29- A LUZ EN MEÁN, OS CAMIÑOS, A RADIO.

A CHEGADA DA LUZ A MEÁN.

Sucedeu que no mes de Abril do ano 1888 Pontevedra foi unha das primeiras cidades que tivo luz eléctrica nas súas rúas, prazas e casas, nas aldeas tardou bastantes anos máis en chegar.

Unha veciña do lugar de Meán recorda como chegou a luz a devandito lugar, todo grazas a un veciño, o señor José O de Prado.

– O primeiro lugar da parroquia ao que chegou a luz eléctrica foi Meán, corría o ano 1940, eu tiña naquel entón trece anos.

Imaxínache como era isto, cando chegaba a noite a única luz que había nas casas era a da lareira e a vela do farol.
Andaba unha pola casa coma se estiveses no reino das sombras, axudábasche do farol ou dun cacho de vela para ir dun lado a outro.

O señor José, avó de Marisol, apareceu un día polas casas dos veciños preguntando quen estaba interesado en ter luz eléctrica e foi tomando nota.

Canto lle debemos ao señor José ! Cantas cousas boas fixo por Meán !

Días máis tarde colocouse un transformador, daquela era un pequeno caixón, estaba feito de chapas, non eran madeiras, eran como chapas metálicas, creo que eran metálicas si.

O transformador colocouse exactamente no mesmo sitio en que está hoxe en día, á beira do Centro Social.

Ata aquel momento non había luz en Meán, despois de que se instalase aquí enviouse un cable en dirección a Tilve. Si non me equivoco, a corrente viña desde San Xurxo de Sacos.

Desde o transformador saían dous fíos en dirección ao Cruceiro, alí repartíase, un cordón ía á nosa casa, nós só collemos un cordón , outras casas que económicamente podían máis colleron dous cordóns.

Cada cordón era un punto de luz, así que nós tiñamos unha bombilla, para poder servirnos da luz fixemos un buraquiño no chan da cociña e así metiamos por alí o cordón coa bombilla para ter luz na cuadra, desta forma podíamos muxir a vaca con comodidade, antes ao non dispoñer de luz en casa tiñamos que botar man do farol para todo.

Cando terminabamos na cuadra, tirabamos do cordón para a cociña e dispoñiamos alí de luz, soamente podiamos ter unha bombilla, ata que pasado uns anos puidemos ir poñendo máis, a seguinte bombilla foi posta na habitación, sabes Juan, daquela custaba moito ter luz e nos non tiñamos para máis, así eran aqueles tempos, algunha casa puxo dúas como moito, pero a maioria puxeron un cordón de luz.

O NOVO CAMIÑO

Todo grazas ao avó de Marisol, aquel home fixo moito polos seus veciños, é non só foi a luz, non.

Trouxo os camiños ! Trouxo a carretera !

Daquela só tiñamos uns camiños de terra, por onde pasaban os carros malamente, o señor José decidiu facer un camiño adecuado para todo o vencindario.

Recordo que os veciños axudámoslle, durante moitos días tivemos que ir buscar pedra, iamos cos carros de vacas ao monte, acompañábanos un señor do lugar de Sabaris, creo recordar que o coñecían polo ROXO.

Tiñamos que ir xuntando as pedras e despois cargalas no carro, que sustos temos pasado baixando con aqueles carros cargados de pedras monte abaixo, as pobres vacas ás veces non podían coa carga e máis dunha vez tivemos algún desgusto, pobres vacas, animaliños, que sería de nós si non tivésemos as vacas.

Despois ao chegar abaixo tiñamos que ir botando as pedras, tiñamos que ir repartíndoas por onde estaba sinalizado o camiño que se ía facer, así fomos facendo o traballo, un día tras outro, aos poucos, porque claro, tiñamos as faenas do campo e non se podían abandonar.

Logo de ter todo empedrado, viñeron uns señores a botar xabre para poder pasar, pois ata ese momento non había xeito de andar sobre aquelas pedras, tiñamos que ir polas leiras, terminabamos todos enlamados ata os xeonllos !

A CHEGADA DA RADIO.

Outra cousa que recordo que nos fixo moita ilusión foi cando o señor José trouxo unha radio.

Foi o primeiro veciño que comprou unha radio en Meán e ao chegar o domingo colocou a radio na fiestra, despois chamou por nós e cando estabamos na súa casa, acendeu a radio e díxonos : Rapaces, é a hora do baile ! A bailar todos !

Que ben o temos pasado diante da casa do señor José.

Juan, sabes onde che digo ?

Na casa vella do señor José O de Prado, alí temos bailado moitos días.

O pobre señor José tivo mala sorte, un día comprou unha moto vespa e ao cabo dun tempo tivo un accidente e morreu, foi unha gran desgraza, foi unha gran perda, para a súa familia e para todos os veciños de Meán.

Así é a vida.

NOTA : Unha veciña do mesmo lugar de Meán chamoume conforme terminou de ler este relato, díxome que lle encantou e ademais díxome que o señor José tamén foi o primeiro veciño en ter televisión.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s