) que desempeñaronron nestes anos o seu oficio na Parroquia.

Ou quizáis xa estaban polos anos 1544/1572, donde desempeñaban a labor pastoral Alonso Galos, e despois Pedro Galos…

Pero parece ser que son da metade do S. XVIII, según D. Manuel Miguez Alonso, actual cura párroco da Parroquia de Cerponzons, os do Interrogatorio seguramente naqueles anos eran de madeira.

No lugar de Pidre fai pouco que unha familia mandou facer un palomar na súa finca, mui ben feitiño por certo, fai uns meses pasei polo lugar cos gaiteiros e quixémoslle facer unha foto para que quede de recordo :

RECORDOS DE NENO :

Aínda que o pombal aparece en menor medida que os hórreos, en moitas casas rurais modestas existían pequenos pombais encostados á casa.

Este tipo de pombais requirían menos esforzo á hora da súa realización , tanto construtivo como de mantemento.

Eu aínda lembro o que tiñamos en casa, o meu pai era un excelente albanel e fixera un ao longo da parede traseira exterior da nosa casa , alí habería uns doce ocos e cada dous por tres lembro unha das comidas favoritas que tiñamos os dous : arroz con pichón.

Teño tamén  o recordo de cando era un neno, antes de entrar en misa os nenos e nenas pasabamos o tempo en xogar á beira do pombal, ben ao fútbol ou moitas das veces ao escondite, o pombal era un dos lugares que escolliamos para escondernos.

ESPERANZA :

Parece ser que na actualidade está a asistirse á recuperación de sistemas de produción , o que actualmente se coñecen como ” alternativos”, os cales ofrecen produtos de alta calidade, que respectan o medio ambiente e onde os consumidores valórano cada vez máis, neste caso a cría de pombas.

En terras de Castela son xa uns cuantos agricultores que apostaron por recuperar e poñer en valor os pombais, para así poder explotar este tipo de produción no pombal tradicional.

En moitos lugares casteláns xa os reconstruíron total ou parcialmente, oxalá na nosa Galicia chéguense a recuperar tamén, porque se non é para produción, ben pode ser para ofertar como Rutas de Turismo Rural e ser unha nova oferta que lle podemos ofrecer ao turismo que nos visita.

A COCIÑA GALEGA, por ÁLVARO CUNQUEIRO

Nos rios hai patos, que en moitas partes chaman parrulos, e nos pombais, pombas. Para a cociña, pichóns. Os patos cómenos guisados, xeralmente, ou asados, coma polos. Pero non están mui corridos polo país,e agora veñen patos de granxa, non dos que andan a vagar polas represas dos muiños, ou por un prado, e xa os dan nos restaurantes ” a la naranja “. Eu coido que quizabes sexa unha receita vella, digamos do XVIII, a do pato con nabos, que se asa o pato, e cando xa está pártese, e na grasa na que se asou, que ten un sabor moi de seu, refóganse nabos cocidos, cortados en rodaxas, e bótanse sobre deles o pato partido, déixase facer un pouco, e sérvese. vaille bien á salsa un pouco de viño branco seco e algo de limón.

En Galicia debeu de xantarse moito pichón. Pazos e rectorais tiñan pombais, ” -palomar y ciprés, pazo es”, di o refrán -, e nas aldeas, en cada unha máis de dúas casas tiñan pombas. 

Os pichóns guísanse con hervellas e patacas novas en maio e por Xan Xoán, e fan moi sabrosas empanadas e pastelóns. Pero no común das xentes nosas labregas, o pichón é unha carne para enfermos, e un caldo de pichón é o pedido para xente mui delicada, cunha xema de ovo e media copia de xefes, se o estómago llo admite.

 Uns pichóns ao espeto-soamente salgados, fretados con aceite ou manteiga de vaca cocida, e cun dente de allo enteiro que se lles pasa pola pel a cada pichón tres ou catro veces-, é receita que non hai que deixar perder. Hai quien lles adentra unha mazá pequena e un torresmo frebudo, e eu non desapido. E cunhas castañas cocidas ou asadas, van moi ben. En muitos lugares de Galicia saben facer os pichóns con salsa rubia. A salsa non debe levar aceite, senón manteiga de porco, e se a fariña que se tosta para espesar a salsa é de centeo, mellor que mellor. O pichón pide algo de pementa.

 Faláronme dun crego a quen na súa cociña lle recheaban os pichóns cando xa estaban nos minutos finais do asado, con ostras. Eu disinto destas recetas, xa dixen que por filosofía coquinaria, por respeto aos sabores das cousas. Así eu tomo primeiro as ostras, ben frescas e frías, e despois doulle a un pichonciño ben asado, e fago un almozo apropiado.

EN PONTEVEDRA CIDADE FAI POUCO QUE RESTAURARON O QUE ESTÁ SITUADO O CARÓN DO ESTANQUE :

6 comentarios en “PALOMARES/ POMBAIS

  1. Mercedes S. Lameiro

    El único palomar que conozco es el de las palmeras de Pontevedra, Pero aquí en Monteporreiro hay frente a mi edificio otro que por su construcción las palomas usan como palomar.
    Nunca vi a las palomas como algo comestible, siempre jugué con ellas y les daba maíz cuando era niña.
    El pato si lo comí, sólo una vez, pero no le noté nada extraordinario, eso o quizá su cocción y preparación no fue adecuada.
    Desde luego, tengo un problema, que si crió un animalito, después no sería capaz de matarlo para comerlo, ya sea Paloma, pato, conejo, cerdo, vaca, etc.
    Saludiños.

    Liked by 1 person

  2. Pingback: CERPONZÓNS, DATOS DE INTERÉS. – O Roque de Cerponzóns

Deixar un comentario